A entrevista de Iago Martínez a Francisco López-Barxas, Director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, para Xornal de Galicia é realmente esclarecedora da política cultural que nos espera desde o goberno galego. Sobre todo se temos en conta que o director xeral é probabelmente unha das poucas persoas do PP que pode demostrar algún vencellamento persoal serio coa cultura galega. Aquí un resumo das palabras que máis me chamaron a atención:
1. «É evidente que Valle-Inclán non pertence á literatura galega, pero si á cultura galega. Galicia é ás veces máis coñecida internacionalmente por autores que escriben en castelán que pola obra de escritores que escriben, ou escribimos, en galego. […] Non esquezamos que quen fixo máis polo libro catalán foron os autores de alí que escriben en castelán. […] Dáme igual Valle-Inclán ou Camba ou Pardo Bazán ou Fernández Flórez. Falo de escritores universais que empregaron exclusivamente o castelán. […] Non quero que haxa dúbidas: para min, a única literatura galega é a literatura escrita en galego».
Entendo eu que se apoiará o libro galego, non a literatura galega. O que importa é a universalidade que a Galiza atinxe através das obras, facto que se consigue en castelán. Estes argumentos, incluída a tetraloxía de autores, lembran demasiado os do ultranacionalista R. B. Valdés cando despreza desde LVG as particularidades culturais da España “rexional”, que segundo el debían ocultarse con doentía modestia e humildade insalubre para mellor divulgación do único e grande tesouro cultural español. Porén, esta actitude é profundamente antiespañola, desde que se fundamenta no rexeitamento da fascinante variedade de recursos inmateriais de España, tencionando a súa desaparición mediante unha política fundamentalista, en que o fundamental é o escrito en castellano: «Quizá si Camba, en lugar de haber escrito en castellano, lo hubiera hecho en gallego —o en cualquier otra lengua regional— hace ya mucho que la Xunta o la comunidad correspondiente hubieran venido en su socorro para reeditar sus obras con todo lujo de detalles.»
2. «A nós, que estamos en contacto permanente cos distintos sectores da cultura, pareceríanos estupendo que houbese unha especie de acordo para poder impulsar unha institución deste tipo [Instituto Cervantes]».
Semella que se apoiaría unha institución oficial para a divulgación internacional da cultura galega. Agora habería que saber se só para obra en galego ou tamén para obra en castelán, a de valor autenticamente universal (cfr. 1 supra). E quen tería que chegar a un acordo, a RAG e o Consello da Cultura Galega ou quen máis?
3. «Os meus pais escolarizáronme en castelán porque crían que era a lingua culta. Entre eles falaban en galego, pero aos fillos falábanlles en castelán. Pero cando eu saía ao recreo no colexio falaba galego, porque os meus compañeiros tamén o falaban. Iso non me impediu falar a miña lingua e chegar a utilizala xa de adulto para dirixirme aos máis pequenos. O decreto que tanto se ataca, precisamente porque permite esa liberdade, non vai facer desaparecer o idioma. Vaino facer máis forte».
A cousa aquí fica clara: a lingua dos galegos é o galego, aínda que só sexan escolarizados en castelán. O importante é falar o que fala a maioría no recreo, xa que determina en que acabará escribindo un autor de literatura infantil. Esta fórmula, defendida no decreto do PP, sen dúbida fará máis forte a lingua galega.
4. «Esta dirección xeral non está para organizar nada, senón para colaborar con aqueles que organicen as cousas, para apoialos. É a nosa política. […] Se Culturgal pertence aos editores, que sexan os editores os que o organicen. Nós estaremos aí para colaborar. Nunca nos opuxemos a que se celebrase a feira».
Finalmente descubrimos os feitos certos: o Culturgal 2009 non se fixo porque os editores non quixeron organizar a feira.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …