Hai uns día saltou a polémica: o novo concello madrileño quere cambiar o nomenclátor das rúas da súa cidade dedicadas a fascistas e/ou apoloxistas do fascismo/franquismo. Entre eses nomes está, polo que din os xornais, o de Álvaro Cunqueiro. Cunqueiro franquista, si, sabémolo e sabiámolo todos, a non ser algúns analfabetos (normalmente en español) que para atacaren ao nacionalismo galego agora descobren que Cunqueiro foi franquista. Non paga a pena contestarlles, porque eles estarían, á hora da verdade, a carón de Franco e non nunca contra el. Así que vaiamos polos «nosos».
A Academia Galega, protesta por ese intento de cambio de nome de rúa en Madrid. A protesta, de inicio, paréceme ben: Cunqueiro era (é) un grande escritor e a súa obra de creación non ten a nada que ver co franquismo ou o fascismo. Outra cousa sería moitos dos artigos que publicou de 1936 a 1950, desde loanzas a Franco en 1947, publicadas na prensa do Movimiento (haberá que lembrarlles a alguén que foi expulsado da Falanxe e desposuído de cargos que se crearan, dentro da secretaria xeral do Movimiento especialmente para el, haberá que lembrarlles que foi un dos escritores (sic) elixidos para narraren o paseo do cadáver do Ausente desde Alacante até El Escorial, xuntamente con escritores fascistas como Dionisio Ridruejo, Laín Entralgo, Antonio Tovar, etc.?)
Estes días, para defender a Cunqueiro, e a súa persoa necesita moita defensa, non así a súa obra literaria, estanse a dicir moitas parvadas e a pasarse a historia polo forro daquel sitio. Houbo quen chegou a escribir que Cunqueiro nunca fora falanxista, que había que ter en conta que o expulsaran da Falange, etc. A expulsión da Falange non veu dada por motivos políticos, senón por motivos de delincuencia común, como se deduce das informacións entregadas por Olivia Rodríguez González, e a elas remítome.
Logo hai quen escribiu o dixo, o Pdte. da RAG?, que nunca se «identificou coa violencia fascista». Pode ser, non tratei a Cunqueiro, mais se aos artigos que publicou na prensa nos anos atrás mencionados nos remitimos, esa afirmación cae pola base. Se o lector ten tempo e paciencia pode entrar nas hemerotecas de Prensa histórica, en Galiciana, en Arca (Cataluña), en Jable (Canarias), etc., e procurar o nome de Cunqueiro de 1937 a 1950. Nesas hemerotecas achará artigos de Cunqueiro publicados na prensa do Movimiento despois de o galego ser expulsado da Falange e da profesión de xornalista (mesmo colaborou nos suplementos de Arriba, o órgano oficial da Falange, unha vez expulsado desta), o que cae, tamén pola base, o que escribiu algún desinformado de que se lle prohibira escribir ou publicar na Prensa –e haberá que lembrar que en 1945, a Editora Nacional publica un libro de Cunqueiro, San Gonzalo, iso si, con pseudónimo, cando fora borrado do rexistro de xornalistas en xuño do ano anterior? Lerá, o curioso lector, artigos infames e infamantes, mesmo, curiosamente, artigos ideolóxicos, onde o mindoniense, en polémica cun fascista italiano, afirma –e ten razón– que comunismo e fascismo son diferentes, a pesar do que diga o fascista italiano: para o fascista italiano, na procura da «igualdade» e na «loita» contra o capitalismo fascismo e comunismo case podían ir xuntos, etc.
Mais os dous artigos que alcanzan o grao supremo de ignominia e infamia son, respectivamente, de 1940 (cando era un alto cargo da secretaría xeral do Movemento, cargo creado especialmente para el –Departamento especial de cultura, La Vanguardia, 4 de xuño de 1940), cando publica na revista barcelonesa Destino, o 24 de agosto dese ano, o artigo «En plena canícula» (ver Arca), no que escribe: «Tras la destrucción de Inglaterra –me gustaría decir “quema”: siempre he dicho que había diez razones para quemar Inglaterra…», no momento en que Inglaterra era o único país europeo que resistía ao nazismo, xa que toda Europa estaba ou ben baixo as poutas nazi-fascista (de Alemaña e Italia) ou había países neutrais (sic), como Suecia e Suíza, a faceren grandes negocios cos nazis e os italianos, ou eran semi-neutrais a favor de Alemaña: España e Portugal. Naquel agosto de 1940, a bota nazi fascista chegaba dos Pirineos á fronteira rusa. Naquel momento a URSS era aliada do Hitler, o famoso pacto nazi-soviético, que permitiu a Hitler adonarse de diversos países e a Stalin dos países bálticos e parte de Polonia, etc. Desexar, en 1940, a queima, a destrución de Inglaterra, non é apoiar a violencia facista? Se non é así, que veña Pío XII, Göring ou Mussolini e nolo expliquen.
O outro, xa teño falado del noutros lugares, publicouse en 1947, o 1 de outubro (lembrémolo, «El día del Caudillo» ou «Día de exaltación del Caudillo»), no xornal Falange, de Las Palmas de Gran Canaria, en portada, claro (non sei se foi publicado noutros xornais do Movimiento), titulado «Franco, gallego». Aquel ano o réxime franquista enfrontábase ao boicot da ONU –«el cancán de la ONU», segundo o mindoniense– e o réxime estaba furioso. No escrito de Cunqueiro pódense ler cousas ou frases deste teor: «Muchas veces, y al trasiego de los trabajos y los días, suelo, con más de un gallego natural, comentar y recomentar la patente galleguidad del español Francisco Franco […] Nos alegra y exalta saberlo gallego […] Desde Gelmírez no ha conocido Galicia otro hijo suyo más capaz de anudar y desatar los hilos de la entrama histórica de la Patria y del mundo que Franco»; e continúa: «Cuando en Italia enterraron a Andrade el Bueno, se escribió: “Aquí yace la lealtad española”. Armas de Andrade que lleva el Caudillo en su guión. Ha heredado de aquella lealtad, la misma que tuvo en 1936 hacia la misión española, la que ha profesado en estos años a la tierra y a los muertos…», E acaba: «Quizás la salvación de España en los anos futuros penda de haber hallado un hombre […] lo halló para dicha suya en 18 de julio de 1936 y lo mantiene sobre el pavés al aire de todas las batallas […]».
Non sei se finalmente a madrileña rúa Álvaro Cunqueiro cambiará de nome, espero que non. Tamén é certo que para a maioría dos habitantes do denominado Estado Español, o nome de Cunqueiro como escritor non significa nada ou case nada. Explicar as causas deste «descoñecemento» sería longo e pesado, mais talvez o caso do mindoniense sexa paradigmático, no sentido de que aqueles que escriben en galego, aínda que logo se traduzan ou se autotraduzan ao español, son, para o resto do Estado, sobre os de fala castelá, meros escritores provincianos que non pagan a pena. Para a maioría dos críticos españois, todo aquilo que non fale de España, sobre todo de Madrid, e non teña España como referencia –e Cunqueiro non a tiña– son, iso, escritores provincianos, aldeáns, etc. Non hai que asustarse nin telos en conta: é o medo, o terror, que lles produce a diferenza e, sobre todo, a calidade literaria daqueles que non os teñen en conta nin lles fan puto caso. Esquézanse, por favor, os escritores galegos de pensar que poden triunfar en «Madrid»: sempre serán considerados como unha curiosidade etnográfica, como moito.
Por outra parte, estou seguro de quen amagou con cambiar o nome da rúa Álvaro Cunqueiro nunca leu unha páxina de creación do mindoniense, quizais si algúns deses artigos que mencionabamos. Talvez porque para moita xente é máis doado e cómodo abrir un ordenador que un libro.
Defendamos a Cunqueiro, se hai que defendelo, penso, xa o dixen, que se defende por si só, como escritor. Como cidadán, talvez mereza algo máis que o noso desprezo. E o que non podemos, para defendelo, é pasar por riba dos feitos, da historia, e, sobre todo, da biografía e os escritos «políticos» do propio Cunqueiro. Deixemos dunha vez por todas, de insultar aos mortos e de insultarnos a nós mesmos.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …