[kml_flashembed movie="http://video.google.com/googleplayer.swf?docId=5827287920887028110&hl=es" width="320" height="240"/]
O xoves pasado tivo lugar a presentación de Profundidade de campo, de Yolanda Castaño, XV Premio de Poesía Espiral Maior. Cunha sala repleta de público, na presentación o escritor e director de Ámbito Cultural de El Corte Inglés Ramón Pernas celebrou os méritos de Yolanda e anunciou unha nova inxección económica no galardón, que atinxirá o ano próximo os 15.ooo euros, como mostra irrefutábel do compromiso da entidade que representa co xénero poético na nosa comunidade.
Miguel Anxo Fernán Vello, como editor principal da escritora e membro do xuri, tamén manifestou a súa alegría polo destino do premio deste ano. Ao tempo, quixo resaltar que esta circunstancia na vida literaria de Yolanda era o contexto adecuado para recoñecerlle o camiño percorrido e os esforzos realizados ao longo de xa 12 anos na creación poética, considerando neste sentido que unha evidente fase de madurez artística brilla neste poemario.
Xosé María Álvarez Cáccamo, como membro do xuri e perspicaz crítico literario, non obviou matices nunha profusa análise da obra premiada, relacionando os poemas presentados tanto con libros anteriores canto coas tendencias da poesía galega dos últimos anos, a quen a autora, segundo a opinión do analista, inflúe nalgúns casos.
O acto convocou moito público, incluídas abondosas persoas ben coñecidas do sistema literario, e ante todos Yolanda Castaño mostrou o seu agradecemento aos responsábeis da organización do premio e a súa satisfacción persoal como creadora de tal modo recoñecida. Novas versións sobre os poemas, produtos “híbridos” como ela dixo, han de agora nacer para nutrir unha divulgación do poemario que sen dúbida ampliará exponencialmente esta multifocal profundidade de campo.
A. F.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …