O ROSTRO DAS BUGUINAS
Para Bernardino Graña
Na vertixe
da escuma última
está o himno da túa mirada
que voa
en liberdade.
Coa braveza da palabra
devoras
o inhóspito espazo baleiro.
Ti ben sabes
denantes de ser oráculo:
beber o ar,
ulir a paisaxe,
tecer os fíos de luz e
pechar ausencias
máis aló
do rouco son do mar.
Nin as caveiras que
dormen no abisal
cos seus soños furados,
nin os amenceres adelgazados de salitre
van distraer o teu pensamento,
antídoto na vocación incendiaria das tebras.
Noutrora xa alimentabas o eco das ondas.
Coa túa presenza abrazabas
o lindeiro lonxe da costa
no epicentro da escuma
que chega senlleira ás rochas.
As buguinas aceptan a túa voz
a -como vector de forza
a dunha rara pureza-
cando se mergulla na bruma do cantil
para abordar
o celme das cousas.
Poeta,
ante os ollos do mar
podes habitar
o imposíbel
a babor e a estribor da túa Praia,
na raíz da noite,
preto do canto
insubmiso
das sereas…
(A Coruña, 7-Abril-2014)
CANDO MOZART CHEGOU Á MIÑA ALMA
Y tú, sueño, dame tu diamante implacable, tu tiempo de deshora.
(César Vallejo)
Nunha noite roubada de linguaxe secreta compartimos o ar estremecido
e indultamos ao amor…
Ti chegaches á miña pel
como un canto poliédrico,
a lei do movemento
alterou o ritmo do poema.
O acto de fe
contido na copa da que bebemos
alcanzou aos meus beizos
naquel abisal nocturno
de húmida natureza.
Cando Mozart chegou á miña alma
xa nós eramos chama que agroma,
xa venceramos o tacto da pel
e deixarámonos caer
nun xogo de sombras,
nunha vertixe de asombrosa
complacencia. Atopamos
o inefábel porto onde acubillármonos
da vida de fóra.
Cando Mozart chegou á miña alma
xa nós, co que somos e non somos,
estabamos a alimentar o eco
que camiña pola luz…
Abrazámonos e
a pregouse o vento.
A redención estaba alí,
aos nosos pés,
zumegante
a como alento de insomnio
a que chega ao fondo dos ósos
a no medio dunha noite arqueada,
a ateigada dunha única certeza
a que se repite sen límites:
A ti me anoo
mentres bebas das estrelas
e cabalgues o vento fuxitivo
que o envolve todo…
na firmeza da luz.
Cando Mozart chegou á nosa alma…
Nós, xa resplandeciamos.
(A Coruña, 4-Xullo-2014)
NOTA: a fotografia da autora provém do seu perfil na AELG.
You might also like
More from Olga Patiño Nogueira
Un abrazo azul para Ahmad al Hammoud, por Olga Patiño
O campamento de Harran… O presentimento é, ás veces, fervenza luminosa: choiva que trona…, neste caso non había presentimento, en todo …