Este sábado 19 de maio foi entregado o premio do XVIº Certame de narracións breves “Manuel Murguía” de Arteixo. A obra gañadora foi Mentras espero, de Miriam Rodríguez Debasa, quen recolleu os 3665 euros prometidos. O xurado estivo composto por Xabier P. Docampo, Isidro Novo e Xesús Manuel Marcos; actuou como coordinador Xulio Mancebo.
Da obra gañadora foi valorado “o seu estilo conciso, frío e ben traballado, así como a construción dun contexto espacio-temporal propositadamente pouco definido desde o que se mostra “a fel do home”, en palabras de Vergara Vilariño” (Marcos).
Na sección infantil e xuvenil do Premio, na que tiven a honra de colaborar como membro do xurado, gañou Xaquín Gómez Primo, alumno de primaria d’ A Coruña. Este premio foi concedido por unanimidade; do conto gañador o xurado valorou a grande capacidade fabuladora, pouco común entre os traballos presentados.
No principio e no final do acto puidemos disfrutar o espectáculo poético-musical A caricia da serpe, con Lino Braxe (voz e texto), Miguel Ladrón (guitarra), Rómulo Sanjurjo (acordeón) e Xosé Luis Saqués (percusión). A actuación, que creou un ambiente festivo realmente cautivador (incluída a Negra sombra ao estilo Bob Marley), infelizmente non destacou nin pola altura dos textos nin polos recursos vocais.
Xa cunha copa de branco na man tivemos a oportunidade de coñecer a Paloma Calvo, autora que o 28 de abril presentou no Concello o seu libro de relatos A vinganza da mantis (Espiral Maior), naquela ocasión contando para o evento co Dúo Camándula, que nos ofreceu unhas breves e emotivas versións de acordeón e violino.
Si, señores e señoras, o Concello de Arteixo parece ter xa o elevado costume de unir á literatura o teatro, a música, a canción, a danza… Espero que non o perdan, e aínda que outras institucións reparen na calidade superior dos eventos así deseñados.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …