Dominio Público, de Ramón Neto, é a obra que conseguiu o primeiro prémio do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de 2013. A obra publica-se nestas datas desde a A. C. Caldeirón.
Desde Palavra Comum agradecemos ao autor e à editora do livro que facilitassem a publicação destes 4 poemas da obra.
HLM
Era tentando delongar o clímax que de socato se tornaban conscientes da cidade que, coa mesma demora, penetraba os seus sentidos.
Os sons e ruídos que o ruxe-ruxe dos seus monólogos interiores abafaba no día a día, volvíanse nítidos no casulo de seda da cópula, como unha fiel banda de son.
Para retardar o intre no que deixarse ir, cumpría pensar noutra cousa, ou máis ben non pensar en nada, ou deixar que fose o balbordo da cidade quen os guiara.
O primeiro foi o paso dos coches pola circunvalación –que nin a masa do edificio, nin a altura á que se encontraba o piso disimulaban. Deseguido, mesturándose cunha respiración máis acelerada, o ascensor, que nun inmóbel social densamente habitado como ese, non paraba nin dous minutos.
A catro patas
Algo resoa –un eco, un estouro
a repetición– na caixa cranial.
Sentes os meus dedos
que percuten sobre a mesa.
A mesa é de formica, e coxea.
Non entendo, aínda, de onde vén
esa inseguridade.
Deixo repousar o frontal
sobre as túas intermitentes falanxes.
Ti podes ver. E vemos xuntos.
Esa silueta amada, persistentemente
desexada, que se ispe para nós
e pide que a esculquemos coa lingua
até o seu elástico esqueleto.
Algo resoa neste fechado universo
de formica e látex; e, onde o traballo
coa lingua remata, ti metes
–con forza– o dente.
De lais a lais
Mestos a barbar
o mundo está a botar por fóra
en ti
de lais a lais
sobre unha textura
cortada de cítricos
como unha boca
furando a cabeleira da chuvia
batuxando con pés
e mans en salseiros
de pomelo
e laranxa morna
en prancha
contra unhas coxas saltan
as últimas pezas
soltas de xeometría
a cuberta sintética
de leopardo do canapé
fúndese coas nosas
coiras na queimadura
e as pérolas incandescentes
de chumbo que pingan
da túa mandíbula
fanme un dente de ouro
a partir do que fora
considerado materia innobre.
Ao sur da fronteira lingüística
Apreixarei os labios da túa grila
como se lles falase
–a fenda
na paisaxe luar da canteira asolagada
é agora un lago catro veces
máis fondo que ancho
e a auga
un groso tampón de escuridade
no que para a diversión de mergulladores
afeccionados
deitaron os obxectos que desprezamos de adolescentes
e só empezamos a coleccionar anos despois da crise:
a dez metros de profundidade esquivo un helicóptero
estrelado;
a quince metros esculco un londiniense bus de dous pisos;
a vinte, unha formigoneira verde pola que asoma o raxo
dun polbo; e máis alá
o derradeiro molusco que sobrevive nesta negrura:
a quen lle falas?, inquires
e o lago relambe as súas beiras de espello.
You might also like
More from Poesia
Uma dose de poesia com Renata Magliano | Carla Nepomuceno
Renata Magliano transmite realidades sobre os assuntos humanos e o conhecimento, através dos mais variados afetos. Para saber um pouco …
À conversa com Julia Peccini, poeta finalista do Prêmio Oceanos 2023 | Carla Nepomuceno
Julia Peccini Café com Português Você lembra de quando tinha 24 anos? Onde costumava ir, quais eram os seus sonhos, a música …