«A maior caridade para cos mortos consiste en non matalos por segunda vez ao lles atribuíren actitudes sublimes. A maior caridade é achegalos a nós, facerlles perder a afectación».
François Mauriac
PRIMEIRA CONFERENCIA
Ola, boas tardes.
Cando o Dr. Losada me fixo a honra de me convidar ao seu departamento, confeso que me rillaban as dúbidas. Non son especialista en Manuel-Antonio, aínda que lle teño dedicado algúns textos máis ou menos «ucrónicos» ou máis ou menos «reais». A súa obra, non por reducida deixa de ser, en certa maneira, inmensa, como a de todo gran poeta. E como toda obra de gran poeta, éntrase nun mundo que, como o de Sir Arthur Conan Doyle, é sempre un «mundo perdido», un mundo onde todo é xungla e no que un non-especialista, coma min, sempre dubida en se mergullar. Hai algúns, maiormente titulados (ou autotitulados) especialistas que nel se aventuraron, mais perdéronse ou extraviáronse e nunca os volvemos ver, como se o tema os esgotase para sempre, ou como se fosen incapaces de trazar un mapa para axudar(se) a transitar a si mesmos, a despistados, a turistas, a non coñecedores e mesmo a profundos coñecedores dese mundo. Os escrúpulos, recoñézoo, foron aínda moito máis fortes cando o Dr. Losada, ao me facer a invitación, sinaloume o tema de que quería eu falase: a vida sexual de Manuel-Antonio. Supoño, non llo preguntei, que o Dr. Losada, informado de que nun deses meus escritos «ucrónicos» sobre Manuel-Antonio lle «inventara» diversos amores e varias aventuras amorosas ou sexuais, deu por feito que inventaría a vida amorosa do poeta de Rianxo como noutrora lle apuxera dez anos máis de vida, ou que eu dispuña dunha información de que non gozaban os outros, sobre todo os especialistas no poeta de Rianxo.
No entanto, decateime, axiña, que se aceptaba ía cometer unha especie de profanación. Que desatino! A vida íntima dun poeta! Estas cuestións biográficas están mal vistas e é normal se se pretende explicar a vida dun poeta, dun escritor, mesmo dun filósofo ou un pintor, mediante a súa obra, ou viceversa. Aínda que había alguén que dicía, non sei quen, «le a novela como se fose unha autobiografía e le a autobiografía (dun novelista) como se fose unha novela». Mais este non é o meu obxectivo. Por que ten a vida dun poeta o menor interese para a poesía? Non vou citar a todos aqueles que, desde Proust (1), negaron tal feito. Só constatarei que os meus profesores responderían unanimemente, a coro: «Si!», mais os meus verdadeiros mestres, aqueles que eu tomo polos meus verdadeiros mestres, berrarían: «Non!». Eis como me educaron mais, tamén, talvez estea no espírito de todo discípulo a rebelión contra o mestre e, por outra parte, como non debemos esquecer que nada nace por xeración espontánea, talvez sexa imposíbel ler correctamente certos –ou todos– os poetas e escritores, e mesmo filósofos, sen coñecermos o transfondo, existencial ou sociolóxico, en que apareceron as súas obras. E nese transfondo están, claro, as súas existencias, as súas vidas. Con todo, debemos afirmar, máis unha vez, que a obra dun poeta, dun escritor, non se explica pola súa vida privada, o que non quere dicir que este poeta ou ese escritor non traspasen experiencias da súa vida á poesía ou á novela que artellan, ou mesmo á obra de teatral, cinematográfica ou pictórica: no campo musical non estaría tan seguro. Mais, repito, debemos coidarnos moito de explicarmos a obra dun escritor, dun poeta, dun «artista» mediante a súa vida. Como ben viu Ramón Otero Pedrayo, no seu estudo dedicado a Baudelaire: a resposta de Baudelaire a Sartre, resposta contundente, está na poesía daquel.
Con todo isto quero dicirlles dúas cousas: que non vou expor a vida de Manuel-Antonio como se fose unha novela (malia que cada vida é unha novela, mais esa novela lévaa no seu interior o individuo e é el quen debe «escribila», ou «traducila», como afirma en Le temps retrouvée «monsieur» Proust); tampouco, intentarei explicar a súa poesía mediante as súas vicisitudes e vivencias persoais. Vou falar, si, da súa vida sexual; entendendo sexual por amorosa, en certa maneira, e ao longo da miña exposición ceibarei diversas hipóteses que, acho, poden axudar a comprendermos a poesía do rianxeiro. Debo aclarar que non vou inventar nada: todo o que diga estará tirado de escritos do propio poeta ou de documentos contemporáneos, inéditos ou coñecidos.
Ao preparar esta primeira comunicación oía no fondo da miña conciencia unha voz que me dicía cun ton de reproche: «Como te atreves a falar da vida sexual de Manuel-Antonio, como podes dedicarte a esa vil tarefa? Como podes ousar introducirte na vida íntima dunha persoa, dun poeta que sempre loitou contra o falso romanticismo do “eu”?».
No entanto, empurrado por unha forza escura –e pola curiosidade malsá, por que imos negalo, sen esquecermos, claro, os cartos prometidos– aceptei a invitación do Dr. Losada e púxenme a ler todo canto artefacto –por outra parte pouco numerosos e cun mínimo de datos– que sobre a vida do poeta de Rianxo se escribiu; e máis a súa correspondencia. Cheguei a conclusións, ou máis ben hipóteses, sorprendentes, que gustaría exporlles. Mais antes de nada, quero precisar que por peregrinas e lamentábeis que poidan ser as miñas conclusións, non diminúen para nada o respecto, a veneración atrévome a dicir, que teño cara a Manuel-Antonio, que fica para min o modelo sen igual de poeta. Lonxe de constituír un tema anecdótico ou indecente, a sexualidade de Manuel Antonio é a vía real que nos leva, como veremos nesta serie de conferencias, á comprensión da súa poética. Por outra parte, case poderiamos afirmar outro tanto de cada poeta, galego ou non. Mais entremos xa no tema, porque como di o poeta: «Pola noite percorremos os íngremes atallos/ entre verdes arbustos, polas dunas».
Para a maioría, a imaxe de Manuel-Antonio é a imaxe do «poeta vangardista». Se el alcumou á famosa tríade rexurdimentista como «A Santa, o Bardo e o Rebelde», non cabe a menor dúbida de que para a posteridade, unha posteridade que comeza cara a principios dos anos 80 do século pasado, e debido á crítica, aos profesores e aos buscadores de idades de ouro perdidas, podiámolo nós, vostedes, caro público, e máis eu, alcumalo como «O Vangardista». Debido a unha crítica, digo, que nunca tomou a súa tarefa polo que é: un oficio difícil, unha función terribelmente pesada e mesmo perigosa, que nestes momentos –desde hai xa varios anos– é exercida, paréceme evidente, cunha conciencia sumamente liviá por parte dos nosos críticos actuais. Non se trata, evidentemente, de que o crítico substitúa o público para xulgar, senón para lle dar unha parte dos medios –e en particular informacións– necesarios para xulgar. Non se trata de crítica «científica» ou dos desbaratos althusserianos sobre a ciencia da produción literaria, trátase de algo moito máis sinxelo e moito máis difícil ao mesmo tempo: trátase do deber elemental da crítica, que é o de ser informativa e argumentativa, de permitir que o público se forme un xuízo provisorio mediante a argumentación sobre a calidade das obras discutidas, incitalo a coñecelas directamente –ou, chegado o caso, disuadilo de que o faga. Hoxe por hoxe, ningún crítico literario do noso país fai iso, e menos nos disuade de visitar calquera trapallada das que, ultimamente, se editan a mancheas.
Esta «posición» do crítico, e tamén do historiador da literatura galega, unida a outras, digamos, «circunstancias» que non son exclusivas de nós: a posmodernidade, que conduciu a que a única referencia sexa a procura do «novo» en si mesma, á intención de que unha obra de arte debe estar ou ser máis «adiantada» que as anteriores, á conciencia –errónea e equívoca– de que o novo, o vangardista, o «bo» non é entendido cando aparece, etc., conduciron e conducen á maioría dos literatos e artistas contemporáneos a se contorsionar para atopar novas formas cando non teñen nada que dicir, nin «novo» nin «vello»; e cando a crítica os aplaude –e tamén o público– cómpre entendermos que aplaude fazañas de contorsionistas, de trapecistas, de funambulistas, como dicía hai anos Cornelius Castoriadis. Todo isto levou, infelizmente, a unha repetición e copia do que acontece fóra do país para implantalo, copiando os esquemas do exterior, na literatura galega, como se esta vivise os mesmos períodos (e coa mesma intensidade) que calquera literatura normalizada. E, finalmente, a crítica, o historiador da literatura, tamén entrou dentro dese mundo de contorsión (non esquezamos que cada semana aparece, apoiada polos departamentos ad hoc das universidades, unha nova escola crítica, un novo método de crítica que nolo vai descubrir todo… agás, claro, a obra literaria ou artística). Todo isto, e outras circunstancias e feitos que, neste momento non nos atinxen, levaron a que hoxe por hoxe poidamos considerar a Manuel-Antonio como «o vangardista» cando, en realidade, o que conforma é, simplemente, o que se podería chamar ou nomear unha «sección autónoma» dentro da poesía galega. E pídolle emprestado o termo a Pierre Bourdieu.
Chamarei, xa que logo, a Manuel-Antonio «o vangardista». Un «vangardista», porén, un pouco «raro» no que se refire á súa conduta privada. Coñecemos, iso si, as súas famosas «derrotas» como piloto ou en prácticas de piloto. Coñecemos estadías súas en Santiago, mesmo en Vigo e A Coruña, sabemos que coñeceu cidades de Latinoamérica: Buenos Aires, Rio, Montevideu, etc. Mais sempre o encontramos, curiosamente, en Asados ou en Rianxo, non precisamente grandes motores da modernidade, xulgo eu. Afastouse, por mor do seu traballo ou emprego, das súas vicisitudes infantís, dos seus estudos, moito da súa amada aldea de Asados, ou da súa vila de Rianxo. Mais dá a impresión, pola súa correspondencia, de que as cidades que visitaba non lle facían «tilín», aínda que debemos recoñecer que moitas das cidades, que nunca nomea, dos seus poemas debían ser esas cidades que visitou: ou o Vigo da súa correspondencia. Sería curioso analizar, disimulen a palabra, a súa teoría da «cidade». A partir da súa correspondencia e, claro, dos seus poemas. Mais esta tarefa, infelizmente, non me trae aquí. Deixarémola para unha próxima invitación, se se produce, do Dr. Losada.
Todos sabemos, ou deberiamos saber, e tamén vostedes, que para iso asisten aos cursos deste departamento, que os homes da xeración Nós visitaron cidades europeas e sobre elas falaron: Castelao, Risco, mesmo Otero. Aínda que tamén non estaría de máis lembrar que o outro poeta «semi-vangardista», por definilo rapidamente e dalgunha maneira, contemporáneo do rianxeiro, Luís Amado Carballo, dá a impresión de que nunca saíra de Galiza. O que queremos dicir é que se ben Manuel-Antonio «percorreu mundo» produce no seu lector o sentimento de que o poeta nunca, ou case nunca, saíu da súa afábel e tranquila aldea. Aldea na que vivía coa súa nai. Anoten, por favor, este primeiro dato.
Cando se publicou a Correspondencia d’«o vangardista» correron algúns, non moitos, ríos de tinta. En verdade, regatiños. Ou fontes medio secas. E, alén máis, que deitaban auga pouco potábel.
Críticos, profesores, curiosos e afeccionados e demais «ralea», anotaron dúas cousas. O seu nacionalismo e, de retruque, o seu anti-colonialismo. As cartas dirixidas a Rafael Dieste cando este (e perdoen o xogo de palabras) está a cumprir o servizo militar no norte de África e, de pasada, a loitar contra os rebeldes kabileños. Outros anotaron unha carta que ía en apéndice, sen datar. Carta en que se albiscaba unha certa «ideoloxía» anarquista, ou libertaria. Ideoloxía, por outra banda, da que tamén se reclama nunha ou dúas cartas máis (2). Pero cómpre termos «coidado»: tamén se reclama da guerra, como Marinetti, única hixiene do mundo (3). E algunha chorrada máis. E, como sempre, logo paz e despois gloria. Ninguén anotou, que é o motivo desta serie de conferencias, que case nunca sae citado un nome de muller. (Ou que o poeta, a pesar das indicacións e anotacións que entregaron García-Sabell e outros, fora extraordinariamente discreto sobre a súa infancia.) En realidade saen citadas dúas ou tres mulleres de que logo falaremos. Mais ninguén anotou nin comentou o «dato». É dicir, ou Manuel-Antonio tiña moito interese en ocultar a súa vida privada mesmo aos seus amigos ou, podía ser, non coñecía muller? Ou era un misóxino recalcitrante, talvez na esteira de Pondal, se temos que crer a María Xosé Queizán… no que respecta a Pondal, claro? Do «vangardista» non dixo palabra, que eu saiba. Hoxe, cando as cousas xa se saíron completamente de madre, padre e espírito santo, alguén podía dicir, escribir, que era un homosexual reprimido, que tiña medo a saír do «armario», etc. Evidentemente, tratar aos homes de onte co pensamento, por chamarlle dalgunha maneira, moral e sexual de hoxe é… de xilipollas, e perdoen vostedes o exabrupto (4) máis ou menos castelanizado… ou galeguizado.
Este «recato» do poeta ensinounos que era un mal cliente para os biógrafos. A diferenza de Pitágoras, por exemplo, cuxa lenda pretendía que vivira vinte vidas enteiras, Manuel-Antonio, malia as «derrotas», manifestos e outros xestos, parece que viviu apenas unha, e ben curta, infelizmente.
Non obstante, non comparto a opinión daqueles que ven na existencia monotonía, porque ao cabo era monótona: o barco só foi un lugar de traballo e de motivo poético; digo que non comparto a opinión daqueles que ven na existencia monótona do poeta unha pegada da súa poesía. Gustaría demostrarlles que existe nesta banalidade (vivencial, non poética, comecemos por sermos claros desde o inicio), querida, cultivada, algo consubstancial á poética de Manuel-Antonio. Gustaría explicar por que a sexualidade, lonxe de ser unha cuestión continxente, fai parte da esencia mesma da poesía.
Esta tese pode chocar hoxe. No entanto, non se loará abondo a sabedoría do poeta. Podemos achar as poesías de Manuel-Antonio discutíbeis, podémonos burlar, por que non?, do personaxe, mais hai un punto sobre o que Manuel-Antonio non pode máis que suscitar a admiración universal: o seu celibato. Todos os seus poemas, todos os seus escritos (manifestos, cartas, opinións) son discutíbeis –para a viúva de don Rafael Dieste, dona Carmen Muñoz, eran infantís–, todos os seus actos, agás un: o poeta digno deste nome ten que tomar muller. Como, xa que logo, un poeta digno dese nome como é o rianxeiro, non tomou muller? Cando menos que se saiba, publicamente.
Canto á súa vida sexual, pídolles que se liberen de todo preconcepto, que non a xulguen precipitadamente e mesmo que non a xulguen, na medida do posíbel. Pídolles que adopten a actitude que Spinoza preconizaba no seu Tratado político: «Non chorar, non rir, senón comprender».
Manuel-Antonio, aínda que sempre en Asados ou Rianxo, non viviu como un ermitán. Non queiramos velo, tampouco, como un inimigo da vida mundana, recluído nunha torre de marfín. Sabemos, por exemplo, que asistía a tertulias cando estaba en Santiago. Fernández Granell, García-Sabell, Enrique Fernández Sendón (o L. Fersen trotskista), Santiso Girón e outros deixaron o testemuño. Non temos moitos testemuños de que facía unha vez acabadas as conversas tertulianas, mais era mozo e tememos que O Pombal en Santiago era un lugar frecuentado por el.
É unha lástima que a xente cale sempre cando se trata das súas cousas máis íntimas
S. Freud
Todos sabemos, todos os que tivemos a sorte de ler as súas Confesións, tampouco é necesario ser modestos de máis, que Santo Agustiño comeza a descrición da súa vida a falar de Deus. Dos seus primeiros anos non nos conta expresamente nada: non se lembra deles. Como tampouco, claro, do tempo que pasou no seo materno. Do tempo que se pasa no seo materno só adoitan lembrarse os novelistas galegos actuais. Agustiño de Hipona, ou Santo Agustiño, non se pregunta sobre aquel tempo; só unha frase, o famoso tópico, no sentido literario: ubi sunt. É dicir: «Onde fai parar aquel tempo?», «Où sont les neiges d’antan», que diría o bandoleiro Villon. Mil e quiñentos anos despois, un escuro médico xudeu, de Viena, podería responderlle, aínda que non o fixo.
Da nenez de Manuel-Antonio pouco sabemos, vostedes e máis eu, e o médico vienés, don Sexismundo, aínda menos. Mais de momento esquezamos o doutor Freud e continuemos co «vangardista», que daquela aínda non era vangardista. No entanto, talvez compriría retrotraernos á súa infancia a partir deses retallos non queridos que traslocen a formación da súa sensibilidade e dos que Domingo García-Sabell nos entrega algúns. Pódese colixir que era un rapaz sensíbel, imaxinativo, curioso, concentrado –porque tímido– e pouco inclinado a adoptar modelos convencionais. É dicir, será un «rebelde», en certa maneira. Mais tampouco vou negar que todo isto, a falta de probas máis contundentes, ou dun deses estudos psicanalíticos que intentan explicar todo, a non ser que estea feito por un discípulo do doutor Lacan, que logo non se entende nada –e lembremos o que escribia o ensaísta brasileiro José Guilherme Merquior a propósito de Lacan no seu máis que lúcido, e nalgúns aspectos máis que discutíbel, De Praga a Paris. Crítica do pensamento estruturalista e posestruturalista: «Até 1981, en que morreu, só había dúas persoas no mundo capaces de entenderen realmente as teorías do doutor Jacques Lacan: el mesmo e Deus». Diciamos, até que unha monografía psicanalítica desas non nos mostre a nenez de Manuel-Antonio avec preuves à l’appui, que todo o que acabo de dicir é pura especulación.
Se repasamos a correspondencia de Manuel-Antonio veremos que pouco, nada, fala da súa nenez. Tampouco, claro, explica os seus soños (os soños do sono) a ninguén. Xa que logo, se para construír unha casa se necesita unha armazón, todos sabemos, mesmo desde antes do doutor vienés antes citado, que para construír a vida dun home tamén necesitamos unha armazón, e esta armazón, feliz ou infelizmente, é a infancia. Así, por tanto, partiremos, como é natural nestes casos de reconstrución, da nenez do «vangardista» que non era vangardista daquela, como tampouco era poeta, senón un neno.
Dixemos que pouco sabiamos da nenez de Manuel Antonio Pérez Sánchez. Anotemos uns poucos, e para nós determinantes, ou cando menos interesantes, datos. Datos que, como todos os que se dedicaron a falar do rianxeiro, tiramos do prólogo que o doutor Domingo García-Sabell (5) lle perpetrou ás súas Poesías (completas). Imos, xa que logo, con estes datos. Datos que son esenciais na vida de cada individuo. Cómpre non esquecermos que o destino do individuo fica decidido entre os dous e os cinco anos. Todo o que vén despois desta floración tan temperá, é dicir, os restantes anos, os florecementos serodios, non son máis que variacións, orquestradas normalmente con máis riqueza de instrumentos e, talvez, con maior sonoridade. Tomen nota, prégollelo, dos datos que ditarei.
Como todo o mundo sabe, Manuel-Antonio Pérez Sánchez naceu na vila de Rianxo o mes de xullo de 1900. Até os dous anos vive cos pais e, segundo García-Sabell, a esa idade é enviado xunto da avoa materna, dona Purificación Vázquez, e un tío sochantre, a Padrón. Quizais, di o eminente médico compostelán, para evitar o contaxio coa tuberculose do pai. Aos poucos, o tío é destinado a Iria Flavia, e alá vai o rapaz co tío. Cando Manuel-Antonio tiña oito ou nove anos, o tío é destinado outra vez a Padrón, onde o pícaro o acompaña e onde estuda. No ínterim, en 1904, cando contaba con catro anos de idade, morre seu pai. Tamén cómpre sinalarmos que pasaba tempadas en Rianxo e que alí tamén estudaba. O ensaísta galego, o ex-delegado do goberno, o eximio doutor, tamén nos di que Manuel-Antonio era un rapaz tímido. Outro dato a termos en conta.
Educado nun medio eclesiástico e pío, a nai era o que hoxe chamamos unha «papahostias», cando cumpre once anos intentan facelo crego, ao que se nega nunha carta a súa nai. Así, vémolo despois matriculado por libre en Santiago no curso 1913-1914. No curso 1915-1916 xa está en Santiago, cidade-vila que será determinante nos aspectos idiomático, político e literario para o poeta. Mais hoxe non nos traen aquí esas cuestións máis ou menos apaixonantes de historia literaria, política e vital do poeta. Aínda que comprirá non esquecermos esta estadía compostelá.
Como ven vostedes, pouco se sabe da nenez, e de parte da mocidade, do que será o poeta avant-gardiste de la Galice contemporaine par excellence. Pouco sabemos e poucos datos podemos tirar para falarmos do seu destino decidido entre os dous e cinco anos. O dato, salientábel, é que morre seu pai cando tiña apenas catro anos de idade. É dicir, non fai falta que mate ao pai, porque o pai morre. Ou, talvez, xa o matara? O dato certo, nesa póla da literatura que se chama psicanálise, é que, segundo nos deixou dito don Sexismundo Freud: «A prohibición de elexir un obxecto incestuoso é quizais a mutilación máis peremptoria que a vida erótica do home experimentou no curso dos séculos». Mais non esquezamos, como afirmaba a mesmo doutor, que esta mutilación é, ao tempo, o comezo do proceso cultural. É o fenómeno que se chama «sublimación». É dicir, o proceso de «sublimación» que sofre o neno Manuel-Antonio Pérez Sánchez determínao xa como poeta? Non sexamos relativistas, nin positivistas. E moito menos xoguemos a profetas. A escolla será anos despois. Con todo, cómpre lembrarmos que moito antes de que se oíse falar da psicanálise, de Freud, e non digamos do doutor Lacan, Diderot, quizais un dos freudianos máis antigos, escribía, cento cincuenta anos antes de que ao doutor vienés lle dese por encher papeis: «Abandónese o pequeno salvaxe a si mesmo, de tal maneira que preserve a súa irracionalidade e, un día, xunte con esa irracionalidade a ardente paixón dun home de trinta anos… estrangulará ao seu pai e deitarase coa súa nai».
Antes de continuarmos, porén, penso que cómpre remarcarmos un dato que se pode tirar da correspondencia do poeta. Un dato que só se albisca, que nunca se confirma e que nunha desas espirais ás que somos dados tanto os homes como as mulleres do noso tempo, talvez influídos pola psicanálise, podemos afirmar, con moito medo a nos equivocar, que xa desde novo o que sería moitos anos despois da súa morte considerado e chamado o «vangardista», xulgaba os futuros biógrafos como inimigos, contra os que había que tomar medidas. E as medidas están tomadas: nada se sabe da súa nenez, como vimos. Xogou a médicos e enfermeiras con nenos e nenas de Iria, de Padrón, de Rianxo? Non se pode afirmar nada, mais pódese conxecturar que si, mais só son iso, conxecturas.
Xa en Santiago, se seguimos a súa correspondencia, veremos os cambios que se producen en Manuel-Antonio, aínda que nunca nas súas cartas desta época fala de mulleres, si fala de, chamémoslle así, porque dalgunha maneira hai que chamarlle, «cultura». E a cultura, e voltamos, máis unha vez, ao famoso doutor vienés, é a gran organización das satisfaccións substitutivas. Que satisfaccións non realizou eses anos o xa poeta? Eis un misterio que cumprirá «desentrañar», desenguedellar. Conseguirémolo? Ou, conseguireino?, porque en adiante vou falar en primeira persoa. E vou utilizar a primeira persoa porque moitas veces a xente esquece que o emprego do «eu» pode ser un signo de humildade. En cambio, os científicos máis dogmáticos –e os seus substitutivos fantásticos, os literatos, sobre todo os que exercen esa póla algo estraña da literatura chamada crítica– prefiren escribir en impersoal (ou nun plural maxestático), o que vén significar que a Verdade, con maiúscula, en persoa guía a pluma, ou o ordenata, anónima. E como eu non pretendo ser dogmático nun terreo tan esvaradizo como a vida sexual de Manuel-Antonio; como, seica, estas son as primeiras páxinas que se ditan, que se escriben, sobre unhas experiencias amorosas de que ninguén falou, terei que pór en solfa todo o que eu diga. Sobre todo, ou ante todo, porque me vou mover, maiormente, no terreo das conxecturas, dos seica, dos paréceme, dos seméllame, dos segundo a miña opinión, que non vou dicir que é modesta. De todas estas cousas e outras máis, como a unión indisolúbel entre o matrimonio e a poesía, falarei nestas conferencias. Penso que ao longo destas charlas demostrarei non só que, contra o que se pensa, o poeta rianxeiro si coñeceu muller, senón tamén que o matrimonio, até pouco máis alá dos anos cincuenta do século pasado, era unha conditio sine qua non para a aparición e o nacemento da poesía. Por outra parte, e antes de rematar esta primeira intervención miña, gustaríame avisarlles que non lles vou presentar unhas conferencias máis ou menos académicas. Nin un curso de investigación. Nin nada de todo iso que se coce nos departamentos universitarios como este. A miña «investigación», entre aspas, e se queren vostedes engádanlle, despois de oír todas e cada unha das miñas palabras, se así o xulgan, o signo de interrogación, será, xa que logo, antiacadémica. Sobre todo por unha cuestión de principios: É propio da esencia do académico ter en conta só o morto; só se pode estar totalmente seguro do que non se pode cambiar. E eu estou moi seguro de que case todo se pode cambiar. Boas tardes e até a próxima semana.
NOTAS
(1) Aínda que o ataque de Proust a Sainte-Beuve, a negación da importancia da vida do escritor, quizais teña que ver coa súa estratexia narrativa, coa do autor de La Recherche.
(2) O curioso é que ninguén salientara aquilo que di en carta Antón Vilar Ponte, datada sobre o 23 de marzo de 1923, despois dunha Asemblea ou reunión Nacionalista: «gustoume moito crear a Confederación de traballadores galegos», que non sabemos se existiu, ou se foi unha creación que ficou niso, creación.
(3) Nunha carta a Ramón Villar Ponte, datada o 22 de outubro de 1924, escríbelle ao viveiriense: «Ademais compre a guerra pra nos enfortecer n-ela, que é a “única hixiene d’o mundo”, en parolas de Marinetti: “O que non nos mata, fain-os máis fortes”, dixo Nietzsche».
(4) Con este tipo de «esquema» mental non faltará quen acuse ao poeta español Antonio Machado de pedófilo. Ao cabo, casou cunha rapaza de 13 ou 14 anos, a tal Leonor. Por certo, un dato que os «louvadores» do poeta pasan por el como se fose unha cacharela a arder.
(5) Aproveitando que o Dr. Losada se ausentara da sala (cousas da idade e da próstata) engadín un comentario que aquí poño en nota; «A verdade é que cando o profesor Losada me ofreceu esta serie de conferencias e, digamos, me ditou o tema; eu ofrecinlle outro, referido a Domingo García-Sabell. Quería falar dos seus derradeiros anos, cando deixa de ser Delegado do Goberno en Galiza –cargo en que botou pola ventá todo o creto que tiña perante a sociedade galega– e debido ás prédicas de Andrés Torres Queiruga, o autor de Ensaios I e Ensaios II, convértese ao catolicismo. El, que había anos, perante a publicación dun libro de José Luís López Araguren, La crisis del catolicismo, espetou o comentario seguinte. “Impórtame tanto como a crise da chamada festa nacional [española]”. Quería comparar a actitude, o xesto de (re)conversión de García-Sabell co xesto do seu amigo, o maltratado Ramón Piñeiro, que querendo moito a Torres Queiruga, tomou as súas prédicas polo que eran, prédicas, e deixou ben claro, mesmo despois da morte da súa dona, que el non acreditaba en Deus, que era agnóstico e que quería ser soterrado, como o foi, civilmente. Non puido ser, outra vez será».
Nota: A ilustração de cabeçalho pertence ao Calendário erótico do galeguismo, à venda na Sacauntos Cooperativa Gráfica, a quem agradecemos a colaboração.
You might also like
More from Referências literárias
Antologia PoesiaBR nº 5
A antologia PoesiaBR5 (Editora Versiprosa, 2023), de poetas brasileiros e brasileiras, é uma homenagem ao escritor Carlos Drummond de Andrade
A inefável contradição de José Saramago (apontamentos à volta do processo criativo)
A inefável contradição de José Saramago (apontamentos à volta do processo criativo). Palestra de Alfredo Ferreiro Salgueiro na mesa "Reflexões …