W. Evans. Alabama Tenant Farmer Wife, 1936
Walker Evans está considerado como un dos grandes fotógrafos de todos os tempos. Foi quen de mudar os rumbos da fotografía nas primeiras décadas do século XX. Que teñen as súas instantáneas? Agora no KBr Mapfre as persoas que vivan ou visiten Barcelona teñen a oportunidade de coñecer as súas creacións na excelente mostra “Walker Evans. Now and Then”
❧
Walker Evans. Now and Then. KBr Mapfre. Vidas Paralelas?
Aínda sen a inflexión heroica, o proxecto de Evans descende do de Whitman: a igualación de distincións ente o fermoso e o feo, o importante e o trivial. Cada cousa ou persoa retratada é unha fotografía; e faise equivalente no moral a calquera outra das súas imaxes. A cámara de Evans sacou a mesma beleza formal nos exteriores das residencias vitorianas de Boston que nas tendas das rúas principais das vilas de Alabama. (Susan Sontag. On Photography, 1977).
Nestes convulsos primeiros meses do ano 2026 -segundo ano da barbarie- a Fundación Mapfre, no KBr Barcelona Photo Center -verdadeiro santuario fotográfico- presenta a excelente mostra Walker Evans. Now and Then. Ofrecemento público das creacións de Walker Evans (1903-1975), un dos fotógrafos máis importantes e influíntes da historia da fotografía. Unha visita obrigada.
A carón desta magna exposición as persoas responsables da programación do KBr deciden presentar outra tamén dun valor moi elevado: Pérez Siquier. Colecciones Fundación Mapfre. A vida e obra dunha persoa decisiva na progresión da fotografía en España.
Emulando a Plutarco pódese escribir un capítulo máis das parellas de persoeiros gregos e romanos que o autor grego publicou baixo o título de Βίοι Παράλληλοι (“Vidas paralelas”). Coa distancia dalgunhas décadas (en todo caso menor cos séculos que separaban aos protagonistas de Plutarco) Walker Evans e Carlos Pérez Siquier executaron prácticas fotográficas similares. Cando a comezos do século XX a fotografía se estaba a consolidar, a tendencia da meirande parte dos fotógrafos que optaban pola fotografía artística era mirar directamente á pintura. A pintura e a fotografía competindo en eidos que, perante séculos, só foran de paredes ao fresco, de lenzo ao óleo, de papeis con acuarelas ou pastel. De aí que a eses xeitos de imitan as pinturas se lle chame fotografía pictorialista. Trátase de tirar imaxes “fermosas”, de estética neutra, sen compromisos sociais nin de outra índole: paisaxes, retratos de xente elegante, benestante…
O revolucionario Walker Evans optou por todo o contrario. Como ben di a escritora Susan Sontag, as súas imaxes captan a vida cotiá de persoas non relevantes (obreiros, campesiños), son retratadas sen adornos, coas súas roupas de traballo, coa súa pobreza -quizais-, pero con toda a dignidade tamén. Algo así comezara a facer (poeticamente) Walt Whitman en Leaves of Grass: un verdadeiro programa democrático na segunda metade do século XIX. As fotografías de Evans foron un revulsivo fronte á estética burguesa. Por riba publicou moitas destas fotografías en revistas que, por definición, nada tiñan que ver coas persoas que estaban a padecer a terrible crise económica do anos 30 nos EEUU. Unha desas revistas era Fortune, publicación dedicada á economía e ás finanzas. E alí, no medio de artigos sobre inflacións e crises económicas emerxen as duras imaxes de Evans. Bos exemplos das opcións reactivas das instantáneas de Evans atópanse no libro Let us now praise famous men unha publicación con imaxes de Evans, imaxes de pobres arrendatarios rurais nos estados do sur, e texto de James Agee, un escritor incendiario e moi crítico coa economía e sociedade estadounidense daqueles tristes anos. A ironía e crítica mordaz do título é ben patente: Gabemos agora a homes famosos. As persoas que aparecen nas súas páxinas (e das que se fala nos textos) non son precisamente homes famosos ao uso, pero para esa parella de persoas (retratista e escritor), concienciadas social e politicamente, si que o son. Nese libro aparecen algunhas das imaxes máis icónicas de cantas tirou Evans ao longo da súa vida. Vidas cotiás, pobreza e dignidade.
Unhas décadas máis adianta -anos 50 e 60 do século XX- na cidade de Almería prodúcese unha revolución similar. A ditadura franquista impuña a todas as asociacións fotográficas que apareceran esparexidas por toda a xeografía hispana a estética das imaxes “fermosas”, nada que puidese ter cheiros a críticas sociais, e menos políticas. A fotografía pictorialista. E en Almería, nada menos, dúas persoas comezan a darlle a volta ás modas fotográficas. José María Artero e mais Carlos Pérez Siquier fundan a revista AFAL e comezan a escribir e publicar textos e imaxes que nada teñen que ver co pictorialismo. Tan ben o fan que os profesionais da fotografía de España queren publicar nesa revista. A nómina é longa e inzada de nomes ben coñecidos: Joan Colom, Gabriel Cualladó, Francisco Gómez, Gonzalo Juanes, Ramón Masats, Oriol Maspons, Xavier Miserachs, Francisco Ontañón, Carlos Pérez Siquier, Leopold Pomés, Alberto Schommer, Ricard Terré, Francesc Català-Roca, Julio Ubiña, etc. A importancia para a historia da fotografía en España de Pérez Siquier -que comeza por retratar perante anos un dos barrios máis pobres de Almería, La Chanca– ven sendo similar á que tivo Evans en espazos moito máis amplos e con anterioridades. De aí o das Βίοι Παράλληλοι.
Walker Evans. Now and Then. KBr Mapfre
Hoxe non podemos saber se Evans retratou a América da súa xuventude ou a inventou.(…) Pero o mito aceptado do noso pasado recente é, en parte, unha creación deste fotógrafo. A súa obra convenceunos dun novo repertorio de símbolos para responder: quen somos. Realidade ou artificio, aquela obra e a súa reivindicación xa forman parte da nosa historia. (J. Szarkowski, director de fotografía do MoMA, Walker Evans, 1971).
Os xeitos de mirar a realidade Walker Evans, o seu estilo minimalista, cotiá, con imaxes dunha sobriedade directa e dura e unha pretendida obxectividade, non son tal. Esa “inxenuidade” que semellan destilar as imaxes a primeira vista, en realidade está cargada intencionalidade e significado (máis adiante coméntase a fotografía Penny Picture Display, un bo exemplo do que se está a dicir). Evans é ese fotógrafo que canto máis se agocha por detrás da cámara, canto máis quere “desaparecer” como autor, pola contra máis presente e con máis forza se percibe a súa fonda e persoal pegada.
A profesionalidade de Walker Evans e a súa preocupación pola utilización das súas instantáneas levárono a extremos non empregados por outros fotógrafos. Evans non só presentaba a revistas e outros medios de comunicación as imaxes que el quería, aquelas que seguramente non eran do agrado de moitas persoas, senón que as controlaba totalmente. Con toda probabilidade é o fotógrafo que máis obstinadamente vixiaba todo o proceso das súas instantáneas no momento de publicalas. Non quería manipulacións. Así en moitos casos Evans foi editor e escritor dos textos que acompañaban as súas fotos; tamén deseñador das páxinas e do total da reportaxe, é dicir, decidía onde e en que orde ían as súas fotografías. A maioría das e dos fotógrafos, dos reporteiros gráficos, enviaban os negativos a un enderezo e logo eran publicadas as que o medio decidía e como quería. Evans, que ía para escritor (estivo en París estudando literatura) prefería ser el o que fixese o texto que acompañaba a cada unha das súas imaxes.
O valor de testemuña das súas fotografías pódese observar en moitas delas. En 1930, en plena crise provocada polo crac da bolsa neoiorquina, publica a fotografía DAMAGED, unha imaxe onde se aprecia un letreiro inmenso que leva esa mensaxe “damaged” (que se pode traducir por deteriorado, estragado) e que unha traballadores tratan se subir á caixa dun camión que a penas se ve. Semellante escena -nada heroica- carrexa algunha mensaxe? Un letreiro enorme que leva luces para ser iluminado no ceo nocturno de New York en tempos da máis dura crise económica, non quere dicir nada? Evans tirou a foto, revelouna, escolleuna para publicar con ese celo que tiña de controlar todas as súas obras. Tendo en conto todo iso, Evans non quere transmitir ningunha mensaxe, non xogar coa ironía da difícil realidade? Ou será que o que está a dicir Evans é que as autoridades e as forzas económicas teñen DAMAGED o país, a vida das persoas traballadoras?
Outra das fotografías presentes na mostra Walker Evans. Now and Then (KBr Mapfre) é a titulada Penny Picture Display. Savanna, Georgia (1936). A imaxe pode pasar perfectamente desapercibida, unha máis. Pero se se atende ao título e mais ao seu contido, compróbase que non se trata dunha instantánea inocente. O título atende que se trata dun mosaico de fotos tipo “carnet”, imaxes de facianas que por un centavo facían nun estudo de fotografía dunha vila do estado sudista de Georgia. Estado sudista. Observando con detalle, quen aparece retratado nese mosaico, é doado concluír que son persoas de todas as idades que se fixeron as fotografías para documentos oficiais. Persoas de todas as idades, certo, pero nesa vila do estado sudista de Georgia non hai nin unha soa face negra ou doutra cor que non sexan persoas diversas e brancas. O racismo está servido.
A Alabama Tenant Farmer Wife é outra das imaxes icóninas da vida profesional de Walker Evans. O retrato da muller dun arrendatario agrario no estado de Alabama que aparece no libro Let us now praise famous men. O que xa se dixo: a constancia da pobreza desas familias que tratan de sobrevivir retratada con toda a dignidade humana. Nesa publicación aparecen familias enteiras, ou mulleres, nenos e homes por separado. Tamén aparecen -e máis dunha vez- Child’s Grave (tumbas infantís) situadas a carón da casa onde vive a familia de arrendadores rurais.
A oportunidade que a Fundación Mapfre, por medio da súa entidade KBr Barcelona Photo Center, nos ofrece para coñecer a obra dun dos máis grandes fotógrafos da historia (Walker Evans. Now and Then) ben merece unha visita. Ou máis dunha.
❧
EXPOSICIÓN: Walker Evans. Now and Then. KBr Barcelona Photo Center, ata o 24 de maio de 2026
You might also like
More from Artes
Maruja Mallo, metade marisco, metade anxo
A pintora Maruja Mallo, aínda non moi coñecida, foi unha das grandes figuras da arte en España e compañeira de …





