No ADN dos habitantes da Costa da Morte agóchase entre os seus labirintos moleculares un bramido que actúa a modo de compás sonoro. Non hai declinación magnética nin desvío de rumbos se pechan os ollos e escoitan o seu interior. Un son estoupa no ar e expande a 25 millas náuticas o seu berro, moi semellante ó berro dunha vaca, de aí o seu nome, a Vaca de Fisterra, que vai intrinsecamente unida ós habitantes da fin do mundo.
Os que nacemos na comarca, levamos dentro de nós a páxina da historia onde nos días de néboas o faro facíase visible berrando no horizonte aos navegantes. Case que único en Europa destas características, convertía a navegación a cegas nunha estrada onde os mercantes, pailebotes, pesqueiros… gozaban dunha referencia sensorial para poder situarse nas cartas mariñas.
Non era un faro traizoeiro o cabo Fisterra. Xa de noite, cos seus destelos inconfundibles, facía acto de presenza nas gardas das pontes. E, coa néboa, berraba nun idioma universal para avisar a todos da súa presenza.
Hoxe en día, cousas da modernidade, a Vaca de Fisterra está obsoleta. Ese bruar que era parte da nosa mesma orografía quebrou a súa voz para ser sustituído polo silencio. Agora, un dispositivo Racon reflexa dende o faro as pantallas de radar dos barcos, unha serie de puntos e raias a modo de sinal morse. Os navegantes ollan nas pontes de mando esa vaca que emite ondas de radio en vez de alzar no horizonte o seu berro…..
Pero os habitantes do fin da terra debemos recuperar o seu son. A autoridade portuaria non pode ser a dona exclusiva do noso patrimonio histórico, e ten que ser, neste caso, receptiva coas nosas peticións. Queremos que, de novo, volte o faro a bramar.
Eu sinto, nos meus cromosomas aferrados á nostalxia, a sede do leite dunha vaca que ó muxila espremía os pulmóns e nos facía a todos, co seu berro, sentir a maxia da Costa da Morte!!
Xosé Iglesias – Mariñeiro da Galiza
Voces perdidas,
ráfagas de queixumes
no abrente dos silencios traidores.
Nos cimentos da néboa,
un bramido estoupa
as vigas que constrúen
o templo dos cegos.
A banda sonora
penetra na estrutura
das navegacions esféricas. O ángulo do son
triangula o vértice
dun rumbo inequívoco.
Marca no infinito
a constelación imaxinaria
onde brúan as estrelas.
No fin da terra
os habitantes agochan
no seu esquelete
o berro dun pobo
que os reclama!!!
You might also like
More from Audiovisual
Inma Doval: “[círculo dentro do círculo]” | Carla Nepomuceno
O corpo, a vertigem, os ângulos... são alguns dos elementos que encontramos em [círculo dentro do círculo] de Inma Doval …
Marta Cortezão: “Cantiga Maria” | Carla Nepomuceno
A escritora Marta Cortezão lê um poema seu intitulado CANTIGA MARIA, deleitando-nos com a sua escrita.