A comezos do século XX a arquitectura e as súas artes complementarias basculan entre a peza única e a produción en serie. Art Nouveau participa desa encrucillada. Quen traballou con Gaudí e mais con Domènech i Montaner?
Lito Caramés
Modernismo, estilo integral
Na casa Milà, La Pedrera, hai agora unha mostra moi interesante, e moi axeitada ao medio no que está instalada. A escolma de pezas que se poden ver en Modernisme. Art, tallers, indústries xunta máis de cen obxectos, procedentes de 60 entidades e particulares que cederon as súas pertenzas para axudar á panorámica da produción artesá e industrial que provocou o estilo do Modernismo ou Art Nouveau, do que La Pedrera (obra punteira de Antoni Gaudí) é un exemplo senlleiro. A selección de fotos, mobles, vidreiras, alfaias, traxes (aquí algunhas fotos das salas), foi programada e comisariada pola doutora Mireia Freixa, catedrática de historia da Arte da Universitat de Barcelona, e directora do grupo de investigación GRACMON (Grup de Recerca en Història de l’Art i del Disseny Contemporanis), especializado en Modernismo, Noucentismo e Deseño en Cataluña; algunhas das investigadoras do grupo firman os artigos que conforman o magnífico catálogo da exposición.
Esta colleita de creacións modernistas vai ben para reflexionar sobre a importancia do intre no que se elaboran edificios e obxectos. Unha pintura, unha cadeira, un edificio, unha vidreira, non son cogomelos que nacen sós, nin os fai o demo nunha noite como acontecía hai milenios coas construcións dos romanos. Son froito dunha sociedade, das súas tecnoloxías e anceios, dos seus gustos. Modernisme. Art, tallers, indústries non mostra edificios, nin esculturas illadas e coñecidas; revisa as artes decorativas, as artes menores, as artesanías que complementaron a arquitectura do Jugendstil, hai agora cen anos. O Modernismo é un movemento, un xeito de vida, que pretende abranguer todos os obxectos que unha vivenda pode precisar para o seu uso humano: paredes, varandas, vidros, mobles, cortinas, baldosas, cubertos para comer, e todo tipo de decoración.
Na Pedrera non están representados os “primeiros espadas” do Modernismo (que tivo moito predicamento en Cataluña): os arquitectos estrela: Domènech i Montaner, Gaudí, Puig i Cadafalch, Sagnier, e si se atopan os traballos manuais e manufacturados da pléiade de creadores que tanto traballaron e crearon para embelecer os edificios dos primeiros.
E a selección de Modernisme. Art, tallers, indústries tamén axuda (pois no andar principal da Pedrera non están agora obras de arte singulares) a presentar a arte tal e como a queren analizar moitos estudosos nas últimas décadas: a obra de arte non debe analizarse nin mostrarse, unicamente, na súa singularidade; é preferible facelo como produto dun tempo histórico (ver estudos de Francis Haskell, Nathalie Heinich, ou Pierre Bourdieu). A este novo enfoque axudaron moito todos os traballos sobre a valoración do deseño, pois permitiu recoñecer o valor artístico de creacións que antes se tiñan por traballos menores; e tamén as novas miradas que permiten visualizar a creación das mulleres dentro dunha historia da arte que ata hai dous días era só masculina.
Joan Busquets. Cadires i tauleta, 1899
Joaquim Gomis. La Pedrera.
Produción, difusión. Talleres Vidal
O Modern Style aposta por unha arte nova. É o primeiro movemento que se desprende da imitación dos estilos artísticos do pasado (Renacemento, Barroco, Neoclasicismo, Romanticismo). É de xustiza recoñecer que o impresionismo e post-impresionismo xa tiñan labrado a contracorrente, abrindo regos cheos de cores, espidos, decididos a crear estéticas rachadoras. O Sezession procura, por tanto, novos referentes nunha sociedade cambiante, a punto de comezar un novo século. Foxe das confrontacións maniqueas das centurias da Idade Moderna e tamén das imitacións do Clasicismo. Para iso usa técnicas que facilita a industria: a xilografía, o cartelismo, a impresión. Esteticamente aposta por imaxes planas, suaves, próximas á natureza, que coidan moito a decoración e se moven nos eidos do deseño industrial. Hai salas da exposición que mesmo transportan ao visitante a unha obra de Alfonse Mucha en 3D.
Sen esquecer as influencias que o Estilo Floreale recibe de artistas coetáneos, como Gauguín, Toulouse-Lautrec, Cézanne ou Matisse (estes meses hai unha importante exposición na Fundación Mapfre onde é doado contemplar o paralelismo entre pezas de Gauguin ou Matisse e algunhas pezas modernistas). A isto cómpre engadir a presenza do xaponismo na sociedade europea desde 1868, ano en que a dinastía Meiji (bastante forzada polas potencias occidentais) decidiu abrir Xapón ás influencias estranxeiras.
Xa que logo, o Modernismo móvese na fronteira entre o obxecto artesanal, feito á man, e o manufacturado, saído de talleres que cada vez teñen máis de industria. A profesora Freixa destacou na presentación de Modernisme. Art, tallers, indústries que hai unha diferenza importante entre a Art Nouveau/Modern Style (Francia e Gran Bretaña) e o Modernismo plasmado en Cataluña: nos primeiros apóstase polos produtos únicos (a decoración dun edificio faise ex profeso para ese fin, e non se repite), mentres que en Catalunya xurdirán moitos talleres que manufacturarán obxectos, dando así lugar a unha industria do deseño industrial, que pode usar o mesmo produto para varios destinos.
Un exemplo de taller pioneiro en Barcelona foron os Talleres Vidal. Francesc Vidal monta o seu en 1879 (logo coñecido por F. Vidal i Cia), tendo como socio a Frederic Masriera. Por este taller, diverso e innovador (instalado na rúa Diputació, no incipiente Eixample), pasarán moitos dos grandes artistas industriais que posteriormente montan os seus propios talleres especializados. A súa transcendencia radica aí: ser o xermolo dos máis prestixiosos mesteirais do modernismo catalán, pois alí traballábase o ferro, o gravado, o vidro, os mobles, a tapicería, e contaba cun laboratorio fotográfico para poder elaborar catálogos das pezas executadas e mellor vendelas. O señor Francesc Vidal foi tamén o pai de Lluïsa Vidal, unha magnífica pintora de comezos do século XX e feminista, inxustamente esquecida.
D. von Bearn. Dames del Gronxador. 1910
A de Riquer. Cartell Antiga Casa Franch, 1899
A natureza como modelo. Talleres Masriera
Xa por reacción contra a produción industrial que comezaba a impor o ángulo recto e os obxectos idénticos, xa por querer fuxir das cidades que medraban por Europa, rachando murallas e invadindo os agros, o modernismo apostou por buscar a inspiración na natureza, nas súas liñas curvas, no exotismo das súas flores, follas e outros modelos vexetais.
A comezos deste ano 2015 houbo en Barcelona unha curiosa exposición: Les Naturaleses de l’Art Nouveau. Alí o Institut del Paisatge Urbá da cidade condal presentaba parte das conclusións dos traballos do Réseau Art Nouveau Network. As conclusións comezaban por atribuír a unhas palabras do poeta Baudelaire (Les Fleurs du mal, 1857) a misión de guieiras polo medio natural: O home camiña por ela (a natureza) como por un bosque de símbolos que o observan cunha mirada familiar.
La Pedrera, nesta ocasión, non é só o continente das pezas exhibidas, senón que tamén é contido en si mesma por ser edificio modernista e Patrimonio da Humanidade segundo a UNESCO. A Casa Milà aínda era máis modernista, máis filla da natureza cando a rematou Antoni Gaudí, axudado por tantos artesáns e talleres barceloneses. En Modernisme. Art, tallers, indústries móstrase unha fotografía dunhas das salas do piso principal da Pedrera, o piso onde vivían os señores Milà (1.200 m2 de nada, o piso onde a periodista Mercedes Milà brincaba de pequena, o mesmo onde agora está a exposición que se comenta). Na fotografía de Joaquim Gomis, que forma parte do proxecto La Pedrera Inèdita, vense os teitos orixinais, curvilíneos e ondulantes, que hoxe desapareceron. Foron posteriores propietarios os depredadores do edificio? Non. Aos poucos meses da morte de Antoni Gaudí, a señora Milà, Rosa Segimón, encargou a reforma da súa vivenda. Nos documentos que se conservan especifícase claramente que a propietaria pide “derribar los altillos, cielos rasos, quitar las llatas de los techos, arrancar las llatas de los parquets y los aplanados, quitar escalera del hall, descollar cañerías y conducciones de electricidad, derribar todos los tabiques, bajar las puertas y vidrieras al sótano y sacar escombros”. Os cambios hanse facer nas partes máis nobres do piso principal: sala de festas, despacho, comedor, hall, fumoir, etc. Onde a señora Segimón non demandou reforma algunha foi nas áreas de servizo, que son as que se conservan con toda a creatividade de Antoni Gaudí.
Dos Talleres Vidal saíron os Talleres Masriera. Primeiro foron socios, e logo separáronse. E especializáronse na ourivería e nas alfaias. Algunhas das pezas máis representativas da estética modernista, vendidas por catálogo, foron deseñadas e elaboradas no Taller Masriera, onde destacan os insectos. Hoxe a xoiería Bagués é a herdeira de Masriera.
Masriera. Brazalete, 1903
Comisaria, doutora Freixa
Distribución e publicidade. A edificación do Eixample de Barcelona
Unha das novidades que aplica o Modernismo en Cataluña é, nese paso da artesanía á industria, o empeño nunha boa distribución e na publicidade dos produtos dos numerosos talleres que agroman por vilas e cidades. Un dos xeitos de promoción foron as exposicións que entidades municipais e organizacións empresariais impulsan para dar a coñecer os traballos. No ano 1880 o Institut de Foment del Treball organiza a mostra de “Artes decorativas y sus aplicaciones a la industria”. O título fala por si mesmo. E anos despois (1896) o Concello de Barcelona propicia a “Tercera Exposición de Bellas Artes e Industrias Artísticas”, que tivo varios ecos, entre eles o de definir as artes decorativas como industrias artísticas, e equiparalas ás Belas Artes.
O outro grande espello para as industrias catalás foi, como non!, a Exposición Universal de 1888; exposición que promocionou e comezou a organizar o ferrolán Eugenio R. Serrano de Casanova (Neda, 1841—Barcelona, 1920). A Wikipedia di: “A idea inicial de organizar unha Exposición Mundial en Barcelona tívoa o empresario galego Eugenio Serrano de Casanova. Pero, ante a imposibilidade de levar a cabo o evento Serrano en solitario, asumiu o proxecto o alcalde de Barcelona, Francesc Rius i Taulet, que se rodeou dun grupo de empresarios da cidade…”. Mentira! Mentira que demostraron o galego Juan Prados e o catalán Jaume Rodón no libro Eugenio R. Serrano de Casanova nedense universal. Como empresario, Serrano de Casanova, propúxolle ao Concello de Barcelona celebrar na cidade unha Exposición Universal, ao modo doutras capitais. E aceptaron. Serrano corría con todo o financiamento e gastos da organización. Adecuouse todo o que hoxe é o Parc de la Ciutadella para acoller os pavillóns (o coñecido Arc de Triomf serviu para albergar os despachos de venda de entradas). Todo indicaba que o evento ía ser un éxito. Pero cando os popes da cidade viron a importancia do acontecemento, decidiron que non podían deixalo nas mans dun galego, dunha persoa de fóra. E así retirárono do proxecto e seguiron pola súa conta. Sorte que hai estudosos que deciden tirar á luz veracidades, e denunciar mentiras que, de tanto repetilas, tan ben se instalan nas nosas sociedades.
Para dar a coñecer os produtos creados polos talleres naceu, daquela, o cartelismo. E así Ramón Casas, Alexandre de Riquer, Antoni Utrillo ou Josep Triadó continuaron a publicidade que iniciara Toulouse-Lautrec en París, a mesma que Alfonse Mucha andaba a publicitar por toda Europa. Nesa publicidade a protagonista sempre foi a muller, medio fada, medio ninfa; e sempre reclamo estético. Tampouco mudaron tanto os tempos, só cómpre mirar revistas ou as cadeas de televisión.
Para o Modernismo e as súas industrias artísticas a construción do Eixample, a ampliación de Barcelona máis aló da muralla e a aplicación do plan Cerdà, significou a consolidación dos talleres e dos estudos arquitectónicos. Segundo o señor Lluís Permanyer, cronista oficial de Barcelona, a cidade chegou a contar, nos anos 20, cuns mil edificios modernistas. A maioría xa desapareceron baixo outros parámetros estéticos posteriores. Aínda así Barcelona é a única cidade do mundo que conta agora mesmo con oito edificios declarados pola UNESCO Patrimonio da Humanidade. E os 8 son modernistas; seis de Gaudí e dous de Domènech i Muntaner.
Modernisme. Art, tallers, indústries vén sendo unha homenaxe aos xenios “menores” que con vidro, ferro, madeira, tecidos, azulexos ou alfaias materializaron os seus propios deseños, deseños novidosos, en espléndidos obxectos aínda hoxe dignos de admiración.
Preguntada a comisaria, a doutora Freixa, sobre a participación das mulleres no movemento estético do Modernismo, informou que estiveron moi presentes nos talleres (non así como arquitectas). Elas deseñaban alfaias, mobles, telas. É sabido, por exemplo, que a modista Joana Valls foi a única modista de renome internacional que participou activamente na Exposición Universal de 1888. E non se debe esquecer á pintora Lluísa Vidal que tanto prestixio tivo en vida e que na actualidade ninguén a lembra. Nin o concello da súa cidade (Barcelona) se dignou dedicarlle unha rúa; cidade na que si teñen rúa persoas de moi discutible biografía. Daniela Ortiz e o fotógrafo galego Xosé Quiroga son os autores de Estat Nació – Part I (2013), unha creación baseada nas fotografías de estatuas, placas de rúas e edificios de Barcelona que aínda agora falan do pasado colonial e escravista de persoas relacionadas con Barcelona: Joan Güell, Josep Xifré, Weyler, o xeneral Prim, etc. Pódese considerar ese pasado outra “memoria histórica” (toda memoria é histórica), máis afastada que aquela que afecta á Guerra Civil, pero non menos violenta e da que se coñecen poucos estudos e da que, por suposto, se fai nula divulgación.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Modernisme. Art, tallers, indústries
La Pedrera
ata o 7 de febreiro de 2016
You might also like
More from Crítica de arte
À conversa com Erika Jâmece | Estela Jorge Tarrío
No mês de abril inaugurou-se na Faculdade de Filologia da Universidade de Santiago de Compostela a exposição Obras de capa, …
A tensión dramática nas obras de Antonio Saura | Lito Caramés
A nova mostra da Galería Mayoral é sobre o artista Antonio Saura, un dos “rebeldes” que se opuxeron ao franquismo