:: as Voyagers::
Nalgún lugar algo incrible agarda ser descuberto
Carl Sagan
Nalgún momento, entre a Cova das Mans en negativo e o disco dourado das
Voyager [1 e 2], aprendes a usar as mans, ser de palabra. Saes de ti mesma e
voltas a vista atrás, a un argueiro azul claro. Punto suspensivo en liña espectral
de suspensións. A imaxe tomouse dende un anel de neve de Saturno. Ou dende
o anel do toco dun carballo celeste. Ou dun tentáculo de lura a través dun
chorro de tinta de luz.
Anos antes de vela coma un puntiño, a cosmonauta Tereshkova,Чайка
[Gaivota], dixo: «Aquí Chaika, vexo o horizonte como unha raia azul. É a Terra.
É fermosa! Mulleres do mundo, saúdos!» Raia, punto, liña: morse espacial. Xogo
de ópticas. Dilatación. Pareidolia.
Que miraches e volverías facelo. Só querías dicirme iso: «No teu libro, escribe
que mirei e volvería facelo.»
Exploradoras por curiosidade, dá xenio vervos.
Ondas cerebrais dunha moza namorada, baleas, foguetes, Bach e saúdos de
secretarios xerais de Nacións Unidas, onde ides?
Mans pigmentadas de rosa e ocre, onde ides? Hai 40.000 anos ou dentro de
40.000. A 21.000 millóns de quilómetros sodes o meu ollo desorbitado, sen
pestanas, unha palma pluricelular que se abanea ao vento, plancto redondo
coma labios pronunciando O, a membrana que rodea o núcleo dunha metáfora,
unha pata periscopio cun acto de lingua, sinapse-luz. Tecedes o fío do desafío,
traficantes de risco, buscavidas.
[«O noso gran poema sapiens xa alén do vento solar», din
Sede de palabra:
bebede preguntas que sigan dando sede.]
| curiosa mente |
Curiosamente
tocounos aquí.
Tocástesme
e
toqueivos.
Nin cen anos antes nin cen despois. Tamén é casualidade. Na aira da
antimateria e dos buracos negros sacamos a cabeza polo oco da mesma árbore.
Séndonos apenas un malentendido do carbono que así e todo se sobreentende
coa luz
Curiosamente
na era en que a enerxía escura florece entre neuronas aínda falamos de guerra
humanitaria ou de pobres de solemnidade. Coido que somos quen de paradoxos
mellores, po-éticamente sostibles.
Se non reinventamos
curiosamente
rebentamos
Convivimos coas papuxas –esas aves a se orientaren polas estrelas que só voan
de noite, cegadas de lumen–, e cos escaravellos peloteiros, tecnicamente entre a
merda e a Vía Láctea. Cuspidiños a nós.
Igual é cábala ou azar, pero as 88 teclas dun piano tócanse con 88 constelacións
recoñecidas no ceo; e o eixo da Terra inclínase 23º como 23 pares de
cromosomas no cerne das túas células. Tamén é casualidade.
Algo íntimo nos toca en nós e átanos con supercordas ao abismo
ao tacto galáctico dos liques
e á tataravoa que se mutou soa na noite
para dar coa palabra e darte a luz
Non podemos curarnos a curiosidade.
Pedímoslle peros á alma, que sempre os dá
e unha vida sen sinestesia
sábenos menos a vida, non?
En canto a ti…
-Perdoa, como lectora teño tamén algo que dicir
-Certo, adiante
«Curiosa
mente…
Tres chíos
Boa noite, libros que se len sendo unha persoa e se relén para caer na conta de
que xa somos outra.
Facer contigo o que a espiral logarítmica fai coa cuncha
das buguinas
Somos xente cultivada: temos millóns de bacterias.
| CO2 |
Onte nunha charla no planetario local: «O CO2, ese gas que nos estraga o clima,
podería crear en Marte unha atmosfera»
Quedamos coa bocalada de O2 así
a medio camiño entre Terra e pulmóns. Conque
o CO2 que nos fai infumables
pode facer habitable
o CO2 cuxa cabeza até onte tiña un prezo
seica mañá requira almacenaxe,
distribución interplanetaria, leis e doses.
Abominable de moi preto
adorable á distancia debida.
O vilán CO2 podería ser se quixera
o heroe CO2.
Depende do lugar do universo no que campe o tal dióxido
depende do seu uso e con qué intencións.
Ti, que quitas vida, darasme a vida.
O tóxico mantense á raia como pode. Preguntádelle
aos ollos das patacas
ao sagaz perexil. Ás pastillas.
Á dixitalina coagulada no estralote.
Omnia venenum. Dáme outra galleta desas.
Entra Paracelso con pés de chumbo:
«Todo é veleno. Nada o é…»
Do mesmo xeito certas saudades
sentidas cos sentimentos axeitados
son saúde
| lingua sobrenatural |
se abres unha mazá
se lle partes o corazón no medio
cun corte crocante
dos que desprenden olor
un cheiro rubio profundo por un silencio
a clorofila
se abres a mazá así entre as túas mans
de primate
esas mans que non coñezo e adoro de antemán
se cortas | a mazá | polo seu | eixo imaxinario | de mazá
o seu ecuador de mazá /a súa traxectoria dividida en dous/
no aire introvertido sobre a cabeza dun Newton que toquea
dun fillo de Guillermo Tell cunha espiñada
se abres a mazá de Turing
a mazá madrasta
a mazá mordida cun xersei de arco iris
se abres as mazás máis mazás de todas as mazás
e todas as mazás do mundo
ácidas e nucleicas
as camoesas que xamais probei
as de Paris volto Hespéride
ese mozo louco con roupa de muller
mazá travestida
con marcas de dentes e unha drupa fértil
até a voracidade
se o fas
se o fas
mete a lingua na estrela de cinco puntas que rodea o poema
★
la pomme
la pomme fatale
★
pebideiro de estrela
semente de cianuro
ácido azul a eslavar enlaces celulares
mete a lingua no que non se atreven outras
mete a lingua até a dor á fin das mazás en flor
estrela coa túa lingua na semente do abismo
é dicir
rompe a falar
rompe a falar dioivo vivo o que unha vez foi escuro
no centro explosivo dunha froita fetal feita na luz
a túa lingua
cara ao sobrenatural
2012
Estíbaliz Espinosa [Río]. A Coruña. Escritora, músico, tradutora, divulgadora en ciencia. Publicou varios libros de poemas, algúns como expresión da cultura única que hibrida ciencia e humanidades [as neuronas irmás, Curiosidade, -orama, número e, Zoommm.Textos biónicos, Papel a punto de]. Obtivo premios como Afundación-Pen Galicia 2017, Esquío 1999 ou o Espiral Maior 2001. Publicou tamén relatos sobre mulleres científicas [Cápsulas de Son, iBooks, 2015] , o álbum infantil Caer de cu polo Universo e o libro de traducións de poetas estranxeiros ao galego A illa curiosa e a tradución do universo. Colaborou con Naukas, a revista Principia e en documentais para o Planetario da Coruña. Escribe tamén para a Orquestra Sinfonica de Galicia. Obra súa foi traducida a xaponés, hebreo, catalán, farsi, inglés ou italiano. É licenciada en Socioloxía e mais en Filoloxía Hispánica pola UDC. E astrónoma afeccionada; interésalle a constelación que une tecnoloxía, ciencia, linguaxe e maternidade.
www.estibalizespinosa.com
@EstibalizEs
foto de capa por Oscar Blanco
You might also like
More from Estíbaliz Espinosa
Entrevista a Estíbaliz Espinosa
Estela Pan entrevista Estíbaliz Espinosa sobre o seu primeiro poemário "número e".
Galician Power, de Xosé Iglesias e homenagem poética à centola
"Galician Power", de Xosé Iglesias, encabeça uma homenagem à centola seguida por Estíbaliz Espinosa, Ramiro Torres e Alfredo Ferreiro.