A señora Mauer deu en facer balance. Era unha idea que aboiaba arredor dela dende había semanas, meses, era difícil de precisar, á súa idade os días sucédense sen ofertar nada máis excitante que pasar follas do calendario. A escuridade descendía ós poucos sobre o cemiterio católico e a lene friaxe saudou os seus ósos. Abrochou o seu vello abrigo, non tan vello en anos, pero que ía xa gastado e cumpría cambialo. Non sería este outono, a pensión non daba para eses luxos. Claro que en vivenda non gastaba e a comida tampouco era un grande gasto. Non se quixo preocupar pola perda de apetito, perdera o apetito por calquera cousa, non só pola comida.
O da casa… o mesmo problema que o do abrigo. Moi vella, moitas reformas por facer, non lle era raro o consello do seu fillo, meterse nun asilo e vendela. Abandonar a Friedenstrasse, a Rúa da Paz, un nome moi propio para a rúa que unía a cidade cos dous cemiterios contiguos, o católico e o protestante, máis reducido o segundo, xa que a congregación evanxélica era minoritaria na cidade bávara. O cemiterio xudeu, tantas veces profanado, derruído e novamente erixido, estaba na outra beira da cidade.
Curiosamente, o católico tamén tiña adscrición civil, polo que por agora tamén estaban a soterrar alí os mortos de outras relixións e os ateos. Sepp estaba a ter novos veciños musulmáns e comunistas. En vida non o ía aturar (ela si, sempre presumiu de ter máis mundo ca o seu marido), pero supuxo que a morte o fixo máis tolerante. Todos somos o mesmo diante do Bo Deus. Se que El non está morto tamén. Persignouse e decidiu esquecer tal pecado, nin sequera o confesaría. Máis ca unha blasfemia, era unha idea fixa desde había un tempo.
Levaba un bo anaco de pé diante da tumba e xa era das últimas ocupantes do cemiterio. Calquera interpretaría que a viúva estaba orando, pero había meses que xa non tiña humor para iso. A fervorosa católica de antano estaba cansa. A misa de domingos e feirados na igrexa de Sankt Leonhardt non era máis ca unha rutina, como ir ó supermercado ou pórlle flores a Sepp. De primeiras, viviu este cambio con culpabilidade. Agora, con cansazo. Cansazo da culpabilidade, das rutinas, do tempo que ás veces voaba e outras non daba pasado, cansazo de todo. Alí de pé, non oraba, só matinaba.
Estaba a escurecer no camposanto. Arrombou un pouco as flores na tumba do seu Sepp, aniñouse forzando os seus xeonllos artrósicos de oitenta e nove anos de antigüidade e aloumiñou o mármore da lápida. Ata a próxima, Joseph. Non ha tardar que nos vexamos.
Saíu do recinto á Geierstrasse. Eran tres carrís por cada sentido e mal lle chegaban as pernas á viúva para chegar á illa do medio cando xa estaba o semáforo outra vez en vermello e logo recuperar os folgos antes do próximo verde. Pero se algo non tiña era présa. Ninguén agardaba na casa. Verde. Cruzar, virar a esquina, deixar esa rúa infernal e penetrar na súa acougada e querida Friedenstrasse. Había que agradecer ter o seu Sepp tan preto e poder ir visitalo a pé cada domingo. Os pés dirixíronse devagar pero seguros ata o cuarto portal. Cada fachada da rúa era moi semellante ás outras pero dunha cor distinta, a dos Mauer sempre fóra dun amarelo ocre, encaixada entre a granate dos Scheller e a azul dos Gmündl.
Aínda quedaba un último esforzo. Subiu dificultosamente as escaleiras ata o primeiro piso, non había ascensor. Abriu a porta. O apartamento ulía a pechado. A señora Mauer deixouse caer no sofá, derreada. As suaves raiolas do solpor filtrábanse polas cortinas, a vivenda era soleada e eses días de outono eran benévolos. Logo viría o inverno, a neve. De nova prestáballe moito a neve, pero para unha vella as nevaradas e o frío sempre son malas novas.
Seguiu co balance. Fixo inventario do que tiña arredor. Unha das súas poucas fachendas no que atinxe á saúde era que vía abraiantemente ben para a súa idade, tan só precisaba das lentes para ler, afección que cada vez cultivaba menos. Só cachifallos vellos e sen valor, que tanto traballo lle daban antes para limpalos. Agora viña limpar unha vez por semana unha señora árabe, pagada polo fillo.
Por que marchaches, Sepp. Tras cincuenta anos xuntos non sabía se se podía falar de amor ou tan só de mutua compaña, pero si dun vencello só explicable despois de pasar tantos problemas, mesmo traxedias, xuntos. E agora, tan só ese oco inmenso na casa, na vida.
Antes de ver a Sepp a viúva pasara pola sepultura de Margarethe Blechbauer. Podía considerarse a penúltima das súas amigas e veciñas. Soterrárona en Agosto, no enterro a señora Mauer case esvaece por causa do calor, alí de pé no cemiterio. Un dos sobriños de Margarethe acompañouna ata casa. A última era Dagmar Reinhausen. Estaba nunha residencia das aforas, e nin se plantexaba ir visitala. Disque nin recoñecía ós seus propios fillos. Para chorar. Con Margarethe non a unía unha especial amizade e a morte a esas idades non era máis ca unha anécdota inevitable, así o sería tamén a súa. Porén, o da súa querida Dagmar fendíalle a alma de dor. As outras xa ían alá: Gudrun, Waldraut, Hildegard, Sophie. Pensou tamén á inversa, nos coñecidos cos que perdera o contacto e que ben seguro a daban por morta. O destino dos nomes é tan só ser gravados en pedra no cemiterio, cubrirse de carriza, ferruxe e desleixo e logo ser esquecidos.
A señora Mauer tiña un nome, Herta. Tamén tiña un apelido de solteira que levaba décadas sen pronunciarse, Fährmann. Tiña dous apartamentos vetustos en Friedenstrasse 14, residía no primeiro andar. O fillo insistía en que alugase o outro, o segundo, desocupado. Un fillo sempre preocupado, atarefado, ausente no norte do país. E a nena, a meirande dor da súa vida. Presuntamente en Múnic unha década atrás, agora quen sabe.
Tamén, segundo os médicos, Frau Herta Mauer tiña artrose, hipertensión, un corazón literalmente canso, perda de apetito, algo de alopecia, bronquite crónica, ocasionais xaquecas e insomnio.
O último era mentira. Enganou o médico. Foi sinxelo, díxolle que levaba días sen durmir e o doutor receitoulle uns sedantes suaves, un cada noite. Non os probou, as horas de sono non lle eran unha preocupación. Cando volveu á visita díxolle que seguía sen durmir. E o doutor receitoulle outros máis fortes. E así outra vez. E á terceira receitoulle uns fortísimos. Con media pílula, e non máis de media, podía durmir como unha bendita toda a noite. Pero non máis de media. Advertíralle moi serio: se non lle funciona, señora Mauer, volva verme, pero non aumente a dose.
Tiña a caixa na man, por estrear. Cinco pílulas serían dabondo. Se en dúas horas non actúan, outras cinco. E rematar este tempo absurdo, este tempo que non é tempo, esta oración a un Deus morto. Unha guerra, posguerra, fame, fillos, abandonos, amantes, traizóns, ledicias, erros, perdas. Podía estar satisfeita pero ía tempo que todo rematara, non había nada que agardar agás a soidade e morrer de vella. Se había algo alí no outro barrio, reuniríase con Sepp, e con Margarethe, Hildegard e as demais, Dagmar non ía tardar en vir. Todos lucirían como cando mozos, como un día de baile, antes da guerra. Non ían ser vellos, iso que sentido ten, que clase de vida eterna sería esa. Ou se non, o baleiro ó outro lado, a nada, a negrura. Iso era ben probable, admitiu Herta, pero tamén o aceptaba. Persignouse. Foi procurar un vaso de auga da billa.
Marcharía tranquila, sentada no sofá. Ninguén pescudaría, os vellos non se suicidan, tan só morren.
Partiu cinco pílulas pola metade, dez metades. Tragou as metades, unha a unha, coa axuda da auga, as medias pílulas feríanlle a gorxa.
Porén, aínda lle quedaban tres metades por deglutir cando soou o timbre.
Non podía ser o fillo, nin ninguén que coñecese ou agardase. Quen, logo? Pensouno un anaco e foi abrir.
Un rapaz moreno, ollos escuros de animal amable, barba, na metade da vintena. Na vida o vira.
– Boa tarde. Señora Mauer?
Preguntoulle que quería. O rapaz falaba cun acento ben simpático, pero o seu alemán era dificultoso e case incomprensible. Dixo que viña polo anuncio. Apeteceulle pecharlle a porta no fociño, pero a viúva, curiosa, preguntou que cal anuncio.
O rapaz buscou as palabras, atopou algunhas, pero desde logo non lle abondaron para facerse entender. Estendeulle un folio impreso e engurrado. Viña ver o apartamento de arriba, para alugalo. O anuncio non inducía a erro: o teléfono era o móbil de Hannes Mauer, o seu fillo, o enderezo era o 14 da Friedenstrasse e logo preguntar por Herta Mauer. Na última conversa con Hannes, lembrou a vella, propúxolle á nai unha vez máis alugar o apartamento de enriba, e a vella calou, enfastiada e cansa de rifar sempre polo mesmo. Seica o fillo interpretou ese silencio como unha afirmación e organizouno todo. O rapaz xa acordara a visita con Hannes, a vella só tiña que amosarllo.
Por inercia, guiouno en silencio escaleiras arriba e abriulle a porta, desganada. Foi breve, non había moito que amosar nin o estranxeiro facía preguntas. Hannes mandara con seguridade a limpadora árabe arrombar arriba e o piso lucía tan vello como realmente era, pero polo menos limpo, ordenado e ventilado. O estranxeiro parecía satisfeito, tampouco semellaba moi esixente. Herta pensou nas sete metades de comprimidos de somníferos no seu estómago e preguntoulle ó visitante o seu nome e de onde viña.
– Xián.
E mencionoulle unha terra do sur, que á señora Mauer sempre lle evocara sol, tauromaquia e carrasqueiras quixotescas. Pero o rapaz, cos ollos iluminados, faloulle do verde e do mar, do oeste do sur, das ondas batendo, de peixe, ou máis ben evocounos co seu pobre vocabulario. Que o mar xa non daba de comer e que se cadra a vella Baviera si. E alí estaba.
O mar.
Nunca pensara que xusto ese día sinalado ía estar no piso de enriba, tantos meses pechado e abandonado, falando cun estranxeiro do mar e de peixe.
Mirou pola fiestra. Albiscábanse as torres da catedral, que se agachaban da súa vista na súa vivenda de abaixo no primeiro andar.
Salaiou. O estranxeiro preguntou se podía quedar. Tiña que sabelo o antes posible. Se era a partir desa noite, mellor. Ata aí non reparara, pero o visitante levaba unha mochila. Posiblemente, non tiña nada máis con el nese país.
A señora Mauer anoxouse moito, con todos, con Sepp e os seus mortos e vivos, co estranxeiro, especialmente co seu fillo e sobre todas as cousas consigo mesma. Maldita sexa.
– Schiang -a señora Mauer chamoulle así porque así o entendera, que nome tan estraño, pensou, parecía chinés-, podes dicirlle ó meu fillo que quedas co apartamento. Ou xa llo digo eu. Xa amañaremos. Agora non te preocupes, que non pasa nada. Comprendes? Non pasa nada, todo ben. Pero ti vas chamar un taxi, chamar taxi -fixo o aceno de marcar un teléfono-, taxi, para irmos ó hospital, hospital, entendes? -o estranxeiro acenaba afirmativamente, primeiro confuso, logo desconcertado-. Agora. Teléfono, taxi, hospital. Grazas, rapaz. Sentarei aquí a agardar. Taxi, hospital.
O novo inquilino, de súpeto nervioso e axitado, sacou o móbil e marcou uns números. Miraba para a anciá cos ollos como pratos.
– Bo rapaz. Levarémonos ben, Schiang. E falaremos do mar. Agardo aquí, sentada.
You might also like
More from Francisco Castiñeira
Cuspidiños
E non sabes con quen me atopei? Coa Sabela, a do Roxo. Si, ía ben de tempo sen vela, porque …
O escribente
- Que queres? -inquiriume secamente o vello. Medio corpo tapado pola porta que abrira só en parte, o outro medio …