7:15 – Saímos de Arteixo con dirección Ikea-Matosinhos.
10:30 – Em Matosinhos dizemos “Bom dia” para sermos atendidos a partir dai sempre em portunhol. Não se trata de que pagamos em pesetas, é o nosso perfume “Eau d’ Espagne” que nos delata. É mesmo antes de nós dizer qualquer coisa. Qualquer coisa… “espanhola” como “precisaba era saber em que corredor podia achar…” com sotaque NÃO português (e se calhar demasiado libresco para uma loja de prêt-à-fugir). Compramos às pressas, carregamos a carrinha.
18:00 – Voltamos. Na área de serviço de Viana do Castelo adquiro o Diário de notícias de quarta feira e leio a única referência a livros: um sobre a menina Madeleine Mc Cann consegue não sei quantos milhares de vendas. Também figuram 80 vagas para portugueses estudarem medicina na USC. De resto, novos conflitos bélicos e grandes fortunas dos actores e actrizes americanos: uma possue uma cidade, outro uma ilha na Polinésia…
19:30 – Ultrapassamos a “fronteira” a lembrar as antigas alfândegas e entramos em ESPANHA: “Boa tarde”, dicimos, para nos responderen “Buenas tardes” e “Gracias” durante todo o traxecto xa até a última portaxe da autoestrada da Coruña. Durante o percurso polo perímetro de Vigo a derradeira locutora portuguesa desaparece nun ruído de melgas para ser engolida por unha outra que fala en “castelán do país”. Mudo para a Radio Galega e penso que esta vez me sentín máis extranxeiro en Portugal que nunca talvez porque agardaba máis do que recibía nas mesmas situacións cando en pequeniño era usuario do Roteiro Campista que cada ano compraban o papá e a mamá para viaxarmos ao Porto, Vila Real, Braga, Lisboa, Coimbra, Setúbal, Faro, Amarante, Viseu, Nazaré… —lembro a banda desenhada da Pantera Rosa que eu mercaba: “Eu chamo-me Rosado…” Lindas lembranzas de quen descobría o propio no alleo como se un tesouro sempre á vista dos cegos estivese: Várzea, lía mentres pensaba que a miña Barcia era mellor escrita con V, Carrazedo, perigo, com licença, Ó minha senhora: podia guardar a minha loiça enquanto eu for à casa de banho? (óstia, que ben falan os putos en Portugal; os nosos, en troca, semellan todos do monte!), etc.
Estamos perdidos: uns de costas viradas ao português, por nacionalismo alfa ou ómega, outros a falaren do que non saben nen queren realmente saber, algúns instalados nun português no que non se remexen, outros no puro snobismo lingüístico, quer academicista quer ultrapopulista; e demasiados a escribiren galego sendo cotidianamente realfabetizados en castelán (como se pode escribir boa poesía galega, co que comporta de coñecer a “musica interior da lingua”, lendo poesía internacional SEMPRE en castelán (“a min gústame moito René Char, Novalis, e bla, bla) ou lendo galegos que sempre leron en castelán e mal escribiron sempre galego? Por iso son escritos tantos poemas que se asemellan ás traducións castelás de letras de cancións de bandas inglesas! Non, señores, non soan eses poemas a Gingsberg ou Maiakovsky, senón ás traducións españolas deses autores! E que me din de Joyce, de quen se pode dicir que é máis fácil deixar de fumar que lelo simplemente en castelán? Quen leu en inglés o Ulises para poder percibir a abertura producida na lingua literaria de tradición inglesa, o seu valor máis recoñecido, e así poder ser influído pola súa xenialidade? —Pola miña parte, despois de tentalo sen fruto en castelán, decidín lelo nunha versión brasileira que ten o Casteleiro considerada en termos absolutos unha das mellores do mundo. Tamaña maravilla e aínda non vexo perto o momento de pedirlla, confeso ignorante e feliz)
Pensaba eu que cos anos comprendía mellor o que lle acontecía a este país, e a aquel país do Sul, a este noso con aquel que non escoita e con aquel outro que nos manda calar. Con dor de corazón confirmei que a miña actual sabedoría non debe ser tal pois alimenta máis a confusión que a desexada pracidez compañeira de quen se esforza e aprende día após día. Avicíñase unha vellice convulsa, pensei aquela noite encanto me deitaba.
A. F.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …