A poesía do Quebec non foi, que saibamos nós, moi traducida ao galego. Que lembremos, só no número 21 de Grial (xullo-agosto-setembro 1968), Xesús Cambre Mariño (un deses nomes que brillaron durante un tempo no noso firmamento e despois non soubemos máis del, como aconteceu con Xesús B. Pena Trapero, Xosé Antón Arxona e tantos outros que sería longo enumerar) traduciu tres poemas de tres poetas quebequeses co título “Pequena amostra da poesía do Canadá francés”. Cambre Mariño traducía un poema de cada autor, tres poetas: Saint-Denys Garneau, talvez o poeta máis importante do Canadá francés na primeira metade do século pasado (morreu novo, aos trinta e un anos, nacera en 1912), Jean-Guy Pilon (1930) e Jacques Brault, nacido en 1933, aínda que por erro Cambre Mariño, ou erro de imprenta, dábao como nacido no 1913. Quen isto asina, pola súa banda, ten traducido algún poema do poeta surrealista quebequés Roland Guiguère que deben andar perdidos polas páxinas de Faro de Vigo e El Progreso.
Nós, hoxe, presentamos trinta poemas de vinte e catro poetas quebequeses do século XX, sen escolmar ningún dos tres traducidos por Cambre Mariño. Algúns deles están felizmente vivos, polo que continúan a escribir e publicar poemas. Quen queira saber máis sobre estes/as poetas, non ten máis que “clicar” enriba do seu nome e serán enviados á wikipedia. Outro día falaremos da riqueza da poesía do Quebec. Por hoxe, só unha mostra de poetas e poemas.
XGG
*
Desde o amor
Recoñecíchesme primeiro
na conivencia da nosa certeza
eu non era máis que tenrura á espreita
as músicas da infancia
na gratuidade
da túa ollada foi a miña
sen a guerra do amor
habitamos un corpo novo
que somos na órbita do desexo
bañámonos no mesmo río
onde recoñecer o que nos cambia
cando xa viaxamos ao estremo da estrela
aprendendo o tempo que se nutre
da memoria das bocas
un Chagall de pau adestra as nosas sombras
véxote xinete lixeira dos nosos xogos
no abrazo dos mortos que nos tocan
a túa voz cobre o silencio da miña voz
liberados do temor
acubíllanos a casca baixo o xeo
e o que se estraña nos nosos ósos non é máis
que o sentimento de vivir no vasto niño das fontes
entón se desata o colar dos medos
os nosos ollos como liques
volvemos de máis lonxe que o frío
*
a túa soa presenza formula a cuestión do amor
que sabería de ti
senón o que somos
o mar fai rodar en nós os seus segredos
unha intuición retennos
no que se nos escapa
es este todo que me fai feliz e presente
en posesión da nosas tenruras
toda distancia en nós ilumínase
contra tanta ausencia
onde outrora tomabas a forma da miña dor
hoxe non me apareces en soños
fóra de ti mesma rodeada de ideal
o noso amor non é unha canción antiga
que morre nas palabras
nin aquela lenda para a gloria dun trobador
“Polo meu relato fixéchesme máis intacto”
dicía Vadeboncoeur a custa da súa contemplación
non tu non es a icona dun soño inmóbil
desde a primeira caricia dásme de ti
a imaxe máis viva
ningunha metáfora para te perfeccionar
ningún poema pode encher o baleiro da túa pegada
o sentimento exacto da túa presenza condúceme
á praia indicíbel do teu ser
a miña humanidade é saber que somos
a voz do mesmo amor
a miña eternidade no só feito de amar
E de ter sido amado
*
nada destruímos
as nosas arras nupciais luminosas de tenrura
e as nosas máscaras lanzadas á meixela dos espellos
levaremos a inocencia das fontes
até as súas frautas de xeo
Marie Uguay diante do océano de esplendores
sabendo que nada sobrevive
sen a ferida dos inicios
escribiremos unha ou dúas verdades logradas
para nenos que nos recoñecerán
se non é que morren nos nosos libros testemuñas
abandonados na biblioteca do esquecemento
porque os nosos fillos non son os nosos fillos
convertidos á súa vez en enigma dun mundo máis estreito
onde a vida se perde nun teatro de impotencias
preservarán cando menos as palabras do amor
e esta cámara baixo o mar
pequeno planeta dos nosos sentimentos irisados
verannos poemas
se a beleza pertence aos que a fan
–escoitaremos tranquilos
as nosas voces na voz de Karen Young
despois enlazados por unha eternidade de soños
transgrediremos o puño da noite
onde a palabra é escura e o teu corpo de claridade
*
perténzome por amarte
na nosa desmesura apostamos
que somos a ollada de hoxe
desde onde vivimos barrocos e nós mesmos
no que nos abraza
de tan lonxe como os ventos
non somos un país senón o seu alento
e a súa pel habitamos a paisaxe
diseminada das nosas almas
que nos di que a tristura da derrota
non inicia os amores do río
onde se ilumina a fonte do poema
somos a festa dun pobo sen memoria
que se afasta dos seus invernos de forza
que ollada corrixe o futuro
senón a coraxe de amar
a nosa historia desafía o fin da historia
contra a melancolía do meu pai
de memoria e de cólera
inscribo o que nos consome
facémonos anacrónicos amor meu
anémicos e irrisorios
no noso sentimento de existir
viviremos sós no amor mesmo
ambos os dous cada día que morre este pobo
se nos ama sen amarse
*
es o enigma da miña vida a súa beleza recollida
a que me interroga sen fin
muller da nosa verdade indivisa
o noso amor borra as imaxes do amor
un vínculo de orixe ilumínase pouco a pouco
aprendemos o que somos
dúas soidades felices na mesma
paixón tranquila da harmonía
véxote escribir o teu destino e amarme
que estás na túa propia vida sen espello
sen distraerme da miña voz ma túa poesía
éme dada como unha felicidade posíbel
e o teu corpo na súa eternidade pasaxeira
xa non estou só no meu sangue
por ti herdo a miña vida a tenrura
inesgotábel caricia de intimidade
onde recoñecerse na raíz do berro
despois no espertar de estarmos xuntos
cegos e marabillados un polo outro
no xardín queimado das nosas memorias
a nosa vida cántase para non cantar máis
douche as palabras da miña idade
o país fecha as súas cuíñas entro en ti
é o noso futuro que comeza…
*
Lecer
ás veces chega tan preto da beira
que os traballos serios do pensamento
non semellan máis que unha repetición de evidencias
alguén dentro de nós quere acabar
sabe por que, ve como
a porta aberta, o sol retorna
co vento só a impaciencia
dos nenos é abondo ampla
para se medir co reto supremo
cuxo “xa está” expulsa as demandas
de probas como outras tantas mentiras
é como se levado ao máis grave de si mesmo
o pensamento non achase nada mellor que rascarse a pancha
*
Nervios a flor de pel
Nunca se denunciará abondo o prezo exorbitante da individualización-
HUBERT AQUIN
Direi os vosos berros. Digo os vosos berros. Protestade berrando. Sodes vós estes berros? Serei os vosos berros. Son os vosos berros. Escribide agora que non berrastes, diredes estes berros? Hai, aquí e agora, nada máis, dicides. Afirmades o presente, alto e amplo, sol tropical. Razón, dor. O pathos para vencer cada vez o corazón da morte. A escrita é o exacto reverso dos berros, mesmo sonora, é voz silenciosa. Cada palabra enxertada na miña lingua foi asasinada. Escribo até o esquecemento, escribo cara a vós.
*
Converterse en humana, os asaltos son grandes, vidos dos rumores estrafalarios, débeda para sempre ineludíbel, o nacer, tormentos punxentes, trampas introspectivas, confusión emotiva e delirio. Abusades das emocións, faredes seres privados para sempre de lucidez. Aprendede que toda palabra pasa polo berro. Entregarédesvos aos primeiro amo que chegue. Ou ben, o uso da única lingua defensiva. Os fortes viven así. Enuncio o vosoutros dos nervios a flor de pel, as voces atrapadas anticipadamente. Porque os días festivos das felicidades beatas, a humanidade enteira quere o ben de cadaquén. Castigarase a lingua castigada, falar implica a comunidade, dicides.
*
Quen pode recibir palabras, verdadeiras chamadas e bágoas tornadas como se a intelixencia fose? Existo fóra de tempo, fóra de lugar, presa no peso do corpo, escrita antes de tempo, estourada, dividida entre un delirio poderoso e unha razón emblemática. Mais esquecerei en forma de dó. O salvaxismo da especie é moi ben o meu. E a miña voz ronca e lenta. Vivisección de lingua, o equilibrio como harmonía para sempre perdida, nostalxia totalmente feminina. Estamos no mundo, son terrestre. A gravitación non é a única lei. Nazo das enerxías incesantemente recomezadas.
*
Seino
Un día morrerei
irá frío na miña camisa
terei os pés mollados de repente
e estraños animais invadiranme polas orellas
faltarei a unha cita
matarei sen querer
como me pasa cada vez máis
para fuxir viaxarei de incógnito
no ventre dunha cidade subterránea
será ao serán cara ás nove
unha guerra branca precisamente acabará
unha paz terríbel deitará a luz
unhas mulleres apertaranse ao meu redor
cantando: o home volve en nós
tres nenos arrastrarán a lúa nunha carreta
polos paseos da cidade subterránea
un paxaro agonizará
nunha boca de ventilación
irá frío na miña camisa
*
País
no quebec imaxinar é literario
e chorar, errar, recomezar
no quebec, ser unha muller
e chorar, errar, recomezar
morrer é ben fácil, moitas veces
achamos unha muller ferida
no nivel da felicidade
Eco
o sufrimento en ti é literario
porque a vida seméllase a miúdo
a algunha cousa que se leu, o tormento
a vida viaxa sen permiso
nos libros ou no corpo
calarse simplifica o sufrimento
falar non se aplica da mesma maneira
ás mulleres
Contemporánea
alá onde fai mal a vida
con toques sucesivos
non é a morte
senón a mobilidade da luz
o don que temos de agravar a beleza
*
Escribir en Abitibi
era talvez unha neve de flores
as cerdeiras silvestres cambiaban de estación
apenas escoitabas os paxaros
os ollos fixos na túa infancia
escribir en Abitibi
–outros van a París–
a infancia por reencontrar
os cheiros os bruídos as luces
o lugar preciso da memoria
o fogar da chegada á vida
a marcha
de aquí o pobo á cidade
de aquí a nena á muller
unha historia a retomar
escribir en La Sarre
escribir unha historia de muller
ler a historia das quebequenses
querer formar parte da Historia
admirar a audacia destas mulleres
a súa forza
compartir as súas esperanzas
inscribir enerxía fervor
vin buscar aquí
un vínculo quizais
aquel que me vincula ás miñas nais
este eu quixera saber
quen é ela
este eu non sabe aínda non moi ben
onde vai ela
este eu anímase todos os seráns
un pouco menos
este eu ama todos os días
un pouco máis
moito tempo aínda
lembrando
a música dos utensilios
a fatiga das mans
sobre as escaleiras os postigos
as camisas dos homes
a memoria adestrada
volverás
neste lado das cousas
*
volver ver Abitibi
baixo a neve estendida
afundirse cada vez máis
nos grises do país
volver encontrar os fantasmas
dos momentos de mocidade
achar a memoria
dos tempos descoñecidos
difícil encher esta páxina
nunca a escrita se precipita
existe esta gravidade
da man sobre cada palabra
é moi ben el
meu pai
nesta foto de época
e de epopea dos talleres
e miña nai
como recoñecela
amala aquí inmóbil
cando o desexo das súas caricias
aínda nos obsesiona
tan lonxe tan a miúdo
o pracer do texto
o pracer de ler
abrir co coitelo
o escritorio do título
achar Alechenski
como un verdugo das palabras
volver un domingo pálido
a luz cambiante
dun mal día de inverno
xa non hai horizonte
non hai outro país
que un inmenso ceo gris
que coidariamos sen fin
as neves de xaneiro.
You might also like
More from Poesia
Uma dose de poesia com Isa Corgosinho | Carla Nepomuceno
O Café con Português oferece cinco poemas do livro PANÓPTICOS & GIRASSÓIS da escritora brasileira Isa Corgosinho. «...Para ser capaz …
Uma dose de poesia com Renata Magliano | Carla Nepomuceno
Renata Magliano transmite realidades sobre os assuntos humanos e o conhecimento, através dos mais variados afetos. Para saber um pouco …