Barcelo. El diluvio, Le deluge, 1990
Algunhas entidades culturais exceden a súa importancia máis aló dos eidos artísticos. Un caso paradigmático de tal aserto é o Museo Guggenheim Bilbao que este ano chega ao seu aniversario número 25. Parabéns! Entre o monumental continente, obra do arquitecto Frank Gehry, e mais da calidade e cantidade de pezas que alberga nas salas e almacéns, o Guggenheim pasa por ser un motor da vida cultural bilbaína, así como un factor principal na transformación urbana desa vila. Co gallo deste aniversario, o museo presenta unha excelente escolma das obras que posúe. A Arte Inspira Futuro?
*
Museo Guggenheim Bilbao e metamorfose urbana
O Museo Guggenheim Bilbao abriu as súas portas no ano 1997, como se a súa espectacular e sorprendente arquitectura viñese sendo unha proclama da chegada do novo milenio. Novas institucións para novos tempos. Dous anos despois, 1999 (ante as mesmas trompetas milenaristas que anunciaban a enésima fin do mundo, os responsables do filme The World Is Not Enough (Michael Apted, 1999), o número 19 da saga do británico 007, deciden rodar parte das trepidantes escenas de acción do coñecido axente secreto ás portas do Museo Guggenheim Bilbao, con vistas á futurista arquitectura de Frank Gehry e a carón do Puppy de Koons, ese can terrier de máis de 12 metros de altura que, ante os ollos de Pierce Brosnan, semellaba estar vixiando o transo entre os dous séculos, o cambio de milenio, como se se tratase dun Jano clásico. Ao longo da metraxe desa película, tanto o protagonista como o antagonista, repiten máis dunha vez a expresión Eu nunca fallo (I never fail).
É de supor que todas as institucións e persoas implicadas na instalación deste simbólico museo nas ribeiras do río Nervión, dixesen durante os anos de construción, e con moita máis razón anos despois: non fallamos. Non é este o sitio para expor polo miúdo as razóns que explican que a aparición do Museo Guggenheim na cidade de Bilbao representou e representa un fito fundamental na metamorfose desa vila industrial. A importancia, o peso desta entidade museística na armazón urbana de Bilbao, é obvio para quen reflexione unha miga sobre este acontecemento. Agora vén sendo icona internacional da cidade, que permite xogar co que é local e o que vén de fóra, que capitaliza as sinerxías entre a arte e outras actividades humanas, que inclúe a produción cultural nos eidos doutras áreas da economía. O Museo Guggenheim Bilbao é agora mesmo (25 anos despois da súa inauguración) un referente mundial.
Outra metáfora cinematográfica sobre esta entidade cultural e urbanística pódese atopar no filme Ying Xiong (Z. Yimou, 2002), no que o protagonista -un gran guerreiro chinés- está engaiolado coa arte da caligrafía e disposto a atopar unha nova verba escrita que signifique espada. Do mesmo xeito, todas as persoas e entidades que traballan para que o Museo Guggenheim Bilbao sexa un esteo, un referente dentro do mundo da arte, empérranse en que continente e contido do museo gañen forza e veñan sendo parte básica da definición do que é e será a cidade de Bilbao.
A Arte como necesidade vital, a Arte como unha das definicións da humanidade. É sintomático do que representa este museo que, para a conmemoración da efeméride deste primeiro cuarto de século, as persoas responsables do mesmo teñan acordado pórlle o título 25 Aniversario. El Arte Inspira Futuro.
Secciones / Intersecciones. 25 años de la Colección del Museo Guggenheim Bilbao
Para conmemorar estes 25 anos de vida, o Guggenheim Bilbao xa foi presentando -ao longo dos meses de hogano- exposicións moi atractivas. Unha delas foi a se puido ver a mediados de ano, Jean Dubuffet: ferviente celebración, unha extensa escolma da produción deste artista, dirixente da art brut, un outsider de difícil clasificación e tamén amigo de grupos marxinais. Outra atractiva e interesante foi Del Fauvismo al Surrealismo: obras maestras del Musée d’Art Moderne de Paris, un paseo polas vangardas da primeira metade do século XX.
E agora, como ferramenta principal da celebración dos vinte e cinco anos de vida do museo, as persoas responsables do mesmo deciden organizar unha verdadeira exhibición de músculo artístico da entidade: dedicar todos os espazos do edificio (todos; moitos metros cadrados, vinte galerías) á exposición principal coa que celebrar esa efeméride. Unha exposición que consiste nunha selección dos fondos do propio museo: Secciones / Intersecciones. 25 años de la Colección del Museo Guggenheim Bilbao. A mostra ocupa os tres niveis da edificación. Secciones / Intersecciones é o resultado dun traballo colectivo e, por tanto, está comisariada por Lekha Hileman Waitoller, por Manuel Cirauqui, por Lucía Agirre por Geaninne Gutiérrez-Guimarães, e mais por Maite Borjabad, Museo Guggenheim Bilbao, todas persoas da casa.
Esta exposición tan ampla e magnífica está configurada como se se tratase dun tríptico. Cada parte vén enchendo un dos niveis construtivos do edificio.
Marcando la historia é a sección que xoga co edificio de Krank Gehry e mais cun mangado de obras que -por dicilo así- presentan unha panorámica da creatividade da segunda metade do século XX. Así atópase unha ampla sala na que conversan pezas de artistas do que deu en chamar a New York School ou tamén Expresionismo Abstracto: Willem de Kooning, Mark Rothko, Lee Krasner ou Robert Motherwell. A estes artistas saídos da posguerra mundial, con claras influencias do surrealismo, axudounos moito a CIA, a central de intelixencia estadounidense. A historiadora Frances Stonor Saunders publicou un exhaustivo estudo sobre as actividades da CIA en contra da URSS e do “comunismo”: La CIA y la Guerra Fría Cultural. Nese extenso traballo evidénciase a politización das creacións deses artistas.
Tamén dentro deste primeiro pé do tríptico están presentes obras de confección abstracta (Cy Twombly, Robert Rauschenberg ou Jean-Michel Basquiat), e doutros que brincaron coas preferencias populares, a Pop Art: Andy Warhol ou Jeff Koons, por citar dous dos máis coñecidos. Non podían faltar neste percorrido polas vangardas da segunda metade do XX unha ampla representación de artistas españois que foron traballando na base da abstracción, aínda que en diferentes escolas, técnicas e presupostos: Eduardo Chillida, Antoni Tàpies, Jorge Oteiza, Pablo Palazuelo ou Cristina Iglesias; diferentes linguaxes, varias xeracións. Sobre abstracción é de necesaria xustiza lembrar a extraordinaria exposición temporal que o Guggenheim programou hai agora un ano: Mujeres de la Abstracción. Nas salas dese museo puidéronse ver (por primeira vez) máis de 400 creacións que saíron dos miolos e das mans dunhas 110 mulleres artistas. Case nada! E entre tantas creadoras non había ningún nome de artistas que teñan (ou estean) traballando en España; que as hai, e moitas. Semella que nas últimas décadas mellorouse moito a visualización dos traballos das mulleres. A Arte Inspira Futuro.
Na segunda planta está situado o apartado Desplegando narrativas, onde se recorre a obras que con bastante frecuencia toman como referencias para a súa concreción a acontecementos relixiosos, históricos ou mesmo mitolóxicos. Esta sección está conformada por obras de artistas que non quixeron seguir os vieiros dos grandes movementos, das grandes liñas de pensamento e acción. En boa parte veñen sendo refractarios, creadores que apostan polas pequenas cousas xa sexa empregando a pintura, a fotografía ou a escultura; creacións en papel ou performances, todo coa finalidade de mostrar vieiros expansivos de expresividade. Aquí mestúranse artistas de hai 60 ou 70 anos con outros que seguen a traballar: Miquel Barceló, Juan Luis Moraza, Juan Muñoz ou Antonio Saura, por citar algúns. Ou Yves Klein e as súas metraxes antropométricas ou os xogos de Yoko Ono.
Para acabar, a mostra Secciones / Intersecciones. 25 años de la Colección del Museo Guggenheim Bilbao confeccionou o apartado La vida material, onde se dá paso a novos xeitos de expresión, xa sexa botando mans das novas tecnoloxías de información e comunicación, xa desde postulados exteriores ao que veu sendo a arte occidental. Por esta planta obsérvanse creacións de artistas como Gerhard Richter, Mona Hatoum, Richard Long, Asier Mendizabal, Susana Solano, Itziar Okariz ou Rodney Graham.
Paralelamente a esta magna exposición, o Museo Guggenheim Bilbao tira do prelo a publicación MISC. Apuntes de la Colección del Museo Guggenheim Bilbao/25. En realidade trátase dun libro moi ben editado no que as e os especialistas presentan estudos sobre 25 pezas senlleiras da colección do museo. En tal publicación, complementaria de Secciones / Intersecciones pódense ler, e comprender, informacións sobre esculturas tan impactantes e importantes como Maman (1999), de Louise Bourgeois, esa araña de máis de 8 metros de altura que está instalada entre o edificio e a ría do Nervión; unha homenaxe á súa nai, metade protectora, metade “agobiadora”; ou Sin título (Celosía II) (1997), de Cristina Iglesias, todo un xogo de ocultamentos e visións, unha peza de Oteiza e outra de Chillida, dous escultores xa clásicos, da terra, ou a monumental The Matter of time (1994), de Richard Serra, unha peza ondulante de aceiro, e transitable, tal é a súa magnitude. Por outra parte, tamén sorprende (polas dimensións) One Handred and Fifty Multicolored Marilyns (1979), de Andy Warhol, nada menos que un friso de 10 metros de longo con faces de Marilyn Monroe, esa icona pop. Se se trata de pinturas, aparecen creacións de artistas tan coñecidos como Basquiat (Man of Naples), Yves Klein, W. De Kooning ou Untitled (1952), de M. Rothko, ente outros e outras.
Esta antolóxica mostra (Secciones / Intersecciones. 25 años de la Colección del Museo Guggenheim Bilbao) das coleccións do propio museo é unha oportunidade moi especial para, unha vez máis, admirar a capacidade creadora e interpretativa das realidades que exhibe a humanidade. A Arte como un dos elementos definidores das actividades humanas. A Arte cómpre para vivir. O dito: El Arte Inspira Futuro.
Secciones / Intersecciones. 25 años de la Colección del Museo Guggenheim Bilbao,
exposición do Museo Guggenheim Bilbao. Ata o 22 de xaneiro de 2023
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …