De Xosé Carlos Caneiro, o dandi das nosas letras, recollemos esta aposta pola literatura de calidade e por unha revolución literaria que el mesmo pretende iniciar a pesar dos impedimentos do sistema educativo. Unha revolución iniciada por un debate intenso, baseada na elusión das intervencións aburridas e apoiada pola Administración:
«[…] Houbo un tempo en que todo o escrito en galego era considerado como literatura. Vendíanse libros que non eran literatura nos institutos e algúns autores escasamente dotados para a arte literaria pasaban a formar parte, de contado, da nómina áurea da cultura patria. Sucedeu e aínda sucede. […] Ao galego, nestes días tamén, fáltalle aínda naturalidade literaria e sóbralle afán didáctico. Velaquí o problema: o didactismo. Xogamos a edificar textos que ideoloxicamente resultan moi plausibles pero que fallan, creo, na argumentación artística: a busca de novos camiños, o intento orixinalizador, o coñecemento existencial, a dicción frondosa, a estructuración milimétrica, a experiencia vivida convertida en experiencia contada… escribo esta reflexión coa prudencia necesaria. Intentando aportar motivos para un debate intenso pero sosegado, ou desasosegado como un verso de Pessoa, qué importa. […] O escritor debe aumentar a súa presenza en foros, debates, televisións, radios. O escritor debe tamén non aburrir en tales territorios. E a Administración, como garante do noso “topos” cultural, debe ser a precursora desta revolución que eu pretendo.» La Voz de Galicia, 26/08/2006, Culturas, páx. 5.
Teño que recoñecer que no fondo comparto con Caneiro unha preocupación pola literatura ― desde logo non máis pola de agora que pola de épocas anteriores ― que me leva a pensar: a literatura galega será literatura ou non será.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …