«A AELG LAMENTA QUE GEORGE STEINER DESCOÑEZA E DESPRECE A LINGUA E A LITERATURA GALEGAS.
(A Coruña, 27 agosto 2008).- A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) lamenta profundamente as declaracións de George Steiner a respecto do noso idioma e da nosa literatura. Non podemos aceptar, nin pasar por alto, que unha persoa de probada valía intelectual, que no seu día recibiu o premio Príncipe de Asturias da Comunicación, manifeste un descoñecemento tan elevado da nosa literatura e non teña reparos en demostralo nunha entrevista, amosando un total desprezo polo que non coñece, facendo gala da súa ignorancia e demostrando unha nula gratitude cos cidadáns do Estado que un día o premiou.
A AELG quere pensar que estamos ante un caso de descoñecemento temerario da nosa tradición literaria, e non ante un prexuízo, que non poderíamos entender nunha persoa desta traxectoria e que, no entanto, si é quen de entender a cuestión catalá. Por tanto convidamos ao señor George Steiner a visitar o noso país e coñecer a nosa lingua e a nosa cultura, manifestándolle que nos encantará ilustralo sobre as antigas e fértiles orixes da lingua galega e da súa literatura, que transcendeu as fronteiras da Península, converténdose o noso legado literario medieval en modelo literario culto de referencia, e aínda hoxe é obxecto de admiración e estudo en todos os países do mundo, como o demostra a produción editada nas diversas manifestacións de xéneros literarios, ora clásicos ora en proceso de reinterpretación, as traducións a múltiples linguas europeas, a súa presenza en congresos, seminarios, encontros e outros foros literarios canda representantes doutros sistemas literarios, os importantes premios e recoñecementos conseguidos polos escritores e escritoras en lingua galega, no panorama estatal e internacional, así como os milleiros de páxinas escritas, dentro e fóra do país, ao redor da reflexión teórica que a creación literaria en lingua galega provoca nos estudosos e críticos. […]» (Continúa na Axenda Cultural da AELG)
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …