A tradición grecolatina encheu e enche os modelos literarios e artísticos occidentais. Semella que seguimos camiñando a senda riscada por Winckelman a mediados do século XVIII. Pero outras culturas anteriores aportaron toda a súa identidade aos tempos posteriores. Que pasou hai 5 milenios na Baixa Mesopotamia? Que novidades técnicas e culturais nos chegaron desde Sumeria?
Selo-cilindro. Rei diante da gran deusa siria. s. XVIII a. C.
*
Mesopotamia coñécese tarde, cando as potencias europeas se interesan pola zona
Hai un camiño na historia da arte que nos leva hasta Mesopotamia. Salta por riba de Oriente, os maias e os indios norteamericanos. Nese camiño está Duchamp. Está Cézanne. Están Picasso e mais os cubistas; está Giacometti, Mondrian e tantos e tantos máis; civilizacións enteiras. Digamos que ese vieiro vai e vén de Mesopotamia desde hai uns cinco mil anos, polo que non ten sentido citar nomes (W. De Kooning, 1949)
A cultura europea sentiuse fascinada pola arte grega e romana desde a Idade Media, e máis especialmente desde os comezos do Renacemento. Non se pode entender a arte románica (mormente a súa arquitectura sen saber que os artesáns dos séculos IX, X ou XI vían e admiraban os restos que quedaban da Roma Clásica por toda Europa, e arredores. Teatros, anfiteatros, templos, …exercían unha forte fascinación nos arquitectos da etapa románica. Esta tese quedou ben demostrada coa exposición El Romànic i la Mediterrània que o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) organizou e presentou no ano 2008. A admiración continúa no século XVIII como se demostra polo feito de que un amante da arte grega, Johann Winckelmann, verdadeiro creador da historia da arte e da arqueoloxía, fose quen de apaixonar a toda Europa cuns poucos artigos defendendo que a beleza da escultura do século V a.n.e. (Polícleto, Fidias) era a perfección estética. Unha curta e vibrante biografía de Winckelmann é doado atopala no fermoso libro Peregrinos de la Belleza, de María Belmonte.
A partir de comezos do século XIX outra civilización cativará a sensibilidade europea e occidental: a cultura exipcia, mediando nese interese as expedicións napoleónicas a Exipto, onde constaban máis de 250 científicos de todos os campos do saber (entre eles Jean-Français Champollion). Daquela comezouse a coñecer a escrita e a traducir textos de hai milleiros de anos, e naceu a Exiptoloxía, rama da arqueoloxía dedicada exclusivamente a Exipto. A valoración positiva do mundo exipcio antigo aínda medrou moito máis cando en 1924 o arqueólogo norteamericano, Howard Carter atopou a tumba intacta do faraón Tutankhamon.
Oriente Próximo e Oriente Medio seguían esquecidos, baixo os dominios dos imperios persa e mais otomano, con sede en Istanbul. Pero, a I Guerra Mundial rachou en anacos o imperio turco, e mostrou aos ollos occidentais a importancia estratéxica das terras que van de Siria e Turquía ata Irak e Irán. Será, por tanto, a partir dos anos 20 do século XX cando se comecen as escavacións arqueolóxicas planificadas en cidades antigas dos terreos comprendidos principalmente no que se coñece como a Mesopotamia, terras encaixadas entre os ríos Tigris e mais Éufrates. Especial relevancia nas misións arqueolóxicas tivo o profesor Charles Leonard Wooley, británico, que trataba de competir coa fama e prestixio que xa tiña o pasado de Exipto. Tivo a sorte de atopar en 1927 os tesouros das tumbas reais da cidade de Ur, descubrimento que axiña ventilou en todo tipo de publicación, escribindo artigos científicos e outros de divulgación para que a prensa mundial ofrecese noticias e imaxes desas culturas ata entón descoñecidas para o público en xeral. Neste vídeo recréase o cerimonial das tumbas reais.
Do que aconteceu en Europa co coñecemento das culturas mesopotámicas nos anos 20 e 30 do século pasado ocúpase, en parte, a mostra Sumer i el paradigma modern, que agora presenta a Fundació Joan Miró de Barcelona. No período de entreguerras as culturas do Oriente Medio foron collendo pulo e ganando popularidade. Parte desa popularidade viña indirectamente pola facilidade que se daba ao poder relacionar a vida e restos desas cidades coas evidencias que aparecían na Biblia. Alí estiveron Babilonia, Gomorra, Sodoma, Ur, etc. Alí aconteceu o Diluvio Universal, alí edificouse a Torre de Babel, verdadeira icona da arte occidental de sempre (lémbrense as pinturas de Brueghel O Vello e tantos outros pintores sobre este tema). Por tanto existía certa predisposición para acoller de bo grado as informacións que ían saíndo á luz sobre o pasado da zona. Hoxe sábese que Sumeria foi a primeira e principal cultura da humanidade. Agricultura, urbanismo, escritura, son algunhas das novidades que os sumerios aportaron á humanidade.
Como anécdota dicir que co arqueólogo Woolley traballaba en lugar destacado outro arqueólogo chamado Max Mallowan, que foi o segundo home de Agatha Christie. Agata Christie pasou longas tempadas nas terras de Ur, onde o seu home escavaba e cun claro enfrontamento coa muller de Woolley. Por tal motivo, Christie escribirá a súa novela Murder in Mesopotamia (1936) na que se burla indirectamente desa muller, tratándoa de dominante e sendo a asasinada da novela.
Pois ben, a repercusión que terán as publicacións de artigos sobre as culturas de Mesopotamia, acompañados de imaxes cada vez máis exóticas e estrañas, con ollos inmensos, frontalismo, actitudes orantes, etc. provocará unha fascinación moi forte sobre artistas europeos e occidentais en xeral, a partir dos anos que van entre a I e a II Guerra Mundial. Sobre esta fascinación arrinca a exposición temporal que estes meses ofrece a Fundació Miró de Barcelona: Sumer i el paradigma modern.
Le Corbusier. Mundaneum. Géneve. 1929
Sumer i el paradigma modern. Fundació Joan Miró
O artista sumerio demostra un coñecemento das posibilidades e limitacións de cada material que utiliza. A arxila, ao ser branda, modélase e trabállase rapidamente, o que permite unha gran liberdade de tratamento. Así, as terracotas teñen espontaneidade e lixeireza. A pedra pola súa resistencia dá ás tallas máis dureza, potencia e precisión. E existe unha diferencia entre a escultura exenta e os relevos. As esculturas exentas son sosegadas e estáticas, non tratan de reflectir ningún movemento físico ou acción porque o esencial dun bloque de pedra é o seu peso e a inmobilidade (Henri Moore, Mesopotamian Art, 1935)
A exposición Sumer i el paradigma modern, que vén de abrir a Fundació Miró de Barcelona, presenta ao público unhas 200 pezas en total, entre esculturas, pinturas, fotografías, deseños e documentos. De todas elas só uns quince son obxectos antigos, é dicir pezas creadas polos sumerios hai uns seis milleiros de anos. A destacar algunha figuras de orantes –coa súa especial maneira de colocar as mans, posición que se repite e repite dentro do estereotipo creado por aquelas sociedades–, algunhas figuras femininas ou selos cilíndricos, verdadeiros modelos de rúbrica para impor nos escritos e nas táboas de barro cocido. A procedencia dos empréstitos é moi variada e entre os emprestadores cóntanse entidades tan nomeadas como o Musée du Louvre ou o British Museum, o museo que garda nos seus arquivos uns sete millóns de obxectos. O imperialismo británico arrapañou moita manifestación cultural de moitas xeografías.
Sumer i el paradigma modern está comisariada por Pedro Azara, arquitecto, doutor e profesor de varias universidades. Ten sido comisario de exposicións en Barcelona, e é autor do libro De la fealdad del arte moderno, publicado por Anagrama. Segundo o comisario, Sumer i el paradigma modern explica de xeito bastante didáctico a exploración do Próximo Oriente, e como algunhas publicacións científicas ( e outras de divulgación, con moita influencia social daquela) recollían os avances no coñecemento das civilizacións mesopotámicas ata entón bastante descoñecidas; e tamén de como os xornais daban divulgación ás conferencias que, por toda Europa, ían ditando os arqueólogos co gallo de dar a coñecer os novos achados. Sen ir máis lonxe dáse conta da conferencia que en 1929 (dous anos despois do achado) se celebra no Ateneu barcelonés para dar conta da riqueza e particularidades das tumbas reais da cidade de Ur. Así mesmo, Pedro Azara recolle nas salas da Fundació Miró carteis anunciadores de exposicións universais feitas en París ou Chicago (e doutras coloniais) que mostraban as riquezas do pasado mesopotámico; e, por raro que pareza, do feito que moitas marcas comerciais –xa daquela– regalaban cromos coleccionables con imaxes e recreacións da vida daquelas culturas.
Segundo Azara, a hipótese da mostra Sumer i el paradigma modern vén sendo que as pezas arqueolóxicas atopadas nas escavacións da Baixa Mesopotamia, a través de fotografías, ou directamente exerceron o seu atractivo sobre artistas dos anos 30 do século pasado. Cómpre recordar, tamén, que as esculturas africanas e polinesias chegadas a Europa a comezos do século XX, froito do imperialismo europeo, impactaron nas sensibilidades de artistas como Picasso, os cubistas e outros vangardistas. Daquelas pezas impresionou moito o seu esquematismo, a súa redución xeométrica, a sinxeleza de liñas. A abstracción. O obxectivo da exhibición de pezas sumerias e/ou das súas reproducións fotográficas é demostrar que tales pezas arquitectónicas, escultóricas ou útiles doutros usos, provocaron gran interese en moitos artistas dos anos 20 e 30 do século XX, e como deste interese nace a influencia dos restos sumerios na creatividade e linguaxe estético daqueles artistas.
Con anterioridade, no ano 2008, en Caixaforum púidose contemplar a exposición Abans del Diluvi. Mesopotamia 3500-2100 a.C., onde a través dunhas 400 pezas de todo tipo se daba conta da débeda que as sociedades agrícolas e urbanas teñen coas culturas sumeria e acadia, as primeiras civilizacións agrarias e urbanas.
H. Moore. Seatled Figure. 1929
A fascinación dos artistas por Sumeria. Arquitectura
Sumeria es una niña que canta mientras crecen / Anémonas de fuego por sus pechos sencillos. / Sumeria es un sagrario de amor asesinado, / Sumeria es una boca de espinas y relámpagos. / Sumeria tiene dalias, Sumeria tiene fiestas / Sumidas en el humo de las santas edades. / Sumeria tiene garras de luz y de amatistas / Con que rasgar el techo de su reino arrasado (Juan-Eduardo Cirlot. Fragmento do poema Elegía Sumeria, 1949)
A exposición temporal que vén de abrir a Fundació Miró de Barcelona, Sumer i el paradigma modern, co seu comisario Azara á dianteira, procura deixar ben evidente que arquitectos, pintores, poetas, escultores e outros artistas sentiron un forte atractivo polos restos das primeiras civilizacións mesopotámicas (Sumeria e Acadia) desde que se deron a coñecer imaxes dos descubrimentos que Woolley ía facendo. O mesmo comisario, Azara, suliña que en moitos casos, por non dicir en todos, os artistas foron cativados por reproducións fotográficas das pexas sumerias, non pola visión directa das mesmas, como se pode ver nas salas da Fundació Miró, onde se poden contemplar instantáneas de estudos de artistas como Henri Moore, Joan Miró ou Alberto Giacometti, nas que as paredes soportan fotografías de revistas daqueles anos 20 e 30.
Respecto da arquitectura, Azara inclúe dous exemplos ben reveladores. No ano 1929 a Sociedade de Nacións, de recente creación, pídelle aso famoso arquitecto Le Corbusier que faga o proxecto arquitectónico para un museo de utensilios, de pezas sagradas, de imaxes de todo tipo de todo o mundo que se ía construír a carón dos edificios da Sociedade de Nacións. A idea do museo nace coa fermosa palabra Mundaneum. O museo do Mundo. Le Corbusier acaba por concibir ese museo como unha estrutura central en espiral pola que se vai baixando e entrando en diferentes salas e seccións do museo. Que forma xeométrica escolle Le Corbusier? Pois nada máis e nada menos ca do Zigurat, o templo graduado e en espiral que xa aparece na cidade sumeria de Ur, a cidade onde –segundo a biblia– nacera Abraám. O Zigurat, a Torre de Babel. O proxecto de Le Corbusier ía máis aló dun museo, como se pode ver claramente nesta recreación. Ao final o Mundaneum non se acaba facendo, pero os planos están agora na Fundació Miró. Algo similar pódese dicir do proxecto que o arquitecto Adolf Loos. A este arquitecto centroeuropeo pídenlle, alá por 1923, o proxecto para a construción dun gran hotel en Niza, hotel que había de albergar a turistas de todo o mundo. O proxecto de Loos arrinca de dúas estruturas idénticas, dous cigurats onde acoller persoas chegadas de todas partes, e con todas as linguas. Unha moderna Babel. O hotel, que ao final non se constrúe íase chamas Grand Hotel Babylon. Que nome máis atinado!
No ano 1935 Christian Zervos, crítico de arte, coleccionista e tamén editor en París, publicou un libro sobre a arte de Mesopotamia. Un libro que se fixo moi famoso no seu tempo: L’Art de la Mésopotamie. Era a primeira publicación que saía dos ambientes da arqueoloxía e que se baseaba nas pezas que daquela xa conservaban o British Museum e mais o Musée du Louvre. As fotografías en branco e negro que van no libro encargoullas Zervos ao fotógrafo arxentino Horacio Coppola. E esas imaxes son as que permitiron a moitos artistas coñecer e admirar esas formas primarias e xeométricas de moitas das esculturas que se atopaban na baixa Mesopotamia. Horacio Coppola era coñecido polas súas series de fotografías sobre Buenos Aires. Nesta páxina é doado contemplar algunhas das fotografías que fixo Coppola para o libro de Zervos.
B. Hepworth. Kneeling figure. 1932
Escultores: Moore, Hepworth
Para min, a escultura sumeria, tanto como a grega, a etrusca, a dos antigos mexicanos, a da cuarta e duodécima dinastía exipcia, e a escultura románica e gótica temperán, forma parte da gran escultura do mundo. Mostra unha grande sensibilidade pola vida, as súas marabillas e o seu misterio, á vez que supón unha declaración plástica directa froito dun auténtico impulso creativo. Ten, tamén, unha grandeza e simplicidade sen adornos decorativos (que son o signo da decadencia, da falta de inspiración) (Henri Moore, Mesopotamian Art, 1935)
A mostra Sumer i el paradigma modern presenta ao público unhas cantas pezas de escultoras e escultores de primeira liña, que están directamente moi influenciadas polas cabezas e figuras de orantes sumerias. Henri Moore, quen coloca entre as grandes manifestacións da escultura mundial á escultura sumeria, déixase conquistar polo seu primitivismo, polo simbolismo que emiten as figuras orantes, a proximidade da divindade. Henri Moore, o escultor amante das civilizacións antigas, quedou aducido pola figura do Chac-Mool, a figura maia moitas veces repetida nas cidades maias que, reclinada, sostén entre as mans un recipiente onde se había depositar o corazón da persoa sacrificada aos deuses. Proba irrefutable desa fascinación é a reiteración de figuras reclinadas que chegou a facer ao longo da súa vida. No caso da atracción polas figuras de orantes sumerias (frontais e ríxidas) agora na Fundació Miró é doado ver algunhas das figuras que fixo e que se inspiran directamente nelas. O mesmo se pode dicir da arqueóloga Barbara Hepworth, amiga de Moore e tamén amiga de arqueólogos que traballaron nas escavacións da antiga Mesopotamia. Hepworth acabou vivindo en Cornualles, en Saint Ives, lugar ao que se foi durante a II Guerra Mundial. Actualmente alí, nesa mesma localidade, está o Barbara Hepworth Museum, que alberga moitas das súas obras, estudos e documentos. Pois tamén a exposición Sumer i el paradigma modern acolle pezas de Hepworth.
A influencia das pezas sumerias, mormente as figuras de orantes, sobre estes dous escultores é evidente. A destacar, por exemplo as formas xeométricas do corpo e cabezas, os ollos grandes e a posición tan especial das mans, entrecruzadas e situadas ante o peito. As pezas de Hepworth e mais de Moore tamén se presentan con rixidez e posicións tensas. Por contra, nunha cousa difiren das esculturas sumerias; nunha concepción da estatua que no caso sumerio é fundamental na súa creación: o frontalismo. O frontalismo representa o respecto cara a divindade, ou no caso que a escultura sexa da propia divindade, autoridade sobrenatural. E as figuras de Moore e Hepworth que agora están na Fundació Miró non teñen ese frontalismo. É máis, rexeitan ser frontais. Xiran bastante as súas cabezas cara a esquerda. Por que? Preguntado o comisario, Azara, por quen subscribe esta crítica, afirmou que a el tamén lle sorprendera moito esa concepción das figuras dos escultores ingleses, pero que nese momento, a presentación de Sumer i el paradigma modern, non tiña unha resposta atinada para dar sobre ese particular.
J. Miró. Maqueta de Monumento. 1964
Admiración de Joan Miró polas creacións sumerias
A idea primeira desta exposición, Sumer i el paradigma modern, nace precisamente – contado polo propio comisario – cando se observan con atención unhas fotografías que o fotógrafo Francesc Català-Roca fixo en Son Boter, a casa e estudo que Joan Miró tiña en Mallorca, onde traballou desde os anos 50 ata a súa morte. Hogano nesa casa reside a Fundació Pilar i Joan Miró. Son Boter é un pazo señorial medieval, ao que hai pouco engadiuse outro edificio moderno, obra do arquitecto Rafael Moneo, para albergar o museo de Miró en Mallorca.
As fotografías de Català-Roca en Son Boter (sen data) mostran os xeitos de traballar de Miró. Así por exemplo nas pareces dalgúns dos cuartos da casa vense fotografías espetadas na parede encalada con chinchetas, e arredor delas, como se fosen estudos preparatorios do artista, deseños do autor de La Masía feitos directamente sobre a parede. As fotografías que se poden apreciar nesas fotografías de Català-Roca son fotos tiradas de revistas de arqueoloxía que Miró conseguía. As fotografías que Miró espetaba nas súas paredes son imaxes de pezas sumerias. Figuras de orantes, cabezas que xa foran retratadas por Horacio Coppola. Joan Miró sentía unha atracción especial polas salas con obras sumerias do Departamento de Antigüidades do Musée du Louvre. Seica Miró ía moito ao Louvre, e cos anos non ía ver pintura e si ver esas pezas sumerias que tanto o atraían. No ano 1963 fixo unha visita ao Musée du Louvre acompañado polo historiador P. Schneider e, despois de dar voltas por algunhas salas, díxolle Miró ao historiador: “agora vaiamos aos meus barrios”. O tales barrios, para sorpresa de Schneider, eran as salas de arte sumeria. Miró, por tanto, non só se sorprendeu e admirou as fotografías de pezas sumerias, senón que as coñeceu directamente a través do museo parisiense.
Evidentemente en Sumer i el paradigma modern hai unhas cantas pezas de Miró que reflicten a súa admiración e respecto polas creacións dos sumerios. Por exemplo unhas maquetas e proxectos de Monumento que Miró fixo nos anos 50 e 60 e que teñen moito que ver con figuras femininas sumerias.
Tamén en Sumer i el paradigma modern se atopan presentes outras influencias da cultura sumeria sobre artistas do século XX. O artista David Smith, por exemplo, sentiuse atraído polos famosos selos.cilindro, un invento dos sumerios, feito en barro que servía para firmar documentos. O selo-cilindro deixábase rolar polas táboas de barro antes de cocer, e alí deixaba a súa pegada. Pola súa banda, Henri Michaux buscou a caligrafía sumeria nas formas cuneiformes de escrita que eles fixeran para crear formas caligráficas de clara influencia sumeria.
W. de Kooning. Woman. 1952
A importancia de Sumeria e as súas achegas á civilización
Os procesos que aconteceron hai uns 4 ou 5.000 anos no curso baixo dos ríos Tigris e Eufrates significaron os comezos do definitivo paso da humanidade ás formas de vida urbanas. Atribúenselle a estas xentes as invencións da contabilidade, da roda, das leis, da arquitectura monumental, do urbanismo, das escolas, da escritura, do sistema sesaxesimal de medida, etc. Toda esta magnificencia civilizadora pódese constatar no clásico e ameno estudo de S. N. Kramer, A historia comeza en Sumer (1956), presentada aquí na súa tradución ao castelán.
As cidades tiñan planos máis ou menos ortogonais. E dentro delas ocupaban un espazo especial os templos. A estrutura máis espectacular de templo é o zigurat, capela onde vivía o deus cando baixaba á terra, e que se atopaba sobre sete terrazas ou plataformas, que representarían os sete ceos, ou planos da existencia, os sete planetas e os sete metais a eles asociados. Estes cigurats sempre se relacionaron coa Torre de Babel bíblica. E así o reflectiu a pintura europea.
Atribúese tamén aos sumerios e acadios, artífices destas primeiras culturas potámicas, a invención da escrita. Comezan por formas pictográficas e van sucedéndose formas cada vez máis abstractas. A súa escritura denomínase cuneiforme por teren os signos formas similares ás cuñas. Os tales signos gravábanse en placas de arxila mol que, logo, eran cocidas e deixaban a mensaxe ben conservada,e a táboas de arxila pouco pesada. Pódese afirmar, facendo un pinchacarneiro no tempo, que a tablet non foi invento de Steve Jobs, senón que tamén foi creación das culturas sumerias. A escritura de certo naceu, non para reflectir o visible, senón para exorcizar medos e fados, para comunicar co ignorado. Dise que os sumerios foron os autores do famoso Poema de Gilgamesh, a obra literaria máis antiga que se coñece. Nela cóntase a viaxe do rei de Uruk, Gilgamesh, (un precedente da Odisea), e, entre outras aventuras, descríbese o Diluvio (páxina 20 e ss.), como un castigo contra a humanidade; episodio que, séculos máis tarde, copiará, punto por punto, a Biblia xudía. Correndo os séculos e mais os milenios, algúns dos relatos da Mil e unha noites inspíranse directamente no periplo daquel rei de Uruk.
W. Baumeister. Gilgamesh e Ishtar. 1947
*
EXPOSICIÓN: Sumer i el paradigma modern
Fundació Miró, ata o 21 de xaneiro de 2018
You might also like
More from Lito Caramés
As amizades entre Pablo Picasso e mais Joan Miró | Lito Caramés
O pasamento de Pablo Picasso aconteceu en 1973. Co gallo dos cincuenta anos desa efeméride celebrouse (e aínda segue) o …
As mulleres artistas nos vieiros da igualdade | Lito Caramés
No Museo Thyssen-Bornemizsa pódese asistir ao espectáculo da exposición MAESTRAS.