O chegada do óleo A derradeira leición do mestre, propiedade do Centro Galicia de Buenos Aires e agora exposto na Cidade da Cultura, que debería ser unha excelente ocasión para revisar a obra realizada por Castelao no período final da súa vida, exiliado na capital arxentina, está ser obxecto dunha intensa polémica á que serviu de espoleta a edulcorada lectura da obra realizada deste o ámbito do poder autonómico, que perdeu unha boa ocasión para marcar distancias co legado da ditadura franquista, única responsábel da violencia política en Galiza.
Fronte a calquera intento de manipulación, A derradeira leición do mestre, e en xeral o conxunto do labor de Castelao -e por extensión do noso exilio republicano-, é, todo el, un exercicio de consciencia e dignidade contra a desmemoria. Cando Castelao artista traza as súas imaxes calquera manobra de ocultación desaparece, porque con el recuperamos persoas reais -neste caso concreto Alexandre Bóveda- e co político nacionalista todas as vítimas dos asasinatos fascistas da Guerra Civil e todos os perseguidos da ditadura franquista, parte da substancia física e ética do que nós somos.
Cómpre lembrarmos o contexto global desta obra senlleira da arte galega de todos os tempos. O político, intelectual e artista que foi Castelao instálase en Buenos Aires en 1940 xa como figura central do galeguismo no desterro, ocupando o labor político, as relacións coa colectividade galega emigrada e co republicanismo no exilio un papel central no seu traballo e sendo, como é ben coñecido, presidente do Consello de Galiza e mesmo ocupando unha carteira ministerial no Goberno da República no Exilio. Alén desta realidade, que absorbe a centralidade do seu labor, outro condicionante para o seu traballo artístico van ser os seus problemas coa vista -está nesta altura practicamente cego- o que o vai levar ao abandono da práctica do debuxo e mais da pintura por volta de 1945.
Malia estes fortes impedimentos, nestes anos realiza traballos de notábel interese, entre os que cómpre salientar, é claro, a elaboración do óleo que nos ocupa A derradeira leición do mestre (1945) un cadro de grande tamaño -aproximadamente de dous metros de alto e 1,30 de largo- que reelabora unha estampa do álbum de guerra Galicia martir (1937) e que compendia como poucas obras o drama e a represión á que foi sometido o noso país polo fascismo a partir da sublevación militar de xuño de 1936. O cadro foi un presente de Castelao ao Centro Orensano co gallo dunha homenaxe a Alexandre Bóveda, asasinado igual que o mestre representado na pintura. Un aspecto que non debe ser nunca esquecido se queremos entender de que estamos a falar.
Nesta obra a pintura é, xa que logo, un instrumento para plasmar un ideal ao tempo ético e estético, elaborado nunha linguaxe de realismo social, ben común na arte de guerra no bando republicano. Desde o punto de vista temático, culmina a identificación de Castelao cos problemas que afectan á liberdade, identidade e clase, comprendendo o seu tempo e sintonizando con el cunha intensa fondura e cun entendemento intelectual, político e afectivo. Neste óleo podemos tamén observar con absoluta nitidez as liñas programáticas do compromiso asumido polo autor: o ideal humano da perfección, fronte a todo o que o degrade e escravice, nomeadamente o fascismo.
A obra produciu, como outros traballos de Castelao, unha retórica en que se formula unha alianza entre o mundo intelectual galeguista e o mundo popular, representados nas figuras do mestre paseado e os rapaces, da que resultaba unha imaxe global da Galiza popular aldraxada, auténtica “martir” dun fascismo concibido, entre outras cousas, como freo ao proxecto de hexemonía política que o nacionalismo e o republicanismo de Castelao representaban. De aí o ton épico que formula a imaxe.
NÓS NON SOMOS OS DERRADEIROS
O mundo pintado por Castelao, segue a existir porque el o preservou para que a memoria sirva para o noso presente. Porque o mundo é real en canto algúns o contan, en canto a memoria persiste como exemplo e advertencia.
Un extraordinario artista, sobrevivente dos campos de exterminio nazis: Zoran Music, titulou en 1970 a súa serie de debuxos sobre o terror fascista e o holocausto Nós non somos os derradeiros, advertíndonos -el que levaba perpetuamente o resplandor do terror carimbado nos seus ollos- contra o esquecemento, lembrándonos que apenas coñecendo o pasado podemos evitar os seus males e que a ocultación e a manipulación representan a maior indignidade ética.
Nun sentido semellante chega a nós un cadro como A derradeira leición do mestre e como un lóstrego agroman novamente as imaxes do seu tempo e o escintilar da convulsión tórnase outra volta absolutamente real mais con el tamén se fai real a esperanza e a dignidade individual e colectiva. Esta é para nós a mais viva leición do mestre, o seu auténtico e perpetuo maxisterio.
You might also like
More from Carlos L. Bernárdez
A pintura de Alfonso Sucasas: o costumismo transcendido
A vizosa obra de Alfonso Sucasas (Lalín, 1940 – Vila de Cruces, 2012) estivo marcada polas súas fondas fidelidades pictóricas …
Centenario do pintor Antonio Lago Rivera
Cúmprense este 2015 os cen anos do nacemento de Antonio Lago Rivera (A Coruña, 1916-París, 1990). O noso pintor pertenceu …