1.
repítense
os días
con pequenas variantes
cambios
infinitesimais
que á historia
lle pasan desapercibidos
cambios sutís
que non merecen
notas a pé de páxina
de ningún libro
se alguén o escribise
pero quen querería
quen querería escribir
sobre as olas que se repiten
en apariencia iguais,
alimentadas
polos mesmos ríos
quen se molestaría
en adicarlle
unha mínima liña
aos ventos que soplan
se non perciben
a calidade dos matices
o sabor afroitado
ou que deixan
regusto a ceo
na boca
días coma vento coma olas
que veñen lixeiramente
ladeados
cara ao oeste
cando a noite domina
ou cara ao leste
se se impón
a luz de día
*
2.
e que farán os nenos
das cidades
cando aprenden a ler
que letras comezarán a buscar
e por onde
para practicar esa arte nobre
que nos separa da herba
e nos arrastra lonxe
perdidos correrán a refuxiarse
nas letras que aínda resisten,
os rótulos das tendas,
temerarias testemuñas
da lingua feita materia
aprenderán a ler
nos letreiros das ofertas inmobiliarias
nos descontos dos supermercados
– mes do neno
– iva reducido
– todo incluído
ata o derradeiro silencio
– cese de actividade por xubilación
ou por sacrificio,
pero iso non o din,
que queda mal
os nenos do campo
aprendemos a ler primeiro
nas follas que peneiran os eidos,
nas marcas que deixan
as formigas extraviadas
das normas da compaña,
nas camisas desbotadas polas serpes,
que contemplabamos
entre admiración e respecto,
e nas plumas desamparadas
das anduriñas
estas eran moi codiciadas
fabricabamos tinta amarela
coa Chelidonium majus
– para nós non se chamaba así
daquela-
e practicabamos con elas
as primeiras letras
sen sangue
ou debuxabamos na terra,
sempre disposta
a borrar
as nosas eivas
**
Carmen de Milmanda: Son filla da emigración, da primeira gran vaga a Europa. Nacín en Zurich, onde Einstein se formou como físico e esa disciplina sempre me atraeu. Pero como Ernesto Sábato só pode haber un, estudiei Xornalismo e logo gradueime en Fotografía Artística para comprobar se de verdade unha imaxe vale máis que mil palabras e para poder constatar que a cámara é tan subxectiva coma un debuxo, alternativa expresiva me acompaña dende nena coma unha linguaxe máis. Como fotógrafa e debuxante fixen colaboracións en revistas e participei en exposicións e libros colectivos, entre eles a primeira publicación de “Entrecruzar” materializada no marco de Proxecto-Edición, do CGAC. No eido das letras, ademais de traballar como xornalista en FARO DE VIGO, onde asino co nome que herdei da miña familia, Carmen Villar, teño escrito contos (como o da publicación “Liñas compartidas”) e teatro, pero, sobre todo, poesía. Ata o punto de que desenvolvo un proxecto poético na rede, utilizando Twitter e Instagram, para amosar que ambas se poden empregar tamén para sementar palabras fermosas. A súa filosofía, parafraseando o refrán anglosaxón, é que “a poem a day keeps the doctor away”.
Curadoria de Tiago Alves Costa.
You might also like
More from Carmen de Milmanda
Efectos secundarios da confusión de corpos e palabras nas fronteiras I Carmen Villar a partir de “Diario dos mapas”, de Almudena Otero Villena
Talvez sexa esaxerado dicir que vivimos nunha sociedade de tránsito. Non obstante, penso que é prerrogativa daqueles cuxo periplo vital …