Abe Rábade expón “Covas de luz” no Centro Oncolóxico de Galicia, na Coruña, do 1 de decembro de 2014 ao 31 de xaneiro de 2015.
Abe Rábade é ben coñecido no mundo musical como pianista, intérprete e compositor; é moi valorado nos círculos jazzísticos contemporáneos. Mais nesta ocasión amosa outra das súas paixóns artísticas, á que lle vén tomando o pulso nos tres ou catro útlimos anos, a fotografía. Colga vinte e seis instantáneas nas que reivindica a procura da beleza, da harmonía, nos recovecos máis inesperados do cotián. Entre elas está a portada do seu ultimo disco, “Versóns”. En “Covas de luz” hai follas no chan, pucharcas, detalles urbanísticos, valeiros… composicións visuais que o pianista, xogando coa cámara, compara coa música nos seus planos, na orde elexida, as magnitudes de presentación, o aire e o silencio; onde o criterio estético fixa na auga a harmonía ou destaca a melodía central nunha folla. A todo isto hai que engadir unha peculiaridade técnica: a maioría das fotografías foron realizadas co teléfono móbil.
Abe traballa na música cunha simbiose das súas necesidades de investigación interior, persoal, e de comunicación pública. Dinos que no canto diso, na súa fotografía predomina a comunicación, pero unha comunicación cunha certa carga de ambigüidade, aberta ás distintas interpretacións, cun fondo de realismo máxico na procura de espectadores activos que traballen sobre a propia imaxe.
A exposición vén acrecentar o proxecto artístico “… na espera”, que conta xa cunha traxectoria de 4 anos, 3 no caso do Centro Oncolóxico de Galicia.
“…na espera” é un proxecto do Colectivo artístico arTeu, que busca achegar a arte a espazos de uso cotián, neste caso nas salas de espera de centros médicos.
Paciente e acompañantes poden distraer as súas preocupacións máis inmediatas coa contemplación de obras “amábeis” nas que as e os artistas comunican o seu xeito de ver o mundo, as súas inquedanzas… aproveitando eses momentos da vida nos que a présa desaparece, o tempo se para, e a sensibilidade e espiritualidade cobran protagonismo.
A exposición “Covas de luz” de Abe Rábade estará no Centro Oncolóxico de Galicia ate finais de xaneiro e comparte cartel no proxecto “…na espera“ coa exposición “Horas de evocación” de Teresa Candal na clínica AIEMÁ de Santiago.
You might also like
More from Crítica de arte
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha