Antífona
Toda aquela púrpura. Toda aquela emoción sintética,
declaraba a súa xestualidade sen fondo,
negra penumbra sobre un vapor de néboa clareando,
abismo revelado baixo unha pureza finxida
ou buscando labirintos micénicos e sen solución.
Tribos, caciques, capos e patróns, revoltos
nunha inmensidade limitada
corroeron as esperanzas que un día foron
levantadas bandeiras cara ao nacente sol que rescataría a aurora
dos vellos dominios dominados.
Nas ventás do día os agardados rostros de benvida
embazaron o amañecer cos seus veos mestos
de esparto duro que negan a luz e inventaron
para o seu propio fulgor a inauguración da novidade de boutiques e pazos
cos traxes de esmero escollidos
e o altar de nácara da esperanza
tinguiuse do sangue das vísas douradas
e os seus ollos altos medraron nun desdén que prefiguraba ao déspota. Naceron.
Nacestes con esa vocación que ao neno crece erguido a outras costas
e a esas costas destes acubillo e protección de proxenie,
gardando o pasado nos mesmos escuros armarios onde colgariades
o futuro, onde se agochan as carautas distintas da única rapina. Saber.
Sabedes que eu teño un peto baleiro e millóns de petos
acompañan o meu madrugar para labores de produción e hipotecas?
Non. Non se pode se o poder anula a potencia do sentir
e se afogan as misericordias coa auga bendita das esterqueiras
porque se amontoan as desfeitas cruciais
do que puido ser, as desfeitas mortais
do engano turbio e a indiferenza como refuxio implora o seu festín
para a necesidade e o abandono de todas as materias da moral
que un día foi e xa non se quere repetir
porque xa é ausencia o que xustifica, a proscrita chegada
da abundancia de bens o que xustifica, e xa as deidades escuras que multiplican coroas de loureiro
reparten por abundancia. E sodes tantos e tantas a repartir!. Tantas e tantos!.
Non obstante é a división o epígrafe resolto como a suma é tanto
a intención completada. E na esterqueira auméntanse as dioptrías.
E na esterqueira dilúense os nosos afáns coa brétema densa
coa que se desterran as probabilidades. Nulidade da beleza
nun campo de papoulas vertido de lixiviacións.
E a cidade? Como miran as cidades o seu vestixio oxidado?
O seu vestixio apagado polas penumbras, levitando o seu fedor de alma
corrupta?
Áticas e Xónicas idades perdidas na ágora onde con lagañas vehementes
as vosas infames e suíñas propostas foron aprobadas
coa data de caducidade ilimitada.
Obeliscos de cristal, aeroportos sen vento, músicas sen violín,
tanto ouropel de caramelo,
reflicten a escrupulosa ruína nas súas cuarteadas láminas
que barren o chan abrazadas aos ventos. Outono do vento na crisálida rota da cidade.
As cortinas xa non tapan as feridas da luz
e os nenos arrancan as pústulas herdadas para o renacer da infección.
A contaminación de Edipo xa corre polas beirarrúas e todos coxeamos
o reuma e o anquilosamento dos tendóns. Alcánzannos.
Alcánzannos, a nós tan impuros no noso desleixo de pureza.
Nós que abandonamos os cabalos de batalla atados ás murallas
e demos loureiros de César a mediocres imitadores. Por que as costas
de Bruto dinos máis que a súa boca infamante de razón?
A dúbida? Quizais. Debedores de dúbidas erguemos acredores cos seus ábacos
dispostos á medición nova que vellos agrimensores prostituíran
e alí, os estadios que percorreron dende Maratón fóronse nomeando
para a adquisición equilibrada ás súas propias necesidades
e nomeábannos.
Nomeábannos con nomes impostos dende a cultura lograda pola
sangre, as Bastillas e as lastras de Maio e as súas ondas de océano
irrefreable para bañistas con vocación de inmersión núa nos
subterráneos da razón.
Nomeábannos individuos con ouveos de cans rabiosos que agrupan
a reata e alí confundímonos,
sumándonos en temporalidades reguladas para erguelos
en pedestais inaccesibles co carrara por orla que mente a
escaiola.
Nomeáronnos para nomealos en papelinas que cegan a pluralidade.
Méntennos.
Méntennos coa súa lingua de pústula que descoñece a catarse da lixivia.
Mentíronnos rexeitando todas as probabilidades que un día unxiron
aos corceis que sempre bourean as súas crinas cara á utopía.
Teñen un cordón de ferro atado ás crinas da utopía e a cada vez
asáñanse a despregar un retallo deses belfos para enganar
aos camiñantes da liberdade que descoñecen os labirintos,
e tamén escollen agullas duras para coser os camiños rectos nun enxame
de loucura. Odian o testemuño e o augurio e dormen a sesta en colchóns
de leis con olor de feo pútrido. Estenderon.
Porque estenderon un campo de papoulas, as papoulas que devagar e con dor cultivamos sen espiñas, regadas bágoas, cadeas que deixaron
auréolas de óxido nas nosas mans suplicantes, a cinza que aireamos
dos nosos corazóns para ascender ao outeiro do adeus
e demos,
demos benvida a novas cadeas soamente lixadas de cotra,
cadeas brilladas polo rozamento da boaventura convertida
en esperanza agónica. E mírannos.
Mírannos dende os seus ollos feros, a nós sempre nenos,
os seus nenos de infancia non resolta,
de infancia constrinxida para que a súa senectude opaca e erma
resólvase en sabia distinción e coñecemento do mundo.
E teñen chaves que nos fechos do mundo á súa medida
rebentan as portas que protexen as nosas trincheiras de tartaruga. Vento.
E o vento?
O vento que axita as follas entre costelas e vértebras dos seres libres?
Óese ese vento aínda novo
coa claridade da alba e a dureza do cuarzo, avanzar
e avanzar en cada paso de lavanda o seu arrecendo xa de antigo renacer
en voz nova
para cegar a desidia dos xustos
e tapar a boca dos espurios e entón. Se, entón se edificarán
entre os alicerces murchos a Atenas nova.
E eu sento coa clámide recollida entre as cornucopias
e agardo, e agardo
Agardo a vosa chegada a min dende os confíns,
apacentando os rabaños eucarísticos co pan misericordioso do trigo
das fabas que medran para saciar as bocas
dos minerais que rebentan a luz cos seus fíos de ferramenta
do uso das vidas para o usufruto do vivir
espertando do letargo cuarteado onde os lagartos morden
un buxeiriño para asomarse ao Edén dos teóricos
e dicirlles que as papoulas visten as bolboretas para o voo
e os seus pétalos xerminan o pole ocre da historia
e voan nunha nube branca para a virxindade do agora
e é verdade todo aquilo, todo isto, dicíndonos suavemente, dicíndonos cunha descarga de voz que nega os fusís
todas aquelas cousas que aínda soñamos. Soñamos
todas estas cousas reais que nos dita a conciencia
que os elementos naturais nos din na discordia da súa escasa utilidade
que o universo sofre as despensas baleiras dos afastados do poder, dinos,
dinos dos amplos campos sen semente, dos nenos que cultivan
extensos prados de kalasnikov, da misantropía da abundancia
da división da terra en orlas de posesión
dos vendedores de crecepelos
e os cadáveres sempre maquillados para a primeira plana.
Dinnos.
Dinnos tantas cousas entre as cousas que negan dicirnos
para que a nosa voz pérdase entre a verdade que rexeitan oírnos que custa crer nas súas verdades ditas co dicir das mentiras.
Quizais sexa tan natural como o simple acio das xustizas
estalando mísiles cheos de serpentinas para mitigar o odio das castas
e un cego co seu pan de pedir nos dea por esmola
un anaquiño da abundancia coa que se deitan os posesivos, entón,
entón, irmáns, rexeitemos a dádiva
e acumulemos a repartición
incrementando a división desta laranxa azul
con tantos gallos vermellos como dedos abertos, mans sen puño, mans
debuxando a xeografía cos seus ríos e os seus mares, os seus bosques e os seus vales
e a melodía que atravesa os polos como un brazo polos ombros.
You might also like
More from Poesia
Vencedor do Prémio Literário Glória de Sant’Anna 2024
PRÉMIO LITERÁRIO GLÓRIA DE SANT’ANNA PRÉMIO AO AUTOR DO MELHOR LIVRO DE POESIA 1ª EDIÇÃO EM PORTUGAL, PAÍSES E REGIÕES …
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …