Recentemente foi publicado por Alvarellos Editora o livro “Adagio por Outono“, de Modesto Fraga, que obtivera o primeiro prémio do XLI Certame Literario Concello de Vilalba no 2015.
Agradecemos enormemente ao seu autor a escolha destes três sonetos para serem publicados na Revista Palavra Comum.
*
COA RAZÓN DOS SENTIDOS
Podo ver nos teus ollos o reflexo
dos días de caricias e tenrura
a ollada adolescente que é frescura
a tórrida paixón, cada latexo.
Podo sentir e oír máis do que vexo
tocándote en silencio, con dozura,
bicándonos os dous na noite escura
nun mar de sensacións e de desexo.
Podo ver e sentir. Tamén tocarte
nesta luxuria alegre e silenciosa
que a vida nos ofrece por instantes.
Podo pousar a lingua e degustarte
saboreando a flor máis deliciosa
que emana do perfume dos amantes.
*
DA AUSENCIA (E DE NÓS)
Non deixes de soñar por máis que a vida
te leve a algúns lugares sen retorno,
que o teu alento sexa vigoroso
e o tránsito emprendido escuma fértil.
Non permitas que a ausencia, con sixilo
intente seducirte e acaso sexa
a aurora boreal quen te sorprenda
coa humidade de todos os eclipses.
Non deixes de soñar. Nin tan sequera
de devorar a terra cos teus ollos
que son luz e crisálida, caricia
á que nunca me entrego pero adoro;
á que regreso ás veces mentres vivo
na que me perdo sempre que te soño.
*
TI + EU: NÓS
Aquela luz de outubro clandestina
leva forxada en nós desde as orixes,
buscámola na ausencia das vertixes
a carón dos silencios, na retina.
Eu digo que na ardora adamantina
habita a esencia, a apócema que elixes,
a luz á que has volver sen que te fixes
acesa, ou apagada, que ilumina.
Acesa ou apagada a luz, eu digo
quero volver sentirte, acaso quero
mil noites existir, mil veces sós.
En medio desa luz quero e reitero
ollar contigo o mar, sempre contigo
ser simplemente ti máis eu, ser nós.
*
You might also like
More from Modesto Fraga
Entrevista a Modesto Fraga
- Palavra Comum: Que é para ti a poesia (e a literatura)? - Modesto Fraga: Á pregunta de que é para …