Barthes afirmaba a morte do autor a mediados do século pasado, época na que Marguerite Duras realizaba os seus filmes, que se estendería aos 60 e 70. Época de rebelión no mundo occidental que tivera influído na súa escrita fílmica. Con todo, a súa biografía incidiu nos seus relatos. Unha morte así que se plasma nos filmes, que non deixan de mostrar aspectos que ela viviu e que se recompoñen en cada filme. Morte e vida como caras da mesma moeda.
O discurso amoroso está disposto a exercer unha certa rutina, que se volve sobre si mesma e da que é dificultoso saír. A pesar diso achamos singularidades que demostran que cada amor é único e que ten unha vida ad hoc e per se. Se Marguerite Duras ama, se a súa voz off ama, isto é tamén a través das imaxes que coidadosamente aparecen en planos secuencia.
Unha visión feminista que se instala no baleiro do son, sempre coa súa voz e que pasea polos xéneros que podemos constatar como articulados. Articulados na dor da morte e do amor, na presenza e na ausencia. Case tódalas súas personaxes son mulleres que se manteñen vivas grazas á loita pola propia vida, nunha especie de perseverancia humanista.
O corpo como materia que pode ser explicado non polas funcións biolóxicas senón a través dos espazos que ocupa, remitindo a un significado a posteriori que o leva da man do imprevisíbel. Achamos corpos que son despois de ser nun proceso de habitabilidade que transmuta a posición social para abolir calquera rastro de permanencia.
Mutacións que son a chave da identidade en procesos de cambio que nos fan ser nómades na sociedade líquida e que demostran que a adaptación ao entorno pasa pola viaxe interior e exterior nun momento cara adiante como unha especie de danza. Danza opaca que xoga coa luz. Para emprender un camiño, outro, aínda non transitado.
A linguaxe é o elemento máis importante na comunicación. Son moitas as linguaxes e estas defínennos. Aquí é perseverante porque leva ao límite a súa función, sendo un factor que nos autonomea e que ao mesmo tempo nos fai nomear os outros é dicir, ao mundo. Estes límites que se rompen e desdebuxan como forma de transformación e definición en curso.
Imposibilidade desde Duras de achegarse ao drama. Este é considerado un feito domesticado e ela aposta polo indomábel. Poder de resiliencia e o seu contrapunto e así chega a un lugar onde o non-dito se instala como nunha especie de epifanía que desborda as canles do río. Falar desde a palabra certeira, desde a celebración, a festa.
Así a muller faise libre de imperativos que so a reducen a unha categoría. A muller elixe o seu destino e asimismo o lugar que quere ocupar. Ese espazo por ela habitada demostra a liberdade que quere adquirir para ser dona do seu propio destino, sen marxes, sen clausuras, sen donos.
Desexos que non son revelados senón que conforman un misterio, así se atan ao baleiro e desposúen transcendencias que ocultan os beixos que elas non dan. Nun pretérito que volve ao presente e que se fai verbo e carne.
As palabras parecen ser o magma dos filmes de Duras. Palabras sen fin e sen límite que acadan en cada composición o terreo do resort libre. Estas fúndense coas imaxes e transforman sinestesias. Palabras que enchen o mundo de verdade e transcendencia.
Transformación da vida, existencia transformada, que nos leva polos roteiros do descoñecido, do incalculábel, tamén da perda. Esta que sinala a individualidade como materia primeira sen olvidar os trazos comúns que unen as existencias. O común e o propio iluminando os versos que nunca foron pronunciados.
O realismo quedou atrás despois da era da postverdade. Nada é o que parece. Na arte a vida é imitada de maneira contundente e mesmo tráxica. Ponnos diante do vivido e procura responder as cuestións chave da humanidade. Ver e verse. A verdade deixa de ser evidente e o falso parece instalarse en cada retallo. Os filmes son a verdade 25 veces por segundo pero tamén son construto, materia. Os filmes de Duras danlle a palabra á paisaxe que se xunta coa voz nunha composición que podemos denominar arte.
*
Foto: Marguerite Duras em sua casa, 1965. Por Bruno Barbery. (O Globo)
You might also like
More from Cinema
Entrevista | Roi Fernandez: “Caminhar é um acto profundamente político”
Roi Fernández (A Coruña, 1979) percorre formas híbridas de narração audiovisual e escénica desde 2001, passando pelos campos do cinema, …
Filmografía de Marguerite Duras: Un berro na noite
Na noite, os amantes rotos que desexan pousar os seus beizos nos beizos do outro e se configuran nunha epifanía …