Intemporalidade, de Ana Tomé, é a nova exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024)
❧
A exposición Intemporalidade, de Ana Tomé, introdúcenos nun universo onde a fotografía e a literatura están en diálogo constante, onde as fronteiras entre ambas disciplinas se dilúen para revelar un espazo compartido de expresión e reflexión. A exposición preséntase, non só como un conxunto de imaxes senón, como unha profunda exploración da intersección entre a arte visual e o texto. As fronteiras sempre son fráxiles, tentarmos crear bordes e límites entre as diferentes artes é como poñer portas ao campo ou ao océano, porque a nada que sobe a maré, desborda. Natalia Brizuela, no seu libro Depois da fotografía (2014), toma as palabras de Mario Bellatín para indicar como a escrita actual se sitúa nas “fronteiras” que existen entre a literatura e outras artes, nun espazo de contaminación e metamorfose. Denomina a esta literatura “literatura fóra de si”, algo extrapolábel á correspondencia inversa, da fotografía cando se relaciona coa literatura.
Poderiamos resumir a multiplicidade de ilazóns que se poden establecer entre a fotografía e a literatura en tres opcións aglutinadoras. Por unha banda, o que sería a combinación nun mesmo espazo de encontro (libro, performance, vídeo ou impresión dixital) que engloba desde o inicial pé de foto -relación de desigualdade- até os diálogos creativos onde ambas expresións conflúen. Nun formato máis tradicional desta foto-literatura, imaxe e texto entrecrúzanse en paralelo nun libro impreso ou nunha mostra expositiva (desbotamos do diálogo a simple representación documental dun texto), do que é ben representativa toda a obra de Sophie Calle e nomeadamente L’ Hôtel (1981). Neste grupo poderiamos incluír tamén os denominados foto-poemarios. Nas nosas coordenadas, de poñermos o foco na arte realizada por mulleres, mencionamos, co gallo do ano das letras de Luísa Villalta, o libro que a fotógrafa Maribel Longueira e ela realizaron sobre o barrio do Papagaio 82006) ou Photoversia de Ana Tomé e José Vázquez Liste (2023). Será tamén a opción utilizada por algunhas outras autoras galegas multifacetadas como Sabela Eiriz, Rebeca Baceiredo, Helena Villar Janeiro, Charo Lópes, Alba Cid, Andrea Maneiro ou Sol Mariño, artistas todas elas que crean pezas verbo-visuais en diferentes formatos: exposicións, libros, video-poemas ou outros medios dixitais.
Das artes combinadas pasamos, en segundo lugar, aos proceso de hibridación, aqueles onde ambas creacións se confunden e non é posíbel desligar unha da outra, xa non porque o discurso quedaría interrompido senón, porque non as dúas artes forman unha amálgama; caso paradigmático son as pezas de Bárbara Kruger, espazo de encontro de ambas expresións: a imaxe é o texto en letra futura a grande tamaño co obxectivo de encheren os silencios da historia das mulleres. No meu repertorio de autoras multitalentadas inclúo e saliento hoxe a Laura Erber, artista paulista que traballa decote con ese concepto da palabra transformada en imaxe, unha constante na súa produción e que ten o mellor exemplo na exposición O livro das imagens. Outro caso tamén de hibridación de autoras galegas poderían ser as pezas de Rebeca Baceiredo “As mozas das cancións”, da serie fotográfica Who the fuck is Alice, onde o texto invade a fotografía e que foron expostas nesta mesma sala hai un par de anos dentro do proxecto Nómades: entre a palabra e a imaxe.
Finalmente, para centrarmos xa a atención na exposición que hoxe presentamos, referimos aquelas obras que omiten na composición a peza impulsora da creación porén, si establecen ese diálogo que se convirte en cerna da mesma. A obra final é unha viaxe a través da emoción que aquela lle impele e nela está recollida toda a esencia extraída. Podería ser un texto creado a partir dunha imaxe, a modo de écfrase, máis ou menos exacta da realidade plástica, ou ben imaxes elaboradas trala lectura dun escrito, caso de Intermitencias de Ana Tomé. Esta opción sempre foi común no cine, onde é habitual trasladar textos con maior ou menos veracidade ou liberdade de creación á pantalla e non tanto na fotografía. A autora da mostra incorpora a súa reflexión dunha lectura, xa en si mesma escrita fragmentada, a unha secuencia de catorce imaxes que ela denomina “fotoloxías” e que ofrecen unha iconicidade próxima ao simbólico. No entanto, constrúe un novo discurso a partir dunha colectánea de metáforas crono-topográficas: desenfoque, a dualidade luz e sombra, o elemento vexetal, a cámara e o propio libro-obxecto.
A mostra está estruturada en catorce fotografías en branco e negro, con moldura negra, dez enmarcadas a sangue e catro con paspartú branco, nun xogo de dualidade de luz e sombra. Esta elección afonda na experiencia estética da exposición e enceta un diálogo coa obra de Jun’ichirō Tanizaki, Elogio de la sombra (1933/2013). Por unha banda, a inexistencia de aire entre a imaxe e a moldura contribúe á nosa percepción da obra, intensificando a inmersión de quen olla na fotografía e en todo aquilo que garda esta detrás; elimina, por tanto, calquera distracción visual. O propio marco negro pode ser visto coma unha metáfora da sombra que enmarca a luz difusa capturada pola fotografía. A manifestación física desta luz queda patente no respiro branco que ofrece o paspartú.
Cando nos somerxemos no mundo das imaxes comezamos unha viaxe a través da (im)posibilidade de capturarmos o tempo e dos efectos que a luz e a sombra provocan sobre os obxectos na súa intemporalidade. O concepto “Intemporalidade” xorde como núcleo temático esencial que vincula o título da obra da autora das fotografías coa colección homónima de relatos de Anaïs Nin (2021). Esta ligazón esténdese tamén ao ensaio de Jun’ichirō Tanizaki, onde os “efectos do tempo” aparecen de forma destacada a través da evocación que supoñen as veladuras luminosas. Durante a presentación da exposición, Ana Tomé retoma unha reflexión de José Manuel Navia, quen sinala a intersección entre fotografía e literatura na súa obsesión compartida por captar o tempo, considerado este como a súa “materia prima” esencial. No entanto, ese apresamento, engadiriamos, iría para alén dunha inmobilización nun crono-espazo para permitir o regreso constante por medio da mediación memorial, xa sexa a través de imaxes, palabras, músicas, aromas ou sabores. A finalidade é reflectilo nun texto ou nunha fotografía e fixalo. Cando a pintura quixo facer iso foi influenciada, precisamente pola fotografía, dentro do movemento impresionista. Mesmo poderiamos citar un exemplo actual na pintura hiper-realista de Antonio López, quen vive unha loita constante co paso do tempo no seu proceso creativo. Cada vez que completa un retrato, enfróntase á disonancia entre a obra rematada e a realidade cambiante, subliñando a imposibilidade de captar plenamente a esencia dun momento. A atemporalidade, pois, preséntase non só como un tema de exploración senón como un desafío inherente ao acto creativo, nunha reflexión sobre o carácter efémero da nosa existencia e a procura constante do ser humano para inmortalizar aspectos da realidade a través da arte. Sabela Eiriz, nun dos textos que acompañan ao video-poema “Eu non quero ser triste” escribe: “A memoria é un desprazamento de imaxes e palabras que constrúen algo novo (algo noso)” (2022). Así, Intemporalidade ou Intemporalidade perdida suxiren unha reflexión sobre o tempo e a memoria, a captura do instante que se perde no propio momento da creación, como se perde na instantánea da cámara e da vida.
Evidénciase a pegada de Vari Caramés, tanto no emprego da imaxe desenfocada como nesa procura da intemporalidade, especialmente se nos achegamos ás primeiras fotografías do autor coruñés, creadas en branco e negro. A utilización premeditada do desenfoque preséntase como metáfora da memoria e a emoción; a evocación da calidade etérea e inasíbel da memoria e das emocións humanas, elementos, á súa vez, centrais dos textos de Anais Nin. A imaxe dilúese. Ao non termos unha focalización clara, a fotografía semella existir fóra dun tempo específico cunha re-memoración etérea do pasado, presente ou futuro. A utilización do branco e negro reforza esa intemporalidade.
As pezas, como xa indicamos, presentan unha relación esencial coa escrita, cos textos de Anaïs Nin porén, un texto que emerxe con forza dese a primeira ollada é El Elogio de la sombra de Tanizaki. Nada está iluminado en exceso, todo está esfumado, coma atravesado por un finísimo velo que xera ese granulado tan loado polo escritor xaponés. Está patente a estética das imaxes e os obxectos inmersos no silencio que provoca a elipse do exceso de luz, da estridencia sonora que Tanizaki achaca á estética occidental. Todo permanece baixo unha pátina onde semella esvaerse o tempo; condúcenos á elaboración dunha poética do obxecto-suxeito lixeiramente iluminado.
Outra das características das fotografías é a ausencia de figuras humanas, agás a silueta dun paseante que non fai senón insistir nesa idea de movemento eterno ou de dificultade de fixarmos o instante. Condúcenos ao obxecto como “suxeito” da composición: os libros, as velas, o elemento vexetal, mesmo a propia cámara fotográfica que observa e tenta deter o instante, apreixar a memoria. Susan Sontag en Sobre la fotografía (1973/2005) expresa: “Todas las fotografías son memento mori. Hacer una fotografía es participar de la mortalidad, vulnerabilidad, mutabilidad de otra persona o cosa. Precisamente porque seccionan un momento y lo congelan, todas las fotografías atestiguan la despiadada disolución del tiempo. […] Una fotografía es a la vez una pseudo presencia y un signo de ausencia”. Cando detemos a ollada neses obxectos retornamos a Tanizaki: as velas e o papel crean efectos de sombras que nos sitúan na estética oriental; a mesma sensación que suscitan os elementos vexetais, cuxa intención é a de dar sombra na parede ou no papel, na sala de estar (“toko no ma”); mesmo as tintas chinesa e a caligrafía sobre o retrato de Rosalía de Castro; ou as cuncas que nos lembran a cerimonia do té. O obxecto-libro, tamén suxeito da composición, toma presencia coma ponte entre o visual e a escrita. No relato “El ruso que no creía en milagros y porqué”, Anaïs Nin relata: “Me he alimentado de libros básicamente, por eso me pesa la cabeza y me mareo un poco”. A lectura é un desafío e a imaxe está borrosa, custa ler nela, custa ler entre os textos fragmentados das páxinas de La intemporalidad perdida onde o relato ás veces é inexistente nun libro cargado de reflexións. A presenza da lectura e a escrita é unha constante na obra de Ana Tomé. Noutra das súas series fotográficas, Distorsiones, dialoga co libro de imaxes de Antoine D’Agata, Francis Bacon e en Onte introduce un poema de Dylan Thomas; tamén crea postais foto-literarias con textos de Emily Dickinson e en moitos dos seus proxectos dialoga con textos propios. Refírese á fotografía como fotosíntese e a lectura é realmente un alimento da súa fotografía.
Existe nas imaxes un ollo que une interior e exterior e que se manifesta na insistente representación da cámara fotográfica, igualmente, no ollo da capa dun dos libros ou na ventá aberta ao exterior: ese ollar, observar, ver, ler, sen ser ollada. Ao observamos a fotografía das velas na ventá a través da que vemos coches e un paseante, recuperamos a obra de Vari Caramés, “Un cortado” (1980) onde a ollada está no interior dun bar e trala ventá trasladámonos ao instante do exterior.
As fotos relaciónanse coa concepción do tempo e coa lectura de Nin porén, tamén estamos, dalgún xeito ante un exercicio de meta-fotografía porque as propias imaxes nos levan a reflexionar sobre o proceso da fotografía en si. Convídanos a considerar non só o que se ve senón, como se ve. A cámara, obxecto de captura, pasa a ser suxeito que desafía o seu papel pasivo ou meramente funcional.
En síntese, a exposición Intemporalidade de Ana Tomé eríxese como testemuño da rica interacción entre fotografía e literatura, ofrecendo unha profunda exploración de temas como o tempo, a memoria e a capacidade da arte para captar e transmitir a esencia da experiencia humana. Ao transcender os límites convencionais entre as distintas formas de expresión artística, Tomé non só desafía a nosa percepción do tempo e da memoria, senón que tamén celebra a capacidade da arte para conectar co intanxible, invitándonos a reflexionar sobre o carácter efémero da nosa existencia e a busca da vida eterna da o ser humano inmortalizando o transitorio a través da creatividade.
Ana Tomé é xornalista e fotógrafa especializada en Antropoloxía Visual. É membro de diferentes colectivos fotográficos. Levou a cabo proxectos como “12 Miradas en feminino”, “Reserva 17”, “Pasaxes”, “Botánica” ou “Distorsión”, entre outros. Como xa indicamos, é autora das imaxes do foto-poemario Photoversia.
❧
Referencias citadas:
Brizuela, Natalia. (2014). Depois da fotografia: uma literatura fora de si. Rio de Janiero: Rocco.
Eiriz, Sabela. (2022). Eu non quero ser triste. Sabela Eiriz. https://sabelaeiriz.es/eunonquerosertriste
Longueira, Maribel e Luisa. Villalta. Papagaio. Bertamiráns: Laiovento, 2006.
Nin, Anaïs. (2021). La intemporalidad perdida. Barcelona: Lumen.
Sontag, Susan. (2005). Sobre la fotografía. Madrid: Alfaguara. [orixinal en inglés de 1977)
Tanizaki, Jun’ichirō. (2013). El Elogio de la sombra. [31a ed]. Madrid: Siruela, 2013. [ed. orixinal en xaponés de 1933]
You might also like
More from Artes
Manuel Outumuro: Lembranzas de infancia e profesionalidade | Lito Caramés
Outumuro, O Retrato da Ausencia As imaxes que na infancia se gravan nos miolos sobreviven lúcidas perante décadas. Nas salas da …