Infelizmente, non puidemos postear ao vivo desde a casa de Edicións Xerais, por falta de conexións á rede suficientes na sala en que o acto tivo lugar. Conformes co que si puido ser, moitos temas foron tratados que fixeron rendíbel a viaxe pola diagonal do mapa desde A Coruña. Algúns dos que máis nos interesaron foron estes:
A nova web d’A cova das vacas mortas. Santiago Jaureguizar comandou unha viaxe pola nova web que apoia a promoción xeral do libro, e que ofrece entre outras actividades a convocatoria pública para enviar pequenos vídeos (10-40 segundos) sobre os temas explorados na obra. Manuel Bragado recalcou o decidido interese da editorial en que este espazo non fose utilizado con utilidade comercial, senón como un complemento innovador da edición en papel que é ofrecido aos lectores.
Os temas da obra. O autor manifestou que non desexa moralizar sobre os temas que a obra ofrece, senón simplemente presentalos como motivos para a reflexión. Entre eles, asumiu como un dos máis relevantes da obra o seguinte: pode unha artista traballar publicitando un réxime sanguinario sen macular a súa propia imaxe coa súa colaboración profesional?
A lingua literaria. Preguntado sobre a importancia que el lle outorgaba ao dominio da lingua para a construción dunha lingua literaria que contribúa á ideal manifestación dos obxectivos narrativos, o autor contestou: “A lingua é algo secundario na miña obra. Unha vez que a lingua literaria cumpre a súa misión a través dun ritmo adecuado ao servizo da narración, debe caracterizarse pola transparencia.”
Sobre a crítica literaria na Galiza. No contexto da recente fundación da Sección de Crítica Literaria da AELG, preguntamos a Jaureguizar que opinión ten da crítica literaria galega e que melloras estima debe esta promover. A súa resposta foi: “Faise unha crítica boa para as condicións de que se dispón. Estou pola profesionalización do sector, aínda que recoñezo que é difícil porque non vende. Precisa dunha maior independencia, e a isto podería contribuír que fose remunerada e que os autores asumisen mellor as críticas recibidas. Non hai que confundir a crítica das obras coa crítica das persoas.”
A tarde resultou realmente substanciosa en compañía de: Jaureguizar, Martin Pawley, Folerpa, Ignacio Chao, Tati Mancebo, Celia e Manolo. Para máis información sobre o acto, vídeos incluídos, visiten Brétemas e O blog dos pelachos.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …