Tentamos agora pasar a limpo as ideas até agora expostas para promover “unha auténtica discusión sobre a planificación da proxección exterior da cultura galega” (Arturo Casas). Vaiamos por partes:
1. Urxe a creación dun debate sobre as razóns que converxen para que a literatura galega careza “dun espazo propio e definido na cartografía dos comparatistas de prestixio e nas dos máis reputados historiadores das literaturas europeas ou da literatura europea como entidade, sexa isto o que for” (Arturo Casas).
2. No contexto das operacións mediáticas de Madrid, debemos ter presente o funcionamento dos centros ideolóxicos (Arturo Casas). A cuestión talvez sexa que non temos creado o noso centro. E non imos poder ofrecer unha imaxe nítida (a única válida) no exterior se o noso centro permanece difuso.
3. Acontece que o que até agora tivemos polo noso centro non pasou dun falarmos “de portas adentro” (Arturo Casas). “Carecemos dunha estratexia de país para dar a coñecer a nosa lingua e a nosa literatura no mundo. Artellala en man común (coas achegas e xenerosidade de todos) sería a mellor lección que podemos tirar desta “polémica Steiner”” (Manuel Bragado). O que demostra que non só estamos na periferia por ausencia de centro, senón que temos unha actitude periférica que impide os nosos produtos seren recoñecidos como de calidade.
4. Debemos tomar aquelas “decisións adiadas durante excesivo tempo por institucións, medios e gobernos: como identificarse e autorrepresentarse?, como proxectarse e dialogar coas representacións que as outras culturas fan de nós?, como xestionar o noso desigual legado cultural e literario (da Idade Media ao século XIX) e a excelente hora presente (séculos XX e XXI)?, como convencer(nos) de que tras o hiato histórico de séculos seguimos sendo nós e somos tamén outros?, que interlocutores elixirmos?, que medios?, como dialogar coa Galiza que non se identifica con esa tradición?” (Arturo Casas). Sen dúbida, responder estas incógnitas é que realmente nos colocaría nunha posición en que a literatura galega irradiase luz propia.
5. Como proposta máis clara para suplir as necesidades de imaxe Arturo Casas defende a creación “dunha entidade de proxección exterior como a comprometida repetidas veces. Un Instituto/Centro/ Rosalía de Castro ou como se decida chamalo. É inadiábel.” E eu acrecento: tamén plataformas de traballo organizado que den corpo ao noso propio centro de identificación, creación e aprimoramento literario. Porque como afirma Casas “a carencia fundamental no noso caso é social e política”.
6. “Non hai solucións a curto prazo no mundo globalizado pero é moi importante ver o que funciona e o que non funciona nese marco. Facer unha análise seria e técnica de todo iso e logo intervir mediante unha planificación e unha estratexia técnica e política de prazos medios. As traducións, a procura de novos círculos de correlación con determinadas culturas e determinados colectivos (as culturas de sempre e outras, os colectivos de sempre e outros) e a rede serían para min os fundamentos básicos do avance que arelamos” (Arturo Casas). Non temos unha rede xa de comunicación complexa que funciona como caldo de cultivo en que as necesidades de actualización cultural resultan resaltadas? Somos un país pequeno, e este facto neste caso resulta beneficioso. Somos varios os que cremos que a constitución de redes sociais apoiadas nos espazos virtuais son máis factíbeis na Galiza que noutros países como, por exemplo, Cataluña. O feito de estar comezando a erguernos tamén opera ao noso favor, no sentido de que son menos as dinámicas negativas arraigadas. En termos optimistas, temos todas as “oportunidades de mellora” agardando por nós. Só é preciso comprometérmonos cunha organización eficiente dos recursos.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …