Bébesme Cízico no canto das sereas nace a partir da lectura dun mito grego, relatado nos Cantos argonáuticos de Caio Valerio Flaco, e tamén na Viaxe dos Argonautas de Apolonio de Rodas. Clite era a muller de Cízico, rei de Cízico (reino situado no mar Negro, hoxe Bal Kiz, en Turquía), un pobo pequeno de pesca. Vivían en paz ata o día en que chegaron Xasón e os Argonautas e, despois de grandes festas en amizade, cando xa pensaban voltar no seu barco, por unha confusión, mataron a Cízico. Cando Clite se enteirou da morte do seu home quitouse a vida, aforcándose nunha árbore. No lugar do suicidio as ninfas fixeron brotar unha fonte.
Neste poema, Clite é a muller dun home do mar, Cízico, a quen espera cada día, sen saber xa se desexa ou non o seu regreso, pois ela sabe que un día non voltará. Cízico morre no mar e ela, como a Clite do mito, suicídase.
É esta a versión electrónica do libro de artista Bébesme Cízico no canto das sereas, editado por arTeu, con 15 exemplares asinados e numerados, impresos en papel Canson edition 250 gr. e ilustrado con cianotipias, tamén da autora (aquí amósanse unha selección das mesmas).
Creado para o proxecto de intercambio artístico con Londres e Ullapool, Portable. Algúns dos versos do poema foron traducidos ao inglés por Tati Mancebo, acompañando o libro na exposición de Londres.
Cízico
A sala ateigada de corpos e silencios
Clite chora sobre o ollos mortos de Cízico
é agora a lúa quen lle ilumina o corpo
quen agarda entre magnolias e libeliñas negras
que asfixian o aire
atravesar o espello
comezar de novo
***
A sala ateigada de corpos e silencios
ela chora sobre os ollos mortos de Cízico
pousa a boca na súa boca
e ceiba os paxaros de auga
***
Morrerei en ti
sobre un leito de augamás
despoxada do camisón de liño
morrerei en ti
prendida a nudez no tránsito do andamán.
***
Un bardo de feridas
envólveche os dedos
sentas na butaca azul
rillada polo tempo
o cuarto ole a perfume aaaaaaaaaa afógate
afógante as luces brancas no espello dourado
afógante as fotografias
ti coas mans pintadas e o temor nos ollos
ti reflexada en centos de espellos
rodeada de caixiñas e pinceis
cunha fenda no ventre
e o corpo sempre coma un lenzo.
***
Tiras o engano da pel
arrancas con forza o carmín
ispes o xesto
soltas o cabelo que cae violento sobre as horas
as horas detidas entre as paredes do cuarto
***
***
Trabo o teu corpo perdido co meu corpo
tento coller as túas mans que foxen
recollo as ruínas do teu espazo baleiro
se aínda puidese deter os pés
frear a miña arela
e esgotar as forzas
só vexo un horizonte de mar
baixo o crepúsculo
un sartego cuberto de foula
na traxectoria dos astros.
***
Dilátase o océano entre a brétema
na composición dun poema de derrotas
dormes
perdido entre o adagio e os coídos
Devala púrpura o mar
sobre o corpo de Cízico
agarda o cadáver no chío das gaivotas
Bébesme na copa azul que adormece.
You might also like
More from Ilustração
«Nunca mais» é a bandeira dum humanismo fulcral | Leandro Lamas & Alfredo J. Ferreiro
As costas de Portugal e da Galiza vêm de ser de novo poluidas até ao paroxismo. O artista Leandro Lamas …
NOVAS VELLAS MARXES: Afra Torrado, multidescendencia do eu | Emma Pedreira
Proxecto Nómades: mostra "Mete coitelo, bota tripas", de Afra Torrado; crítica realizada por Emma Pedreira.