As mulleres, polo feito de selo, teñen dificultades engadidas ás que poden ter os homes á hora de producir un traballo. A fotógrafa Berenice Abbott non se deixaba arredar por valoracións e/ou opinións da sociedade neoiorquina dos anos 30; ela ía a todas partes. A Fundación Mapfre Barcelona abre as portas á máis completa exposición antolóxica que se ten feito neste país á autora de Changing New York.
*
Berenice Abbott fotógrafa das novas mulleres
Toda colección de fotografías é un exercicio de montaxe surrealista e o compendio surrealista da historia. (…) nós elaboramos unha historia cos nosos detritos. (…) A verdadeira modernidade non é a austeridade senón unha plenitude inzada de refugallos, o tenaz remedo do magnánimo soño de Whitman (S. Sontag. On Photography, 1973).
Seguramente Berenice Abbott non fotografou a Susan Sontag, a pesares de ser talmente o tipo de muller que lle atraía e ao que ela mesma se apuntou. Quen si retratou a Susan Sontag foi o seu amigo e fotógrafo Peter Hujar, un personaxe ben especial dentro do mundo underground neoiorquino. Coñecéronse Abbott e mais Hujar? Os retratos feitos a Berenice Abbott que se conservan ofrecen a imaxe dunha muller “moderna”, vestida de xeito pouco feminino (para aqueles anos), cabelo curto. Abbott que nacera nunha vila de Ohio, vaise a New York no ano 1918, ano do fin da Gran Guerra. Quere ser escultora. Instálase no barrio de Greenwich Village, onde naqueles anos predomina un ambiente bohemio e no que residen moitas e moitos artistas e escritores, xa ianquis, xa europeos que foxen da Gran Guerra. Nese ambiente fai amizade con escritoras e artistas como Djuna Barnes, Edna St. Vincent Milla, Kenneth Burke, a baronesa Elsa von Freytag-Loringhoven, artista e poeta e unha das persoas que máis fixo por presentar e difundir o movemento dadá na cidade de New York (dise dela que tivo moito que ver na “invención” da Fountain, de Marcel Duchamp). Estas mulleres, independentes, que non tiñan como obxectivo de vida o matrimonio, foron o referente principal para Abbott. Tamén coñeceu alí a Margaret Anderson e Jane Heap, que son precisamente as editoras da revista Litlle Review. Esta revista, aínda chamándose pequena, tivo moita importancia dentro do mundo da literatura. Tanta importancia tivo que nas súas páxinas foise publicando, por capítulos no ano 1918, a novela Ulysses, de James Moyce. Abbott tamén fará traballos para Little Review como xeito de manterse economicamente mentres estuda escultura.
Xa nesa primeira etapa en New York, Abbott coñece un mundo de liberdade que sempre a acompañará. Sobre a estética (vestir pantalóns, cabelo curto, fumar, etc.) que adoptan as mulleres máis liberais nos anos 20 hai unha curiosa interpretación. Moitas mulleres, despois da guerra e de ter asumido traballos e roles que antes non lle eran permitidos (ou directamente negados), non se conforman con regresar ao rol de “amas de casa” unha vez que a vida volve á “rutina anterior”, e aí comeza unha nova loita feminina e feminista polos seus dereitos e liberdades; tamén nas fasquías estéticas persoais. Alimentando as razóns para explicar as novas estéticas hai quen opina que pode haber outros motivos que animasen a mulleres a vestir con formas “masculinas”. Os mozos estiveran 4 anos nas trincheiras, convivindo con outros homes, o que puido dar lugar a reaccións e relacións de todo tipo, mesmo homosexuais. Pois ben, fose cal fose a opción sexual de moitos destes mozos, –segundo esta teoría– aos homes, á volta das trincheiras, agradábanlle máis as mulleres que presentaban unha estética próxima á masculina: traxes de chaqueta, poucas curvas, cabelo curto. Esta explicación é a que defende o historiador da arte Bevis Hillier no seu coñecido libro sobre art decó: Art Deco of the 20s and 30s (1968). No seu traballo Hillier vén concluíndo que o cubismo, o expresionismo, a arte maia e outros estilos acaban influíndo decisivamente na art decó. E tamén como este estilo (art decó) se acaba metendo na arquitectura, artes decorativas en xeral, e así mesmo na vida cotiá, argumentando, para iso, a preferencia dos regresados da fronte polas estéticas que lles lembren os anos pasados en compañía exclusiva de soldados.
Cando a finais dos anos 20 Abbott regrese de París, trae consigo aprendizaxes e experiencias moi importantes para ela. E tamén a liberdade de facer o que lle pete. Pois ben, cando andaba por algúns barrios de New York “pouco recomendables para unha muller”, ela respondía, a comentarios que lle chegaban, coa frase que xa se fixo famosa: Non son unha moza decente. Son fotógrafa. Vou a todas partes. Os retratos que outras e outros fotógrafos fixeron da propia Berenice Abbott remiten a unha nova muller, coa estética que se comentou antes. Unha muller forte, independente, que fai o seu traballo sen pensar a que lugares a pode levar e que leva a vida que lle peta.
A forza desta fotógrafa pódese ver agora na Fundación Mapfre Barcelona, na exposición Berenice Abbott. Retratos de la modernidad, exposición ben comisariada pola profesora e crítica de arte Estrella de Diego.
Berenice Abbott. Retratos de la modernidad, Fundación MAPFRE Barcelona
(En Changing New York, Abbott) abrió la ciudad de par en par y la fotografió como si fuera un cuerpo, un amante, un barco a punto de zarpar, un artefacto, un bosque, un lugar solitario. Vulnerable, tenaz y salvaje, ordenada e impredecible, la ciudad se convirtió en una prolongación de su voluntad (Cara Hoffman, Hacia el majestuoso, brutal, solitario futuro, 2019).
Desde hai anos a Fundación Mapfre é unha referencia fundamental dentro da difusión e da programación de exposicións temporais sobre fotografía. Cómpre recoñecer, tamén, que a devandita fundación é propietaria dunha importante colección de fotografía. Na sucesión de grandes nomes de fotógrafas e fotógrafos aos que teñen dedicado exposicións, chégalle agora a quenda á fotógrafa norteamericana Berenice Abbott (Ohio, 1898—Maine, 1991) coa proposta Berenice Abbott. Retratos de la modernidad. En total a oferta para as persoas visitantes consta dunhas 200 imaxes que percorren os traballos de Abbott, desde os seus inicios ata os seus últimos traballos dedicados á física e encargados polo Massachusetts Institute of Tecnology (MIT) con fines didácticos. Todas as copias (máis grandes ou de formato menor) son de época, tiradas pola propia fotógrafa, e van desde os seus ben coñecidos retratos a amizades e artistas, pasando pola admiración a Atget, o fotógrafo de París, a arquitectura de New York, e a ciencia. Berenice Abbott é unha fotógrafa que sempre se cataloga como “documentalista”; unha profesional que busca captar a realidade tal cal, sen interferir de ningún xeito, sen manipular nin recolocar os obxectos. A pregunta é: realmente existe unha fotografía que só se entenda como “documento”, e que de ningún xeito ten pretensións artísticas?
Nos anos que Abbott traballa na súa cidade tamén o fai, por exemplo, Bruce Davidson, que se fará coñecido pola súa impactante reportaxe sobre o East 100th Street, un espazo deteriorado do Harlem neoiorquino. Saberían unha do outro? Coñecerían os traballos que andaban a facer por esa cidade tan grande?
Berenice Abbott. Retratos de la modernidad é oportunidade única de ver e analizar os traballos da fotógrafa independente que se arrepuña ás persoas que a avergoñaban por visitar certos barrios coa potente frase Non son unha moza decente. Son fotógrafa, toda unha declaración de principios naqueles anos 30. Ou de guerra. A comisaria desta mostra é a profesora de universidade e crítica de arte Estrella de Diego, que non hai nin un ano comisariou, tamén para a Fundación Mapfre, a magnífica mostra Brassaï. Así mesmo, hai uns meses de Diego estivo no MNAC para presentar Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol, exposición temporal tamén comandada por ela e que significou unha ocasión perfecta para reflexionar sobre o protagonismo das mulleres na historia da arte (musas ou artistas?).
Para quen goste da boa fotografía, dunha boa instalación e estrutura das instantáneas de Abbott, ten unha cita na Fundación Mapfre Barcelona, casa Garriga Nogués (rúa Diputació, 250).
Retratos de intelectuais e amigos. A senda de Eugène Atget
O desafío para min foi en primeiro lugar, ver as cousas como son, xa sexa un retrato, unha rúa de cidade, ou unha pelota. Dito doutro xeito, procurei ser obxectiva. Non me refiro á obxectividade dunha máquina, senón á dun ser humano sensible co seu misterioso e persoal criterio. O segundo reto foi o de impor orde nas cousas que vexo, para proporcionar o contexto visual e o marco intelectual, o que para min é a arte da fotografía (B. Abbott. Photography at the Crossroads, 1951).
O poeta Walt Whitman deixa unha obra, mormente no seu famoso libro Leaves of Grass (1855), propostas estéticas e éticas para a sociedade norteamericana. Son propostas a contracorrente, que recomendan certa sobriedade, e que –desde unha escrita preñada de erotismo– suxiren unha sociedade igualitaria (nos tempos da escravitude) na que a cor da pel non importe, e si as experiencias da vida. Whitman, que pasa por ser o creador da poesía norteamericana, tivo moita influencia nas xeracións posteriores, entre elas as que viviron os anos 20 e 30, e posteriores, do século XX.
En 1921, Berenice Abbott (daquela aínda Bernice) marcha a París para seguir os seus estudos de escultura. Na capital francesa entra en contacto cos círculos dadás e mais co seguinte surrealismo. Nestes ambientes será onde comece os seus traballos de fotografía máis en serio. Desta época é a galería de retratos de coñecidos e artistas que viven ou pasan por París. Diante da súa cámara poranse James Joyce, Jean Cocteau, Sophie Victor, Janet Flanner, André gide, Peggy Guggenheim, a princesa Marthe Bibesco. A partir de 1925 xa instalará o seu propio estudo fotográfico e iniciará a súa propia carreira fotográfica.
Os retratos de Abbott teñen moita forza. Moitos deles están feitos de medio corpo, o que se pode dicir un plano medio, co que queda pouco espazo para elementos que dispersen a atención da persoa retratada. Ademais Abbott ten o acerto de presentar ás persoas sentadas, e sobre un fondo absolutamente neutro: unha parede, un interior escuro, onde –como moito– destacan as sombras da persoa retratada que os focos proxectan contra as paredes, e que incluso potencian as liñas do corpo. O branco e negro acaba xogando coa escala de grises, para definir cabelos, roupas, anatomías. As imaxes retratistas de Abbott teñen a forza dun Avedon.
Por medio de toda este vertixe de persoeiras e persoeiros que dan brillo á vida parisiense, de xeito silencioso e case anónimo, transita un home mal vestido que sempre vai coa súa cámara polas rues de París. É o fotógrafo Eugéne Atget. Atget fora mariñeiro e logo actor, pero por necesidade decide facer retratos de todos os recunchos de París. Na porta do seu estudo había un letreiro que rezaba: Documents pour artists. É dicir, Atget considérase a si mesmo un mero proporcionador de imaxes que os artistas poden aproveitar para logo pintar, deseñar, etc. Atget pasa por ser o fundador e gran cultivador da fotografía documentalista: a fotografía que só capta unha rúa, un parque, tendas, restaurantes. Sempre sen xente. Iso foi o que tanto lle chamou atención (e tanto lle agradou) ao fotógrafo Gyula Halász, máis coñecido como Brassaï, que acabou por imitalo e fotografar a vila polas noites. No ano 1929, xa morto Atget, Brassaï publica París de Nuit, un libro que conseguiu un gran éxito con instantáneas icónicas como a da torre Eiffel de noite, e outras. Brassaï tamén frecuentaba os ambientes artísticos (foi un dos fotógrafos de Picasso, por exemplo). Chegarían a coñecerse Abbott e mais Brassaï?
Berenice Abbott acaba por coñecer ao fotógrafo (Atget) e queda impresionada polos traballos de Atget; sobriedade e profesionalidade. Ao final coñécense, e en 1927 Atget accede a que a fotógrafa norteamericana lle faga uns retratos. Son dúas fotografías dun home xa de anos, vestido con roupa negra e sentado nun tallo. Na foto de perfil, o fotógrafo perde a mirada en calquera das súas lembranzas, botando o corpo para diante como perseguindo aínda algunha imaxe. No retrato de fronte, o fotógrafo documentalista enfronta directamente a cámara con franqueza e fasquía especulativa. Aos poucos meses e facerlle estes retratos Atget morre. Abbott toma como traballo persoal revalorizar os traballos de Atget. Acabará comprando boa parte dos arquivos do fotógrafos, levaraos con ela a New York, e alí irá publicando libros e traballos sobre a fotografía de Atget. Anos despois vende ao MOMA de New York eses arquivos; e será a primeira adquisición que o importante museo fará dos arquivos dun fotógrafo. Unha das cousas que fai Abbott é, por exemplo, positivar negativos de Atget. Agora en Berenice Abbott. Retratos de la modernidad (Fundación Mapfre Barcelona) están expostas 11 copias feitas por Abbott doutras tantas fotografías de Atget. Interesante a introdución destas copias dos anos 30 no medio dos traballos da propia Abbott. Así é aínda máis doado comprobar a pegada do parisiense sobre a autora de Changing New York.
Changing New York
O libro de Abbott (Changing New York, 1939) ten un título idóneo, xa que non conmemora tanto o pasado como limitarse a documentar dez anos dese rasgo autodestrutivo crónico na experiencia estadounidense, na que incluso o pasado inmediato se desgasta, despexa, moe, rexeita e muda constantemente. Cada vez menos estadounidenses teñen obxectos con pátina, mobles vellos, olas dos seus avós (S. Sontag, On Photography, 1973).
En 1929 Berenice Abbott decide regresar a New York, onde quere instalar o seu estudo fotográfico definitivo. Aos poucos meses de chegar (outubro), estoupa o crac financeiro; as posibilidades de traballo escasas. Comeza facendo pequenos traballos, mirando de dar a coñecer as pezas de Atget, e ela mesma comeza –pola súa conta– a fotografar a cidade de New York, que entraba na carreira por transformar totalmente a súa arquitectura. No ano 1935 consigue financiación do programa Federal Art Project, uns fondos públicos que se destinan a artistas para sobreporse á gran crise económica que está a pasar o país despois do crac do 29, para dedicarse a fondo a retratar as transformacións urbanísticas da cidade, que dará lugar ao traballo e libro máis coñecidos e populares de Abbott, Changing New York. Nesta serie, que acabará publicada en 1939, Abbott vai xogando a captar o máis novo, os rañaceos, e os contrastes entre os pequenos edificios que aínda están en pé e as verticais columnas de ferro e formigón que van emerxendo da terra en desafío a todo o coñecido ata entón. As súas magníficas fotografías captarán as metálicas pontes que se erguen na cidade para facilitar os traslados desde todas as perspectivas posibles. Hai fotografías que indican que a fotógrafa –como ela mesma tiña dito Son fotógrafa. Vou a todas partes– subía a calquera altura, situábase en calquera saínte, con tal de que a imaxe provocase un forte impacto. Son ben coñecidas as súas instantáneas nas que dominan os contrapicados (tomadas desde terra) así como aquelas outras, tomadas desde riba, e que semella que se ve a cidade a vista de paxaro, como se fosen fotogramas dos posteriores filmes de Superman ou Spiderman. Hogano son referentes desa cidade tomas como a do Flatiron Building, verdadeira proa de navío que penetra a cidade para mudala. Talmente a imaxe dun Titanic, nesta caso chegado a porto.
A ciencia. Os traballos para o Massachusetts Institute of Tecnology
Me sumerjo en la ciudad / y presencio el espectáculo de la calle: / y la charla de los que pasan, / el traqueteo de los omnibuses, / la rueda del carro que rechina, / el sordo mumullo de la suela de los zapatos en el pavimento, / el golpe de los cascos sobre los adoquines, / el retintín de los trineos, / el cochero con el alquila levantado, / las peleas de nieve … (W. Whitman, Song of myself, 1855, tradución de León Felipe).
O lanzamento do Sputnik I por parte dos soviéticos en 1957 supuxo para os EEUU unha labazada. Dalgún xeito deixaba ao descuberto a falta de científicos ben formados, e as deficiencias do ensino das ciencias. Ante estes feitos iniciouse unha carreira por potenciar o estudo da ciencias, carreira na que estará en primeira liña o Massachusetts Institute of Tecnology. No ano 1958 piden a Abbott que colabore con eles nun programa para mellorar o ensino das ciencias, mormente a física. Abbott lembrou máis tarde que: cada fotografía científica era diferente, diferente e peculiar, e habitualmente non existían precedentes polos que poder guiarse. Abbott tivo que crear artefactos que lle axudasen a captar as imaxes en movemento. Aínda así repetía e repetía as accións co fin de que a fotografía fose perfecta. No ano 1960 sae á luz o libro Physics, un revolucionario libro de texto que se baseaba no estudo da teoría atómica da materia, da luz e da óptica, e das ondas, principalmente da ondas. Os propios dirixentes do MIT afirmaron que o mérito de que se puidesen visualizar os movementos de ondas era de Berenice Abbott.
*
Cf. Berenice Abbott. Retratos de la modernidad, na Fundación MAPFRE Barcelona ata o 19 de maio de 2019.
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …