J. Miró. Nature morte au vieux soulier, 1937
A Fundació Miró, radicada na montaña de Montjuïc, conmemora hogano o 50 aniversario da súa construción. Entre moitos outros actos, a entidade presenta unha ampla e magnífica exposición: Miró i els Estats Units. Joan Miró, coas súas creacións tan únicas, influíu aos artistas do Expresionismo Abstracto?, ou foron os xeitos sen coutas das americanas e americanos os que animaron a Miró a traballar con máis liberdade? Na segunda metade do século XX, as mulleres artistas aínda tiñan que firmar con seudónimo masculino para ser tidas en conta?
❧
Miró i els Estats Units. Fundació Miró Barcelona. Pierre Matisse
No mundo futuro, América, chea de dinamismo e vitalidade, ten que ter un papel de primeirísimo orde. Por iso convén que, cando se celebre a miña exposición, estea en New York para manter contacto directo e persoal con ese país; pois a miña obra beneficiarase dese choque. (J. Miró, carta a Pierre Matisse, 3-IX-1946).
A cabalo dos anos 2025 e 20236 a Fundació Miró Barcelona organiza e programa a mostra temporal Miró i els Estas Units , unha oportunidade especial para coñecer as interaccións entre o artista de Montroig e mais a nova camada de creadores que saíron na costa este dos EEUU nos anos 40 -despois da Segunda Guerra Mundial- e que tomou forma na coñecida como New York School. O heteroxéneo grupo de pintores mormente formouse ao longo dos anos 40 e 50, e deuse a coñecer como tal cando se organizou a súa primeira exposición colectiva: New York School – The First Generation Painting of the 1940s and 1950s, radicada en Los Ángeles e na que xa participaron os seus principais protagonistas: Willian de Kooning, Arshile Gorky, Adolph Gottlieb, Philip Guston, Hans Hofmann, Jackson Pollock, Ad Reinhardt, Mark Rothko. Bradley Walker Tomein, entre outros (Parece ser que nesta primeira mostra “curiosamente” non estaba ningunha das mulleres artistas que creaban a carón de tales personaxes masculinos).
Perante a Segunda Guerra Mundial moitos artistas europeos (mormente os que residían en París, daquela capital da arte mundial) marcharon aos EEUU e outros estados americanos. Un dos grupos que máis en bloque chegaron a New York e arredores foron os surrealistas, encabezados polo seu pope, André Breton. Esa coincidencia terá efectos moi importantes. O grupo de novos pintores da New York School verá nos xeitos de crear dos surrealistas o vieiro a seguir. O que lles resultou mais atractivo foi o automatismo, a combinación de onirismo e psicanálise coa que se expresaban Yves Tanguy ou Miró ou Dorotea Tanning.
No medio destas circunstancias históricas atoparase Joan Miró que -xunto con toda a súa familia- escapa a New York no ano 1947 e pasa alí practicamente eses ano enteiro. Logo Miró viaxará sete veces aos EEUU para participar nas exposicións que alí lle adican ou outros eventos (!952, 1959, 1961, 1965, 1967 e 1968). A primeira mostra individual de Miró en América acontece xa en 1930 que lla organizou Pierre Matisse (fillo do famoso pintor) na Valentine Gallery.
A historia da presenza e influencia do autor de La Masia (obra fundamental na súa traxectoria profesional, e que foi mercada por Ernest Hemingway) estará totalmente asociada a ese nome: Pierre Matisse, o seu exclusivo marchante, desde 1934, para o que será a nova capital da arte mundial: New York. Matisse monta a súa propia galería para poder levar os seus artistas: a famosa Pierre Matisse Gallery, sita no 17 andar do Fuller Building de New York, e aberta entre os anos 1931 e 1989, ano no que aconteceu o pasamento do seu dono. Foron case 60 anos de actividade frenética e importante: máis de 310 exposicións, que veñen representando máis de 6 por ano. A Pierre Matisse Gallery especialízase en xestionar obras e exposicións de artistas europeos. Cómpre lembrar que, nos anos 30 e aínda máis nos 40 da pasada centuria (entre a Guerra Civil Española e mais a Segunda Guerra Mundial), moitas e moitos artistas europeos emigraron aos EEUU ou a outros países de América. E por aí foi por onde Pierre conseguiu representalos e organizarlles exposicións importantes. No ano 1942, concretamente, a citada galería organiza a mostra Artists in Exile onde se puideron ver pezas de artistas tan coñecidos xa daquela como o pintor surrealista por excelencia Yves Tanguy e tamén Max Ernst, Marc Chagall, Ferdinand Léger, ou Piet Mondrian, entre outros.
Joan Miró e mais Pierre Matisse coñecéronse en París no ano 1930 e desde aquela mantiveron unha relación profesional e de amizade de máis de 50 anos. Relación que se ve reflectida polos números: desde 1932, Matisse organizaralle a Miró 35 exposicións individuais (no catálogo dunha delas ía unha introdución de Ernest Hemingway). Desde entón as relacións entre ambos serán de amizade e tamén comerciais. A historiadora Élisa Sclaunick vén de publicar Pierre Matisse & Joan Miró. Ouvrir le feu. Correspondance croissée, 1933-1983, un libro que xunta por primeira vez o epistolario entre marchante e artista, con moi importantes referencias para a historia da arte do século XX. En bastantes das cartas enviadas por Miró ao marchante, o autor de Nature morte au vieux soulier, quéixase de que non recibe os pagos das obras que lle envía, atrasos que -expón o artista de Montroig- lévanos (e el e mais á súa familia) a pasar problemas económicos. Nunha das cartas dos comezos da relación, da que se mostra un parágrafo ao comezo deste apartado, Miró agradece que se lle dedique unha exposición en New York, así como coida que a súa presenza viralle ben a el ao beneficiarase deses contactos.
❧
Miró i els Estats Units. A Guerra Fría
A exposición temporal que agora se está a comentar, Miró i els Estas Units, é unha das mostras máis sobranceiras da temporada. O contido vai máis aló da circunscrición particular e das relacións individuais de Joan Miró con artistas novos da xeración posterior á Segunda Guerra Mundial. Como organizadores de Miró i els Estats Units constan a propia Fundació Miró acompañada pola The Phillips Collection de Washington, onde se presentará a partir do 21 de marzo que vén (bo comezo de primavera). Este museo foi fundado en 1921 por Duncan Phillips, un empresario do aceiro, coa súa colección particular. Tamén foi introdutor de artistas europeos en EEUU; agora ten sona internacional a sala que esa institución dedica a Mark Rothko (tamén presente en Miró i els Estats Units).
A hipótese da que arrinca esta mostra vén sendo comprobar e evidenciar as relacións, en ambas direccións (feedback), entre Joan Miró -artista dono dunha linguaxe única e dentro do movemento surrealista- e a “mocidade” do Expresionismo Abstracto. Este grupo tan dinámico e variado de pintoras e pintores chamados da New York School, tamén se lles coñece pola práctica pictórica executada: os expresionistas abstractos (Pollock, de Kooning, Krasner, Rothko, Frankenthaler, Gorky, Tobey) e as súas técnicas de action painting ou dripping, onde o lenzo é un espazo, un teatro, para representar unha función, unha performance que nace, que se fai ao tempo que é executada. Estes artistas maduraron á raxeira de tantas e tantos surrealistas europeos que se refuxiaron en EEUU antes e durante a II Guerra Mundial (Miró, Tanguy, Breton, Dalí). Por tanto para eles (como para os citados europeos surrealistas) o inconsciente e o subconsciente -alumados polas teorías da psicanálise- son guieiro para os seus traballos. Unha liberdade expresiva que sorprendeu a Miró. Aqueles artistas non levaban consigo o saco da tradición europea, nin o figurativismo. A nómina de artistas presentes en Miró i els Estats Units é moi extensa e variada.
Quizais falte na concepción da mostra que agora presenta a Fundació Miró unha valoración crítica dos xeitos de traballar ou do medio social e político posterior á Segunda Guerra Mundial: a Guerra Fría. Os intereses políticos dos gobernos dos EEUU en Europa e mormente fronte á URSS chegaron á utilización da cultura (artes, literatura, música, …) como ferramentas de propaganda pro ianqui. Independentemente das calidades técnicas (revolucionarias ou non) dos e das artistas do expresionismo abstracto, o que hogano está máis ca demostrado é que a CIA e os gobernos ianquis estiveron por tras deses creadores, foron os seus mecenas: formar unha escuadra de artistas que se puidesen opoñer aos europeos, progresistas e tamén comunistas (Picasso, Matisse, etc.) nos duros tempos da Guerra Fría. A temida CIA organizoulles exposicións e presentacións en todos os foros europeos e asiáticos posibles; así o “realismo social” soviético quedaba relegado ante o pulo fresco e rachador dos Pollock’s boys. Relacionado con este tema vén de publicarse en castelán La CIA y la Guerra Fría Cultural, de Frances Stonor, un formidable ensaio onde se van exemplificando os xeitos de fomentar as excelencias dos quefaceres ianquis -sempre enarborados coa bandeira de “Liberdade”.
Como contrapunto ao dito anteriormente pódese citar outra exposición temporal que -sobre os mesmos tempos- programou o MACBA, o Museu d’Art Contemporani de Barcelona no ano 2007: Sota la Bomba. El jazz de la guerra d’imatges transatlántica. 1946-1956. Unha mostra moi ampla onde se ofertaban os dous xeitos de traballar, o europeo, progresista, máis humanista, e o ianqui no que resaltaba esa utilización propagandística das artes.
❧
Miró i els Estats Units. Unha mostra importante
Entrar en Miró i els Estats Units é asistir a presenzas non habituais. Para evidenciar as influencias entre a artistada do Expresionismo Abstracto e mais Joan Miró bótase man de 138 obras expostas. Moitas e moi diversas; hai pinturas, esculturas, debuxos, gravados, tapices, libros, filmes, etc. Todo ese material que axuda a comprender as influencias mutuas, son produto da creación de 49 artistas de ambos sexos.
Sorprende, nese senso, o número de mulleres con obra colgada nas salas da Fundació Miró. O seu número non é inferior ao 30% do total. Hogano, 2025, en España non hai localidade onde as mostras adicadas a mulleres artistas, por entidade museísticas e galerías, cheguen a esa cantidade. Nin en ARCO, nin noutras celebracións. Entre as mulleres artistas presentes -agora rescatadas do esquecemento e borrado no que se viron metidas polo patriarcado- cóntanse Elaine de Kooning, raramente incluída nestas celebracións malia ser ben coñecida tamén como crítica artística, Lee Krasner, Helen Frankenthaler, a polifacética Louise Bourgeois, Alice Trumbull Mason, dona dunha rica creación, Joan Mitchell, Janet Sobel, Perle Fine, entre outras. E tamén están representadas outras artistas que aínda o tiveron peor: firmaron como homes para que a súa obra se tivese en conta. Son os casos de Henrietta Myers, que sempre firmou como Peter Miller, ou o de Corinne Michelle West, que tivo que empregar a seudónimo de Michael West.
Joan Miró viaxou sete veces aos EEUU e alí coñeceu outros xeitos máis libres e desenfreados as artes. E traballou. Acabou por elaborar varios murais monumentais para diversas entidades. Por exemplo o mural para o Gourmet Restaurant do Terraza plaza Hotel (1947). de Cincinnati, de case catro metros de longo. Ou por exemplo o mural de cerámica Alicia (1965) que foi executado por Miró e mais polo seu compañeiro e mestre de cerámica Josep Llorens Artigas no Salomon R. Guggenheim Museum, New York, neste caso a extensión chega case aos 6 metros de lonxitude. Tamén instalou esculturas públicas, monumentais, en prazas de varias cidades dos EEUU. En Houston está a colorista Personnage et oiseaux, mentres que en Chicago é doado contemplar Moon, Sun and One Star.
A lista de obras presentadas ao público en Miró i els Estats Units é moi longa. Xa só creacións de Joan Miró deben chegar ás 60 pezas. Entre elas haina de moi diversas etapas e algunhas emblemáticas, como por exemplo Nature morte au vieux soulier, agora no MOMA que, creada en 1937, vén sendo unha denuncia da barbarie da Guerra Civil Española. Por outra banda, tamén está na exposición Le Renversement (1924), a primeira obra de Miró que foi presentada nos EEUU nunha exposición organizada por Marcel Duchamp e outros: International Exhibition of Modern Art, na “Societé Anonyme”, institución precursora do que acabaría sendo o MOMA. Nesta obra, de fondos amarelos, Miró quixo expresar, xa con admiracións, xa con signos, os ruídos e efectos dun accidente.
A exposición Miró i els Estats Units forma parte dos actos para a celebración dos 50 anos da creación da Fundació Miró Barcelona polo arquitecto Lluís Sert. Desde logo é un bo xeito de conmemorar a efeméride.
❧
EXPOSICIÓN: Miró i els Estats Units. Fundació Miró Barcelona, ata o 22 de febreiro de 2026.
You might also like
More from Artes
emotiva abstracción de Sean Scully | Lito Caramés
O artista Sean Scully vén sendo hoxe un dos máximos exemplos vivos de creadores que procuran reflectir as emocións que …
Tarsila do Amaral, artista “antropófaga”, esencial | Lito Caramés
Tarsila do Amaral, artista “antropófaga”, esencial, por Lito Caramés. Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno. Museo Guggenheim





