Hai cen anos o mundo deu en correr e un dos primeiros en se decatar foi Filippo Tommaso Marinetti (1876-1944), un característico produto da cultura europea finisecular, cun fondo romántico e anticlásico que xustifica as súas viaxes á procura de todo o que se afaste da tradición e que, no seu caso, o leva a enxalzar a moderna sociedade mecánica e industrial.
Marinetti publica, o 20 de febreiro de 1909, o Manifesto Futurista na primeira páxina do xornal Le Figaro: fermosa e escandalosa –máis polo contexto- intervención. Difícil sería imaxinar hoxe algo semellante nun diario conservador, como era o parisiense.
Para conseguilo, o escritor italiano realizou unha agresiva ofensiva –xa sabemos que a guerra era a hixiene do mundo- que tivo como finalidade a conquista dunha rapariga de vinte anos, que respondía ao nome de Rose Fatine e que era filla de Mohamed El Rachi Pachá, personaxe ben influínte no Exipto británico, moi rico, e accionista do citado diario da capital francesa.
Non sei se a conquista tivo como preludio unha cea, mais é ben probábel.
O indiscutíbel é a enerxía despregada, espello dun tempo, o anterior á Grande Guerra, en que todo se acelera e cobre o mundo de bólidos. aeroplanos e fíos eléctricos; en que a perspectiva renacentista se perfora cos raios X e o dinamismo cinematográfico rompe o escenario estático, un dinamismo que axiña se converterá en terror de obuses e gas mostaza. Como sabemos: o soño da “automoción” produce monstros.
Mais, vaiamos entrando en materia. Non pode sorprender que o futurismo, coa súa vontade de intervención en todos os terreos, tamén se interesase polo gusto e a alimentación, a máis inevitábel e pracenteira práctica cotiá. O futurismo enxalzaba a simultaneidade e a sinestesia, quería reproducir a velocidade no lenzo ou na escultura, por exemplo. A operación de comer combina o gusto, a vista, o olfacto, o tacto e mesmo o ouvido, se atendemos ao intre preciso.
Comecemos, xa que logo, cun INICIO VARIADO, como variado é o fermento creativo do movemento e variadas son as evocacións ás que a sinestesia nos transporta.
ESCUMA HILARANTE DE CINZANO
O adxectivo hilarante define á perfección a volcánica enerxía e ambición do primeiro futurismo e de Marinetti en particular. Gastronomicamente hilarante foi a Prima serata futurista al Politeama Rossetti de Trieste, o 28 de decembro de 1930, nela a novidade provocadora consistía en alterar a orde culinaria constituída: comezaron co café e mais a sobremesa (doce) para continuaren co aperitivo e o vermú. Ruptura na sintaxe gastronómica que evoca as rupturas poéticas das Parole in libertà, cos seus versos libres e tipografías expresivas.
ANTIPASTO SIMULTÁNEO
No Manifesto de 1909 Marinetti afirmaba que “a literatura exaltou até hoxe a inmobilidade pensativa, o éxtase e o sono. Nós queremos exaltar o movemento agresivo, o insomnio febril, o paso de carreira, o salto mortal, a labazada e a puñada”. Esta vontade de dinamismo, de querenza pola simultaneidade de visións é proba da intensa vivencia deste tempo en que o movemento se investiga cientificamente, as imaxes fotográficas fanse instantáneas e simples. Un tempo en que Eadweard Muybridge (1830-1904) estudou sistematicamente o movemento de animais e seres humanos por medio de experimentos fotográficos e en que o cubismo presenta unha nova estrutura do espazo, rompendo a perspectiva tradicional.
Aperitivos simultáneos que podemos apreciar tamén entre nós, nos versos galegos e futuristas de Vicente Risco (1884-1963) de 1920 nos que ouvimos a “Todal-as sirenas a un tempo a sonar/ Trés pintados de sol furando a terra/ no cabo de todol-os paralelos” nun caótico simultaneísmo.
COPETE ESTIMUGÁSTRICO
Cómpre facer a dixestión de todo o adquirido, dos contrastes, das mesturas, do caos creador. Futurista é o gusto pola experimentación e a percepción de que a unidade do real non debe darse no pensamento a través dun procedemento de raciocinio, senón na sensación fortemente emotiva da realidade. Que mellor que a comida, coa súa cadea de estímulos para percepción directa e intensa, simultaneamente física e mental.
AEROVIANDA
O Aerobanquete futurista de Novara preséntasenos como un suceso visionario, que se adianta á cociña máis moderna, e no que o táctil e o olfactivo xogan un papel sobranceiro. O termo “aerovianda”, lévanos, vía aérea, cara a Aeropittura, unha das manifestación do futurismo serodio –como a cociña futurista-, ou mellor aínda, metamorfose do futurismo que representou a concreción artística do fervor pola aviación que invadiu a Italia dos trinta, coas grandes fazañas de diferentes aviadores. Un fenómeno perceptíbel noutros países e mesmo en Galiza, onde temos unha brillante aeroescultura: o Monumento ao aviador Loriga (1933), realizado en Lalín por Francisco Asorey, no que dominan as liñas rectas e as interseccións, evocando a unha cruz, de esquema máis simple e que asume certos modos lenemente poscubistas, moi de moda na escultura monumental desta época, aínda que afastado da “mobilidade perenne” da que falaba o Manifesto da Aeropintura, de 1931, asinado por artistas como Balla, Depero, Fillia ou Marinetti.
Por certo, na fermoso volume de Marinetti e Fillià La cucina futurista. Un pranzo che evitò un suicidio (hai tradución portuguesa e castelá) aparece unha “Aerovianda atlántica” que moito lle prestaría ao Vicente Risco atlantista, ese Risco que no seu “U… ju juu… (Poema futurista)” dicía:
Duas áas diagonaladas d’azur baten no mar
Sóbor do Atlántico a diástole imensa da raza
Vapor en todol-os motores do mundo
Añudadol-os nosos nervos á todol-os fíos eléctricos
Terra
A Cruña fita as brétemas d’Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
O intelectual ourensán, neste poema cheo de imaxes de eléctrica velocidade, definía a cidade de Vigo en manifesta clave de progreso e avanzada, afondando nunha percepción común no tempo entre galegos e foráneos que visitaban a nosa urbe, que a situaban na vangarda da modernidade debido ao seu sorprendente e espectacular crecemento e ao seu forte dinamismo social. Futurismo e identidade, viandas para ir facendo camiño.
PRATO NUPCIAL
Os querubíns empáchanse de confeites e envorcállanse sobre as flores de azar do vestido nupcial
Marinetti
O casamento é un bo motivo para pór en escena o feroz antisentimentalismo vangardista. As manchas de sopa sobre o vestido nupcial, di Marinetti, se cadra corrixan oportunamente o “insolente e pouco afortunado exceso de candor”. Lembra similares pasaxes de escritores vangardistas, como o noso Manuel Antonio, que, na parte final do Prólogo dun libro de poema que ninguén escribeu (1924) adquire un ton moi semellante, antisentimental, irónico, dun humorismo provocador, como ao facer referencia ao título de supostos poemas: “Recomendo-vos antre os seus poemas o «Madrigal a Lúa preñada», onde o poeta oferta o seu amor seisual a Lúa, probe nena burguesa a quen volveron histérica todol-os castos poetas do mundo; a «Balada imprevista dos pinos solteiros», «O sorriso dos (o)llos axionllados», e o «Poema pra ler pasado mañán»”.
Manchas, amor sexual, flores de azar, vestido nupcial…, pasamos do futurismo ao surrealismo, nunha imaxinaria montaxe fragmentaria. Se tamén quebra un bouqueliño da sopeira do prato nupcial, mel nas filloas!, o filme está xa rematado.
RISOTTO FUTURISTA
A pasta, prato nacional italiano, non goza da simpatía do futurismo, mesmo falan da abolición da pasta que engorda, embrutece, engana na súa capacidade nutritiva e fainos escépticos, lentos e pesimistas. Prato do pasado para Marinetti que con esta afirmación consegue novamente provocar, irritar. Procesións nas rúas, cartas de súplica e liortas adubaron a provocación vangardista, que, felizmente, non puido suprimir o pracer dunha boa pasa.
CARNEPLÁSTICO
O pintor futurista Fillia crea este prato, deseñado como un grande cilindro, no que a evocación arquitectónica é evidente. Sensibilidade espacial que fai que Marinetti e Fillia deseñen pratos arquitectónicos: cubos de pastaflora; paralepípedos de espinaca; cilindros de turrón de Cremona; pirámides de potaxe de legumes; tubos de pasta de dátiles… Deseño gástrico.
POSTRELÁSTICO
BREVE APONTAMENTO DE SOBREMESA
Logo da rechamante sobremesa e antes da dixestión, un breve epílogo que pode abrir apetitos para afondar neste singular capítulo das vangardas.
A cociña futurista organizouse como tal relativamente tarde, no segundo futurismo. O Manifesto foi publicado na Gazzetta del Popolo o 28 de decembro de 1930 e aséntase coa publicación do libro de Marinetti e Fillia, La cucina futurista (1932). O templo desta cociña era a Taverna del Santo Palato, ao comezo da via Vanchiglia de Turín. Os chef eran Prampolini e Fillia.
A experiencia histórica foi breve, a guerra, a autarquía e a fame eran inminentes. Pero foi un estímulo experimental, nun dos ámbitos, o gastronómico, máis virados para un falso e repetitivo concepto de tradición. A proposta ía a serio aínda que non renunciase ao gusto pola representación espectacular, típico do comportamento futurista.
Nota: Texto elaborado para a sesión gastronómico-literaria realizada no restaurante do MARCO de Vigo en colaboración coa Fundación Carlos Casares e os Amigos do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o 27 de outubro de 2011. Os distintos apartados -en maiúscula- corresponden cos pratos elaborados por Miguel Oliveira.
[Foto de cabeçalho: Wikipédia]
You might also like
More from Carlos L. Bernárdez
Conexións surrealistas: Colmeiro, Granell e o surrealismo no exilio | Carlos L. Bernárdez
A Fundación Eugenio Granell alberga a exposición Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o surrealismo no exilio, un proxecto comisariado por …
As leccións do mestre Castelao
O chegada do óleo A derradeira leición do mestre, propiedade do Centro Galicia de Buenos Aires e agora exposto na …