a máquina do café
antes fervía nas palabras, vivía nese mar enxebre que me aloumiñaba con fonemas… iso era antes, antes de comezar a viaxe cara ao país das ruturas. unha colle maletas e bota o mundo ao seu redor. si, esa é a historia. o mundo escacha, ábrese coma un cadaleito, enche os ouvidos con ese barullo xordo de saberse vivo. pero non sempre o barullo son palabras. as palabras foron acougando mentres eu camiñaba por vieiros diferentes. ese foi o conto. alá quedaron, mergulladas nos océanos de antano. ás veces lembro a distancia como se fose un eco. ás veces os ecos parecen que amañecen polas mañás ateigados de saudade. pero só son ecos. e eu érgome da cama, acendo o quentador de auga. tomo unha menta. máis que nada por poñerlle un chisco de sabor á vida. emigro. emigro todas as mañás. no meu novo mundo hai máquinas que fan cafés con só botarlles unha moeda. fan menos barullo ca outros compañeiros de camiño. dende a máquina do café boto os ollos ao mar. vexo os remolcadores no porto. máis alá un horizonte case sempre azul e un sol tórrido. un chisco máis á dereita o auditorio parece unha pirámide en forma de onda ou un monolito, xa non sei. pero a máquina do café faime compaña. eu tamén lla fago, sentadiña á súa beira. despois, o vaso ao lixo e o regreso ao outro barullo, onde entreteño a mañá con trámites e silencios. xa non digo nada. as palabras non xogan comigo.
zapatos rotos
bochas nos pés. as plantas teñen fame. aforrar en zapatos. estirar as dedas, introducilas aos poucos na tina de auga quente con sal. salgar os ollos. a bágoa proe. a distancia tamén proe e eu, camiño cada día polas costas da cidade; subo e baixo ao calvario co desexo de chegar a casa, abrir o cuarto, meter os pés no descanso e atoparte sempre aí, coa ollada morna e sorriso doce, falándome en silencio do meu éxodo de ave migratoria, dos quilómetros que cada día calzan os meus pés ata chegar e volver da vella casa de oficios coma sempre, sen un pataco, pero intacto o desexo co que me aprazas na túa beira de selva tropical mentres me falas de tixolos espidos, dos nosos cascallos que algún día ergueremos, e entón collo o peto que está a carón do teu retrato e gardo o euro trinta de hoxe que aforrei de non gastar autobús; con isto xa temos douscentos setenta soños para estarmos máis perto, de ilusionarme porque talvez haxa unha superoferta nas axencias de viaxe ou en internet para que os nosos aires se acheguen; pode que en ano e medio as nosas mans falen de pel. teño ganas de ti, de repasar os regos do teu cabelo como cabaliños, de que a noite naza sen sal, aloumiñarche o sorriso. chegarei a bogotá co radar perdido coma un micho, quedarei moito tempo mirando para ti, sen dicir nada, porque todas as palabras ficarán nos meus pés, enchoupadas de frío, envurulladas nos zapatos rotos.
You might also like
More from Beatriz Dacosta
Toxomar é unha utopía (e V), por Beatriz Dacosta
TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter …
Toxomar é unha utopía (IV), por Beatriz Dacosta
TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter …