Robert Sayre
Revue française d’Études Americains, vol. 55, nº 1, 1993, pp. 43-55
Se está claro que os anos trinta dos escritores «comprometidos» implican dúas fases distintas, tamén o está que a guerra civil que desgarrou España entre 1936 e 1939 constitúe un dos acontecementos decisivos, senón o acontecemento-clave, na segunda fase. A primeira fase ve desenvolverse unha escrita politizada, cuxo núcleo duro será e literatura denominada «proletaria» ou «revolucionaria», baixo a influencia dun partido comunista no seu «terceiro período» sectario. A segunda fase enceta en 1935, co anuncio da Frente Popular: en adiante, o «compromiso» en literatura tomará a miúdo unha nova forma.
Outra data importante na mutación dunha fase a outra: febreiro de 1934, cando militantes comunistas perturbaron unha reunión socialista no Madison Square Garden, suscitando unha carta aberta de protesta por parte dalgúns escritores e intelectuais de esquerda. É unha primeira manifestación do desenvolvemento, entre estes, dunha corrente crítica «esquerdista» do stalinismo que contará na segunda parte do decenio.
Hai que engadir, no entanto, como lembra utilmente A. Muraire1, que o radicalismo dos anos trinta se limita a medios relativamente circunscritos e a unha produción literaria restrinxida. Máis alá de modificacións na política dos escritores, non hai que esquecer a evolución na sociedade americana cara á masificación. É a época en que Time, Life, Esquire, etc., comezan a alcanzaren grandes públicos, entregando un produto política e socialmente indiferenciado. Os escritores, por suposto, non escapan enteiramente a esta influencia: teremos ocasión máis adiante de evocar a «mediatización» das aventuras de Hemingway durante a guerra de España.
Pódese dicir, dunha maneira xeral, que a opinión pública americana sobre este conflito foi bastante homoxénea, e que o seu punto de vista corresponde bastante ao do medio dos escritores, no que incluímos os críticos e ensaístas a carón dos autores de ficción. Segundo A. Guttman, deixando fóra a Depresión e o inicio da Segunda Guerra Mundial, «ningún acontecemento público dos anos trinta contou tanto para os Americanos como a guerra de España», comprendidos os apolíticos; e un Gallup Pol da época mostrou que o 80% dos cidadáns dos Estados Unidos eran favorábeis aos Republicanos2. Ora, este vivo interese, e esta moi gran maioría que se identifica cos leais, encontrámola igualmente nos rangos dos escritores. Cando en 1938 a League of American Writers enviou un cuestionario aos escritores dos Estados Unidos sobre a guerra de España, e publicou as resposta co título Writers Take Sides3, o resultado foi esmagador: 98% das persoas interrogadas, entre eles autores importantes como Faulkner, Steinbeck, Sherwood Anderson, Thornton Wilder, séntense concernidos e decláranse polo goberno legal, mentres soamente un poucos (principalmente o poeta Robison Jeffers) permanecen neutros, e que un só autor (completamente escuro) toma partido por Franco.
A diferenza entre as porcentaxes de pro-Republicanos no público e nos escritores suxire un maior nivel de compromiso nestes últimos; mais pódese explicar tamén, cando menos en parte, pola diferenza entre as dúas sondaxes: Writers Take Sides é unha enquisa «non-científica» que expresa ela mesma unha toma de partido antifascista. No que respecta ás motivacións ideolóxicas dos que apoiaron a República española, entre os Americanos en xeral e entre os escritores en particular, pódese facer a mesma observación: se existe, quizais, unha maior politización á esquerda entre os escritores, a maioría nos dous grupos está, sen dúbida, motivada por sentimentos humanitarios e «liberais» ou por un desexo de ver vencido o fascismo, que ameaza por todas as partes moito máis que o espírito revolucionario.
En todo caso, o grande interese manifestado pola guerra de España suscita nos escritores… moitos escritos. A importante bibliografía de Guttman4 enumera, sobre a guerra de España, cando menos nove novelas, unha ducia de obras teatrais, uns corenta relatos, máis dun centenar de poemas e moitos mais ensaios e artigos5. Os xornais nos que aparecen os contos, os poemas e os artigos son de natureza extremadamente variada, suxerindo a amplitude e a diversidade do público: órganos de partidos ou de tendencias políticas, revistas confesionais, revistas intelectuais politizadas, revistas de arte e de estética habitualmente «au-dessus de la melée», magacines middlebrow, de difusión media, e magacines de grande tiraxe.
Nesta considerábel produción pola súa cantidade, hai que dicir que a miúdo falla a calidade. Trátase de obras escritas demasiado preto do acontecemento e en moitos casos con fins propagandísticos6. Poucos escritos literarios americanos sobre a guerra de España sobreviviron ao momento e ao contexto da súa produción, comprendidos os dos autores mais importantes que a tomaron como tema. Mesmo a obra máis célebre de lonxe –Por quen soan as campás?– é decepcionante en moitos aspectos. Outras novelas sobre a guerra –de Upton Sinclair e de Dos Passos– hoxe están completamente esquecidas, e con razón.
Mais se en conxunto o valor das obras en tanto que creacións literarias resulta máis ben débil, o que os escritores escribiron –e ao mesmo tempo o que fixeron arredor deste conflito– non foi descoidado polos investigadores. Porque as actividades e os testemuños dos escritores na guerra de España constitúe un privilexiado para estudar a relación entre as letras e a historia, e máis particularmente o compromiso dos intelectuais do século XX nos movementos «progresistas». De modo que a bibliografía dos estudos neste eido non cesa de medrar7.
A maioría destas obras teñen en conta, con máis ou menos acerto, a dimensión política da guerra, as estratexias e os comportamentos de ambos lados no que Orwell chama «above all things a political war»8. Porque a política xogaba, con efecto, un papel primordial nunha situación na que o campo republicano se dividía entre unha coalición moderada (comunistas e centro esquerda) e partidos «esquerdistas» revolucionarios (anarquistas e POUM, próximo do trotskismo); os primeiros acabaron por dominar, freando as iniciativas populares de socialización da propiedade no inicio da guerra e reprimindo a sangue e fogo aos segundos. A coalición moderada, dominada polo Komintern e Stalin, realizaba unha campaña de propaganda nos países «democráticos» e o seu discurso sobre a guerra (trátase dunha loita non-revolucionaria entre demócratas e fascismo; os grupos revolucionarios son aliados do fascismo) prevaleceu en xeral entre os simpatizantes do lado republicano. A este respecto, América non era diferente doutros países, e se encontramos nos seus escritores todos os matices de opinións, é a alianza entre stalinistas, «compañeiros de viaxe» e liberais quen arrastra á maioría.
Os comunistas stalianianos propiamente falando tiñan unha audiencia directa relativamente restrinxida, autores como Michael Gold e Alvah Besie expresábanse nas páxinas do Daily Worker ou de New Masses. Moito máis influentes eran os «campañeiros de viaxe», a miúdo autores doutro calibre, que adoptaron a perspectiva xeral do Partido sobre a guerra sen aceptaren toda a súa ideoloxía ou sen se adheriren a el: é o caso de Theodore Dreiser, Malcolm Cowley e, paradoxalmente, o apolítico Hemingway. Esta posición desenvolveuse principalmente en New Republic, da que Cowley é o director literario. Lillian Hellman e Dorothy Parker son «liberais» preocupadas pola guerra que están, tamén, asociadas ao Partido: aparecían nesa quintaesencia da perspectiva stalianiana que é The Heart of Spain, antoloxía (post-mortem) de documentos e de fragmentos literarios sobre a guerra, editada por Besie en 1952.
Mais existiu unha parte significativa da intelixencia literaria que non compartía esta óptica, que a miúdo se opuña a ela, denunciando a represión exercida polos comunistas en España, e que ás veces preconizaba tamén unha posición revolucionaria sobre a guerra. Esta compoñente estaba constituída, por unha parte, de socialistas de esquerda, como o novelista Upton Sinclair e o redactor xefe de Modern Monthly, V. F. Calverton, e doutra parte, sen dúbida cun peso intelectual maior, de todo un grupo de críticos e de autores neoiorquinos, trostskitizantes en diversos graos, que gravitaban arredor de Partisan Review: Philip Rahv, F. W. Dupee, Dwight Macdonald, Lionel Trilling, Mary MacCarthy, Edmund Wilson. A este grupo pode asociarse igualmente Dos Passos, aínda que non mantivese vínculos particulares coa Partisan Review. Con Trilling e Wilson, Dos Passos asinara a carta aberta de febreiro de 1934 criticando a política staliniana9.
Ora, se ben estes disidentes socialistas ou trostkistizantes estaban a miúdo máis ou menos influídos polo anarquismo, non había anarquistas no sentido estrito entre os escritores americanos importantes durante a guerra de España, como foi o caso de Inglaterra con Herbert Read e Aldous Huxley.
Fóra da oposición stalinianos/liberais da Frente Popular e os seus críticos de esquerda, e atravesándoa, pódese constatar outra corrente intelectual que motivou o compromiso pro-republicano: Guttman bautízaa «organicista», mais poderíase tamén nomeala «romántica»10. Corrente de oposición á modernización industrial, tecno-científica, comercial, ve nos leais os defensores dunha España primitiva, campesiña, precapitalista contra un fascismo que, co seu armamento asasino, constitúe o último pesadelo da modernidade. Esta corrente de interpretación da guerra está representada especialmente por Van Wyck Brooks, Waldo Frank e Lewis Mumford, mais áchase tamén en certos poemas de Kenneth Rexroth; e, tamén, pódese observar á vez en Hemingway e Dos Passos, no entanto completamente opostos a nivel político.
A política dos escritores comprometidos estaba, por outra parte, en plena evolución durante o período. O movemento xeral partía dunha posición comunista ou pro-comunista, para tender axiña cara á dúbida, incluso a crítica. Pasábase ás veces por unha etapa «esquerdista» (sobre todo trotskistizante) e desembocábase a miúdo no rexeitamento de calquera forma de socialismo. Mais esta mutación, no entanto, tomaba formas moi diversas e desenvolvíase máis ou menos rapidamente, mentres que entre certos escritores, non existiu ningunha clase de movemento (como testemuña The Heart of Spain, de Bessie, sempre staliniano en 1952). Alá onde se producía unha evolución, os procesos de Moscova funcionaban sempre como un acelerador, mais a guerra de España, actuaba tanto como de acelerador como de freo. Porque se podía sentir repulsión polo papel dos axentes do Komintern, mais tamén se podía convencerse de que nada era máis importante que a vitoria contra o fascismo e que calquera crítica entorpecía este esforzo.
É así que Cowley continuará a defender publicamente os procesos de Moscova (aínda que «abatido» pola noticia, como o testemuña nunha carta a E. Wilson en 1937)11, e, a pesar das súas reticencias, a «liña» comunista en España, até que o pacto Hitler-Stalin o empurra a romper completamente co comunismo. Tamén ao xove crítico Alfred Kazin a convicción de que a loita antifascista primaba ante todo, impediulle durante moito tempo facerse preguntas: cando un camarada do City College, retornado de España, lle contou historias da represión en Barcelona en 1937, Kazin simplemente negouse a crelo12.
Mais a traxectoria dun Philip Rahv, por exemplo, foi máis precipitada. A Partisan Review, que editou con H. Phillips, era unha revista comunista entre 1934 e 1936, cando a súa publicación se interrompeu. Unha toma de consciencia por parte de Rahv e do seu contorno, iniciada en 1935, desembocou na «segunda» Partisan Review, inaugurada en 1937, esta vez decididamente anti-staliniana. No que respecta a Dos Passos, xa crítico cos comunistas en 1934 ao asinar a carta aberta, a experiencia da súa visita a España (onde soubo que un amigo seu –José Robles13– fora executado pola policía política) reforzouno na súa oposición pública.
Os escritores americanos tiveron, polo tanto, diferentes ópticas –ás veces cambiantes– sobre a guerra de España; as súas actividades con relación a ela foron igualmente diversas. Algúns dos que se sentían concernidos, pero non eran os máis numerosos, foron a España. Cando Hemingway se dirixiu ao segundo American Writer’s Congress, en xuño de 1937, ao regreso da súa primeira visita durante a guerra (fixo catro), revelou o feito de que poucos escritores americanos fixeran o esforzo –e correran o risco– de ir ver o que pasaba. Os voluntarios que coñecía na Lincoln Brigade, encarecía Hemingway, só escribían cartas14! Era un discurso característico del, porque así se valorizaba, mais o que dicía non era de todo falso. Muriel Rukeseyer e Joséphine Herbst estiveran no primeiro período, Dos Passos pasara apenas algunhas semanas: chegado a España a colaborar con Hemingway para un filme de propaganda, The Spanish Earth, rifou con el e interrompeu a súa estadía. Fóra deles, pouca xente.
Hemingway, como Dos Passos, coñecía ben España e tiña nela moitos vínculos antes da guerra, polo que estaba particularmente disposto a volver alá. Á parte do traballo sobre o filme, a actividade principal en España do futuro autor de For Whom the Bell Tolls foi xornalística. Enviado como correspondente de guerra pola NANA (North American Newspaper Alliance), que agrupaba uns sesenta importantes xornais, Hemingway tiña un auditorio inmenso para os seus despachos de Madrid ou da fronte, anécdotas humanas ou relatos militares, que gababan a miúdo os seus propios coñecementos e o seu valor. Time e Life deron conta tamén –con abundantes fotos– das viaxes a España do autor. Así, as actividades en España, e o discurso sobre a guerra, de quen era xa unha verdadeira celebridade mediática en América15, tiveron un público incomparabelmente máis importante que o doutros escritores.
Despois de xuño de 1937, un número considerábel de escritores americanos foron a España. Cowley (e tamén Anna Louise Strong) asistiu ao congreso Internacional dos Escritores en Madrid, en xullo de 1937; Parker e Hellman, Erskine Caldwell, Langston Hughes e Theodore Dreiser visitaron máis ou menos brevemente a retagarda republicana en 1937 e 1938. E algúns escritores uníronse á Lincoln Brigade, principalmente Edwin Rolfe e Alvah Besie, e ambos editaron (co escritor británico Ralph Bates) o xornal da Brigada, Volunteer for Liberty16. Mais víronse relativamente menos escritores americanos de talento que ingleses ir combateren a España.
Non obstante, mobilizáronse moitos mesmo nos Estados Unidos para sosteren a causa da República Española. Intentando convencer aos seus concidadáns e ao goberno americano, e ao mesmo tempo recoller fondos (algúns escritores, como Steinbeck e Hemingway, fixeron eles mesmos importantes contribucións financeiras). Este esforzo era encadrado por organizacións xa existentes (a League of American Writers, dominada polo Partido Comunista Americano) ou creadas ad hoc con este obxectivo (American Friends of Spanish Democracy, etc.). Houbo reunións de diversos tipos: grandes xuntanzas e mitins máis modestos, conferencias de escritores retornados de España (os europeos André Malraux, Ludwing Renn e Ralph Bates fixeron xiras polos Estados Unidos), proxección de filmes (nomeadamente The Spanish Earth, proxectada a Roosevelt na Casa Branca e logo en casas de actores de Hollywood, onde se recolleron 20.000 dólares).
Mais, por suposto, eran os escritores que mediante os seus escritos, en primeiro lugar, interviñan, querían actuar ou reaccionar durante a guerra de España. En 1937 publicouse And Spain Sings, unha colección de cancións republicanas traducidas e adaptadas por poetas americanos17; e aínda o ano seguinte apareceron dous libros militantes que intentaban sensibilizar a opinión: Writers Takes Side, con declaracións de escritores sobre a guerra, e Salud!, antoloxía de textos literarios americanos. Ademais destas obras colectivas, ao longo da guerra apareceron regularmente artigos de análise e de opinión, testemuños de estadía en España, relatos e poemas; ao mesmo tempo publicouse un certo número de obras teatrais sobre a guerra, que foron as veces escenificadas (publicada en 1938, The Fifth Column, de Hemingway, foi estreada en Broadway en 1940), ás veces lidas na radio (Air-Raid, de A. McLeish, en 1938).
Estas dúas obras mostran ben, por outra parte, a diversidade das estratexias literarias que puxeron en práctica os «compañeiros de viaxe» (como Hemingway, McLeish traballaba coas organizacións da Frente Popular e participou principalmente no segundo American Writer’s Congress). Air-Raid, curta peza en verso que, como o Guernica de Picasso, ten como tema un ataque aéreo sobre unha aldea, non fai ningunha alusión aos fenómenos políticos ou históricos. Incluso España non é explicitamente nomeada como o lugar da acción, mais o auditor de 1938 non podía enganarse. Trátase sobre todo dunha meditación, a varias voces, sobre a natureza da guerra, e en particular da guerra moderna. Para os campesiños e as campesiñas que aparecen nela, a guerra descende como unha praga inexplicábel. Esta praga é a tecnoloxía punta (os bombardeiros) que veñen destruír o eterno e o natural (a aldea campesiña), a horríbel ironía do progreso é que agora destrúe en masa as mulleres e os nenos como os homes. Así, a peza de MacLeish sitúase na liña das visións «románticas» da guerra de España.
En The Fifth Column, pola contra, fálase moito de política, cando menos superficialmente. O heroe, Philip Rawglins, que traballa para a Oficina de Seguridade en Madrid, é comunista, mais un comunista tal e como pode ser imaxinado por un «compañeiro de viaxe», porque as súas ideas sobre o sentido do seu compromiso semellan as dun New-Dealer. É, no entanto, dunha lealdade absoluta cara ao Partido, e sacrifica o amor (Dorothy) pola sucia máis necesaria tarefa de policía da República. A tortura e a execución practicadas polo seu xefe Antonio, na loita contra a Quinta columna (en principio, fascistas agachados entre os republicanos, mais en realidade tamén disidentes), son consideradas por Philips como desagradábeis pero esenciais. Esta peza, xa que logo, xeralmente xulgada pola crítica como unha da obras menos conseguidas de Hemingway, constitúe unha defensa e ilustración do papel dos comunistas en España, cun fondo de liberalismo tendente ao apoliticismo (a última consigna dada a Petra, a criada: «I have no politics. I only work18».
Unha terceira obra teatral, Key Largo (1939) referente á guerra foi escrita por un dramaturgo de certa envergadura: Maxwell Anderson. Aquí exprésase o desencanto que pode instalarse cada vez máis nos «compañeiros de viaxe» a medida que a guerra camiña ao seu fin. No prólogo asístese a unha discusión entre os membros desmoralizados dunha pequena unidade de brigadistas americanos. Xa non saben por que loitan e a principal razón de permanecer é non ser fusilado como desertor. Pregúntanse se a súa improbábel vitoria non faría senón instalar unha ditadura, se o resultado sería «to make the world safe for Stalin19». En King, o xefe da unidade, a crise desemboca nunha perda total de significación: «all the formulas are false… democracy, communism, socialism, nazism –dead religions.. men are a silly accident, meaningless, here in the empty sky…20». A excepción de King, todos os homes da unidade aceptaron permanecer no fronte malia o seu desconcerto; e King morrerá para rescatar a dignidade que perdera pola súa deserción. Mais a expresión de desilusión socio-política do inicio fica convincente. Esta lucidez decepcionada atinxirá a moitos escritores despois da Segunda Guerra mundial –«consecuencia» literaria a longo termo da guerra de España», segundo a tese de J. M. Muste21.
É interesante observar que a versión fílmica de Key Largo, aparecida en 1948, cando a guerra fría xa comezara, non retén nada do prólogo e borra toda referencia importante á guerra de España.
Polo que respecta a outros xéneros literarios, se manifestamente se escribían máis facilmente poemas que relatos, é, quizais, cando menos en parte, porque relativamente poucos americanos estiveran ou combateran en España, aínda que o relato ten tendencia a se focalizar nunha realidade «obxectiva» e o poema máis sobre a relación dun suxeito enfronte desta realidade. O que non impediu a certos autores de relatos (ou novelistas) tomar como obxecto, non a guerra en si mesma, senón as súas repercusións no contexto americano22. Os catro relatos de Hemingway que beben das súas experiencias persoais da guerra, son claramente máis interesantes desde un punto de vista literario que The Fifth Column.
Na produción poética, os poemas máis conmovedores son, no modo elexíaco, os que se laian do sufrimento, da morte, o a dilapidación e o fracaso. Esta visión negra pode imporse cedo no conflito: así Rexroth, en «Requiem for the Dead in Spain» (New Republic, 24 de marzo de 1937): «Alone on a hilltop in San Fracisco suddenly/ I am caught in a nightmare, the dead flesh/ Mounting over half the world presses against me»23. Ou ao final, cando a propia República se morre, como no fermoso «Say That We Saw Spain Die» (Harper’s, outubro 1938), onde Edna St. Vicent Millay compara a República a un touro: «O splendid bull, how nell/ You fought!/ Lost from the first…/ … charing/ Almost a world, utself wothout ally…/ Say that we saw Spain die from loss of blood… no espada…»24
Quedan as tres novelas en que novelistas de talla (mais certamente de talla desigual) abordan esta guerra. A primeira, cronoloxicamente, No Pasaran!, de Upton Sinclair, aparece en 1937 e reflicte o optimismo que puido expresarse até despois da vitoria de Guadalaxara. O autor non era dos que visitaron España en guerra, así a cerna da intriga trata do preludio, en América, dunha partida de voluntarios e a conclusión, situada en España, baséase en informes e reportaxes sobre a guerra. A novela, un centenar de páxinas, foi editada como folleto barato, a custa de autor, que a concibía como unha arma de propaganda: na portada, Sinclair exhortaba ás organizacións antifascistas a comprala en cantidades a prezo barato e distribuíla urxentemente entre as «masas».
No plano político, No Pasarán! semella ambiguo. O grupo de voluntarios americanos componse principalmente dun socialista de esquerdas, un comunista e un anarquista, e as disputas doutrinais entre estas tendencias e outras (sobre todo o trotskismo) son evocadas no relato. O representante do anarquismo, e sobre todo o socialista revolucionario (que corresponde mellor á posición de Sinclair), son presentados como máis simpáticos que o comunista, dogmático e desprovisto de sentido do humor. Mais o ton da crítica é lixeiro e finalmente todo o mundo se entende en nome da Frente. Así, moitas páxinas insisten no íntimo vínculo entre o fascismo e o capital («Franco’s revolt [has] been financed by Standar Oil and Royal Dutch Shell…», declara un escritor retornado de España nunha reunión)25, e fan aparecer á guerra, en contra da «liña» comunista, como unha loita anticapitalista, outras evoca a Frente Popular sobre o tema da preservación da democracia. A nivel estético, o fracaso case total (a falta de densidade dos personaxes, o aspecto mecánico da intriga, etc.) explícase sen dúbida en gran medida polo estreito obxectivo de propaganda.
Adventures of a Young Man, de Dos Passos, seméllase, en certos aspectos, a No Pasaran!: creación dun autor cuxa experiencia en España foi mínima, a novela trata sobre todo da educación político-social do seu protagonista en América. Mozos idealistas, os heroes das dúas novelas seméllanse até certo punto. Mais Adventures, escrita en 1938 e publicada soamente en xuño de 1939, é sombría alá onde No Pasaran! está inzada de esperanza. Adopta unha liña política clara alá onde a novela de Sinclair xogaba a varios taboleiros. Rudy Messer, na conclusión de No Pasaran!, sae vivo dunha defensa heroica e consegue chegar a Madrid, mentres que Glenn Spottswood morre miserabelmente ao fin de Adventures, enviado á morte pola policía política. Spottswood é un revolucionario disidente que toma consciencia da maldade dos stalinianos en América antes de ser a súa vítima en España. A novela traduce, de moi preto, a perspectiva política do grupo de Partisan Review (achégase tamén a Homage to Catalonia). Mais desde un punto de vista literario marca un retroceso con relación a USA e significa o fin da carreira novelística de Dos Passos; porque incluso se a súa «mensaxe» non é a mesma, Adventures é (como serán os escritos posteriores) un «panfleto» como No Pasarán!26
For Whom The Bell Tolls, redactada despois do fin das hostilidades e publicada en 1940, lanza unha mirada retrospectiva sobre a guerra que se quere «obxectiva» e equilibrada. De feito, como intentamos demostrar noutra parte27, non o é: trátase dun visión moi «orientada» do conflito, a do «compañeiro de viaxe» liberal e apolítico que foi Hemingway durante toda a guerra. E isto a pesar do célebre retrato de André Marty, que fica precisamente unha excepción, ou as pasaxes dispersas na novela que semellan críticas fronte aos comunistas. A este respecto, a recensión de D. Macdonald no momento da aparición da obra, representando o punto de vista disidente de Partisan Review, conserva toda a súa acuidade28. Pertinente é tamén o ensaio do escritor español Arturo Barea, que participou na guerra e para quen a novela é quizais fiel a Hemingway, mais non a España ou á guerra29. Isto a pesar de aspectos salientábeis: Barea recoñece principalmente, da mesma maneira que o grande historiador da guerra Hugh Thomas30, a veracidade con que Hemingway recrea o ambiente de Gaylord’s, o estado maior soviético en Madrid.
Non é interesante constatar que foi talvez o maior dos best-sellers de Hemingway, en moitos aspectos reflexo ficticio do discurso ideolóxico dominante sobre a guerra, que modelou a imaxe desta guerra no espírito das xeracións posteriores? Existen outras percepcións da guerra de España, certamente, mais fican en xeral agochadas nas páxinas poeirentas de textos lidos agora só polos especialistas.
***
NOTAS
1 Ver André Muraire, «Sur l’écriture “radical” aux Etats-Unis dans les années trente», RFEA 29 (1986).
2 Allen Guttman, The Wound in the Heart: American and Spanish Civil War (New York: Free Press od Glencoe, 1962) 202; John Gerassi, The Premature Antifascists: North American Volunteers in Spanish Civil War, 1936-1939. An Oral History (New York, Praeger, 1986) intro. 14.
3 Ed. D. O. Stewart, New York, 1938. Este libro modélase sobre unha enquisa semellante realizada entre os escritores británicos, publicada en Londres en 1937 e intitulada Authors Take Sides.
4 Na súa «Bibliographie selective de la guerre civil espagnole» (in Les Écrivains et la guerra d’Espagne, ed. Marc Hanrez, «Les Dossiers H», Panteon Press, 1975), Maryse Bertrand de Muñoz cita algúns títulos suplementarios soamente no terreo literario americano, mais non menciona todos os que están en Guttman.
5 Guttman revela tamén unha produción importante nas outras artes: pintura, escultura, ballet (principalmente Martha Graham).
6 É o xuízo global do autor dunha das principais monografías sobre os escritores (de diversos países) e a guerra de España: Frederik R. Benson, Writers in Arms: The Literary Impact of the Spanish Civil War (New York, IP, 1967), 40-41.
7 Se se restrinxe unicamente ás publicacións en lingua inglesa ou francesa que concirnen cando menos en parte os escritores americanos, cóntase agora con máis de media ducia de monografías, tanto coleccións de ensaios como antoloxías, sendo os períodos máis intensos de publicación o fin dos anos 60 e dos anos 80, cando o trinta e cincuenta aniversarios da guerra.
8 Homage To Catalonia (New York: Brace and Co., 1952) 46.
9 Sobre este grupo de intelectuais, ver Alan Wald, «Revolutionary Intellectuals: Partisan Review in the 1930», in Literature at the Barricades: The American Writer in the 1930s, eds. R. F. Bogardus e F. Hobson (U. of Alabama P., 1982).
10 Sobre o concepto de romanticismo. Ver Robert Sayre e Michael Löwy, Révolte et mélancolie: le romantisme à contre-courant de la modernité (Paris: Payot, 1992).
11 Citado en James Gilbert, Writers and Partisans: A History of Literature Radicalism in America (New York, John Viley and Sons, 1968) 157.
12Ver Stanley Weintraub, The Last Great Cause: The Intellectuals and the Spanish Civil War (London: W.H. Allen, 1969) 294.
13 O seu tradutor, e galego de nacemento. (N.d.T.)
14 Citado in Stanley Weintraub, The Last Great Cause, op. cit., p. 221.
15 Ver John Raeburn, Fame Became Of Him: Hemingway as Public Writer (Bloomington: Indiana UP, 1984).
16 Ver Gerassi, The Premature Antifascists, Part II. É verdade tamén que Louis Fischer, escritor americano que vivira durante moito tempo na URSS desde os anos 1920, foi desde moi cedo oficial de intendencia nas Brigadas.
17 Eds. M. J. Bernadette e R. Humphries, New York, Vanguard Press.
18 Ernest Hemingway, The Fifth column and Four Stories of Spanish Civil War, New York: Scribner’s, 1969) 26.
19 Maxwell Anderson, Eleven Verse Plays: 1929-1939, (New York: Harcourt, Brace and Co.) 9, 10.
20 Ibid., 21.
21 En Day That We Saw Spain Die:Literary Consequences of the Spanish Civil War (Seattle: U of Washington P. 1966).
22 «Who Might Be Interested», de Dorothy Parker, describe unha velada chic á que é convidado, como vedete, un escritor retornado de España: Voices Agains Tyranny: Writing of the Spanish Civil War (New York, Scriner’s, 1986) 192-197. E a novela de Mary MacCarthy, The Company She Keeps (New York, 1939), que trata da toma de conciencia do papel xogado polos comunistas en España, se sitúa no medio intelectual neoiorquino.
23 Voices Against Tyranny 94. Citamos tamén James Rorty, «Elegy for the Spanish Dead», Modern Monthly 19 (setembro 1937).
24 Voices Against Tyranny, 221-222.
25 Upton Sinclair, No Pasaran! (Pasadena, CA, 1937) 44.
26 Para unha discusión de Adventures e de Dos Passos durante a guerra de España, ver Robert Sayre, «Anglo-American Writers, the Commnunist Movement and the Spanish Civil War: The Case of dos Passos», RFEA 29 (1986).
27 Ver «Politics in the Literature of the Spanish Civil War: The Case of Hemingway», in Actes du colloque: Guerre et littérature dans le monde anglophone (Le Mans: Publications de l’Université du Maine, 1988).
28 «Reading from the Left to Right», Partisan Review 8 (xaneiro-febreiro 1941).
29 Arturo Barea,«Not Spain but Hemingway», Horizon (2 de maio de 1941).
30 Ver Stephen Cooper, The Politics of Ernest Hemingway (Ann Arbor: MI: UMI Research Press, 1987) 107.
a
You might also like
More from Crónicas
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …