Sala de Soño Americano
De sobra son coñecidas as expresións American dream ou tamén American way of life. En Caixaforum preséntase a mostra El Somni americà, un repaso ás creacións artísticas xeradas nos EEUU de Norteamérica nos derradeiros 60 anos. Nas salas da exposición logo salta a idea de que o que alí se contén bascula entre ese ideal de vida fácil e o seu contrario: un pesadelo. Nos textos que acompañan, por contra, nada se di dese tal pesadelo. Con que conclusión saen as persoas visitantes? As obras do Pop Art son puro canto ao consumismo, ou achéganse ás visións críticas?
*
El Somni americà. Del Pop a l’actualitat. Caixaforum
What’s great about this country is that America started the tradition where the richest consumers buy essentially the same things as the poorest. You can be watching TV and see Coca-Cola, and you know that the President drinks Coke, Liz Taylor drinks Coke, and just think, you can drink Coke, too. A Coke is a Coke and no amount of money can get you a better Coke than the one the bum on the corner is drinking. All the Cokes are the same and all the Cokes are good. Liz Taylor knows it, the President knows it, the bum knows it, and you know it. (Andy Warhol, recollido no portal web The Zeray Gazette – A Blog of Geek Eccentricities).
Seguindo cos seus convenios co British Museum, a Fundació LaCaixa, por medio das súas instalacións de Caixaforum presenta a partir de agora en bastantes localidades españolas, e de xeito itinerante, a exposición que titularon El Somni americà. Del Pop a l’actualitat. Baixo ese ampuloso título preséntase a renovación e innovacións que desde 1960 se produxeron no mundo do gravado na arte. O Pop Art foi dos primeiros en apostar por facer grandes tiradas de litografías, serigrafías, augafortes, fotogravados, co gallo de vender máis e abaratar os prezos. Logo deles foron facendo o mesmo o minimalismo, o fotorrealismo, a figuración. E agora en Caixaforum Barcelona é doado contemplar pezas que saíron da creatividade de persoeiros tan coñecidos como Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Robert Rauschenberg, Willem de Kooning, Donald Judd, Jasper Johns, Richard Estes, Kiki Smith, Robert Longo, as Guerrilla Girls ou Louise Bourgeois.
A proposta denominada El Somni americà. Del Pop a l’actualitat é ampla, contén 219 obras de 63 artistas. Algunhas populares e icónicas: as faces de Liz Taylor, de Marilyn Monroe ou de Jackie Kennedy, de Andy Warhol. Tamén a serie de bandeiras de Jasper Johns, e non podían faltar as pezas punteadas de Roy Lichtenstein, tan influenciadas polos cómics e pola fotografía. A mostra vén comisariada por Catherine Daunt, conservadora de arte gráfico moderno e contemporáneo, e por Stephen Coppel, conservador da colección moderna, ambos do Departamento de Gravados e Deseños do British Museum.
O que é doado observar nas salas dedicadas a El Somni americà. Del Pop a l’actualitat é como os sistemas industriais de reprodución de imaxes permitiron aos artistas explorar nesas novas técnicas e tamén materiais: e, nalgúns casos, criticar a sociedade na que vivían. Noutras ocasións dá a impresión de que ben se acoplaron ao capitalismo salvaxe. O que si é certo é que ese sistemas de reprodución masivos, provocou unha forte crise no que ata entón era exclusivo: a peza única. Agora Warhol, Lichtenstein, De Kooning e moitas e moitos outros inzaban (e inzan) o mercado con “series” da mesma peza. Produción capitalista?
É habitual atopar a explicación de que a Pop Art foi unha reacción contra os chamados expresionistas abstractos (Pollock, de Kooning, Rothko, Gorky, Tobey) e as súas técnicas de action painting ou dripping, onde o lenzo é un espazo, un teatro, onde representar unha función, unha performance que nace, que se fai ao tempo que é executada. Estes artistas maduraron á raxeira de tantas e tantos surrealistas europeos que se refuxiaron en EEUU antes e durante a II Guerra Mundial (Miró, Tanguy, Breton, Dalí). Por tanto o inconsciente é guieiro nos seus traballos. Desde hai uns anos está demostrado que a CIA e os gobernos ianquis estiveron por tras deses creadores, foron os seus mecenas: formar unha escuadra de artistas que se puidesen opoñer aos europeos, progresistas e tamén comunistas (Picasso, Matisse, etc.) nos duros tempos da Guerra Fría.
El Somni americà, espazos para a crítica, para a protesta?
I have a dream that one day this nation will rise up and live out the true meaning of its creed: “We hold these truths to be self-evident, that all men are created equal.” I have a dream that one day on the red hills of Georgia, the sons of former slaves and the sons of former slave owners will be able to sit down together at the table of brotherhood.I have a dream that one day even the state of Mississippi, a state sweltering with the heat of injustice, sweltering with the heat of oppression, will be transformed into an oasis of freedom and justice. (Discurso do doutor Martin Luther King, 28 agosto 1963, Washington).
Esta arte gráfica estadounidense, presente en El Somni americà. Del Pop a l’actualitat, a través das súas pezas, xa máis acomodaticias, xa máis contestatarias, van reflectindo a historia recente dese país. Dese e de calquera. A arte é vida, mesmo nestes tempos tan mal dados de pandemia. Pandemias houbo na antigüidade, no medievo, nos tempos modernos e mais nos contemporáneos. E a Arte sempre respondeu. Así aconteceu e acontece. Hoxe sábese que nos campos de exterminio nazi as persoas alí recluídas, nas condicións máis extremas, improvisaban escenificacións e poemas como revulsivo e como “armas” para conxurar a morte que lles podía tocar en poucas horas. A Arte cómpre para vivir.
No tocante a aspectos críticos, a mostra que se comenta toca (e denuncia, nalgúns casos) temas que aínda hoxe teñen total actualidade: os conflitos raciais, a sida, o feminismo, a guerra. Ante algúns feitos da historia dos EEUU de norteamérica (ou dun pasado que, pola política exterior dese país, afectaba a todo o planeta) algúns artistas utilizaron a arte gráfica para difundir mensaxes políticos e sociais relacionados con guerras, o terrorismo as discriminacións, etc. No ano 1967, Copley creou unha serigrafía coa bandeira dos EEUU en branco e negro, e a verba think (‘pensa’), que formou parte dunha carpeta con obras doutros 16 artistas para protestar contra a guerra de Vietnam. E Lichtenstein con obra gráfica procurou fondos para causas políticas e sociais: I love Liberty (1982) foi creada para un acto organizado por People for the American Way, que defendeoos dereitos civís das mulleres, de homosexuais, dos afroamericanos, hispanos ou os sempre esquecidos, os nativos americanos.
Entón, cando se presenta esta exposición baixo o paraugas de El Somni americà, de que se está a falar? Que se mete dentro e que é todo o que queda fóra? De quen é/de quen son eses soños? Cando se di “americano”, faise referencia a toda América? Á do norte?, a Mesoamérica? Son os soños de varóns brancos e ricos? É un soño urbanita e heterosexual?
Hai que lembrar que por eses mesmos anos Martin Luther King, representando a millóns de afroamericanos dixo alto e con claridade: I have a dream that one day this nation … unha cantas veces. Estase atendendo con este título aos soños de poboación negra? Por eses anos (finais do século XX, comezos do novo milenio) artistas non brancos, atoparon atrancos para entrar nas correntes artísticas dominadas por brancos; denunciaron abusos policiais. E seguen denunciando a violencia racista, a segregación que foi legal nos estados do Sur ata 1964. Artistas afroamericanos como Emma Amos, Kara Walker, Willie Cole recuperaron e denunciaron a centenaria e dura escravitude.
El Somni americà. Del Pop a l’actualitat, de quen, para que?
El Somni americà, escenarios para a loita feminista?
The Guerrilla Girls are feminist activist artists. We wear gorilla masks in public and use facts, humor and outrageous visuals to expose gender and ethnic bias as well as corruption in politics, art, film, and pop culture. Our anonymity keeps the focus on the issues, and away from who we might be: we could be anyone and we are everywhere. We believe in an intersectional feminism that fights discrimination and supports human rights for all people and all genders. (Texto no portal web www.guerrillagirls.com/).
Na exposición El Somni americà. Del Pop a l’actualitat hai bastantes creacións de mulleres artistas. Non tantas como de varóns preeminentes (Warhol, Lichtenstein, Jons, De Kooning, …), pero si unha boa representación. Nas salas de Caixaforum está, por exemplo, o cartel emblemático das Guerrilla Girls: Do women have to be naked to go into the Met. Museum? O cartel presenta a Gran Odalisca de Ingres con cabeza de gorila, e usando a palabra naked, e non nude (que se considera máis fina e sempre usada na arte). Na parte de baixo presenta os números do museo: menos do 5% dos artistas que están nese museo son mulleres, pero o 85% dos nus son nus de mulleres. Toda unha declaración de principios feita nos anos 80 da pasada centuria. Pero as estatísticas non melloraron.
Actualmente en España máis dun 70% dos estudantes nas Facultades de Belas Artes e Historia da Arte son mulleres, e só un 6,17% das artistas presentes na edición de ARCO Madrid de 2019 foron mulleres españolas. En Cataluña a cousa non vai mellor. Segundo o 4t informe de l’Observatori Cultural de Gènere, elaborado en colaboración con Mujeres en las Artes Visuales, a presencia de mulleres nas exposicións realizadas polos grandes centros de arte de Barcelona entre 2010 e 2015 confirma que só o 14% das exposicións foron dedicadas a mulleres artistas. O dito, a discriminación é constante, en calquera eido da vida social, económica e cultural.
Na mesma mostra El Somni americà (de ambiguo significado e significante) a gran artista Louise Bourgeois explica experiencias de maternidade na peza Ste. Sebastienne (1992), unha peza de arte gráfica onde as frechas van dirixidas a un corpo feminino, en troques dos clásicos S. Sebastián.
E a incombustible Kiki Smith xoga e advirte sobre o trato dado ás rapazas e mulleres nos contos infantís nuns gravados sobre Carapuchiña Vermella. O conto ao revés. As creacións de Kiki Smith xiran como espiral vital arredor do traballo feito desde o corpo e desde a sensibilidade feminina. Procura reflexionar sobre o sentido que ten a estancia transitoria neste planeta. E, coherentemente, sobre a morte, como parte indisociable da primeira. E non renega de ningunha técnica, nin de ningún material. As súas obras combinan artesanía e arte, pintura e escultura, papel e aluminio, ferro e madeira, bordados e vidro. A querenza pola artesanía (polo seu propio traballo manual) forma parte da súa coherencia ideolóxica. Kiki Smith reivindica a historia das mulleres, xa medieval, xa antiga, xa contemporánea.
*
EXPOSICIÓN: El Somni americà. Del Pop a l’actualitat. Caixaforum, Barcelona, ata o 13 de xuño de 2021
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha