Hai exactamente un mes, o noso blogue estivo de aniversario. Hoxe cumpre, por tanto, seis anos e un mes de vida, e gustaría de lembrar máis unha vez o post inicial:
A beleza reclama o seu lugar
Iniciaba a creación e a edición na web coa defensa da beleza e a invocación dunha musa encarnada nunha fotografía colonial oceánica. Hoxe vexo aquela intuición tan válida como daquela, aínda que o punto de vista diríxeme de volta á terra propia. Debe ser que, tantas veces, é preciso voar lonxe para atopar a verdade que florece diante da nosa porta.
Neste sentido, a beleza a reclamar é máis necesaria hoxe que nunca, cando tan feamente nos pretenden enganar desde os parlamentos e os púlpitos, tantas feas represións se exercen na rúa, tantos feos recortes se fan no ben estar da maioría e tanta fea usura se concentra nas mans dos máis monstruosamente feos cidadáns do globo. Do globo e non da Terra, fíxense ben, ese que aínda han de furar os máis inconscientes.
Finalmente, tamén quero reivindicar a figura da indíxena que, se ben inicialmente se me afiguraba como unha linda moza da Oceania, hoxe quero vela representando o mesmo espírito telúrico ancestral que recoñecín na miña avoa, estendida debaixo dun vidro que xa non lograba abafar. Aquel día que, tras unha grande pena, puiden observar na súa face inerte a magnanimidade dunha labrega que pisaba tan forte e solidamente a terra como unha princesa celta ou unha raíña sueva.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …