Ofrécenos Ramón Caride neste volume a compilación de tres libros publicados (Cerne das labaredas, Flor no deserto e Xeografías de sal) e dous con textos inéditos ou só publicados en revistas e libros colectivos (Diacrónica e Addenda). Con cumprido prólogo de Xosé Lois García e un epílogo composto por un poema de A. Soares de Moura dedicado ao autor, As máscaras de cronos constitúe até a data o contribución de Ramón Caride á poesía galega, unha vez que os dous poemarios anteriores, Paisaxe de verde chuvia (1986) e Tudo quanto há no mundo (1989), son considerados polo autor obras de aprendizaxe.
A lectura destes versos deseguida delata unha preferencia pola temática amorosa, declaradamente erótica en moitos casos (“… o seme é a escuma / das ondas que baten / na costa do teu corpo / onde afogan as angurias”, p. 77). Despois da ambientación telúrica, por veces de sensibilidade case machadiana (“Melancolía pouco orixinal / entre as follas tenues / dourados solpores”, p. 44) d’O cerne das labaredas, en Flor do deserto preséntanos unha especie de road movie cunha emotividade que depara en ocasións no exceso e no amor dun só uso. Un erotismo de blue jeans suados no contexto dun deserto sen norte mergúllanos nun soño en que facemos nosos o vodú, o candomblé e os salaios can’t stand it (p. 94). Entre referencias ao jazz, a decadencia social, os réptiles do deserto e a prostitución (“as fulanas das american bars cumpridas de peito”, p. 117) crea Caride un ambiente que en ocasións tomba para un patente “tremendismo” (“mentres os cans ouveaban / devorando os nosos corazóns”, p. 115). En definitiva, unha oferta temática ampla en que tamén o mar, a aldea, o cómic, un naturalismo case metafísico e a lembranza revoltaria de aqueles que “xogan duro” (“gustábamos das bandas cando they play it hard”, p. 124) caben e non esgotan as liñas de contido.
Versos que mostran a propensión ao verso lixeiro (“amei a poesía espida estética pura”, p. 214), sosteñen en ocasións un experimentalismo de interese incerto, como no caso de “Erótica alfabética”, en Xeografías do sal, que non obstante foi galardoado co Accésit do Premio de Poesía “Miguel González Garcés” en 1998.
(Publicado en Protexta. Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, 2, 2007)
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …