PARA QUE EU BEBA
Estou chafando coa culler
as follas no chan. Falando
cos migallos polos que lean
os gorrións e a pomba…
A pomba, os gorrións e eu
limamos coas pestanas os
bordos do sol, pero só Deus
traballa para que eu beba.
CANCRO
Dende hai uns días neva
nos ollos de Deus e eu
procuro comprender, no máis
íntimo de ti, esa pródiga
conxura azul que de súpeto
se expande, ese movemento
informulado da sombra
arredor do teu corpo.
MIRO DENTRO, temo
o corazón no intre exacto do
puño e a chispa. Fráxil,
a música muda a túa pel
a ambos lados do espello,
e hai corredores tan dentro
que en min perden os
nervios as estrelas. (…) Pai!
Ouh, pai! Quero que o ceo
chegue á orela, e abrazarme
á acordanza dos teus ollos,
e procurar nesa costa
o teu corpo. E estreitalo até
a calma, até o silencio da
luz, até a matriz da pedra,
até o suicidio das ondas.
NON HAI AZUL para afogar
o amor. (…) Entre nós, arde
o bosque.
A MORTE MEDRA en círculos
de campá e pranto e esgota
na cidade a dozura das pervincas.
Unha voz afirma:
«Ti xa nunca terás a idade
dos suicidas. O ceo é a ollada
que escolliches, abrazado á pedra.»
BEBO SÓ, baixo a noite e
sobre a noite. Trago da
primeira á última estrela.
Brillan os nomes no bordo
do vaso. Brillan os nomes
no fondo do vaso… Aboia
na saliva un sol vermello,
coagulando as arengas. E
digo: «A manía das agullas
fode ave e canto.» E penso:
«Deus é tamén isto: Éxodo,
plan de batalla.»
DEVORO AS VOCES. Coloco
muros onde houbo ríos.
Tapio os corpos. A historia atravesa
a carne nas entrañas da luz.
«Un suspiro e estarei morto», penso.
A néboa álzase dúas palmas
sobre o chan. Os gatos, tras
os muros, tosen.
WAKE UP
Coloco as tibias. Abotoo a
vida. Escribo na miña
respiración a palabra F I N.
Vacante de ti, separando as
letras.
**
Luís Valle (Lugo, 1977), xestor cultural, escritor e artista plástico. É licenciado en Humanidades, diploma de estudos avanzados en Literatura Española, especialista universitario en Dirección de Empresas Tecnolóxicas, master en Métodos e Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural e experto universitario en Políticas Culturais pola USC, o CSIC e a UOC. Autor ou coautor de preto de trinta libros. Como poeta ten publicado o volume Zigurat (Scio, 2001), composto polos libros Jano, Jethro en Irán, Poemas para el silencio e Inacabado, e os poemarios Epitafio y corona para Manuel Quiroga (de la luna libros, 2007), A caída (Pen Clube Galicia, 2009), Fedor (Sotelo Blanco, 2011), Caderno do mendigo (Barbantesa, 2011), As cicatrices do Sol (Sotelo Blanco, 2015), Trona, o merlo (Barbantesa, 2015) e Para que eu beba (Barbantesa, 2017). Dúas décadas de produción poética pola que obtivo, entre outros, os premios Afundación, Eusebio Lorenzo Baleirón e Lueiro Rey. Luís Valle colaborou con máis de oitenta
publicacións nacionais e internacionais dos ámbitos da educación, a xestión cultural, a arte ou a literatura e dirixiu, entre outras publicacións, a revista cultural do campus de Lugo, “Evohé”. Nestes últimos anos, tivo a oportunidade de participar en proxectos e eventos culturais como o Xacobeo 2010, a Exposición Mundial de Shanghai ou a World Music Expo (Womex). Na actualidade, traballa nun departamento de comunicación institucional.
8 poemas incluídos no livro “Para que eu beba” (Editorial Barbantesa, 2017).
Curadoria de Tiago Alves Costa.
You might also like
More from Luís Valle
Entrevista | Luís Valle: “A poesía existe para dignificar a vida”
- Palavra Comum: Que é para ti a poesia, e a arte, em geral (fotografia, etc.)? - Luís Valle: A poesía …
2 poemas de Luís Valle
1 Pastas ruda e bebes vi-ño. Arriba cantan os martelos e as estrelas contémplante e rin, pois non traballan en ti os timbres da congoxa! * 2 Hai ollos fortificados de partir …