Unha páxina en branco ante min reclama versos, mais desta vez non van xerminar nestas liñas vivencias, nin sentimentos en pingas de tinta.
Falarei da poesía, da súa orixe en min, de como o poema vinte de Neruda fixo que unha nena de oito anos sentise o desamor, porque el sufría e eu sufría por el; e así, podería escribir… escribir por exemplo: que a poesía me axuda coas emocións que son incapaz de manexar, ademais de achegarme a min mesma, ás veces, irrecoñecible, por mor do meu carácter empático.
Empatía que me fai sentir como propios sentimentos alleos: o sufrimento de nenos e nenas, a dor incesante da violencia machista. Así lembrar que o amor é o opio de moitas mulleres, como dicía Kate Millet: mentres eles gobernaban nós amábamos.
Lembrar que hai que seguir loitando pola independencia non só económica senón tamén emocional. Que importa en que grao nos quere un home, ou mesmo se non nos quere. Aprender a querernos a nós mesmas é o primeiro paso.
O segundo, no meu caso, foi desprenderme das brétemas que durante un tempo me invadiron, agora todo resultou ser iso, só fume, e a ledicia, a máis intensa de todas elas, nai-fillo, volveu sorrir.
Rocío Blanco Formoso
I
Xa non queda nada,
nin os desaires preñados de vermes,
nin arrepentidos bicos de Klimt
onde elas, inertes, mutilan o silencio
mentres o ceo agarda.
Xa non queda nada,
e aínda así, elas somos nós,
son eu,
nun espazo incrédulo
de batallas eléctricas de xiz
a desangrar a pel envolta.
E porque xa non queda nada,
aquí sigo,
espetada nun intre,
coma a primavera sen merlos
impávida
por vós, por nós,
impías nesta loita.
II
Agora
horas espidas
xa insomnes
dispersan cincuenta espíritos
nesta arañeira laranxa.
-Emulsionan na tarima
avelaíñas que foron madeira
sobre mosaico de versos
a queimar sombras-
Vibra o dormitorio
mentres Tchaikovski
prende o último sol,
a mollar en ti?
E preguntas, alleo, se agora…
E no sorriso,
mentres, as baldosas
e a tarde adormecen.
Agora… si.
You might also like
More from Poesia
À conversa com Julia Peccini, poeta finalista do Prêmio Oceanos 2023 | Carla Nepomuceno
Julia Peccini Café com Português Você lembra de quando tinha 24 anos? Onde costumava ir, quais eram os seus sonhos, a música …
Vencedor do Prémio Literário Glória de Sant’Anna 2024
PRÉMIO LITERÁRIO GLÓRIA DE SANT’ANNA PRÉMIO AO AUTOR DO MELHOR LIVRO DE POESIA 1ª EDIÇÃO EM PORTUGAL, PAÍSES E REGIÕES …