Unha moza universitaria queda embarazada no último curso de carreira e debe decidir que facer. Unha noite difícil no seu piso de aluguer en Compostela en plenas festas da Ascensión.
Teatro. Narración. Poesía. Literatura. Os límites aquí ponos cada quen. (Inclúe un estudo preliminar de Manuel F. Vieites, director da ESAD, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia). Edita Toxosoutos este novo volume de Miguel Sande, que vai estar axiña nas librerías.
1ª parte
AMSTERDAM
As pinzas entran na súa intimidade aberta; co primeiro movemento dentro flúe un fío de sangue. A auganeve está a bater contra os cristais. Os sons de metal das pinzas ao golpear por dúas veces contra a cuspideira acaban nun só asubío final que esmorece, feble, moito, como nun calafrío…
……………………………………….
A praza, baleira, parecía enorme e só unhas pombas descendían ata o centro mentres se ían apagando, un a un, os ecos das badaladas. As cinco dunha tarde fría e gris. O único que lembro é unha imaxe aparentemente simple deste día: o chorro dunha fonte salpicando unha pomba morta sobre as lousas e a neve.
……………………………………….
Son incapaz xa de describir aquela praza, pero non importa aquí a paisaxe; débese supór nun segundo plano e un tanto borrosa, como verdadeiramente está na memoria. Gardo só sensacións; todas, vivísimas: os sons do relóxio parecéronme latexos aquel entardecer. Queda a neve tamén; sempre quixen que quedara no tempo ese espazo branco, un elemento físico do que me vallo aínda para cubrir a memoria.
……………………………………….
Á pomba cortáranlle a cabeza. Os ollos avermellados estaban sobre a neve. O sangue formaba aínda un pequeno charco que ía escorrendo co desxeo polas lousas ata os meus pés; vino embranquecer. A última –quinta– badalada caeu entre o bater as ás e o rular das outras pombas que se pousaban por costume na fonte.
……………………………………….
As rúas estaban practicamente baleiras; pasaban os tranvías co teito e parte dos cristais totalmente brancos e no momento as liñas dos raís fumegaban na neve ata borrárense ao lonxe no remate dalgunha encosta. Déramos cun mercadiño entre unha ringleira de chopos e olmos xunto a unhas barcazas abandonadas no canal nas que vivían sós algúns anciáns. As luceciñas lánguidas nos camarotes ao entardecer acentuaban máis a súa soidade.
……………………………………….
Foron dúas noites de Nadal naquel hotel sempre cos ollos grandes para aquela luz alta da lúa e da neve.
……………………………………….
Moitas noites sinto o mesmo voexar de pombas, infindade delas, como se as tivera diante do paso. No medio dese bater de ás avivo a memoria. Despois dos aleos oio unicamente a lufada contra os ventanais. Por veces, tamén o mar. As flores que gardo comigo son xa pó no último poema do libro “Rente ao dizer”, de Eugénio de Andrade.
……………………………………….
Só o asubío sutil e prolongado daquelas pinzas de metal aínda vibrando…
2ª parte
COMPOSTELA
A acción nesta segunda parte transcorre nun piso de aluguer en Compostela durante unha noite difícil en plenas festas da Ascensión …