Contra unha opinión moi xeneralizada hai en Galiza unha presenza de pintura cuantitativamente relevante no século XVI. Trátase sobre todo de pintura mural, conservada en moi desigual estado e que chegou aos nosos días en parte debido ao feito de que con posterioridade a moda de colocar retablos de madeira nas igrexas fixo que fosen desta altura as derradeiras fases pictóricas de moitos templos.
Un interesante exemplo é o que se encontra na igrexa de Santa María Madalena de Ponte Ulla (Vedra, A Coruña). Trátase dunha sinxela construción de orixe románica, de nave única e ábsida semicircular. No interior do templo accédese ao presbiterio por un arco triunfal, forma frecuente no románico rural da zona como demostran, por exemplo, as igrexas de Santo Estevo de Oca (A Estrada), San Martiño de Riobó (A Estrada) ou San Lourenzo de Ouzande (A Estrada), todas realizadas no terceiro cuarto do século XII1.
Sábese que no segundo cuartel do século XVI foi levada a cabo na igrexa unha importante intervención, so o mecenado de Ibáñez de Mondragón, Marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Neste contexto constrúese unha capela e realízanse un conxunto pictórico2.
Sobre o arco triunfal consérvanse estas pinturas murais que polas súas características estilísticas e iconográficas delatan unha forte proximidade a outros exemplos muralísticos conservados en Galiza e datábeis desde os anos finais do século XV até mediados do XVI, debedores da tradición do gótico hispano-flamengo, moi ruralizada e provincial.
En Ponte Ulla represéntase, sobre o arco triunfal, unha Anunciación, un dos temas máis repetidos na pintura galega do século XVI. García Iglesias lembra que “era xa habitual anteriormente facer do testeiro, na capela maior, o lugar no que se dispuña o tema da Anunciación, sobre todo naqueles templos que tiñan por titular a Virxe María (…) Nestes anos centrais do século XVI apréciase unha maior insistencia no culto mariano, iso leva a renovar, con riqueza de matices, os ciclos dedicados a María e que se desenvolven, xa polas naves, xa polos presbiterios das igrexas que se han de ornamentar”3.
A escena da Anunciación de Ponte Ulla reproduce no lado do evanxeo a figura do arcanxo Gabriel e no lado da epístola a Virxe María. A doada división en dous do tema favorece a súa colocación a ambos lados do arco de triúnfo, como tamén acontece noutras igrexas galegas como é o caso de Santa María de Seteventos (O Saviñao). Trátase dun fenómeno semellante ao que tamén propiciou o difusión do motivo no reverso de táboas móbiles, do que é un exemplo excelso a Anunciación de Jan van Eyck do Museo Thyssen–Bornemisza (Madrid).
A escena representada en Ponte Ulla preséntanos o episodio narrado no Evanxeo de San Lucas (1: 26-38). O arcanxo Gabriel de xeonllos e pintado de perfil aparece a María. Da súa man dereita, que se estende cara á Virxe, xorde unha cartela coas palabras do Evanxeo: “AVE GRATIA PLENA DOMINUS T[ECUM]” (Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo). De debaixo da man dereita, quizais suxerindo que terma da man esquerda, que non se ve, xorde unha flor, símbolo da pureza.
Á outra banda do arco triunfal, no lado da epístola, represéntase a Virxe María, de fronte e sentada nunha vistosa cadeira, co libro diante no que estaba a ler e rezar cando lle aparece o arcanxo Gabriel. A Virxe cruza as mans en sinal de humildade, lembrando o momento do encontro no que ela se somete á vontade de Deus (HUMILIATIO), que, aínda que non escrito, corresponde ás palabras “ECCE ANCILLA DOMINI…” (Velaquí a escrava do Señor…), momento final da narración de Lucas4.
Na parte central, en riba do arco triunfal, fican restos, estragados pola abertura dunha xanela, nos que figuraba Deus Padre, unha maneira de representar en termos visuais o concepto de encarnación como “palabra de Deus”; tamén se pode enxergar como xorde del un feixe de luz, a emanación do Espírito Santo, que, xa en forma de pomba, está situado á altura da cabeza da Virxe. O feixe atravesa diagonalmente a pintura.
A carón da Virxe tamén se representa outro elemento simbólico ligado ao tema, o floreiro con azucenas, novo símbolo da pureza de María.
Toda a representación aparece enmarcada por unha banda decorativa, unificando a escena e separándoa das demais, hoxe perdidas, mais das que fican restos. Alén diso, o conxunto é adornado con estrelas, ocupando todo o espazo exento de representacións figurativas, nunha especie de horror vacui.
Baixo da imposta do arco triunfal, so a representación da Virxe, consérvanse restos dunha escena da paixón de Cristo, tema xenérico que debía ocupar diferentes espazos a ambos os lados do arco e noutros lugares da igrexa. Trátase da representación de Xesús atado á columna, podéndose enxergar a parte superior da columna, parte da face e cabelo de Cristo e a orla de santidade. O fondo decorativo non é o mesmo que na Anunciación, agora píntanse flores, fronte ás estrelas anteriores.
Todos estes motivos decorativos sitúanse na tradición do gótico hispano-flamengo galego. As estrelas lembran as realizadas tamén como fondo decorativo por mestres como o de Marzá, que traballou nas igrexas de Santa María de Marzá (Palas de Rei) e Santo Estevo de Paderne (Castroverde).
Outro aspecto que chama atención é a vontade do pintor de querer representar, sen conseguilo, a profundidade espacial, aspecto ben visíbel observando a figura da Virxe. No piso debaixo dela hai un intento basto e pouco consistente, por medio dun axadrezado que fica ben lonxe de provocar esa sensación. A colocación do floreiro de azucenas, que queda no ar á beira da Virxe, é outra proba das súas limitacións; por certo, floreiro e maneira de pintalo que lembra outros conxuntos murais galegos, como por exemplo o do presbiterio de Santo Estevo de Atán (Pantón)5, conxunto que ten moita proximidade en estilo e iconografía ao da Ulla.
A pesar de todas estas evidentes limitacións, as pinturas non deixan de ter atractivo no seu primitivismo, estando construídas en base ao predominio do linealismo, logo cubertos de cor os marcados espazos intermedios, con tonalidades ocres dominantes.
En xeral, as pinturas lembran outros varios conxuntos murais galegos do século XVI con representacións semellantes, como os antes citados de Seteventos, o de Atán ou o de Santalla de Mazoi (Lugo).
Carlos L. Bernárdez
NOTAS
1 Bango Torviso, Isidro Gonzalo, Arquitectura románica en Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1979, páx. 195.
2 Vales Fernández, Jorge, “A igrexa de Santa María Madalena” en Ponte Ulla ten historia, Asociación O Cruceiro da Ulla, Concello de Vedra, A Coruña, 2014, páx. 262.
3 García Iglesias, José Manuel, “A pintura”, en Galicia Arte, tomo XII: Galicia na época do Renacemento, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993, páx. 449-451.
4 Sobre os momentos da Anunciación na arte renacentista italiana, pódese consultar Baxandall, Michael, Pintura y vida cotidiana en el renacimiento, Gustavo Gili, Barcelona, 2000.
5 Yzquierdo Peiró, Salvador, “Pinturas murais de Santo Estevo de Atán”, en A Ribeira Sacra. Esencia de espiritualidade de Galicia, Xunta de Galicia, Santiago, 2004, páx. 446-450.
You might also like
More from Carlos L. Bernárdez
Centenario do pintor Antonio Lago Rivera
Cúmprense este 2015 os cen anos do nacemento de Antonio Lago Rivera (A Coruña, 1916-París, 1990). O noso pintor pertenceu …
Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane, com entrevista ao seu autor
NOTA DE PALAVRA COMUM: O nosso colaborador permanente, Carlos L. Bernárdez, publica em Laiovento "Un pintor que sabía o que …