Ningunha outra civilización prestou tanta atención á representación iconográfica dos seres vivos cos que compartiu hábitat como o Exipto das pirámides. A fauna do val nilótico, antano máis rica, recreada en escenas domésticas e relixiosas. Eran zoólatras os antigos exipcios?
Lito Caramés
Bestiario próximo, real
A mostra Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte está organizada pola Fundació La Caixa e o Musée du Louvre, de onde veñen case todas as 430 pezas que se exhiben na modernista fábrica téxtil Casaramona, obra de Puig i Cadafalch e hoxe sede de Caixaforum Barcelona. Na exposición atópase unha grande diversidade de obxectos: esfinxes, momias, sartegos, estatuas, estelas, amuletos, cofres, vasos, xerras, pinturas murais, acuarelas… Moitos dos que están agora en Montjuïc nunca antes saíran do Louvre e outros (entre eles momias de animais) foron restaurados e estudados, con resultados ben sorprendentes nalgúns dos casos.
O título da mostra, Animals i Faraons, fai xustiza ao contido da mesma só na primeira parte: animais; os faraóns están aquí de reclamo, de referente xeográfico-temporal, como demostra o subtítulo: El regne animal en l’antic Egipte. O conxunto de pezas conforma un bestiario cotián, de animais que os exipcios vían no río, nos campos, no deserto, que cazaban e/ou domesticaban, e que amosan estilizados, frontais, segundo estereotipos que combinan naturalismo con esvelteza. Nada que ver cos bestiarios románicos que no medievo inzarán Europa de animais imaxinarios, lendarios, de animais descoñecidos.
A Fundació La Caixa xa trouxo a Barcelona (e tamén a Madrid e outras das súas sedes) pezas do Exipto faraónico en varias ocasións. No ano 1986 programaron Nofret a bela. A muller no antigo Exipto, onde sorprendeu coñecer a consideración social que a muller tiña naquela civilización; sobre os reinos do sur exhibiron Nubia. Os reinos do Nilo en Sudán; para ilustrar outras relixiosidades: Outro Exipto. Coleccións coptas do Museo do Louvre, e sobre a concepción que os exipcios tiñan sobre o mundo de ultratumba, Momias exipcias. O segredo da vida eterna.
Osiris, Ra, oeste, leste
Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte móstrase nas salas de Caixaforum no discorrer dun día, simulando a viaxe do amencer ao solpor. Esta presentación simbólica remite directamente a todo o contido da mostra, pois a relixiosidade (todo o panteón) do antigo Exipto gravitaba arredor de dous grandes sistemas de crenzas, asociados asemade a dúas divindades fundacionais: Ra, o deus sol, e Osiris, o deus do mundo subterráneo e mais dos defuntos. Ao primeiro tíñano por responsable das horas do día e o segundo da noite, da agricultura, da morte. A división chega ao extremo de que, xa que o Nilo cruza as terras exipcias de sur a norte, os territorios que quedan ao leste do río son lugares de vivos (cidades, aldeas, templos, etc) e os do oeste son os depositarios de mastabas, pirámides, hipoxeos e toda sorte de necrópoles.
Dentro da complexidade relixiosa do antigo Exipto os animais teñen un posto moi relevante. Ningunha outra civilización alcanzou a zoo-representación que exhibe o antigo Exipto, nin por cantidade nin por diversidade, pero sempre animais de observación directa. Visto con distancia e seguindo tópicos seculares, pódese falar de que o panteón do antigo Exipto era naturalista, e as mulleres e homes zoólatras. Esa posible explicación faise máis explícita a partires da Revolución osiríaca (2200 a.n.e.). Os estudos recentes de exiptoloxía científica descobren unha relixiosidade aínda máis complexa (variable ao longo de tantos milenios) onde a relación dos antigos exipcios cos animais non se concretaba na adoración directa. Escollían algunhas formas de animais para convertelas por asimilación (personificación e antropomorfismo) en manifestacións das esencias divinas, facendo deste xeito máis accesibles para o común dos mortais as especificidades dos diversos deuses e deusas. Estase, por tanto, diante de representacións simbólicas relixioso-políticas; relixión e poder político (faraón) no antigo Exipto ían parellos (ao faraón atribúenselle características de animais salvaxes, a forza dos que lle permiten defender Exipto de inimigos: o touro, o falcón, a cobra). Certos simbolismos personificados en animais pasarán a relixións posteriores, ao cristianismo entre outras. Os animais en moitos casos fixeron de intermediarios entre os deuses e os antigos exipcios.
Representación igual a realidade
A diversidade faunística do val nilótico era hai 4.000 anos moito máis rica do que é hoxe, tal e como se observa nas manifestacións pictóricas e escultóricas atopadas mormente nas tumbas. En Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte están representadas 60 especies animais, entre mamíferos, aves, peixes, insectos (gacelas, monos, leóns, cobras, ras, crocodilos, hipopótamos, ocas, burros, cabalos, patos, ovellas, etc.); e aparecen recreadas en esfinxes, momias, sartegos, estatuas, estelas, amuletos, cofres, vasos, xerras, pinturas murais ou acuarelas. O máis representado é o gato, a representación simbólica de Bastet, a deusa da felicidade e da harmonía.
Animals i Faraons brinda a oportunidade de coñecer a complexa relación dos antigos exipcios cos animais cos que convivían, aos que cazaban e pescaban, domesticaban, comían, usaban nos traballos domésticos e no transporte e mais na guerra, e na artesanía e na medicina, e aos que tamén reverenciaban, temían, divinizaban e momificaban. Moito se sorprenderon Heródoto e outros gregos que viaxaron a Exipto ao veren animais integrados dentro dos fogares, como mascotas (cans, gatos, gacelas ou micos), e máis ante as mostras de dó das familias exipcias ante a morte dun deses animais, chegando a momificalos para compartir con eles a eternidade.
Da observación da natureza, do comportamento animal, os exipcios van extraendo características propias de cada especie, chegando a usar as súas formas como amuletos. Da súa reprodución simbólica pasan os exipcios a representar con eles conceptos abstractos (forza, fecundidade, protección).
No mundo do antigo Exipto os defuntos e mais os deuses tiñan as mesmas necesidades alimenticias que os vivos. Por iso, nos templos, ante a estatua do deus/deusa, e nas tumbas, ao pé dos sarcófagos, abundan reproducións de mesas con ofrendas, en especial produtos animais. Esas imaxes (xa pintadas, xa en madeira ou pedra) garantían o aprovisionamento eterno dos mortos, pois a representación do animal equivale á realidade. O poder simbólico. Segundo algúns historiadores, os antigos exipcios foron os inventores do xénero pictórico da natureza morta que tanta fortuna tivo no Barroco.
Tamén as representacións dalgunhas partes do corpo humano se simbolizaban en figuras animais. O bai, elemento que se incorpora ao corpo do individuo ao nacer e que o abandona despois da morte, vén sendo un paxaro con cabeza humana, o aj, o espírito inmortal e luminoso colle fisionomía de garza branca, ou o corazón (ib), sede do pensamento, un escaravello.
14 momias de animais… verdadeiras e falsas
Ao longo dos séculos sempre se considerou aos antigos exipcios como adoradores de animais. Un exemplo dao o paleocristián Clemente de Alexandría (150-215) no seu libro O Pedagogo: Os templos dos exipcios están magnificamente construídos (…); as naos brillan con fulgores de ouro, prata, pedras preciosas (…) Pero se avanzades cara o fondo do recinto e buscades a estatua á que está consagrado o templo (…) Que veredes entón? Un gato, un crocodilo, unha serpe autóctona ou calquera outro animal de este tipo. O deus dos exipcios parece… É unha fera salvaxe que se envorcalla nun leito de púrpura!.
Un dos apartados máis curioso da mostra é o que ofrece 14 momias de animais chegadas do Musée du Louvre. Os animais momificados son gatos, cans, años, ibis, cobras, falcóns, peixes e ata un crocodilo de máis de 2,5 metros de longo (encarnación de Sobek, deus da fertilidade). E as momias van sempre dentro do seu sarcófago ou ataúde. Na preparación de Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte os equipos conservadores do Louvre decidiron estudar e restaurar máis de 250 obxectos, entre eles as momias de animais que naquel museo se conservan e que ían viaxar a España. A conclusión dos estudos das momias (que se pode ver nun vídeo interactivo na mesma exposición) foi sorprendente. Nalgúns dos sartegos si que estaba o corpo do animal completo e momificado, noutros (mormente de ibis) só había algunhas plumas e osos illados do animal, pero nalgunhas outras só había un envurullo de follas vexetais e teas ou un anaco de madeira. Segundo a comisaria da exposición, Helène Guichard, Conservadora-xefe do Departamento de Antigüidades Exipcias do Musée du Louvre, había sacerdotes que comerciaban con estas momias, convertidas en exvotos, e que vendían aos fieis da divindade que correspondese; a tal efecto consérvase un papiro onde un inspector faraónico xa denuncia ese tráfico (hai que lembrar que os violadores de tumbas exipcias xa eran coetáneos dos enterramentos). No Baixo Imperio (664-332 a.n.e.) milleiros de exemplares de algunhas especies son criados, sacrificados e momificados nos templos para que se puidesen ofrecer como exvotos ás deidades que representan. Polo demais, o dito anteriormente: a representación xa implica per se a presenza do animal mesmo.
Os catro babuínos. Acuarelas
A representación simbólica e gráfica dos animais por parte dos antigos exipcios alcanza a escritura. O 20% dos signos xeroglíficos teñen forma de animal (voitre, serpe, moucho, paspallás, víbora, …). No cómic Astérix e Cleopatra pregúntalle Astérix a un escriba se é complicado escribir en xeroglífico, e o escriba responde conciso: “Non, se sabes debuxar”.
A peza estrela de Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte seguramente é o grupo de catro babuínos do templo de Luxor (1270-1213 a.n.e.), de 6,5 toneladas de peso, de granito rosa, e que formaban parte da base do obelisco oriental do templo de Luxor. Os exipcios regalaron este grupo escultórico a Francia en 1836 para a súa exhibición pública. Os franceses idearon colocar os catro babuínos en plena praza da Concordia de París. Pero aqueles xenitais tan impúdicos resultaron demasiado escandalosos para a sociedade post-revolucionaria do momento e foron pechados nas adegas do Louvre, e non saíron ata agora. É a primeira vez que se mostran en público. Os tempos pouco a pouco mudan; hai pouco tamén que o Musée d’Orsay atreveuse a mostrar ao público A orixe do mundo, do revolucionario Courbet.
Entre as pezas traídas de París hai, ao longo das salas que van do amencer ao solpor, algunhas acuarelas que reproducen pinturas murais de tumbas exipcias. Estas acuarelas son do século XIX e foron feitas, entre outros, por Hippolyte Boussac, un arquitecto namorado de Exipto e entusiasta exiptólogo. Nas súas viaxes ao val do Nilo dedicou moito tempo a reproducir fielmente pinturas funerarias. Nalgunhas hai escenas de caza (con bastón arreboladizo, unha sorte de búmerang), de pesca, de ofrendas aos defuntos con toda sorte de animais. As acuarelas estiveron ignoradas nun museo de Béziers.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte
Caixaforum Barcelona
Ata o 10 de xaneiro de 2016
You might also like
More from Crítica de arte
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …