CUARTA CONFERENCIA
Ola, boas tardes, por última vez. Espero que nestas catro semanas que estiven con vostedes, se non aprenderon nada, cando menos o pasasen ben, ou non se aborrecesen demasiado coas miñas charlas. O certo é que, finalmente, chegamos ao remate e, por fin, o Dr. Losada darame o cheque ao portador, que é o que me interesaba recolleitar destas «conferencias». En fin, tampouco me vou facer o «duro». Sei, de verdade, que moito sobre «A vida sexual de Manoel-Antonio», o título xenérico destas charlas, non aprenderon, pois, non vou negalo, datos reais e acontecementos e feitos, non expliquei nin dei ningún. Todos, até o de agora, foron «virtuais», por continuar co léxico moderno. Con todo, e malia que botei man demasiadas veces tanto dos datos, acontecementos e feitos «virtuais» como desa póla da literatura que é a psicanálise, espero que, a pesar de todo, algún dato tirasen até hoxe sobre a vida sexual e amorosa do poeta de Rianxo. Cando menos non se pode dicir que non tratei un tema «orixinal».
Xa sei que algúns de vostedes estarán a pensar que a semana pasada lles prometín dar un documento que informaría sobre a vida sexual de Manuel-Antonio. Un documento que é, en certa maneira, unha revelación. E que tamén lles prometín falar de Nora e outras mulleres que encheron a vida sexual do noso poeta. Mais déixenme, antes de pasar a ese documento, a Nora e ás outras mulleres, que quedarán para o final, adiantarlles un feito real. Ou virtual, xa que, en realidade, é unha hipótese que talvez un día se puidese ver confirmada por algún documento que ande por aí. Mais, acho, esta hipótese acáelle moi ben á personalidade do autor de Viladomar. A hipótese é esta: a vida sexual de Manuel-Antonio acaba en 1926. Logo diremos, ou intentaremos elucidar o por que desta hipótese un pouco ousada.
Como lles dixen nas anteriores conferencias, 1921 semella ser o ano decisivo na vida sexual, quizais tamén amorosa, do noso poeta. Acho que mostrei probas dabondo para demostrar esta xa máis que hipótese, tese. E aínda podía engadir algunha máis. Pero non paga a pena. Agora o que cómpre é que mostre probas para sustentar a hipótese de que a vida sexual, e amorosa, de Manuel-Antonio acaba en 1926.
Se relemos as súas Poesías, as que editou Domingo García-Sabell e que, teoricamente, e mentres non se demostre o contrario, son todas as poesías que escribiu, é dicir, non rachou, o poeta, comprobaremos, como dixen nunha das conferencias anteriores, que só escribiu catro poesías de «amor» en toda a súa «carreira» poética. Tamén, penso, demostrei, que o amor, con ou sen maiúsculas, non é un tema dominante na poesía do século XX, e, talvez, se esquecemos os románticos, tampouco na do XIX. Mais tampoco se trata de que eu, agora e aquí, faga unha exhaustiva nómina de poetas para demostrar esta máis que hipótese ou tese, realidade contundente. Manuel-Antonio escribiu catro poemas de amor. Xa lles lin un, «Liridade inconcreta». O segundo poema de «amor», no tempo, escrito polo rianxeiro non leva, curiosamente, data de publicación. Mais polo lugar en que o colocou o poeta, segundo nos informa García-Sabell no devandito «Prólogo» tantas veces citado, podíase datar en xuño ou xullo de 1922. No entanto, tamén é dificil nomealo poema de amor, xa que máis ben é un poema un pouco «desesperado», non á maneira de Neruda, senón de perda de esperanza porque, talvez, o poeta se decatou da importancia da súa enfermidade. Como vostedes saben, era tuberculoso, doenza de que morreu seu pai. Mais se ben se decatou da gravidade da súa doenza e mesmo, acho, soubo que ía morrer novo, nunca foi un poeta enfermizo. De aí que ao se enfrontar coa morte, neste poema, o faga un pouco ironicamente. E a «apelación» ao seu amor, talvez, tamén, é irónica máis que outra cousa. Ou un «recordatorio» á muller amada (Nora?) de que non paga a pena amalo, porque vai morrer novo. Polo que se pode deducir que foi el quen rompeu con ela e non ao contrario, malia que non cabe dúbida de que era unha «muller domeñante». Lean con atención o poema que se titula, precisamente «A Vida…», con maiúscula:
O meu amor…!
A Vida
prostituta e suicida
beila n-a noite d’un cabaret
Todo iso m’o contan as horas
Pol-a rua
entrebada e ispida.
O meu amor…!
Onte rachéi un verso
noitámbulo e descamiñado
Anestesia que levo
Todo iso m’o contan as horas
Eu vou sumerso.
O meu amor…!
A Vida
sin sabel-lo Ela
xa vai amándo-me e agarimándo-me
Eu case a compadezo
Todo iso m’o contan as horas
Alá vai unha estrela!
O meu amor…!
A Lua meteórica
caladamentes
difúnde-se no ceo
A fonte virxe d’a praza prateada
é aínda tan sonámbula e metódica.
O meu amor…!
Dispois hei de morrer
A Vida ha vir chorar cabo de min
Xa lle perdoaréi…
Beila no cabaret endiamantado
N-a rua entrebada
un cantar de borracho a se alonxar
a se perder…
O poema pertence, como o poema lido na anterior conferencia, a Con anacos d’o meu interior (1) e se ben o catalogamos entre os «poemas de amor» dentro da súa obra, o poema dificilmente entra nesta categoría. Mais xa que outra cousa non, algo temos que facer para xustificarmos os euros que me pagará o Dr. Losada. Os poemas restantes que catalogamos como poemas de amor, só outros dous, lembren, pertencen ao libro Foulas. Un libro en que o poeta comeza a entrar na «maioría de idade». Un poemario en que Manuel-Antonio entra de cheo na vella loita, que dicía Apollinaire, un dos seus «mestres», entre a orde (a tradición) e a aventura (a novidade). Neste poemario, o de Rianxo continúa a usar da rima para lle dar unha nova forma ao poema, a intentar fuxir do ripio –aínda que non sempre o consegue– e do sentimentalismo –o que si logra. Como logra, inzando os poemas de versos máis ou menos ultraístas e futuristas, non chegar a compor poemas ultraístas e futuristas, senón intentar, sen conseguilo plenamente, desta vez, facer poemas propios. Iso si, acadando conformar, como dixen anteriormente, unha «sección autónoma» dentro da poesía galega.
Pois ben, os dous poemas mencionados son: «Madrigal», datado en xaneiro do 1924 e «Elexía» que leva como data agosto dese mesmo ano. E acabáronse os poemas de amor de Manuel-Antonio. No entanto, tamén debo dicir que se o poema recentemente lido, «A Vida…», dificilmente se pode catalogar como poema de amor ou dificilmente se podería incluír nunha antoloxía de poemas de amor –cousa que eu fixen un pouco por proído de provocación e un pouco para encher con «substancia» estas charlas–, o mesmo acontece con «Madrigal», a pesar do título. Mais escoiten vostedes o poema recitado pola miña máis que carrasposa voz:
Dou-me o serán emprestado
o compás d’o seu corazón
As miñas mans percorreron
o tecolado d’a noit
O teu retrato
Saudoso d’o seu son
busca ás atentas un burato
onde enxertar o seu leit-motiv
O cicerone d’as lembranzas
petou na-s portas de vellos xornadarios
tras d’o melodramático
pianista d’as romanzas
Antre as cousas e as cousas
foi a noite erguendo o seu valo
o meu violonchelo
a revoar
xogaba c’o seu soño
sin despertal-o
O teu retrato aínda pendura
alá lonxe
d’o oubeo d’un can o seu lenzo
Alén d’as horas
pon-se a sordina d’a y-alba
d’os beizos d’o silenzo
e volve o tono menor d’a choiva
N-o marco d’a Lúa
fóra-se esvaíndo o retrato d’unha noiva
Como comprobarán vostedes, se oíron ben, ou teñen o poema perante súa, non é, certamente, un poema de amor, aínda que fale do retrato de alguén que, suponse, é o ser amado. O poema é, en certa maneira, unha parodia irónica da véspera dun casamento: o do poeta, que non puido ser? Prosigamos. O outro poema catalogado como «de amor» por min é, como dixen hai un anaco, «Elexía». Este si que é un poema de amor. Con todas as da lei. É máis, pódese considerar como un poema en que o poeta confesa á amada (perdida) que fai cos seus días e as súas horas. Como noutros poemas de Manuel-Antonio, a tristeza como sentimento faise presente. Tamén debo remarcar que ao poeta se lle escapa un ripio. Escoiten atentamente o poema, mais, sobre todo, os cinco primeiros versos:
As follas esgazadas
pra non seren xa máis lídas
teñen acenos náufragos
dende o índice sartego
d’as hestorias interrompidas.
Segredos poemas
que escribín ó reverso d’as horas
Elas coleicionáron-os
n-o fuxitivo d’os seus esquemas
Amor
Levo n-as mans o escultor
d’as estátoas n-o vento
O reloxe d’as horas suicidas
O libro d’as lembranzas esquencidas.
E ando a desenterrar
un ronsel
po-lo mar.
Este si é, como puideron oír vostedes, un poema de amor. E, ademais, un poema que explica moitas cousas. «As follas esgazadas/ pra non seren xa máis lidas», ou ben cartas que o poeta esgazou antes de llas enviar a Nora ou as cartas que Nora lle enviou e que el esgazou para non ler máis. Non esquezamos que máis adiante, no quinto verso, fala «d’as hestorias interrompidas». E a «hestoria» que houbo entre Nora, a súa profesora de inglés, non sabemos se tan xentil como a «Tabatha Twitchit» cantada polos Dave Clark Five e versionada polos Mustang en español. Dáme a impresión que non entenden para nada esta referencia. É verdade, estoulles a falar da paleo-música pop. Con todo, poden preguntar a seus pais, ao mellor algún aínda se lembra. Mais despois deste parvo excurso pseudo-musical, voltemos ao noso poeta e os seus «amores» e continuemos co poema que rematamos de ler. Observen vostedes que despois de falar das historias interrompidas, das cartas esgazadas, o poeta diríxese ao seu amor e explícalle o que leva nas mans e o que fai. Anoten, por favor, os tres últimos versos: serán decisivos para explicarmos o que fai Manuel-Antonio a partir de 1926 e que, por este poema, sabemos que se decidiu a facer a partir de 1924. De agosto de 1924.
Recapitulo. Manuel-Antonio namorouse e foi correspondido por ela, Nora, unha inglesa, escocesa máis ben, que vivía en Vilagarcía, viúva dun membro da Royal Navy que fora vivir á vila do Salnés para coidar a tumba do seu marido, que está(ba) soterrado na Cemiterio Naval Inglés desta vila. O poeta contaba con 20 anos, a profesora, unha muller de mal xenio, segundo dona Eduxives, entre 30 e 35. Evidentemente, esta era a «muller domeñante» que obsesionaba ao poeta de Rianxo e da que fala, dunha ou outra maneira, tanto ao seu amigo e coetáneo Rafael Dieste como ao poeta Victoriano Taibo. Os dous «amantes», aos poucos meses, talvez un ano, romperon. Non esquezan que a finais de 1921, Manuel-Antonio escribe a Cebreiro que non sabe se botar noiva en Rianxo e dubida entre dúas mulleres: nunca botou noiva. (Polo que se pode deducir que as «relacións sexuais» (2), amorosas entre a profesora e máis o alumno duraron cousa dun ano, mes enriba, mes abaixo.) Acho que a «figura» de Nora estaba presente no momento en que escribía a Álvaro Cebreiro e estará presente até agosto de 1924, cando a composición do poema «Elexía», tamén, quizais, nos seus últimos anos de vida. Mais aquí, de maneira irónica. Malia a ruptura, é evidente que sempre lle quedou ao poeta un sentimento máis ou menos amoroso cara á figura de Nora. Talvez porque ela, debido á súa idade, exerceu á vez de nai, protectora e amante. E, quizais, o poeta chegou a vela nesas tres figuras, o que nos leva a formular un problema psicanalítico de difícil resolución: sentía o poeta que, cada vez que facía o amor con Nora, estaba a cometer «incesto»? Atormentou a Manuel-Antonio ese, digamos, «acto» todo o que lle restou de vida? Éntrase, máis outra vez, no que chamei «datos virtuais».
Ora ben, debeu haber un momento en que o poeta se libera desa, digamos, «angustia». En que toma menos en serio o seu amor por e con Nora. E cando considera que foi a súa noiva, non unha nai, non unha protectora, e que agora romantiza, cursi, polo xardín. Outra noite, diralle o poeta, pensarei en ti. É dicir, xa a esquecera. Ou deixara de obsesionalo. Como demostraremos.
Por outro lado, de 1921 até 1930, data da súa morte, Manuel-Antonio non se volveu namorar? Está claro que non. Desaparecen as referencias a un posíbel amor nos seus poemas, o que tampouco quere dicir que durante eses anos ignorase muller. A explicación vén dada nun versos do poema «Recalada» de De catro a catro: «N-os burdeles xa saben/ que a nosa moeda/ ten o anverso de ouro/ e o reverso sentimental». É dicir, durante eses nove anos, de cando en vez, ou con asiduidade, iso non o saberemos nunca, Manuel-Antonio visitaba os burdeis: eis o seu «desafogo». Desafogo maiormente físico, aínda que, polos versos reproducidos, non se pode desbotar que ás veces tamén fose un desafogo sentimental. Mais antes de esquecermos case completamente o tema da asiduidade ou non de Manuel-Antonio aos burdeis, conviría facermos unha aclaración. Ou, mellor dito, matizar algunha cousa. Lembremos, máis unha vez, o que escribía Manuel-Antonio a Dieste, o que lle descubrira Baudelaire: o amor á muller que non coñecemos. Existe, para o común dos mortais, algo máis descoñecido que unha prostituta? Esquezamos todos, vostedes e máis eu, toda a literatura que destilou o tema, de Baudelaire –e antes– aos nosos días. Mais aínda que se esqueza toda esta literatura, ás veces barata, outras de grande calidade, non se debe esquecer a figura da prostituta. Sobre todo con referencia ao «poeta»: non a Manuel-Antonio, senón ao poeta en xeral. Para o «poeta», e outras almas cándidas e non cándidas, a prostituta, a puta, leva en si a marca de dous principios opostos. O principio anárquico do pracer e o principio xerárquico do servizo divino, xa se trate de deus no sentido propio deste nome, como para os hieródulos (é dicir, escravos sagrados, segundo Estrabón), ou se trate dos cartos. Isto non o digo eu, claro, senón Walter Benjamin, quen engade que a cocotte moderna hai que colocala no tipo xerárquico e a puta reúne nela a marca particularmente clara dos dous principios: rebelión e obediencia (por necesidade). De aquí, e agora sigo eu, que, en certa maneira, o «poeta» se sinta atraído pola puta. Queira coñecela, estar con ela, queira asinar con ela un pacto para introducir a desorde, o mal, entre os fillos de familia: o que non percibe o poeta é que a rebelión da puta é individual e que non lla vai trasmitir, nin, digamos, lle vai falar dela. Talvez, a maioría das veces, debido á obediencia (por necesidade) a puta non fala nin transmite a súa rebelión, nin, mesmo se rebela. Mais o «poeta» só percibe a dupla marca e quere que na puta a rebelión sexa máis forte que a obediencia, que a rebelión se impoña á obediencia. E, talvez, o mesmo lle pasaba a Manuel-Antonio. Se así for, non se debe dubidar de que a súa asistencia aos burdeis foi máis continuada do que se pode imaxinar. Outra vez: todo isto é unha verdadeira «virtualidade». Mais continuemos.
Desafogo sentimental non pola lembranza ou recordo de Nora; o desafogo sentimental viña dado porque o poeta rianxeiro albiscaba, ou máis ben sabía, que ao non casar, a súa poesía non alcanzaría, talvez, as cotas, os cumes que debería atinxir. O matrimonio, como lle demostrou o casamento de Luís Amado Carballo, daba novos pulos e novos azos ao poeta e á súa poesía: todos vostedes estarán de acordo en que O galo é superior a Proel. Superioridade que non é debida, só, ao paso do tempo, senón ao cambio de «estado civil» no poeta. Amado Carballo superou a súa primeira poesía ao casar (3) e se non fose porque morreu moi novo, estou seguro de que a súa poesía iría, de poema en poema, superándose até alcanzar alturas que hoxe non podemos imaxinar. Se Amado Carballo, menos dotado que el, co casamento superaba e se superaba día a día (n)os poemas que ía facendo, Manuel-Antonio albiscaba que sen casar, nunca chegaría a ser o gran poeta que soñaba. O rianxeiro, como os grandes poetas do XIX e a maioría da primeira metade do XX, albiscaba, intuía, a importancia do matrimonio (4) para a poesía, como xa dixen nunha conferencia anterior.
Hai algo que, ás veces, os habitantes da Europa cristiá, ou xudeu-cristiá, non queremos recoñecer, e aquí implico a todos, a vostedes, a min e a todos aqueles e aquelas, hai que ser correctamente políticos, sobre todo nun lugar como este, que neste momento están a traballar, a se divertir, a se emborrachar, a roubar, a matar, a follar, etc., fóra destas aulas: a sexualidade é un valor permanente dentro da tradición cristiá. Non vou dar agora e aquí moitas probas deste aserto, desta afirmación: sería necesario revisar toda a historia da civilización europea xudía-cristiá, e aínda que tivese forzas para iso, non teño a máis mínima intención nin as máis mínimas gañas. Mais deixen que lles ceibe un pequeno dato. Os grandes pornógrafos do século XX, e do XIX, non se entenden sen o cristianismo. Desde o marqués de Sade até Apollinaire e máis Georges Bataille. Reparen en que os grandes «pornógrafos» foron educados, maiormente, nas relixións cristiás. E algún deles era católico a «machamartillo», que se dicía nos tempos do xeneral Franco: Apollinaire, sen ir máis lonxe. E as súas noveletas, Aventuras dun xove Don Xoán ou As once mil vergas, esta traducida ao galego, son uns dos cumes da pornografía do século XX. Ou Georges Bataille, cuxas novelas «pornográficas» intentan ser un «acto» sacrílego contra a relixión católica. Non diremos palabra do divino Marqués, orixinal filósofo e aborrecido, malia o que diga a grande Annie Le Brun, escritor, e aínda máis aborrecido pornógrafo. En troques, os escritores, digamos, «pagáns», son máis ben «fríos». E os «pornógrafos» orientais, xaponeses, hindús ou chineses, nunca son sacrílegos. (O «sacrilexio» paira en toda a literatura pornográfica occidental, aínda que non aparezan en moitas das súas pezas nin cregos, nin monxas nin nada polo estilo.)
Os primeiros en captar este valor permanente do cristianismo europeo foron os de sempre: os cregos. Os Padres da Igrexa (a chamada patrística), os bispos, os papas e todos os seus intelectuais orgánicos. E nun momento, a alta Idade Media intentaron loitar contra el. Na mente doutros intelectuais, e dos señores feudais, conseguiron vencer, ou cando menos manter en segundo plano, este «valor permanente». Fixérono, como adoita ser costume neles, de maneira brillante. Ás veces case estou disposto a afirmar que xenial. E por medio da literatura. De grande literatura, non se enganen, que eu non me engano. O, digamos, aparato intelectual da Igrexa católica, a única que existía, malia milenaristas e outras especies, naquel momento, percibiu que ese «valor permanente» lle podía roubar, en verdade lle estaba a roubar, as mellores «cabeciñas». Estas mellores cabeciñas inventaran o «amor cortés», que tiraba enerxías e que podía producir herexías. Cumpría loitar, no mesmo terreo, contra elas. E entón apareceu a literatura «artúrica», esa que é tan loada polos nosos lares cando se trata de analizar, ou estudar, algún dos grandes, e menos grandes, escritores galegos do século XX. As novelas, os «textos», que diría algún e algunha profesor/a de vostedes, do «ciclo artúrico» viñeron a lles demostrar a aquelas «cabeciñas tolas» que había algo que era superior ao amor: a aventura. A aventura que, como dixo o poeta catalán Carles Riba, é a viaxe aos límites dun mesmo. E non só llo demostraron a aquelas «cabeciñas tolas», senón que a nova correu e chegou até nós. E nesas, infelizmente, andamos (5).
Eis o que, á idade de 24 anos, descubre Manuel-Antonio. Quizais tamén debido a súa doenza física, á súa tuberculose, que lle impediría «amar» a outro ser; esta é outra hipótese miña. Porque amar, o amor, é desexo de posesión e a non obtención do que se desexa é motivo de insatisfacción e descontento. De frustración. O poeta rianxeiro, por causas morais, espirituais, e tamén físicas, non pode amar. Non pode posuír un corpo. Polo que fai súa a «consigna rimbaudiana»: «posuír a verdade nunha alma e nun corpo». Na súa alma e no seu corpo. E para posuír esa alma e ese corpo (seus) debe lanzarse á viaxe cara aos (propios) límites: á aventura. E esa viaxe cara aos límites serán a súa aventura. A aventura das derrotas. A partir de 1926, xa que logo, a partir das súas primeiras viaxes marítimas en prácticas de piloto, Manuel-Antonio fai tamén a outra viaxe: a viaxe en que se descobre a si mesmo, en que chega aos seus límites: velaí o nacemento de De catro a catro.
Mais esta viaxe cara os (propios) límites implica unha serie de renunciamentos, e ben o sabe o poeta. Renuncia ao amor, renuncia ao matrimonio e, tamén, eis o que lle sabe máis «grave», renuncia a levar a súa poesía aos límites. Sen o matrimonio, como demostra a historia da literatura occidental –e tamén sen a posesión dun corpo amado, sexa do sexo que for– é imposíbel acadar os cumios da poesía. Esta renuncia moral por parte do rianxeiro, é produto doutra renuncia moral: non facer infeliz o corpo, a alma, do ser amado. Sabíase, como se di de maneira abondo cursi, «ferido de morte». A muller que necesitaba era unha «muller domeñante», como o debeu ser Nora. Mais sabía que podería facela infeliz porque os seus días, e volvo aos tópicos, «estaban contados». Renuncia, xa que logo á muller, e vólvese cara aquilo que na tradición cristiá occidental é máis grande que o amor: a aventura. Durante os cinco anos escasos que lle quedan de vida, Manuel-Antonio será un aventureiro, como o demostra a súa vida, aínda que se ben sabemos moito das súas derrotas, das súas estadías en Asados (pola súa correspondencia), en Compostela (polas tertulias en que aquí participaba), no fondo non sabemos grande cousa. El deixou escrita a crónica da súa aventura e a crónica da viaxe aos seus (propios) límites. Máis fíxoo, atrévome a dicilo, de maneira case impersoal ou, ás veces, ironicamente. Outras a introducir, aquí e acolá, datos para que os capten os interesados na súa (a do poeta) crónica persoal: «o vaso derradeiro/ estaba cheo de despedidas», o famoso «Fomos quedando sós, etc.», o citado verso en que saen os burdeis, «…Alguén que chora dentro de min/ por aquel outro eu/ que se vai n-o veleiro/ pra sempre/ coma un morto/ c’o peso eterno de todol-os adeuses» (versos que explican moitas cousas –o aquel outro do poeta, é dicir, o amante, que se foi, como un morto co peso de todos os adeuses, que é o peso do amor), etc., etc. De catro catro é, máis que a crónica dunha navegación ou dunhas navegacións marítimas, a crónica dunha «desfeita» amorosa e máis a viaxe posterior cara aos (propios) límites. Polo que podo afirmar, sen medo a me equivocar, que a partir de 1926, fóra dalgunha incursión nos burdeis de cidades como Buenos Aires, Montevideu, Rio, Cádiz ou, quizais, tamén, Compostela ou Vigo, a vida sexual de Manuel-Antonio, a vida amorosa, non existiu. Existiu a crónica, poética, da súa aventura. Da aventura que, dentro da tradición occidental, era superior ao amor; polo que a súa vida sexual, a partir dese 1926, só foi, durante os catro derradeiros anos da súa vida, un desafogo, ás veces irónico, ás veces melancólico, e ás veces, claro, unha saudade, unha nostalxia, da «muller domeñante», da Belle dame sans merci da tradición poética occidental.
Prometéralles ao principio desta conferencia falar doutras mulleres: as outras mulleres serían as descoñecidas, para nós, prostitutas que frecuentou en diversas cidades e lugares o poeta rianxeiro. Talvez chegou a ter algunha (des)afortunada aventura con outras donas. Alguén falou dunha aventura coa muller dun escritor galego que era homosexual, mais non existen datos, só rumores sen «confirmar», que se di nas informacións máis serias, e, por tanto, como entrariamos na vida privada de segundas e terceiras persoas, que non son motivo das miñas conferencias e, ademais, non me pagaron para iso, non engadiremos máis nada.
En canto ao documento, antes de nada quero dicirlles que eu mesmo o poño en «solfa». Non o encontrei eu, e aínda que non «desconfío» da persoa que mo fixo chegar, como é un amigo pode gastarme unha broma. Nin de bo nin de mal gusto, simplemente, unha broma. Unha broma literaria. Un «canular», que dirían os franceses. O documento envioumo, por que non dicilo, Anxo Pastor unhas semanas antes de comezar esta serie de conferencias. Segundo Anxo, despois de abandonar eu Vilagarcía, interesouse polo tema e deulle por continuar a investigar sobre Nora. Non deu con nada de importancia. Deu, iso si, coa casa en que viviu durante uns quince ou máis anos. Unha casa, como dixen, no seu momento, con bufarda. Falou cos seus actuais moradores e deixáronlle fozar nos trastos e armatostes que poboan actualmente esa bufarda, en que os actuais propietarios van metendo cousas máis ou menos inservíbeis. No momento de ir vivir a aquela, os propietarios da casa, os actuais son fillos dos que a compraron en 1942, non a limparon nin rexistraron. Anxo escudriñou cada recanto daquela bufarda e atopou algún que outro vestido dos que se usaban nos anos vinte, libros de texto en inglés, listas de nomes, que debían ser dos alumnos de Nora, un dicionario inglés-español, exercicios para a introdución ao inglés escritos a máquina, algúns papeis que eran exercicios dos alumnos de Nora, e pouca cousa máis. A maioría dos libros e papeis estaban rillados polos ratos. Entre eses papeis atopou este que agora lles mostro. Como ven, estas rilladuras de aquí son de rato. E o texto é, en realidade, o borrador dunha carta, escrita nun español máis que detestábel. Fíxeno analizar por un grafólogo, que ten a súa consulta na rúa Princesa desta cidade (Barcelona), perto do Museo Picasso. É dunha muller, polo que tanto Anxo coma min decidimos, sen sermos semiólogos (e aquí deberiamos introducir o chiste dos semiólogos da facultade de xornalismo de Sant Cugat, que están no bar a discutir e entran dous homes. Semiólogo 1: –Deben ser bombeiros. Semiólogo 2: –Por que o dis? Semiólogo 1: –A forma de camiñar, de mover o corpo, a súa estatura… Semiólogo 2: –A súa musculatura, a forma dos ombreiros, a maneira de vestir, a cor da súa roupa… Semiólogo 1: –E o casco é definitivo), que era a letra de Nora. E como os dous somos uns linces, despois de descifrarmos o que di o papel, deducimos que era o borrador dunha carta que nunca lle enviou Nora a Manuel-Antonio. Eis o documento «revelador» que lles prometía. Como xa lles dixen que o seu español era máis que detestábel, fixen unha tradución ao galego actual e neste voulles ler o que escribiu Nora:
Moi querido Manuel: o pasado sábado despedícheste, para sempre, de min. fixeches ben: espérante grandes feitos e grandes obras (aquí hai unha rilladura) só sería un estorbo. Mais sabes que sempre te amarei, aínda que eu sei que o noso amor era imposíbel debido (outra rilladura) mais sempre te amarei e te terei no meu corazón. Sei que te utilicei, mais eu puxen o mellor da miña parte para axudarche en algo bo e sei que a nosa (rilladura). Non obstante, aínda que non me ames, quero, sempre, merecer o teu aprezo e se é preciso cambiarei de vida.
Sei que agora estás lonxe de min como eu o estou do sol, mais quero que saibas que (rilladura) baixo a calor que ti me dás. Nunca esquecerei o noso primeiro día de amor e sei que chegaches a adorarme como (rilladura). E aínda que agora te afastaches de min, sempre estarás en min, xunto a min e eu nunca (rilladura).
Adeus amor, adeus o meu neniño amado, o meu doente (rilladura).
Aquí acaba o borrador, que está sen asinar. Esta carta nunca foi enviada ao poeta. Non sei se o poeta lle enviou carta algunha a Nora. Gustaría dicir que si. É máis, gustaría acreditar que si. No entanto, como demostrei un pouco máis atrás, un exame polo miúdo de De catro a catro, e tamén de Sempre e máis dispois (o título en si case o di todo), ensinaríanos que Nora, a Belle dame sans merci, a «muller domeñante» que obsesionaba ao mozo Manuel-Antonio, estivo presente en todos os momentos da súa vida, dunha ou outra maneira.
E, damas e cabaleiros, aquí acabo esta serie de conferencias. Quizais esperaron vostedes grandes revelacións, grandes feitos sexuais do poeta rianxeiro. Masturbacións, de neno, paixóns de mocidade, amores fous, fazañas sexuais –estas, ao cabo, non son máis que xestas deportivas–, amores «gays», que se di agora, e todas esas cousas que enchen as noveliñas pornográficas e sentimentais (é dicir, felacións, cunilingüis, sodomizacións, posturas estrañas e outros exercicios de ximnástica) que adoitan ler homes e mulleres insatisfeitos coa súa vida sexual e ás veces coa súa vida en xeral, aínda que ler novelas pornográficas non é nada malo: sinto non poder dicir o mesmo das novelas sentimentais. Nada diso foi posíbel. E non foi posíbel porque, en realidade, non existiron. Ou se existiron non as coñecemos. Falei do que podía falar. Da verdadeira vida sexual de Manuel-Antonio –aínda que, desde Joan Fuster, sabemos que «A verdade é unha invención anticientífica»– e da súa frustración por non poder casar. Do seu anseio, da súa arela dunha muller «domeñante» e do abandono desta muller cando, pouco a pouco, debido quizais a lecturas, debido á súa educación (cómpre non esquecermos que se criou nun medio eclesiástico), debido, talvez, á tradición, percibe que existe algo máis grande que o amor: a aventura, a viaxe aos límites dun mesmo. O que non percibiu é que esa aventura, esa viaxe, talvez só era unha «sublimación». Mais como advertiu no seu día don Sexismundo, a sublimación é unha satisfacción enigmática: a sublimación que padece todo escritor verdadeiro ao ser impotente de satisfacerse da realidade. Este repregamento sobre a vida imaxinativa foi o que fixo posíbel que Manuel-Antonio escribise os seus mellores poemas. Mais, non debemos esquecelo, a súa imposibilidade de matrimonio fixo imposíbel, tamén, que a súa obra chegase a acadar os cumes a que estaba chamada.
Boas noitas, boa sorte e até unha próxima.
NOTAS
(1) Domingo García-Sabell non data este poema na súa edición. Xose Luís Axeitos, na súa edición da Poesía Galega Completa, de Manuel-Antonio, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco Edicións, 1992, aponlle unha nota a dicir : «Parece claro que este poema forma parte do mesmo proceso creador (como se a creación fose un proceso! e non, máis ben, un estado do espírito, ou do ánimo, como prefiran vostedes; en todo caso, podo conceder que a composición dun poema, dunha novela, dunha obra de teatro, dunha sonata ou dun cadro sexa un proceso, mais o que dá forza á creación é, precisamente, un estado espiritual) do datado en Santiago-1920 e que comeza «DISPOIS rachei a folla…». E data o poema en 1920. Acho que o insigne académico trabúcase. Mais, con todo, é un dato sen a mínima importancia para o tema que nos trae.
(2) Na conferencia anterior afirmei, e continúo a afirmalo, que non me atrevería a clasificar a Manuel-Antonio como un «histérico», mais, como se sabe desde Freud, o histérico non sabe vivir. Ou, máis exactamente, non sabe «gozar». Proclama que ninguén é capaz de comprender o seu sufrimento. Incapaz de comprender o que sofre, o/a histérico/a é incapaz de ser igual ao que reclama: un/ha home/muller que sexa un/ha. A solicitación histérica non é curiosa. O peor é que é verdadeira. O que é asombroso na histeria é que o seu saber (porque o/a histérico/ sabe; o saber está está implícito no «discurso» dos que sofren) implica a imposibilidade do xogo da sexualidade. O síntoma da histeria, síntoma xeral, demostra que as cousas non van entre os homes e as mulleres; non foi no pasado e nada indica que vaia no futuro. A histeria é o síntoma máis claro de que non existen relacións sexuais. O que non quere dicir que non se dea o acto sexual. Relacións entendidas no sentido de harmonía, de complementaridade entre o home e a muller. Como moi ben di Lacan, e neste é un dos poucos momentos que se lle entende: a sexualidade evidencia a separación estrutural entre o home e máis a muller. Esa separación estrutural que evidencia a sexualidade deuse, quizais con máis forza en Manuel-Antonio. Ou non? De aí a miña afirmación de que o matrimonio, que se acaba ben acaba en relación, sexa un dos grandes motores da poesía occidental até mediados do século XX.
(3) Luís Amado Carballo casou con María López Fernández en 1924. Pontevedresa, era filla do debuxante e escenógrafo Benigno López Sanmartín. Un modernista galego moi ligado á ilustración gráfica de entre séculos. Ela tocaba o piano e tiña unha educación artística à la page das señoritas vilegas da época. O pai tamén tocaba o violín. Logo da morte de Amado dise que foi repudiada pola familia del. Seica marchou para Santiago e alí viviu até, creo, comezos dos 60, en que morreu atropelada por un coche. Quedou sen os papeis de Amado que foron entregados pola súa familia aos franciscanos de Pontevedra. Perdéronse hai ben pouco, sen que ninguén os vise, cando arderon, co convento, a biblioteca e arquivo conventual, no voraz incendio dos anos 90 (datos enviados por Enrique Acuña, responsábel da Editorial A Nosa Terra).
(4) Unha vez ditadas estas conferencias, souben da existencia dun libro de Sören Kierkegaard, A estética do matrimonio. Acho que a súa lectura non me fixo cambiar un «ápice» do que penso sobre matrimonio e poesía; é máis, a pesar do cristianismo do autor, e da súa perpetua referencia a Deus, talvez só fixo que confirmase as miñas «hipóteses» sobre o tema.
(5) O mito da guerra como «hixiene do mundo», Marinetti e mesmo Nietzche; como fonte de «camaradaxe», extrema dereita, movementos nazis, como cruzada en procura dun «Graal», clase aristocrática-militar inglesa, etc, non provén, precisamente da literatura artúrica? Sobre o mito da guerra léase, con moito proveito, De la Grande Guerra au totalitarisme, de George L. Mosse, París, Hachette Littératures, 1999.
(6)
You might also like
More from Referências literárias
Antologia PoesiaBR nº 5
A antologia PoesiaBR5 (Editora Versiprosa, 2023), de poetas brasileiros e brasileiras, é uma homenagem ao escritor Carlos Drummond de Andrade
A inefável contradição de José Saramago (apontamentos à volta do processo criativo)
A inefável contradição de José Saramago (apontamentos à volta do processo criativo). Palestra de Alfredo Ferreiro Salgueiro na mesa "Reflexões …