Bleda y Rosa. Origen, Australophitecus Afarensis, 2018
Os fotógrafos María Bleda e mais José María Rosa levan 30 anos traballando xuntos en series que os van levando, en lúcidas viaxes, por temas e reflexións, a través de Tempo e Espazo. ¿Por que facer unha fotografía hoxe dun lugar onde houbo unha batalla hai máis de 2000 anos? Que procuran ao presentar a paisaxe onde se atoparon restos do Homo Antecesor? Bleda e Rosa reflexionan sobre os relatos históricos. Cada imaxe é, a lo menos, unha pregunta para quen a contempla.
*
Bleda e Rosa. Campos de fútbol, de batalla: paisaxes e historia
As fotografías son, desde logo, artefactos. Pero o seu atractivo reside en que tamén poden ter a categoría de obxectos atopados, rebandas non premeditadas do mundo. Así trafican simultaneamente co prestixio da arte e mais coa maxia do real. O surrealismo está na medula mesma da empresa fotográfica. (…) O que volve surrealista unha fotografía é o seu irrefutable patetismo como mensaxe dun tempo pasado, e a concreción das súas alusións sobre a clase social. (Susan Sontag. On Photography. 1973)
María Bleda e mais José María Rosa son unha parella de fotógrafos que, xa mentres estudaban a carreira de fotografía na Escola de Artes Aplicadas e Deseño de Valencia, comezaron a traballar xuntos. O primeiro proxecto que levaron a cabo foi o titulado Campos de fútbol (1992), unha serie dunhas 20 imaxes -todas en B/N- tomadas en espazos afastados de vilas e cidades onde aínda se aprecian porterías e terreos de terra con restos do que foron lugares para a práctica do deporte do fútbol.
A parella decidiu fotografar estes lugares porque -a comezos dos 90- ían sendo abandonados, deixados de lado. O que lles atraía, por tanto, era esa estética desleixada e triste que agroma nas panorámicas que presentan. Son imaxes parciais (unha portería e pouco máis) pero suficientes para documentar o abandono. Arredor dos tres paus dunha portería vanse comprobando o medre das herbas, as máis que borradas liñas de demarcación do campo de xogo. Son fotografías tomadas a conciencia, serenas, despoboadas. Non vai isto de “intres decisivos”, non hai un gol en perspectiva (como acontece coa icónica fotografía de Ramón Masats -foi gol, ou non?-); o inexorable paso do tempo ten aquí unha presencia telúrica, xeolóxica.
Nas imaxes desta serie, Campos de fútbol, non se pode dicir que a parella de fotógrafos fosen movidos a retratar tales paraxes polos valores estéticos convencionais. Non. Hai, por contra, interese en facerse preguntas: ¿Como é que se abandona unha práctica social con tanto arraigo como os omnipresentes partidos dos anos 60, 70? Se non se retratan nese esquecemento, acabarán borrados da memoria colectiva? ¿O que pretenderon Bleda e Rosa foi deixar constancia nesas tomas sen xente da mensaxe dun tempo pasado, expresado por Sontag? As imaxes desta serie son bocados de historias locais, e sociais. Comezaba para eles o vieiro pola estética do “arqueolóxico”, do que xa foi. Estes campos de fútbol están en tempos engadidos.
Pouco despois, en 1994, a parella inicia outra serie, Campos de batalla, a serie que os catapultou aos primeiros niveis da fotografía. Esta serie é longa e diversa, traballaron nela ata o ano 2014, vinte anos, e está repartida cronoloxicamente en tres partes: España, Europa e Ultramar.
Para traballar esta nova serie de fotografías seguiron mantendo algunhas liñas de traballo anteriores – por exemplo o interese pola paisaxe e mais pola memoria-, pero vense novidades técnicas e estéticas. As fotografías van agora en cores, non en B/N, e cada imaxe preséntase partida en dúas metades iguais. Por que esta fenda no medio e medio da imaxe?, para que se elide esa migalla de espazo?, para sementar interrogantes?, para meter a dúbida nos miolos de quen contempla a imaxe?, a dúbida sobre a veracidade da historia? Acaso é unha referencia á ponte entre onte e hoxe? Cómpre lembrar que as imaxes presentadas nesta serie tan potente ofrecen vistas panorámicas sobre as paisaxes onde aconteceron batallas importantes no decurso da vida de colectividades, na formación de estruturas estatais, na consecución de independencias. Batallas tan significadas como a de Almansa (que foi a primeira toma que fixeron), Trafalgar, Catalañazor, Bailén, Covadonga, ou Waterloo, ou as Termópilas, ou Ayacucho, ou Otumba. Fotografías que reiteran o baleiro que deixan nelas as persoas que non están; baleiro que será unha constante nos seus traballos destes 30 anos. Baleiros que seguen a senda doutros sabios que no mundo estiveron?, sabios como Atget e mais Brassaï a facer o propio polas rues de Paris?
Que ofrecen as imaxes desta nova serie (Campos de Batalla)? Mostran paisaxes diversas onde, segundo a tradición e pinturas históricas, enfrontáronse dous exércitos. Son paisaxes, xa que logo, nos que morreron moitas persoas, outras quedaron feridas, onde se derramou sangue… lugares duros, violentos. Pero o que se aprecia nas fotografías de Bleda e Rosa son paraxes amables, inzados de herbas, árbores, cultivos; paisaxes cun marcado horizonte. U-la batalla? U-los mortos? Por riba, na mesma composición da imaxe dobre introducen un texto (por exemplo: Paso de las Termópilas, verano del año 480 a. J.C.). Pero na dobre fotografía “actual” coa que se quere ilustras aquela famosa batalla das Guerras Médicas non está Leónidas!, nin saen os 300, nin o inmenso exército de Xerxes! Nada que ver coa épica do filme 300, co que Snyder dá unha esaxerada versión desa desigual batalla.
Iso acontece con todas as imaxes que a parella levantina executaron e que fan referencia a batallas ben coñecidas que no pasado foron. Por que, logo, este xogo pasado/presente? Os fotógrafos botan man das memorias colectivas; quen máis quen menos, sabe deses combates que a Historia Oficial (H. O.), ou historias oficiais, foron enaltecendo e enaltecen a maior finalidade de afianzar un discurso do pasado elaborado polas autoridades (e mais polos vencedores). Pretende a parella Bleda/Rosa desmitificar a H. O.? Esa H. O. que impón como verdades absolutas aquilo que non deixan de ser versións do acontecido en tempos pretéritos? (o historiador Miquel Izard xa hai anos que a esa H. O. chámalle Historia Sagrada). Ao contemplar as fotografías partidas en dúas metades iguais, que reflicten unha paisaxe que en moitos casos pode semellar anódina, e cun texto que ancora as memorias de quen mira séculos atrás, é doado pensar que a intencionalidade desta especial e creativa parella sexa provocar interrogantes, invitar a repensar as versións do pasado; desmitificar os Lugares Sagrados.
Que significado vén tendo o horizonte? Nas paisaxes de Bleda e Rosa -en case todas- a paisaxe móstrase moi marcada. Presentando un campo de batalla, é o horizonte a liña que supera aquelas barbaries?, que convida a mirar máis aló, cara o futuro? As fotografías actuais que os reporteiros serven de Ucrania (ou antes de Siria e doutros lugares), de vilas como Maríupol, Járkov, son portas abertas a tempos vindeiros?, portas inconscientes, quizais?
Algo así como 20 anos antes de que moi mozos Bleda e Rosa comezasen os seus traballos sobre campos de fútbol, sobre campos de batalla, o xigante da fotografía Lee Friedlander elaborara -con bastante retranca- unha serie moi longa sobre monumentos históricos, conmemorativos, espallados por todo o territorio dos EEUU de norteamérica. Monumentos que o fotógrafo autor de Philadelphia 1961 capta desde lonxe, medio tapados por anuncios publicitarios, metendo árbores entre a cámara e a estatua… Pretendía Friedlander invitar a unha reflexión sobre o pasado deses territorios?, miraba de desmitificar un pasado glorioso?
Da observación destas dúas primeiras series de Bleda e mais Rosa pódese colixir que teñen gusto especial pola fotografía da memoria, pola fotografía arqueolóxica; aínda que sempre (as imaxes son moi actuais) coa perspectiva de vivir no presente. Trátase, entón, de fotografías atemporais? Eses arcos que voan sobre o Tempo, onde deixan aos autores? Son imaxes totalmente obxectivas?, ou, en cambio, requiren a implicación dos autores?
Acaso a estes dous creadores -xa de ben novos- atráeos a estética da ruína? O atractivo que os restos, xa antigos, xa de contendas contemporáneas, provocan nas persoas é vello. No Renacemento xa se deu esa propensión cara o que viña dos mundos clásicos. O Romanticismo (como non!) estipulou que a noite e as ruínas medievais ou de outro estadio eran focos de evocación imaxinativa, de creatividade. Mesmo na actualidade, as guerras e actos como o acontecido en New York o 11 e setembro de 2011, xa teñen sido xermolos de produtividade artística (Angela Ferreira).
Bleda y Rosa. KBr Barcelona Photo Center. Fundación Mapfre
Puede el hombre, si quiere, conducir su deseo
por vena de coral o celeste desnudo.
Mañana los amores serán rocas y el Tiempo
una brisa que viene dormida por las ramas.
(F. García Lorca. Oda a Walt Witman. Poeta en Nueva York, 1940)
Para estes meses de verán de 2022, a Fundación Mapfre programa no seu excelente KBr Barcelona Photo Center unha magna exposición temporal: Bleda y Rosa. Trátase, nada máis e nada menos, que de presentar nas amplas salas toda a produción fotográfica que María Bleda e mais José María Rosa levan feito en 30 anos de profesión. Toda. A parella traballa por series, non confeccionan imaxes illadas. Algunhas destas series xa alcanzaron fama mundial. Bleda e Rosa traballan tan compenetrados que semellan un só autor das súas fotografías artísticas. Un caso moi similar ao que se produciu en Alemaña coa parella Bernd&Hilla Becher, fotógrafos que se especializaron en reter a memoria da inxente arquitectura industrial que ía quedando abandonada por Alemaña adiante. As súas instantáneas semellan ás veces traballos científicos.
E agora, no KBr de Mapfre, o xeito de expor todas as magníficas creacións de María Bleda e mais de José María Rosa é ben orixinal. Cando lle propuxeron presentar toda a súa produción artística, a parella de fotógrafos optou polas proxeccións como a maneira máis idónea para que se poidan ver as 264 fotografías, repartidas en 9 bloques (9 series). Os artistas, por tanto, traballaron ex profeso nesas salas do KBr para lograr as videoinstalacións pensadas especialmente para os espazos de que dispón ese magnífico centro da Fundación Mapfre. Así, pois, xurde o paradoxo: nunha exposición de fotografía non hai fotografías “stricto sensu”; faltan os procurados obxectos sobre papel. Para os xeitos de traballar de Bleda e Rosa este tipo de montaxe vai ben: nunha cadencia pausada vanse vendo todas as imaxes de cada serie, o que permite tamén decatarse de que os artistas pretenderon seguir sempre as mesmas pautas, o mesmo discurso visual en cada unha das series. No ano 2008 concedéronlles o Premio Nacional de Fotografía.
A exposición está dirixida por Marta Dahó, comisaria de exposicións sobre fotografía e tamén profesora da historia da fotografía na Universitat Autònoma de Barcelona. A creatividade desta parella versa principalmente sobre a dialéctica entre paisaxe e historia, entre territorio ou memoria. Todo iso cunha orixinal mestura de imaxe e texto. Obras súas xa forman parte de numerosas coleccións de artes plásticas, por exemplo do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), da Colección Banco de España, da Telefónica, así como do Musée d’Art Moderne de Ceret, da Colección de Arte Contemporáneo Generalitat Valenciana e tamén das coleccións fotográficas da Fundación MAPFRE.
Bleda e Rosa, ao xogar coas paisaxes e mais coa historia/memoria, interrogan sobre os discursos ao uso de pasados históricos, valéndose para iso das imaxes de moi variadas paisaxes. Semella que teñen o propósito de que quen contempla as súas obras acabe por facerse preguntas, por mirar se o construto que cadaquén leva enriba é correcto ou non, se as vivencias dos espectadores acaban por dar unha ou outra lectura das imaxes. Das 9 series que levan feitas deica agora, só a primeira, Campos de fútbol, foi concibida en B/N. Desde entón empregan a cor para todas as imaxes e series. Ben é certo que nalgúns casos a cor é matizada. Moitas das instantáneas da serie Tipologías diríase que foron tomadas con filtros para suavizar a visión das pedras. Queda a dúbida de, se captasen arquitecturas en B/N, a forza escultural de templos, casas e demais veríase claramente reforzada.
Nas fotografías desta parella -radicadas principalmente nas paisaxes- nunca aparecen figuras humanas. O que non deixa de ser outro paradoxo, porque o que si fan é retratar espazos naturais onde a actividade humana tivo ou ten moita importancia: campos de batalla, restos arqueolóxicos, arquitecturas, … Fotografías de paisaxes. Son vistas, vedute ao estilo italiano? Deveñen postais dos lugares? Non. Todo o contrario, as súas vistas son a antipostal, son tomas desmitificadoras das paraxes. E desmitificadoras de relatos do pasado.
Perante 30 anos de profesión Bleda e Rosa levan farto demostrado a súa orixinalidade e a calidade dos seus traballos. Aínda que semellen tomas comúns de paraxes naturais, na concepción, estrutura, iluminación e demais factores, sobrevoa nos campos e arquitecturas unha poética agarimosa, delicada. Dito así todo semella prognosticar que Bleda e Rosa, Rosa e mais Bleda dedícanse a facer fotografías románticas (pictorialistas?). Mentres que, observado detidamente, o que fan é todo o contrario. Naqueles casos nos que a contemplación dun campo de fútbol aleixado, do chan de Maratón verde e doce, do acueduto de Tarragona,deixe fuxir as mentes polas abas da fantasía, os autores meten un texto como parte da mesma imaxe, unha referencia a feitos do pasado que inmediatamente dispara as alarmas. E as imaxes para nada son románticas. Bleda e mais Rosa fan fotografía artística, reflexiva e froito dun estudo previo. Os seus encadres, punto de vista, etc. están medidos e decididos coa forza do traballo meditado. Por iso as súas imaxes suxiren tantas interrogantes, porque o presentan ao público son ideas. Propoñen ideas para que quen contempla -se quere- pase a acción e remate por deducir que hai outras lecturas das memorias, outras opcións para a historia. Fuxir das H. O.; mudar os rombos. Xa que mostran ideas, xa que incitan a cuestionarse os discursos, quizais a alguén se lle ocorra facer un paralelismo entre o Mito da Caverna, de Platón, e mais as fotografías de Bleda e Rosa: As imaxes da parella son a esencia, as Ideas. Mais non é tan doado. Rosa e mais Bleda dan un pinchacarneiro (algo similar ao que fixo Velázquez nas Meninas) e xogan coa inxenuidade de quen observa. As magníficas imaxes que agora están no KBr, na torre Mapfre (mirando ao Mediterráneo), son en realidade as cousas, son as aparencias de cada obxecto captado. A Idea nace do pensamento de quen mira e se interroga.
Acompaña á espectacular exhibición de todos os traballos que fixeron Bleda e mais Rosa perante 30 anos a publicación dun excelente catálogo, no que se atopan textos magníficos (entre eles o da comisaria, exhaustivo e atraente) e a reprodución en moi boa calidade de todas as imaxes de todas as series de tan fenomenais fotógrafos. Un catálogo que -como xa é habitual na Fundación Mapfre- acabará por ser un clásico no estudo e presentación dos traballos desta parella tan prolífica.
Bleda y Rosa. KBr. Origen, Prontuario.O peso da historia
Hay un cuadro de Klee que se llama Angelus Novus. En ese cuadro se representa a un ángel que parece a punto de alejarse de algo a lo que mira fijamente. Los ojos se le ven desorbitados, tiene la boca abierta y además las alas desplegadas. Pues este aspecto deberá tener el ángel de la historia. Él ha vuelto el rostro hacia el pasado. Donde ante nosotros aparece una cadena de datos, él ve una única catástrofe que amontona incansablemente ruina tras ruina y se las va arrojando a los pies. (W. Benjamin. Sobre el concepto de historia, 1942)
Estes dous fotógrafos -María Bleda e mais José María Rosa- levan trinta anos traballando profesionalmente. Traballan elaborando series sobre algún tema que lles atrae nunha determinada época. E para acceder a esas materias escollidas rematan presentando paisaxes, paisaxes xa naturais, xa arquitectónicos ou arqueolóxicos. Retratar o lugar onde aconteceu unha batalla, onde se atopou algún resto humano decisivo, vén sendo unha representación?, a representación do sucedido? Pódese dicir -xa que logo, e seguindo a Magritte– que Ceci n’est pas un paysage? A fotografía do espazo natural onde hai 2500 anos aconteceu a batalla de Maratón, non é a batalla mesma. Iso si, a imaxe xoga cos coñecementos adquiridos e remite á educación recibida por quen observa. E se tales xogos e pinchacarneiros sobre Tempo fosen unha maneira de facer land art?, intervencións sobre a propia natureza, cos medios que ela proporciona?
Entre as series de Bleda e Rosa destaca a que leva por título Origen, traballos iniciados en 2003 e que aínda seguen, nos que a parella foi procurando aqueles espazos naturais onde se foron atopando restos dos primeiros humanos que sobre este planeta foron. A tal fin, percorreron continentes, penínsulas e illas, á procura daqueles lugares nos que se atoparon a Lucy, o Homo Antecesor, o Australopitecus afarensis ou o home de Pekín. Dentro desa serie tamén presentan imaxes intervidas, como xeitos de land art: sobre unha paisaxe inscríbese a seriación de antepasados dos humanos, nunha escala espacial, un esquema evolutivo. Unha serie moi atractiva, con imaxes de portadas de libros sobre o tema. Que esperan os autores que pensen as persoas ao ver as súas creacións? Que os humanos estamos por todo o planeta?, que a emoción de coñecer antergos tan afastados pode sorprender en calquera espazo? Sabendo por outras series que o seu obxectivo non é magnificar paisaxes nin acontecementos, en concreto nesta, Origen, non estarán a dicir: que máis ten onde aparecesen os humanos?
Arredor desta serie, comenta a comisaria no catálogo que, cando comezaron a coñecerse (por prospeccións arqueolóxicas) os primeiros asentamentos de antepasados humanos (século XIX) tamén se deu -ao tempo- a aparición da pintura romántica, aquela pintura que tanto se fixou nas paisaxes. Nestes meses curiosamente tamén está presente no MNAC (Montjuïc) unha boa exposición de pezas de William Turner, o pintor romántico británico. Outro pintor romántico ben coñecido, neste caso alemán, é Caspar David Friedrich, o gran pintor mitificador de montañas e mares. Observando a súa ben coñecida Der Mönch am Meer, o diminuto monxe que mira á inmensidade do mar, está a facerse preguntas sobre as súas orixes?, sobre a orixe do xénero humano?
Asi mesmo levan feito outra serie titulada Ciudades, na que presentan restos arqueolóxicos de época ibera, romana, visigoda, e tamén aquelas paisaxes onde tales asentamentos estiveron. Coma noutras series Bleda e Rosa andan a xogar coa imaxe e mais co texto. Ese binomio pode mesmo ser contraditorio: provocar a imaxe lecturas de lugares áridos ou frondosos, e atar o texto o que representa a fotografía a un lugar e tempo concretos. Por iso se di que a imaxe destes artistas é universal, sen límites, mentres que o texto apela á particularidade, á individualidade do feito que os autores queren resinar. Esas fotografías de restos e/ou paisaxes son ante-monumentais; non teñen ningunha intención de exaltar valores de ningún tipo. Por tras das (a primeira vista) sinxelas e inxenuas imaxes de Bleda e Rosa, agóchase a carga reflexiva de convidar a facer outras lecturas do pasado histórico? Será iso o que realmente pretenden? A verdade é que en moitas das súas series -por non dicir en todas- os fotógrafos andan a facer malabares con Tempos Mortos.
Para ir rematando, a súa longa e complexa serie Prontuario ten dúas partes. Na segunda, El continente y el viento, os traballos de investigación céntranse en presentar espazos e textos relativos ao continente americano, especialmente a América Latina. Aquí cada imaxe vai acompañada dun longo texto de escritores (conquistadores, inquisidores, …) de séculos pasados onde se refire algunha circunstancia relativa á paisaxe que se presenta. Hai imaxes e textos que falan da conquista de México e do Perú, de prácticas do Santo Oficio, de minas e artes dos metais. Concretamente, tamén, se ve unha fotografía do palenque de San Basilio, Colombia, acompañada dun texto que fala de Cartagena e mais dos negros que entraban naquel porto. Este palenque (lugar onde se instalaban escravos fuxidos das plantacións e domicilios, os cimarrones) foi un dos máis importantes que houbo en América Latina -que houbo moitos- e que tivo a peculiaridade de resistir todos os intentos de destrución, ata que finamente as autoridades deixáronos en paz. É, por tanto, un emprazamento humano xurdido directamente das loitas e resistencias das persoas traídas á forza de África e convertidos en escravos. O palenque San Basilio foi declarado parte do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade en 2005.
En boa parte, a serie Prontuario é un mangado de dardos guindados ás conciencias, desde unha posición anticolonial.
Que andará argallando agora a artística parella de fotógrafos? Xa terán entre mans (entre os ollos) unha nova serie? Quizais a titulada Mujeres y Memorias? Non estaría mal; oferta moitas lecturas. Ou Mujeres y Hábitats? Calquera delas suxire mundos de imaxes.
A mostra Bleda y Rosa é un luxo, unha oportunidade única de contemplar toda a produción fotográfica que estes dous fotógrafos elaboraron perante 30 anos de profesión. Un pracer para os espíritos.
*
EXPOSICIÓN: Bleda y Rosa. KBr Barcelona Photo Center, Fundación Mapfre, ata o 4 de setembro de 2022
You might also like
More from Crítica de arte
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha