“A percusión abanea nos extremos metálicos do son”, Libro de Horas, Rebeca Baceiredo.
”Os ollos do resto, as nosas cárceres, os seus pensamentos, as nosas gaiolas”. Virginia Woolf.
Con “A revolta dos relatos”, Rebeca Baceiredo retoma un amplo proxecto titulado Who the fuck is Alice? que abrangue cinco series diferentes: “Feminidades”, “Resistencias”, “ICON”, “Operarias” e “As mozas das cancións”, sendo estas dúas últimas as que se expoñen dentro do proxecto “Nómades: entre a palabra e a imaxe” na Libraría Biblos de Betanzos, creado e coordinado pola creadora Inma Doval como curadora.
Rebeca Baceiredo reflexiona dentro das súas liñas de investigación, poesía, fotografía e filosofía sobre a construción da subxectividade no contexto da sociedade contemporánea en posturas político, éticas e ontolóxicas, analizando os mecanismos de dominación do capitalismo e os seus imperialismos respecto a función da muller como subalterna, o consumo como unha xustificación normalizada da escravitude.
Inspirada no pensamento de Gilles Deleuze, asunto da investigación da súa tese: “Achegas ontoéticas para a liberación do suxeito” e a través da imaxe fotográfica, reflexiona sobre o concepto de representación, a dualidade suxeito- obxecto e as relacións de transcendencia, herdanza ou enquistamento, conceptos opostos ao devir, á univocidade do ser e á inmanencia da realidade. Revisa e denuncia nestas series as formas de propiedade e mercancía, vencelladas a muller como xénero con asumida función social como subalterna e como suxeito cosificado e dependente da súa xestión na conformación do subconsciente colectivo, Véase (Oiko- nomia do xénero. Relato das clausuras de R. Baceiredo) onde denuncia e visibiliza a unicidade da visión na que o pasado socio-histórico presentou á muller con identidade de conclusión e como eses conceptos sentaron as bases do paradigma interpretativo contemporáneo.
A narración a través da abstracción dun autorretrato como subxectivación do concreto parte do ilusorio do disfrace cunha re-utilización dos avíos cotiáns convertidos en atrezzo cun enxeño e caligrafía persoal que caracteriza a personaxe creada e encaixada nun espazo que corrobora a súa identidade.
Imaxe conceptual que subverte, con ollada feminista, o protagonismo dunha iconografía fálica como representación do visible, revertendo o símbolo para se recoñecer nunha estampa irónica non exenta da traxedia da realidade. Como Bukowski o Houellebecq, traduce ese exhibicionismo pornográfico do íntimo exteriorizado na crueza da linguaxe industrial do cotiá da contornas convertidas en escenográficas a través dos que fundamenta o discurso. Rebeca traslada á efervescencia da imaxe conceptos como territorialización, des-territorialización e re-territorialización como aplicación de outros tan complexos como codificación, des-codificación y re-codificación e vencelladas a unha civilización que xa non é nómade, a pesares do éxodo e do tránsito, senón sendentaria e asentada dende o eido xeo-político.
O feminismo ampliou os procesos de activación dunha subxectividade persoal, cuestionando os valores asentados pola hexemonía reducionista da tradición e da mirada androcéntrica que lexitimaba unha orde patriarcal segregadora e promotora da desigualdade, na cultura e das súas representacións, xustificando trampas ético-morais para perverter reivindicacións, as voces e a expresións das mulleres. A muller pasa de ser obxecto a ser suxeito activo autoxestionado, multiplicando os xeitos de apreciar o intelectual, sensorial e as súas linguaxes na extensión da súa complexidade co desprezo á aprobación paternalista fundamentada na sociedade como prerrogativa masculina.
Unha exposición rotunda, construída nun escenario sobre a corda frouxa da crítica radical e a ironía con dosificación intelixente de pequenas chicadelas textuais que marcan un discurso fresco e directo, radical e punzante de humor negro, un cadáver exquisito na unión dos fragmentos constitutivos que orixinan unha galería de criaturas fascinantes cunha premeditada, equívoca e falsa inocencia; unha sofisticación do casual que traslada o espectador a unha viaxe alucinante e onírica, á recuperación dun pasado antiutópico, descreído e caótico onde o impostado e o folklórico, a literatura popular e os estereotipos infantís, o encalecido e a rebeldía ante la norma, liberan unha imaxe provocadora, combativa, proletaria e contemporánea.
Rebeca Baceiredo, a través das súas series fotográficas e no carisma da súa imaxe, ao se enfrontar coa cámara a través do disfrace, transfórmase no obxecto da súa mirada. Critica con rebeldía e subversión unha tradición asumida nos mitos pechados e excluíntes que limitan, conclúen e comparan cun modelo establecido, ríxido e inamovible de desigualdade sistémica, na procura dunha interesada perfección para xustificar as presións, posesións, infravaloracións, xuizos, complexos, difamacións, censuras e condenas que nos mutilan, ningunean, feren e desacreditan, xerando unha imaxe tan estimulante como incómoda, onde o efecto subversivo estaría na disonancia entre a autonomía da fotógrafa, convertida en actriz, e o estereotipo sobre o que actúa nun xesto de imitación e desmontaxe corporal, próximo a noción de “pastiche” de Fredric Jameson, onde a imaxe resultaría da posta en escena de estereotipos de xénero cunha narrativa visual descentralizadora da identidade preexistinte na linguaxe e estaría mais afastado do concepto posestructuralista de “Parodia de xénero” de Judith Butler, respecto ás deconstrucións da identidade e dos roles de xénero producidos por unha heterosexualidade normativa.
Cartografía dunha afectividade con encadre cinematográfico e inquedante como en suspense que despraza a aparente espontaneidade da acción.
Rebeca Baceiredo, creadora visual comprometida con historial destacado no eido da imaxe, da poesía, da filosofía, constrúe proxectos diversos relacionados coa difusión e expresión da Arte contemporánea nas múltiples linguaxes dende a investigación e a critica para aplacar o impacto dunha presión larvada pola desigualdade, afondar nos mecanismos que estruturaron e perpetuaron esa herdanza cultural, para consolidar outra realidade de suxeito propondo todas as alteridades, externalizacións e subxectividades.
Rebeca, como Claude Cahun en Heroínas o Cindy Sherman en Untitled Film Stills, artistas poliédricas, polifacéticas e activistas, desmonta, amplía e estoupa os códigos de representación convencionais dos prototipos femininos. Para esta ruptura finxe, como elas, identificacións constitutivas dun suxeito reveladas nos actos, posturas que xeneralizan e recrean, performance dunha identidade que, coa pretensión de afirmación, constitúen unha ficción en si mesmas; invencións fabricadas e establecidas polo discurso como unha ficción de continuidade; estereotipos dun imaxinario colectivo que perseveran na función dos clichés masculinos, nun despregar dun abano de identidades múltiples nas que desaparece a súa, onde a fotógrafa actúa, decide, concibe e interpreta a súa obra, a través dun traballo que poderíamos definir como “directorial mode”.
Subverte o lugar de observador do fotógrafo, expóndose á violencia da propria e da mirada de outros, situándose de forma inversa e utilizando o seu corpo como soporte, producindo un relato visual que critica unha concepción inmovilista. A súa identidade reempraza o suxeito representado a través da linguaxe xestual, postural e na captación psicolóxica da ollada desafiante, desprazando a perversión do voyeur na súa, cosificadora, que se neutraliza pola intencionalidade da construción da identidade sobre a que actúa, creando unha realidade diferente a partir de outras materialidades e externalizacións, apropiándose das imaxes adscritas a cultura popular, establecendo un dialogo entre o público e o íntimo, propondo un desprazamento dende a externalidade do corpo en espazos confinados, domésticos e teatralizados e un espazo situacional íntimo de desublimación e desmontaxe do corpo. A construción do Eu dende un afora (externalización) a través da conquista do corpo, recreando unha imaxe enaxenante e falsa da muller (Lacan). Suxeito articulado como obxecto de desexo, determinado dende a mirada de outro como produto do inconsciente residual encastrado nun xeito de plutocracia da linguaxe.
Discursos que abanan entre a teatralidade con énfase do escenográfico e a linguaxe da performance e apropiacións dun xeito híbrido e textual para parodiar esa “suposta domesticidade” dunha identidade feminina relacional sometida as relacións de poder baseadas nun capitalismo sexual.
Rebeca Baceiredo propón unha redefinición da arte.
“Véxome, logo existo”, Claude Cahun.
Who the fuck is Alice? ~ Rebeca Baceiredo na libraría Biblos de Betanzos, do 5 de febreiro ao 22 de marzo.
*
Tareixa Taboada é artista e crítica de arte.
You might also like
More from Crítica de arte
Manuel Outumuro: Lembranzas de infancia e profesionalidade | Lito Caramés
Outumuro, O Retrato da Ausencia As imaxes que na infancia se gravan nos miolos sobreviven lúcidas perante décadas. Nas salas da …
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …