A maraña que habita dentro do cranio de Lorena Conde quédanos parcialmente exposta na mostra que forma parte do proxecto Nómades: entre a palabra e a imaxe, organizada e comisariada por Inma Doval, na libraría Biblos de Betanzos.
Lorena Conde, dramaturga, actriz, ilustradora, poeta… deixa caer detrás deste enguedello de obxectos e imaxes unha morea de palabras caladas ou, máis ben, faladas noutra linguaxe distinta da negra tinta das letras. Palabras mudas que parecen ser transportadas, coma silandeiros psicopompos, polos paxaros ocos que nos agardan como porteiros vixiantes para darnos a benvida e guiarnos, en espírito, na nosa visita.
Paxaros mortos, inertes, quedos, de cartón, cun gran oco no peito polo que deixan saír todas as teimas e inquedanzas persoais e artísticas da autora, pois ambas, como acostuma ser, son indivisibles. Acompañados por figuras antropomorfas, ocas tamén, amósannos xa a súa querencia pola ductilidade do papel, conseguindo transmitir imaxes poderosas e desacougantes dende o minimo.
Collemos entón o fío inicial desta viaxe coas acuarelas de “Ningunha tortilla é mala”, imaxes que foron acompañando os poemas da premiada obra de Eli Ríos. Imaxes tan sinxelas, visualmente falando, e tan limpas como potentes, coa cor morada como guía do significado que conecta a metáfora etérea coa materia común, dominado pola asoballante pataca grelada, conseguindo esa fusión necesaria co espirito que tentan transmitir os textos.
Os fíos da maraña atravesan tamén o teatro, territorio de sobra coñecido pola autora, enguedéllase nas máscaras de pasta de papel que inertes descansan e serven de pausa antes de aferrarnos ás seguintes creacións. Paradoxalmente, o teatro, medio da palabra falada, está representado polo silencio destes rostros calados, durmidos ou meditabundos. O gusto por traballar ese agradecido material queda de novo ben reflictido aquí, cun resultado orgánico moi atrainte.
A forza que se apreciaba nas acuarelas queda remarcada nos seguintes ilustracións, onde as cores e as formas rotundas reclaman enseguida a atención dos ollos. Colaxes onde corpos femininos nus, como estatuas moldeadas, semellan fuxir do marco mesmo, diante do fondo plano que as fai destacar todavía máis. Unha balea avanza sobre un mar vermello que parece ter vida propia. O vigor da composición no paxaro estampado sobre a infausta mancha maxenta, (un paxaro viaxado dende a entrada, quizais, que se resisitiu a abandonarnos) e no desconcertante magnetismo do retrato dunha muller que parece visitarnos desde o antigo para fitarnos mentres unha vexetación espiñada agroma da súa boca.
Outro dos fíos, desta maraña de medios, ideas e formas, que seguramente contén a maior carga persoal é, sen dúbida, o que despunta das pezas de “O perfil da boca”, nacidas dunha avoa á que nunca recordou antes da afasia. De aí xorde un xogo de imaxes a través das colaxes, onde ilustracións de antigos manuais anatómicos se mesturan con debuxos de plantas.
Boca, lingua, oido, man, cerebro, cabeza, a anatomía oculta dáse á comunicación non verbal a través da vexetación que vai xerminando dende a carne mesma, vaise abrindo á vida dende o máis interno, coma un berro mudo pero alto cara as nosas pupilas. Dende o silencio do branco e negro ás voces de cor que medran cara nós, fentos, fiuncho, flores. Resulta moi fondo o peso poético e simbólico desta parte da mostra. Xúntanse nela moitos dos eidos e inquedanzas da autora, porque son o mellor exemplo da traslación da poesía en palabras a poesía en imaxes, a fertilidade no silencio da comunicación.
A continuación atopamos unha serie fotografías enliñadas; “Ruina, paisaxe e misterio”. Así as titula, e son certamente así. Obxectos, arquitecturas, luces, sombras, texturas, recunchos mínimos, pechados. Composicións moi coidadas que semellan rescatar do tempo momentos de quietude máxima e soidade, como se de sempre houbese silencio neles, previo e posterior á toma.
Aparecen antes nós como recordos colgantes do camiño percorrido dende a preadolescencia onde recibiu a súa primeira cámara de fotos. Recordos de misterios buscados e atopados, aínda que ao ollalos non sexamos quen de desentrañalos.
Fotografías enfiadas como metáfora perfecta do camiño vital e artístico polo que Lorena Conde vai avanzando, observando ao seu redor cunha profunda curiosidade activa na que, sen soltar a corda desta maraña, vai incorporando as súas inquedanzas. Facer andaina aproveitando o medio co que está a traballar (acuarela, pasta de papel, fotografía, colaxe, poesía, teatro…) para incorporalo a esa procura, esa continua procura a través das súas querencias persoais de experimentar coas formas e os materiais, para chegar a radiografiar o suxeito de entendemento, para chegar a entender os mecanismos da natureza mesma das cousas, dos obxectos, das persoas e mesmo da palabra. Para chegar a saciar esa sede de interiorización e pasar á seguinte busca, á seguinte etapa, coa que seguir progresando artísticamente ao tempo que se vai conformando como persoa.
E así imos deixando esta exposición, como de pequenos momentos collidos ao voo polo omnipresente espírito dos paxaros, como se das figuras de cartón, mortas, repousadas, baleiras, como se do oco no peito desas figuras xurdira o fio da mostra. E alí nos agardan para despedirnos, no mesmo punto onde nos recibiron, pero quizais acompañarnos aínda por un tempo, voando ao redor da nosa memoria.
A exposición A maraña, de Lorena Conde, pódese visitar na Libraría Biblos de Betanzos até o 3 de xuño.