Outra volta o Palau Robert abre as súas salas para albergar unha exposición de fotografía. As imaxes de Antoni Bernad. Outra oportunidade para visitar os traballos deste artista da moda e mais os seus exclusivos retratos de persoeiras e persoeiros. Mágoa a acumulación de imaxes. Que teñen as instantáneas de Bernad para que todas as grandes revistas de moda o contratasen? Por que era tan querido por modistas, modistos e modelos? Que ten de diferente a fotografía dixital respecto da analóxica, a de sempre?
Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest. Palau Robert
No Palau Robert está aberta ata o mes de agosto a exposición fotográfica Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest. Unha mirada antolóxica a 50 anos de profesión. A extensa mostra está presentada ao público en asociación de instantáneas por parellas. Unha fotografía pegada a outra, ao longo de ringleiras que enchen paredes a diferentes niveis. Demasiada foto para prestar atención a todas. En Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest as imaxes están presentadas sen orde cronolóxico, nin temático. Entre o autor, Antoni Bernad, e mais o comisario, o artista Antoni Llena, decidiron seleccionar 390 instantáneas de todas as que Bernad doou ao Archiu Nacional de Catalunya. O resultado é unha cantidade excesiva de imaxes, agrupadas aleatoriamente. As parellas poden ser unha instantánea dos anos 60 e outra de 2012; unha en branco e negro e outra a toda cor; unha onde un modelo exhibe roupa dalgunha casa de moda e a outra un retrato a un personaxe do máis circunspecto. Autor e comisario (amigos desde os 9 anos) declararon que deste xeito as fotografías poden establecer complicidades entre elas. É máis, Bernad afirma que em feia gràcia fer una exposició caòtica i barrejada, que no tingués relació amb els anys, ja que no hi ha gaire diferència entre les fotografies dels primers anys i les dels últims perquè tot està fet amb molt d’entusiasme.
A selección para este caos estivérona facendo ao longo dun ano e, segundo Bernad, tiveron que escoller entre un millón de negativos, copias e probas de contacto que están depositadas no devandito Arxiu de Sant Cugat. E ese título para unha exposición de fotografías, metade de moda, metade retratos? Antoni Llena, comisario, explica: El títol NORD/SUD/EST/OEST és equívoc, pel fet que no hi ha paisatges d’aquestes latituds, ans fa referència als encreuaments culturals a què la vida contemporània ens força, alhora que relativitza els confins: tot centre pot ésser nord en relació amb un altre sud o, a l’inrevés. Tot punt cardinal és correlatiu a partir d’un centre de referència.
Antoni Bernad (Barcelona, 1944) estudou Belas Artes. É unha persoa apaixonada pola arte en todas as súas manifestacións (cine, teatro, música, pintura, …). Esta bagaxe cultural aporta ás súas instantáneas unha delicadeza estética que non está noutros fotógrafos. Tanto nas fotografías de moda, como nos seus fantásticos retratos, sempre atopan o seu recuncho detalles expresionistas que carrexan emocións e engaden á pura imaxe fasquías psicolóxicas. Tampouco falta en moitas das instantáneas o xogo irónico. Todo para inventar historias, para crear universos de seu.
O Palau Robert, ao marxe doutros aspectos culturais, vén sendo ultimamente un verdadeiro refuxio para a fotografía en Barcelona. Na cidade hai un lugar dedicado exclusivamente a tal fin: La Virreina Centre de l’Imatge. Pero o Palau Robert tamén o é, ou máis. Non hai moitos meses que os mesmos espazos onde agora se mostran as obsesións de Bernad, era doado admirar a mestría de Manuel Outumuro e os seus retratos a personaxes de Barcelona: Outumuro. BCN. Retrats. Outumuro comenta ao que subscribe esta crítica que é amigo de Toni Bernad desde hai moitos anos, que nos anos 80 encargáballe fotografías para o suplemento La Vanguardia-Mujer (Outumuro era o director de arte desa publicación). Respecto da mostra Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest o tamén fotógrafo de moda lamenta a aglomeración de imaxes, que dificulta a contemplación e a dignificación das mesmas.
Non saíndo da fotografía e do valor que, como produto estético, vai ganando na sociedade, cómpre suliñar que son moitas as institucións onde as exposicións de grandes fotógrafas e fotógrafos sucédense polo miúdo. Un dos casos máis relevantes son os espazos que a Fundación MAPFRE habilitou na modernista Casa Garriga Nogués. Acaba de marchar para Madrid a mostra Brassaï, unha antolóxica ampla e moi completa; con anterioridade houbo outras de fotógrafos tan relevantes como Michals e a súas innovacións técnicas, Halsman coa súa jumpology ou Davidson, empático social. Tampouco se queda atrás La Pedrera, que se esforza por presentar á cidade fotógrafos que participaron na renovación da fotografía nos anos 60 e 70. Polo principal da Casa Milà gaudiana xa pasaron Colita retratando a festiva gauche divine local, Catany e a súa delicada perfección ou Pomés.
Laura Ponte, esa musa
Antoni Bernad es un hombre culto, entusiasta, perfeccionista, observador y con muy buen gusto. He trabajado muchas veces con él y estoy deseando caer de nuevo en sus manos. Toni contagia emoción. Todos los que hemos trabajado con él le debemos parte de nuestro éxito (Laura Ponte).
Antoni Bernad Margarit traballou, despois de rematar os estudos de belas artes, como debuxante e grafista para axencias de publicidade. E chegou á fotografía, foto de moda, por culpa do franquismo. O franquismo gris. A nómina de agresións que a ditadura franquista exerceu sobre as persoas destes territorios non ten conto. Na casa dos Bernad-Margarit había revistas de moda, chegadas de xeografías máis libres, que falaban doutro mundo en cores brillantes e fermosos. Antoni toma a decisión no ano 1966 de marchar a París, e alí, no epicentro da moda, toma a decisión de dedicarse á fotografía. A súa calidade e orixinalidade artística levárono a colaborar en revistas de tanto prestixio internacional como Elle, Vogue, Vanity Fair, Marie Claire, AD, Telva, El País Semanal, Yo Dona, Woman. E pasados os anos acabará por traballar tamén para casas comerciais, como é o caso de Pronovias, Chanel, Cartier, Van Cleef & Arpels, Carolina Herrera, Emporio Armani, Zara, Massimo Dutti, Pertegaz, Mango. Sirva de exemplo a valoración que Carolina Herrera lle fai ao propio fotógrafo: Querido Toni. Como siempre tú eres mi fotógrafo preferido. Las fotos son todas divinas. Un gran abrazo.
O seu éxito no mundo da moda –mundo competitivo e duro– vén dado pola orixinalidade dos seus enfoques, polo trato e valoración das persoas coas que traballa. Na presentación de Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest, o fotógrafo dixo: Sempre he tractat a les models com si fossin grans personatges, i les personalitats que retratava com si fossin models. Tamén comentou que nas sesións de fotografía preocupábanlle moito aquelas nenas de 16, 17, 18 anos que viñan cheas de inseguridades e medos ante o mago da máquina de retratar. Que procuraba tranquilizalas, por exemplo falándolles moito, e mirando de que non tivesen tempo de ter medos. Bernad procuraba buscar algún sentimento, algunha emotividade nas modelos que tiña diante. El mesmo dixo en varias ocasións que é o fotógrafo que amaba ás mulleres, que case foi unha obsesión no seu traballo humanizar a fotografía de moda, e que a persoa que está dentro do vestido non sexa só un manequín. Abundando na non-cosificación das modelos, Ángela Molina, crítica de arte do xornal El País, ten escrito: Antoni Bernad aparece como un excelente retratista de modelos desvinculadas de la sexualidad pasiva a que habitualmente la someten los fotógrafos de las publicaciones de moda. La defensa de Bernad a los poderes de la mujer es un manifiesto visual de su individualidad.
Por iso lle agrada tanto Laura Ponte, unha muller chea de personalidade e criterios propios. Na escolma que Llena e Bernad fixeron para Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest, Laura Ponte aparece a lo menos unhas dez veces, caracterizada de Greta Garbo, Coco Chanel, Katharine Hepburn, Pablo Picasso, Jacky Kennedy, etc. Preguntado Bernad polo feito de que Ponte apareza tantas veces, comenta: És perfecta, broda tot el que li demanes. Això si, cal actuar ràpid perquè és molt tímida. Nunha liñas anteriores Ponte gaba a Bernad. A valoración é recíproca. O fotógrafo valora moito que é unha muller que asimila a personalidade e os xeitos da persoa que lle están propondo; e en pouco tempo a fotografía xa está aí. A mesma opinión declaraba Manuel Outumuro, o gran fotógrafo, co gallo da súa exposición Outumuro. Looks. Vint anys fotografiant moda (2010). Daquela, Outumuro recoñecía a capacidade, inusual, de Laura Ponte para interpretar o que o fotógrafo espera dela co fin de que a fotografía sexa perfecta.
Mercè Rodoreda, Jordi Pujol
Antoni Bernad, tiene todas las virtudes del fotógrafo con personalidad. En cualquier disciplina impone su estilo. Me gusta remarcar su faceta de retratista, creo que en esta difícil modalidad consigue una relación perfecta con los personajes que retrata (David Balsells, director de fotografía do MNAC)
A escolma decidida polo comisario e mais polo artista para completar as 390 imaxes que abarrotan as salas do Palau Robert en Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest, recolle metade de fotografías de moda, e a outra metade retratos de persoas e persoeiros. Como xa se dixo, a disposición non segue criterios temáticos nin cronolóxicos, co que os retratos mestúranse coas instantáneas feitas a modelos. Nos retratos Bernad (que declarou que trata ás modelos como personaxes, e aos personaxes como modelos) procura que de xeito sinxelo aflore a personalidade da persoa retratada nalgunha ou algunhas das veces que dispara a súa cámara de retratar.
Alá polo ano 1978 Mercè Rodoreda sentíase grande, desfavorecida (tiña 70 anos), e non quería ver a ninguén, e menos que lle fixesen fotografías, claro. Con todo o escritor e editor Josep Maria Castellet insistiu para que Bernad fose á casa da escritora para facerlle uns retratos. O fotógrafo chega e póñense a falar, como se fosen amigos. Ao cabo dun pouco Bernad convence a Rodoreda de que se tumbe nun sofá cuberto cunha pel de vaca e se recostase nunha banqueta marroquí, como se fose unha das grandes actrices dos anos 30. Bernad marcha, logo de facerlle unhas cantas fotografías. Ao día seguinte a autora de La Plaça del Diamant chama a Castellet, horrorizada, dicíndolle que fotógrafo e compañía a convenceran para que fixese o ridículo, e que tiña que destruír as instantáneas inmediatamente. Despois de moito falar, o editor convenceuna de que, antes de facer nada, as mirase. Són les fotos de la meva vida, exclamou a escritora ao ver o resultado, e observar que saía sorrindo en moitas delas. Algúns destes retratos están agora no Palau Robert.
Tamén están algunhas imaxes sorprendentes de Salvador Dalí. O fotógrafo e mais o autor de El Gran Masturbador fixéronse amigos, e víanse con certa asiduidade. Un dos retratos que logrou captar Bernad de Dalí foi unha copia-parodia dunha piedade. Dalí, con longos roupaxes e actitude histriónica aparece sedente, tendo nas súas coxas un efebo (Oriol Llopis), que se tumba, pero non adopta o rol de fillo morto, senón que está cos ollos abertos e mira a cámara. O fotógrafo tamén contou algunha outra anécdota. Pedíronlle que fose ao domicilio do arquitecto José Antonio Coderch para mirar de facerlle uns retratos. Chamou ao timbre, abriu o mesmo arquitecto e díxolle que non, que non quería fotos, e pechoulle a porta. Bernad meteu o pé para que non a pechase de todo, viu sobre un moble unha fotografía enmarcada dunha muller, e dixo: ¿quién es esa mujer tan guapa y elegante? Coderch quedou indefenso, respondeu que era a súa nai, e deixouno pasar. Acabou por tirarlle bastantes instantáneas. Cando viu os resultados exclamou o arquitecto: Me has sacado como soy, un perro rabioso. Aquí uns dos retratos que lle deu tirado Bernad.
Caso aparte son os retratos que o autor de Catalans. Retrats tivo que facer a políticos ou persoas moi relacionadas co poder. O poder tense e cómpre demostralo nos retratos, semella dicir Bernad cando fala dalgúns dos persoeiros retratados. En Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest hai unha imaxe dun retrato que o fotógrafo fixo a Jordi Pujol, en 1980. Na imaxe Pujol aparece sentado nun gran sillón, coas pernas cruzadas e de medio lado, nunha galería con voltas góticas (o Palau de la Generalitat?). A imaxe é poderosa. Pujol preséntase como un príncipe renacentista. No frontispicio da porta do fondo, ademais, pódese ler PAX DOMINI VOBISCUM SIT. Qui dominus est? Outra demostración de forza? Advertencia, ameaza? Dalgún xeito a actitude do fotografado lembra ao retrato que Velázquez fixo do papa Inocencio X, ese retrato ao poder, á desconfianza e á soberbia. Con esa pintura obsesionouse Francis Bacon. Non é para menos. Pois Bernad explica que, cando foi facer os retratos ao entón president del Govern de la Generalitat, Jordi Pujol situouse onde quixo, como quixo, … e ao fotógrafo díxolle: vostè només ha de disparar. Cómpre foxarse que a fotografía é de 1980, cando Pujol levaba escasos meses como president. E xa coñecía as súas obrigas coa imaxe pública. O poder sabe perfectamente como ha de representarse aos ollos dos gobernados. Tamén tivo que ir a La Zarzuela para retratar ao entón príncipe Felipe, duns 18 anos de idade. Segundo conta o artista o mozo estaba nervioso e moi tenso, vixiado por dous militares que se situaron ás costas do fotógrafo. De cando en vez o pai aparecía por unha porta e dicíalle ao príncipe: Hazlo bien! Cando lle dixo que acabara, o mozo relaxouse, sorriu, e o fotógrafo aproveitou para tirarlle fotos saltando un muro dos xardíns, relaxado e sorrinte.
Jo era un mag i vaig deixar de ser mag
Les meves fotografies de moda busquen ser un homenatge a la dona. Per què no les vull estereotipades: m’espanta enlairar-les com a deesses. Sóc el fotògraf que ama a les dones. Procuro ser molt bo amb les models, bromejar amb elles. I no dubtar mai durant una sessió, per què aixó els hi genera inseguretat. Les tracto amb amor i paciència (Antoni Bernad).
A exposición que agora se pode ver no Palau Robert, Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest, é unha antolóxica de máis de cincuenta anos de profesión artística. Ao longo das catro salas onde se exhiben as imaxes, é doado comprobar a intencionalidade de Bernad pola estética, pola imaxe humanista. Mágoa que a moita acumulación e non afortunada distribución prexudique a calidade das fotografías. A riqueza cultural de Bernad orienta moitas veces aos persoeiros retratados e mais a modelos cara estéticas que poidan lembrar obras clásicas. Un exemplo evidente. No ano 1996 Bernad retrata a Caroline de Maigret en Mérida cun elegante vestido. Na fotografía non se ve a cabeza da modelo, nin as pernas; apenas o corpo. Pero iso é un torso clásico. A instantánea pode estar tirada dentro do Museo Romano de Mérida; a elegancia e simplicidade de liñas, trazos, e a incidencia da luz sobre a tela están a falar dunha peza de estética grega. Non se pode dicir que sexa un Torso de Belvedere (do que Michelangelo Buonarroti dixo: quen esculpiu esta peza atopou a ánima humana), pero si que ben pode ser o torso dunha Afrodita. Respecto da delicadeza e cuidado con que trataba ás modelos (moitas veces case nenas asustadas), fala a fotografía que lle fixo nas rúas de París a Sydonie Herrera, no ano 2000. A imaxe que está agora no Palau Robert presenta á modelo de costas, cun vestido negro cheo de botóns e boina; fotografía glamurosa, elegante. No podia fer-li la fotografia pel davant. —comenta o fotógrafo de moda— La noia estava plorant molt; portava unes sabates uns quants números més petits del que li corresponia.
Despois de máis de cincuenta anos fotografando para grandes empresas, Antoni Bernad abandona a súa profesión e paixón. Jo era un mag i vaig deixar de ser mag. Tal é a conclusión á que chega o propio artista. I la culpa va ser de la fotografia digital. Em va deixar fora de combat. Toni Bernad explica que a fotografía analóxica, esa na que o profesional dispara e dispara, e leva nos rodetes de película o segredo do seu traballo. Sexa bo ou non. Cando chega a fotografía dixital todo muda. O resultado vese no mesmo momento de executar o accionado da cámara. O resultado veo o fotógrafo, e tamén o ven as numerosas persoas que asisten á sesión de fotos. E logo comezan as valoracións: non cómpre que tires máis, a fotografía xa a tes; é esa. E así comentario sobre comentario. Resultado: a maxia do traballo esfúmase, e aparecen as opinións sobre a creación do artista. E Antoni Bernad deixou de facer fotografía.
Antoni Bernad recoñece na presentación de Antoni Bernad. Nord/Sud/Est/Oest que se veu influenciado por fotógrafas e fotógrafos tan potentes como Richard Avedon ou Irving Peen, Diane Arbus ou Cecil Beaton. Manuel Blahnik, deseñador de calzado, valora así a figura do artista Antoni Bernad: Para mí, Antoni Bernad es uno de los verdaderos genios de la fotografía española. Las publicaciones más importantes han sido testigos de la modernidad de su estilo y composición. Sus retratos de diversas personalidades de todo el mundo son de una versatilidad inmensa y podría estar al lado de Penn y Avedon.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Antoni Bernad. Nord/Sud/Est\/Oest
Palau Robert
ata o 26 de agosto de 2018
You might also like
More from Fotografia
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …