– Palavra Comum: Leste Tertúlia após ser publicada em 1985? Que aspectos destacarias da mesma?
– Xesús González Gómez: Lin a novela no seu momento, e, lembro, publiquei unha recensión, negativa sobre ela, polo tanto penso que tal como foi publicada daquela, non destacaría nada en particular. Ou si, que foi unha das pedras, e non das mellores, na construción da obra do seu autor.
– Palavra Comum: Como valoras a situação, na altura, do sistema literário galego e como a contemplas agora?
– Xesús González Gómez: Aquel era un tempo de, digamos, esperanzas. Logo pasouse, nos anos 1990, até a chegada da crise, a un estado de «optimismo delirante», e hoxe a un de pesimismo que cabería tamén calificar de «delirante», no sentido de que se le pouco e se vende meno, pero publícase en galego unha obra mestra cada mes ou mes e medio; e mentres, a sociedade galego continúa sen facernos nin puto caso.
– Palavra Comum: Consideras que ontem e hoje seguem a existir capelinhas que repartem bastões e pequenos poderes?
– Xesús González Gómez: Evidentemente, ocorreu onte, ocorre hoxe e na sociedade en que vivimos ocorrerá sempre, até que non nos decatemos de que se a literatura é importante, os escritores (os literatos), tomados individualmente, non son necesarios á función, aínda que isto semelle paradoxal. Non o digo eu, afirmábao Antonio Gramsci alá polos anos 1932-33 nos cárceres do fascismo italiano.
– Palavra Comum: Qual a eficácia da denúncia e qual a necessidade de actitudes mais equânimes que as descritas nesta obra para o âmbito da cultura?
– Xesús González Gómez: A non «ecuanimidade» non existe, é unha das trampas da ideoloxía burguesa, como a tolerancia. Existe a igualdade, e a partir de aí falamos todos. Polo tanto, se un home, unha muller, expresa unha opinión e esta é considerada por outros homes ou mulleres como «denuncia», pensarán este/as último/as que a opinión emitida por aquel/a é «ecuánime»?: acho que non. Na denuncia non existe ecuanimidade, nin tolerancia: ou existe verdade ou é unha mentira, unha impostura. Polo demais, as denuncias serven, ás veces, cando se presentan perante un xuíz, as outras… Polo demais, o «denunciante» pode enfrontarse a unha campaña de «intimidación cultural» que, talvez, non lle pague a pena desencadear, se non que llo pregunten, por exemplo, a Rousseau, cando se lle ocorreu, nos seus dous famosos discursos, lanzar a incerteza sobre o ideal de progreso en que se fundaba a Ilustración. Ou, entre nós, e nunha medida máis pequena -porque a nosa importancia, a importancia dos nosos axentes, é a que é…- a Xosé Manuel Velez… Ao fin e ao cabo, talvez, denunciar para que?
xgg
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …