Vanse programando máis exposicións de mulleres artistas
Non se trata de obras creadas por mulleres que forman parte dunha exposición colectiva (que tamén as hai), non. Son mostras individuais dedicadas a presentar publicamente as creacións de mulleres que traballaron e traballan artisticamente. Nestes meses acontece tal cousa na Fundació Antoni Tàpies coa presentación das investigacións de Ariella Aïsha Azoulay, denunciadora do imperialismo, e no MACBA coas obras de Charlotte Posenenske, artista moio crítica dos anos 60. As obras que xorden das mentes das mulleres son máis incómodas para o poder?
*
Ariella Aïsha Azoulay, Errata. Fundació Antoni Tàpies
20 de abril de 1945. Nun caderno que se atopou nunha faiado onde se trasladara despois de que bombardearan a súa casa, unha anónima berlinesa escribiu: “Non podo chamalo casa; xa non teño fogar. E tampouco é porque o cuarto amoblado que abandonei tras o bombardeo fose en realidade miña”O seu diario publicouse en 1953 co título ‘A Woman in Berlin: Eight Weeks in the Conquered City: A Diary’, pero logo desapareceu das librarías. O diario non se volveu publicar ata 2003, despois da morte da autora. (texto de Azoulay para a exposición Errata).
A Fundació Tàpies presenta nestes meses de final de 2019 a ampla e ben documentada mostra Errata, de Ariella Aïsha Azoulay, artista, cineasta, activista, comisaria de exposicións, profesora en varias universidades de pensamento político e mais de cultura visual. Así mesmo é autora de varios libros, os títulos dos que vai dando pistas por onde vai o contido de Errata: The Power of Image in Contemporary Democracy, Once Upon A Time: Photography Following Walter Benjamin e The Civil Contract of Photography. En todos eles as imaxes, a súa importancia, a súa transcendencia no control ideolóxico da cidadanía, son os eixos dos seus estudos e conclusións.
Nesta ampla exposición (Errata) Azoulay presenta oito proxectos diferenciados entre si, pero que ao final inciden na mesma tese e incluso nos mesmos tempos: desde o ano 1945 ata a actualidade. A tese central que unifica a proposta da artista israelí vén sendo que as imaxes (fotografía, vídeos) que se conservan, que se mostran, teñen unha intencionalidade imperialista; colaborar de xeito decisivo a crear estados de opinión, reforzar autoridades, etc. Por suposto, Aïsha tamén sabe que outras fotos non se mostran, para non desvirtuar o discurso hexemónico que as “correctas” están a impor. Neste vídeo (tamén son imaxes) a artista explica a exposición Errata. O nome, loxicamente, tampouco é fortuíto.
Cómpre lembrar, por exemplo, que algunhas das primeiras fotografías que se fixeron a grupos de xente foron os retratos de grupo que se tomaron nas barricadas da Commune de París 1870-71. E esas imaxes, pasado o período revolucionario, empregáronas as autoridades para deter aos revolucionarios e fusilalos, valendo como proba as devanditas imaxes. Uso imperialista e violento das fotografías. No filme Patriot Games (1992), de Phillip Noyce, hai un intre que á CIA interésalle saber se nun oasis do Sahara están uns “terroristas”; para iso miran de usar as imaxes dos satélites que dan voltas á terra constantemente. Como temen que os “malos” saben a que hora pasa o satélite que os pode denunciar, ocúltanse. A CIA consegue que os técnicos da NASA muden a órbita do satélite e así acaban por saber onde se atopan aqueles aos que cómpre matar. Cabe máis uso imperialista das imaxes?
Un dos proxectos que exhibe Aïsha na mostra Errata é o que titula Historia natural da violación. Nunha ringleira de imaxes e textos, Azoulay presenta o feito documentado de que arredor de dous millóns de mulleres alemás foron violadas polos soldados que chegaban ás cidades e vilas deste país. Parece ser que a meirande parte das violacións foron realizadas polos soldados soviéticos, coa a aprobación do Kremlin e como vinganza polo ataque dos nazis á URSS e os millóns de mortos que provocou. E pregunta Azoulay: Sabendo a cantidade inmensa de fotógrafos presentes neses mesmos lugares onde se producían as violacións, desprazados ata alí para rexistrar a destrución das cidades, como é posible que non exista nin unha soa imaxe? Segundo investigacións os soldados occidentais tamén violaron mulleres, pero en menor cantidade. Dentro deste proxecto, Historia natural da violación a autora inclúe parágrafos dun diario anónimo que foi atopado anos despois de acabada a guerra nun apartamento de Berlín. Esa muller que non deixou sinal da súa identidade relata nese diario as penalidades que pasan perante a guerra: fames, medos, carestías, e o que vén despois: as violacións. O diario está publicado por Anagrama baixo o título Una mujer en Berlín . Nas súas páxinas atópanse cousas tan atroces como que a autora afirma que, entre os militares rusos, quere escoller un macho alfa (un oficial ruso) para que só sexa violada por un home, e non por varios. Noutro momento di que nos túneles do metro unha médicas e enfermeiras puxeron carteis de que alí hai “tifos” para que os militares non se atrevan a entrar e violar ás mulleres alí refuxiadas.
O director da Fundació Tàpies, Carles Guerra, di de Azoulay que é a Susan Sontag do século XXI polas súas actitudes críticas, concretamente fronte á utilización da fotografía como verdadeira arma política.
Outro dos proxectos trata de evidenciar que nas masacres que os gobernos de Israel levan anos facendo sobre a poboación palestina, aparezan só as imaxes que denuncien as agresións dos palestinos, nada do que fan os israelís. Azoulay vén de rematar o filme Un-documented: Undoing Imperial Plunder, nel mira de observar e confrontar dous comportamentos antagónicos que tanto exercita o capitalismo. Por unha banda, o coidado e protección que as sociedades capitalistas dispensan aos obxectos (libros, documentos, bens culturais), e pola outra o maltrato que aplica a tantas persoas –inmigrantes–, ás que cualifica de persoas indocumentadas. Así mesmo Azoulay insiste que os dereitos desas persoas que queren entrar nos países ricos están rexistrados e contidos neses documentos que con tanto esmero de conservan.
Charlotte Posenenske: Work in Progress. MACBA
As cousas que fago son variables, o máis simples posibles, reproducibles. Son compoñentes dun espazo, pois son elementos construtivos, sempre poden ser organizadas en novas combinacións e posicións e, así, alterar o espazo. Deixo esta modificación para o consumidor, que, unha e outra vez, participa na creación. (…) Aínda que o desenvolvemento formal da arte foi progresando cada vez máis rápido, a súa función social foi en retroceso. A arte é unha mercancía de significado transitorio, o mercado é diminuto. E o prestixio e os prezos aumentan canto menos cotiá sexa o material. É difícil para min asumir que a arte non pode contribuír a resolver os problemas sociais máis urxentes ( Charlotte Posenenske, Manifest, 1968).
O Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA) na súa errática programación alcanza agora a portar a esta cidade a primeira gran retrospectiva que se fai en España da artista alemá Charlotte Posenenske, baixo o título de Work in Progress. Trátase dunha mostra organizada pola Dia Art Foundation e que aquí inicia a súa itinerancia por museos europeos (Düsseldorf, Luxembourg). Dia é unha fundación que comezou a funcionar en New York (onde agora ten varias sedes) alá polos anos 70.
Charlotte Posenenske (1930-1985) é unha artista especial. As súas obras non seguen vieiros xa percorridos e a súa coherencia ética é exemplar. As súas creacións artísticas circunscríbense ao período temporal que vai de 1956 a 1968. Comeza por traballar coa pintura sobre varios soportes, pero case sempre con espátula, o que confire ás súas pezas unha estética diferente, con superficies tinguidas de pintura homoxénea. Nesta primeira etapa Poseneske está próxima á abstracción, tamén á action painting (coa espátula a artista vai exercendo a xestualidade sobre as superficies) e incluso dun minimalismo que vai de Mondrian a estéticas orientais.
Logo cansa destes traballos e muda radicalmente de orientación. Nos anos 60 o seu interese vai cara as formas xeométricas e as cores planas e uniformes. Posenenske o que é dobrar, pregar e/ou ondular pezas de aluminio ás que logo aplica con sprays pintura de xeito monocromo e liso. Todo parece indicar que a artista vese atraída polo mundo da construción; as súas obras semellan pezas de produción industrial que se poidan ensamblar unhas nas outras e acabar formando parte da decoración interior de edificios. Por se a súa actitude crítica diante do mundo da arte non estaba claro, Posenenske leva as contas do valor económico da creación de cada peza (metal, pintura, …) e a suma dese costo económico será o prezo final de venda da obra. Como se ela fose a propietaria dunha ferretería ou almacén de construción e vendese pezas para os profesionais do ramo. É fácil comprender a posición desta artista fronte á especulación que se estaba a xerar coas pezas artísticas.
Posenenske aínda vai máis aló. Nos últimos anos da súa produción artística (1967- 1968) a artista dá un paso máis aló; un paso crítico tamén e inconformista. É cando elabora, por exemplo, as Serie D e tamén a Serie DW. Trátase de construír con aceiro galvanizado tubos de base cadrada ou rectangular, que logo se poden unir entre si de varios xeitos. Son módulos metálicos cos que a artista, e logo a/o propietario pode xogar para conseguir diferentes acabados. Precisamente esta parte final, a dos propietarios foi unha das cousas que máis lle interesou á artista: a obra acábase cando a persoa que a compra decide unha forma final ou outra. As persoas compradoras non son pasivas, son membros activos do proceso artístico. Por iso no seu Manifest de 1968 declara As cousas que fago son variables, o máis simples posibles, reproducibles. Son compoñentes dun espazo, pois son elementos construtivos, (…) Deixo esta modificación para o consumidor. Estes mesmos elementos, Posenenske aínda os fará máis alcanzables e máis modulares, cando os elabore con cartóns. Entón a serie é moito máis longa e ensamblaxe permite moitas máis opcións. A propia artista afirma no seu Manifest que se trata de elementos construtivos, é dicir, máis veciños da industria que da singularidade artística. Posenenske continúa coa súa actitude crítica contra a inflación da arte. A crítica lévaa ata o extremo de instalar algunha destas pezas modulares fóra dos espazos reservados á arte. A espazos tan afastados da exclusividade artística como nunha pista de aterraxe, en rotondas ou lugares similares. Buscando afinidades con creacións dos mesmos anos, non falta que relacione os módulos desta artista co filme de Jacques Tati, Playtime (1967), e outras producións do mesmo director.
Agora no MACBA hai tanto pezas das devanditas series en metal e tamén en cartóns (estas últimas son as máis espectaculares, por ser máis longas e factibles de invención) o que quere dicir que, seguindo o espírito da artista, o MACBA debería deixar a grupos de espectadores desmontar e montar os grupos de pezas ao capricho de quen visita a mostra. No ano 1968, Charlotte Poseneske, aburrida da especulación do mundo da arte, decide abandonar a creación artística e dedicarse á socioloxía, e especializarse no estudo do traballo e a produción industrial. A súa morte, aos 55 anos, pechou a porta a unha posible volta á produción artística.
Pouco a pouco as mulleres artistas van tendo visibilidade
En el total de artistas representadxs en la feria de ARCO18, solamente el 6% son artistas mujeres españolas. Únicamente un 34% de las galerías presentes en ARCO están lideradas por mujeres. ¿Puede deberse a que el 80% de los miembros del Comité Organizador de ARCO está formado por hombres?. ¿Es por ello que el 71,4% de los Premios de ARCO son asignados a artistas hombres?. Haciendo un análisis de las ferias más relevantes: ArtMadrid repite el modelo androcéntrico de ARCO; sin embargo las ferias más alternativas, Just Madrid e Hybrid, cumplen con la ley, y dan protagonismo a la creación de las mujeres. (Parte do informe elaborado pola organización Mujeres en las Artes Visuales).
A arte é unha parte da vida das sociedades. Por tanto non pode fuxir das prácticas nin das ideoloxías que as rexen e as dominan. O patriarcado oculta, terxiversa e mesmo rouba as obras creadas por mulleres, xa sexa en arte, en literatura e noutros eidos da cultura, da ciencia, etc. Son ben coñecidos os casos nos que creacións literarias ou artísticas, ou científicas feitas por mulleres son firmadas e atribuídas aos seus compañeiros masculinos.
A mediados dos anos 80 da pasada centuria activistas contrarias ao patriarcado crearon o grupo Guerrilla Girls. Logo se deron a coñecer, mormente co cartel que denunciaba (tendo como imaxe icónica a Gran Odalisca, de Ingres, con cabeza de gorila) as poucas artistas que había nos museos, fronte ás mulleres espidas que se exhibían nos mesmos. En concreto dicían (1986) que menos do 5% dos artistas presentes nos museos eran mulleres, mentres que o 85% dos nus eran femininos (por iso preguntaban se cumpría estar espidas para entrar nos museos). Cambiaron moito as cousas nos derradeiros 30 anos?
No texto anterior, parte dun informe elaborado pola asociación Mujeres en las Artes Visuales (MAV), denúncianse números similares aos de tempos pasados. A mesma asociación afirma que as mulleres só protagonizan o 20% (e baixa ao 10% se se contabilizan as españolas) das 973 exposicións individuais organizadas durante unha década por 22 centros de arte en España. En Barcelona, como calquera outro sitio, os museos gardan poucas pezas de mulleres artistas. Consultado, vía correo electrónico, o Arquivo de Documentación do Prado polo que subscribe esta crónica sobre o particular, a resposta foi que o Museo del Prado conserva nos seus fondos 83 pezas de autoría feminina demostrada (gravados, esculturas, fotografías, pinturas), e delas 45 son pinturas. 45 das 7874 que garda en total (o 1,7%). Obras de autoría demostrada. Con seguridade outras pezas fixéronas mans femininas, en obradoiros de titularidade masculina, e non llas deixaron firmar.
Volvendo ás exposición que con contagotas se van programando en Barcelona sobre as creacións artísticas de mulleres, dicir que o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), o buque insignia da arte en Cataluña, programou a primeira exposición dedicada a unha muller artista no ano 2016. No 2016! Dito polo propio museo. A artista “afortunada” foi Luísa Vidal, de quen o MNAC ten bastante obra. Xa con anterioridade o MNAC perpetrara outra falcatruada: en 2010 programou unha magna exposición para celebrar os 75 años de vida (???): 75 años, 75 obras obras mestras creadas por artistas cataláns: Convidats d’Honor. A idea estaba ben. Pero… como no proceso de selección non deberon atopar obras rechamantes, repetiron autores (machos): Miró, Dalí, Picasso. Pero iso si, entre 75 pezas, NINGUNHA DE MULLER! O MNAC ten pezas artísticas de bastantes creadoras e catalás. Incrible!
A galería Mayoral dedicou en 2017 a que –segundo eles– foi a Primeira exposición dedicada en España a mulleres surrealistas. É certo que, meses despois houbo unha máis ampla no Museo Picasso de Málaga. En 2015 a Fundació Antoni Tàpies programa María Lassnig, unha antolóxica desta artista austríaca tan peculiar e interesante. Ao ano seguinte o MACBA fao o mesmo coa dinamitera Andrea Fraser. Nas súas salas puidose ver a liberdade crítica que profesa esta artista e profesional da comunicación. A súa peza audiovisual Little Frank and his Carp é unha durísima denuncia dos museos espectáculo. Este presente ano a Fundación MAPFRE realizou a mostra dedicada á fotógrafa Berenice Abbott. Magnífica e completa mostra dos traballos de Abbott en New York e da súa preocupación por gardar e difundir as fotografías de Atget. Outro tanto fixo a Fundació Joan Miró cos deseños da arquitecta Lina Bo Bardi. A autora do aéreo museo de São Paulo. Volvendo a artistas que aínda traballan, a galería histórica Artur Ramon programa, en 2018, as filosóficas e materialistas creacións da artista Pamen Pereira: Tiempo imaginario. Para seguir un pouco máis, a Fundació Vila Casas, entidade moi importante dentro da paisaxe artística catalá e dedicada a conservar e promocionar a arte catalá, programou Lita Cabellut, unha moi extensa retrospectiva da que din é a artista muller española máis cotizada hogano.
Como se pode apreciar, tampouco as mostras de arte que teñen mulleres como protagonistas son moi numerosas. Pouco a pouco, xa o texido público, xa o privado, van dirixindo os seus ollares cara as creacións femininas. A sociedade vai pedindo cada vez máis a visibilidade de quen foron inxustamente (e durante séculos) ocultadas. Para cando a igualdade?
*
EXPOSICIÓNS: Charlotte Posenenske: Work in Progress. / Errata. MACBA e Fundació Antoni Tàpies, ata o 8 de marzo de 2020 e o 12 de xaneiro de 2020
You might also like
More from Desenho
A “maraña” de lorena conde | Antonio Seijas
A maraña que habita dentro do cranio de Lorena Conde quédanos parcialmente exposta na mostra que forma parte do proxecto Nómades: …
Leandro Lamas | Desenho
"Lá de cima de uma montanha acendemos uma fogueira para não se apagar a chama que dá vida na noite …