“Soño e vértice”, da poeta Eva Veiga, conseguiu o Concurso de Poesia Concello de Carral de 2015, e foi publicado recentemente por Espiral Maior.
Agradecemos à autora o envio destes 5 poemas pertencentes à sua obra para serem publicados na Palavra Comum.
NOTA: a fotografia é de Alfonso Costa.
***
Hai un lugar con auga e canaveiras
na miña imaxinación.
É un lugar de difícil acceso
e non sei realmente o que alí acontece.
O meu corazón detense
a unha distancia prudencial
e vólvese xa remando.
Sen afondar.
***
Adoitábase esparexer millo ou alpiste sobre as tumbas
para alimentar aos mortos que voltaban con disfrace de paxaros
Czeslaw Milosz
baixo por onde adoito te ergues
escaleira de sangue e soberbia
eu tal vez un desamparo armándose
delicada pel para as horas máis infames
mergullo dedos entre restos calcinados
extraio certos vómitos da desmemoria
no afán seguramente de acalmar o remorso
ferida incurable da nosa propia coitelada
sabor de fume amargo dicir das augas
polos ollos que descenden até o simulacro
porque quizais o real é só a greta e aniña fóra
alí a vinganza do que existe
luz da rosa aaaaaa déixaa entrar
***
Eu era unha vasilla e os seus fíos desfacíanse coma o alabastro baixo a auga. Sobre todo eran fíos de sede e os doutores experimentaban vellas alegorías sobre a capacidade infinda do deserto. Pasaron así semanas e atravesamos as fronteiras onde a dor extrema se fai ao cabo territorio da dozura e amencimos sen máis defensa que a pel exhausta do camiño. Non te rindas, dicíasme, agora es a flor e a bolboreta, bailemos.
***
nacer
de novo
en formas
de flor
branca
enxameados
de silencio
os dedos
comparecen
e volves
na noite
corazón
ante o que
recóndito
se oficia
vacilante
derramar
o viño
***
se só puidese
achegar a ti este desexo…
sen ver ábresme de pedra
teño un corpo na luz
a súa escura palpitación
enraíza neste abismo
desvíveme
e nácelle as miñas ás ao vento
You might also like
More from Eva Veiga
10 poemas de Eva Veiga
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, A Coruña, 1961). Xornalista e poeta. Ten publicados os seguintes libros de poesía: Fuxidíos ( Esquío, 1993), …
Entrevista I Eva Veiga: “A experiencia de creación artística ten que ver co equilibrio entre razón e intuición”
- Palavra Comum: Que é para ti a poesia? - Eva Veiga: A poesía primeiro de todo foi para min, e …