Espreguiceime na cama. Tiña aínda a roupa posta e a nugalla adherida ós ósos, pero non fora quen de durmir nada. Acendín a lámpada. O reloxo sinalaba as dúas da noite. 02:00.
Mirei fóra. O tren estaba parado, tal e como estaba previsto. Recoñecín a estación pola xanela, malia a escuridade. Tan só un punto polo que pasara de xeito fugaz ducias de veces e ó cal nunca lle dera importancia. O meu destino era a capital, estación final. Pero iso sería ás sete e cuarto da mañá, aínda quedaban varias horas.
A diferenza no traslado de hoxe era o maldito cambio de hora de outono. Explicoumo o revisor, pregándome comprensión cos ollos. Como levaban avisando teimudamente os medios de comunicación toda a semana, ás tres da mañá habería que atrasar o reloxo unha hora. E a compañía dos camiños de ferro tomou unha decisión controvertida: os trens circulantes a esa hora pararían sesenta minutos na primeira estación posible e logo seguirían o seu traxecto no seu horario habitual, pero pola hora nova. É dicir, nun día normal a chegada a esa estación estaba programada ás dúas da mañá e a saída ás 02:05. Esa noite sería distinto: o tren quedaría parado nese sitio ata as tres, no que os reloxos se atrasarían ata ser as dúas de novo e retomaría o camiño ás dúas e cinco, xa pola hora nova. Daquela a parada de cinco minutos prolóngase esa noite a sesenta e cinco minutos de cronómetro, pero oficialmente tan só cinco minutos. Os outros sesenta, como se non fosen. Unha hora que non era, nun lugar que tampouco.
E por que non seguir camiño ignorando o cambio de hora, chegando a destino con unha hora de antelación oficial? O revisor explicoumo con pouco convencemento, como repetindo o que lle instruíran en instancias superiores. Cambios de vía inesperados, complicación nos transbordos, confusión nos viaxeiros, anarquía, caos.
Nunca comprendín ben a razón cósmica para andar mareando cos reloxos dúas veces ó ano, e moito menos a solución aportada pola ferroviaria, pero era o que había. Despois de marchar o revisor arrepentinme de non preguntarlle como facían no cambio de hora de verán, no que os reloxos se adiantaban das dúas ás tres. Mágoa.
En resumo: restábame unha hora enteira alí en ningures. E non tiña sono. E aburríame.
Sentín movemento polos corredores do coche cama e vin pola xanela algúns pasaxeiros saíndo fumar á plataforma. Decidín imitalos. Calceime, puxen unha chaqueta, collín o tabaco e saín, a ver se podía queimar así algúns minutos deses sesenta que me restaban nese lugar. Había tempo mesmo para ir dar unha volta, mais a esas horas da noite non era aconsellable. Quedaría na plataforma.
Alí estabas ti con outra persoa, fumando cun propósito semellante. Preguntáchesme se sabías por que estabamos alí parados e eu expliquéivolo. A terceira persoa deixounos axiña (non acado lembrar nada dela, nin sequera a súa aparencia ou xénero) e entrou no vagón mentres ti e eu riamos da “estraña” e “absurda” decisión da compañía con respecto do cambio horario, e malia todo expresamos a nosa devoción polos trens como medio de locomoción. Adorabamos o ferrocarril. Entre outras cousas porque nos permitía ler tranquilos e sen marearnos. A conversa derivou daquela en libros e cine. O entusiasmo por tantos puntos en común era intercalado por silencios breves, nada incómodos, se non se nos ocorría nada que dicir, calar era unha alternativa válida e aceptada, mais profanar o silencio con calquera parvada non o era.
Un halo tremelucente de humidade circundaba os farois da estación. A noite era fría mais, porén, amigable para esas datas de outono. Nas seguintes chicadas ó cigarro a conversa derivou devagar ó terreo persoal. Viaxabamos por negocios e en solitario. Ti amosáchesme o teu anel de matrimonio, eu entendino e agradecín interiormente a túa honestidade. Eu falei dunha relación, pero sentinme ridícula en comparación, daquela non lle vía moito futuro, como así foi. Novo silencio, este si que foi máis tenso. Era o momento de escoller: ou ben dar un paso máis naquel xogo, sen volta atrás, ou ben retirarme con dignidade.
Xúroo, son eu a que estaba para retroceder, todo demasiado complicado. Non era o meu estilo. Ata ese punto dominaba as regras do xogo, a partir de aí eran descoñecidas. Tería clara as pautas da miña actuación noutro escenario, pero alí, nese apeadeiro estraño, vendo consumirse esa presada de minutos entre fume na friaxe, naquela hora e naquel lugar que non eran…
Mais ti solucionáchelo. Sorriches e seguiches falando. Eu deixeime enguedellar, finxindo que todo aquilo era inevitable, que non podería deixar o xogo aínda que quixera, cando a verdade era que si podía abandonar, pero non quería. Cansara de ser prudente.
Convidáchesme ó teu dormitorio. Non lembro o pretexto, amosarme un libro, tomar algo nun sitio máis quente. Agradoume a seguridade da túa voz e o nerviosismo da túa mirada, ti tamén querías, ti tamén tiñas dúbidas. Guiáchesme ata un camarote perfectamente idéntico ó meu, non sendo polas túas cousas aquí e acolá e o teu arrecendo impregnando todo, mesturado co do plástico dos mobles ferroviarios. Estaba a só dúas portas do meu, pero non cho dixen, a partir de aí non falamos moito.
Dáme a sensación de que foron máis minutos dos que marcou o reloxo. Tocáchesme o lombo, aterecido polo frío, apertáchesme contra ti, pero non ousaches bicarme, fun eu quen tivo que facelo cando xa non podiamos máis. Espímonos e ti concedíchesme o liderado, deixácheste facer, polo menos de primeiras. Cando eu vacilaba, ti tomabas a iniciativa, e viceversa.
Penso que estivo ben, todo entre excitante e tenro, todo o ben que se pode pasar unha primeira vez entre descoñecidos nunha cama de tren estreita e impersoal. Sentíame ben, sen vergoña nin ese típico arrepentimento digno e ridículo.
Logo quedamos mirando para o teito, mentres nos aloumiñabamos na nosa nudez, en silencio. Ía calor naquel cuarto, a nosa pel estaba aínda quente. Contra os meus desexos, tiven que me vestir, necesitaba ir ouriñar ó servizo, o cal estaba fóra do cuarto. Quería quedar e non moverme do teu carón ata que o tren chegara á capital. Logo xa veríamos. Reprimíame para non fantasiar, esa aventura era o que era, mais eu son así, penso de máis nestas situacións.
Cando saía, dixéchesmo. Non adoitabas facer isto, ser infiel, entendíase, sempre desprezaches a quen o facía. Xa, claro. Non souben que dicir. En fin. Logo mudaches o ton, sorriches, era a primeira vez que o facías cunha muller, dixéchesme. Gustaras moito.
Eu quixen apoñer algo, mais sorrín e calei. Saín cara o servizo, no mesmo vagón. O corredor estaba frío en comparanza co camarote, correume un arreguizo como un lóstrego. Mirei ó reloxo. Pasaba algo das tres da mañá, 03:00. Lembrei o de que era preciso atrasar a hora ás dúas. O tren comezou moverse, retomabamos o camiño.
E daquela comprendino. Coñecinte ás dúas, eran as dúas. Unha hora que non foi, unha hora tan doada de borrar do reloxo como da memoria. Ti soubéchelo sempre, así non terías nada de que te arrepentir. Probares algo novo e seguir o teu camiño. Nada que ocultar porque nada pasou, a hora foi borrada, e eu con ela.
Sentinme estúpida porque non me enganaches, enganeime eu soa, foi todo tan evidente. Ás présas, pasei de longo do teu camarote e fecheime no meu. Así de doado. Ti non sabías onde eu estaba.
Quedárame a miña chaqueta e os calcetíns no teu cuarto. Nunca os recuperaría, tíñao claro.
Sentei coas costas contra a porta. Tras un bo anaco que de certo xulgaches longo de máis para estar no servizo, saíches ó corredor, chamáchesme polo meu nome, só se ouvía o meu nome pola túa voz e o bruído do convoi. Ti soa no corredor do vagón, eu tan preto, detrás da porta. Non respondín. Temín que seguiras a chamarme e que eu non puidera resistir e tivera que saír, ou que te puxeras a petar en todas as portas ata dar comigo.
Non me volviches chamar, non insistiches, non pagaba a pena espertar ós demais pasaxeiros. Imaxinei a túa estrañeza. Sentín pisadas e logo pecharse a porta do teu cuarto. Logo, só o bruído do tren.
As horas pasaron implacables, sen lembrar aquel horario antigo, como se sempre tiveran sido así.
You might also like
More from Francisco Castiñeira
Cuspidiños
E non sabes con quen me atopei? Coa Sabela, a do Roxo. Si, ía ben de tempo sen vela, porque …
O escribente
- Que queres? -inquiriume secamente o vello. Medio corpo tapado pola porta que abrira só en parte, o outro medio …